Crónica dunha morte anunciada: O TSCG suspende cautelarmente o PXOM da Estrada
“Esta é unha mala noticia para o Alcalde, pero é moito peor para todos os veciños da Estrada. É a puntilla dunha serie de malas decisións tomadas por José López como Alcalde que prexudican aos estradenses”
José Antonio Dono, líder do grupo socialista valorou no día de hoxe a suspensión cautelar do PXOM da Estrada, aprobado en solitario polo PP de José López Campos. “Trátase da crónica dunha morte anunciada” dicía Dono, que lembraba que “durante o Pleno de decembro de 2012, no que o PP local aprobou o documento en solitario, pasando por encima dos informes desfavorables dos técnicos titulares da secretaría e intervención municipal, dende o grupo socialista da Estrada ofrecíamos a José López Campos e ao seu grupo de goberno o noso apoio para realizar un plan que contase con seguridade xurídica para a súa aprobación, evitando acabar embarrancado contra as pedras xuridicamente. Sen embargo López Campos con prepotencia e chulería preferiu tirar para adiante cara a ningún lado”
Para os socialistas, a situación actual de suspensión xudicial do Plan é responsabilidade directa de López Campos que decidiu seguir adiante coa aprobación ignorando os informe en contra do Secretario Titular, así como as alegacións rexistradas no Concello que advertían da debilidade xurídica do Plan elaborado polo PP. “Esto foi un gran erro, un máis dos que o Sr. López Campos leva cometido dende que é Alcalde. Para gobernar o Concello hai que estar disposto a dialogar con todos, pois os camiños que se escollen na Alcaldía afectan a todos os estradenses. Como representantes dos veciños pouco nos importa o que lle pase ao Alcalde ou ao seu grupo de goberno, pero si o que afecta a todo o pobo estradense”
Transcendencia do auto xudicial
“Restar importancia a este auto do TSXG é un novo erro. Paralizar a execución de todo o PXOM non é algo que se faga habitualmente, constata que os argumentos xurídicos que motiva esta decisión son sólidos, posto que as consecuencias da decisión da suspensión cautelar son moi graves para todos”.
Os socialistas solicitaron no día de hoxe no rexistro do Concello a convocatoria da Comisión de Urbanismo, con carácter extraordinario e urxente, para á que piden a presenza dos técnicos especialistas en temas urbanísticos do Concello, comentando que “son eles e non os de fóra os que si coñecen a legalidade e o urbanismo da Estrada”. Os socialistas reclaman que se volva á seguridade xurídica que se require, e propoñen o seu apoio para facer ésto do xeito correcto, “está claro que o PP local non soubo facelo ben, actuaron con arrogancia e prepotencia, cando é necesario traballar con humildade e dende o diálogo”
O líder socialista comentou que confía en que o PP local teña aprendido unha importante lección desta catástrofe sobre o PXOM, “que as cousas hai que facelas ben” e para elo débese contar cos técnicos titulares e traballar dende a seguridade xurídica.
Gravación: Adrián Eiras // Fotografía: Iria Eiras // Redacción: PSdeG PSOE de A Estrada






































