As políticas activas de vivenda serán a prioridade número un do novo urbanismo alternativo, que pechará o actual ciclo especulativo, destructor da paisaxe urbana e rural do noso concello.
«Os recursos públicos priorizarán os incentivos á rehabilitación do parque de vivendas actual, tanto na vila como no rural; tanto para a venda como para o alugueiro», declarou a candidata á alcaldía, Ofelia Lema, «o cal traerá como consecuencia postos de traballo para empresas e autónomos locais, e non beneficios para grandes grupos inmobiliarios foráneos ou o destrución do comercio local».
«Paralelamente a estas medidas, procedederemos á cancelación inmediata das contas municipais nos bancos que desafiúzan a xente e a expulsan das súas vivendas», engadiu a número un de AE PODE, «e priorizaremos as relacións financeiras con entidades que teñan como principio a banca ética», concluíu.
A acción de goberno da candidatura veciñal prevé paralizar inmediatamente todas as accións urbanísticas que estean desviando cartos públicos para intereses particulares en contra do interese xeral.
A candidata á alcaldía pola plataforma veciñal A Estrada Pode avanzou hoxe as liñas mestras e medidas urxentes en materia de urbanismo que esta formación executará nos primeiros días de goberno municipal. A prioridade número un desas medidas serán as persoas, sobre todo aquelas máis carenciadas, e a efectivización do seu dereito constitucional a unha vivenda digna. Para iso, Ofelia Lema explicou que, «é preciso pór fin ao actual ciclo especulativo que o Partido Popular deseñou para A Estrada nos seus sucesivos gobernos locais e cuxas consecuencias están ben á vista: destrución da paisaxe urbana e rural, demolición de elementos arquitectónicos emblemáticos na nosa historia local, fomento da burbulla especulativa que acabou por rebentar e traer a crise que estamos padecendo e, en definitiva, pouco pan para onte e moita fame para hoxe»
Fronte a este modelo, dende A Estrada Pode apúntase que hai alternativa; a do urbanismo ao servizo das persoas e dos emprendedores, que active a nosa economía produtiva e faga da vila e do rural un territorio humanizado, moderno e sustentábel. Para conseguilo, A Estrada PODE impulsará todos os cambios que se precisen no actual planeamento municipal e, escoitando a toda a veciñanza, redeseñará os novos espazos. Paralelamente aos cambios normativos que se necesiten facer, «o goberno que eu coordine habilitará incentivos para a rehabilitación do actual parque de vivendas urbano e rural, promovendo a conservación e a reutilización, a diminución de alturas e unhas rúas amplas e abertas, que deixen entrar o sol». Ademais, «procederemos a cancelar inmediatamente todas as contas bancarias das entidades que promoveron ou promoven desafiuzamentos e expulsión das vivendas daquelas persoas devoradas pola crise económica, que os negocios especulativos desas mesmas entidades provocaron». Por iso, «faremos todo o que estexa nas nosas mans para impedir que se lles siga facendo pagar as consecuencias desta crise a quen non a causou», engadiu.
A candidata de AE PODE explicou que os incentivos locais á rehabilitación traerán ademais como consecuencia a creación de postos de traballo para as empresas e os autónomos locais, causando un ciclo de desenvolvemento endóxeno e impedindo que os recursos públicos acaben en mans de grandes grupos inmobiliarios foráneos, como os que xa se teñen anunciado. «O noso será un urbanismo da xente e para a xente, que faga da Estrada un concello do que os veciños se podan volver sentir orgullosos e no que todas as
plusvalías xeradas revirtan no benestar, a activación da economía produtiva local e a revitalización do tecido industrial e comercial».
Ofelia Lema concluiu afirmando que «co apoio da veciñanza, AE PODE porá fin á entrega dos bens e recursos urbanísticos locais aos amigos ou a grupos foráneos que veñan a lucrarse dos bens públicos ou a destruír o emprego, a economía local e o seu tecido comercial. Os investimentos municipais para urbanismo non van ter como destinatarios os intereses particulares, os pelotazos nin a especulación. Serán revertidos directamente nos veciños que son, cos seus impostos, quen os nutre”.
A Estrada Pode






































