400 comensales Festa do Maior Estradense


O Concello Estradense celebrouse este Sábado a Festa do Maior, que contou con máis de 400 comensais. As mulleres de maior idade foron Concepción Olegaria Muiños, de 91 anos e veciña de Moreira, e Adoración Gómez, de 90, de San Miguel de Castro. Mentres, os dous asistentes masculinos máis lonxevos, Armando Carracedo, de Rubín, e Andrés Gamallo, de Lamas, teñen 90 anos.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Xoán Reices esixe o arranxo das fochancas e o pintado do vial do Souto de Vea

O BNG da Estrada volve á carga co mal estado da estrada do Souto de Vea. Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, «desde a nosa organización vimos reclamando desde hai tempo unha remodelación importante desta estrada do núcleo do Souto de Vea, sen embargo o único que fai López e o seu goberno son parches que non serven para tapar un mal estrutural que ten este vial, xa que cada pouco tempo volven aparecer as fochancas no mesmo sitio».

«O estado deste vial municipal dá vergoña», afirma Reices, «o alcalde debería tomarse en serio as reclamacións, que non son só do BNG, senón da veciñanza do val de Vea que transita diariamente por esta estrada, clave no traxecto que vai a Santiago de Compostela». «Agora mesmo, as condutoras e condutores teñen que esquivar as fochancas, algunhas de grande profundidade».

«Desde o BNG reclamamos dunha vez por todas», engade Reices, «o arranxo das fochancas deste vial que utilizan centos de persoas cada día, veciños e veciñas de Vea, pero non só, porque, como xa dixen, este tramo é clave no traxecto a Santiago de Compostela».

«Por outra parte,» explica o candidato do BNG, «tamén reclamamos o pintado das raías que separan os carrís e as zonas de aparcamento, así como do paso de peóns; hoxe estas divisións non existen, e cremos que se trata dunha medida de seguranza vial imprescindíbel e necesaria, dada o elevado número de vehículos que transita a diario por este vial».

Mais a reclamación do BNG desta volta non remata só nunha esixencia ao goberno. «Colocamos uns cartaces esixindo ao alcalde o arranxo das fochancas deste vial, queremos que todo o mundo saiba quen é o culpábel desta situación, o alcalde da Estrada», afirma Reices, «a ver se así se dá por aludido».

Publicado en Portada | Deja un comentario

Presentación candidatura BNG en A Estrada

. Grazas por acudir á presentación da candidatura do BNG da Estrada ás vindeiras eleccións do 28 de maio.

Tamén quero dar as grazas ás compañeiras e compañeiros do BNG que confiaron en min para encabezar a candidatura. Unha aposta arriscada pero necesaria, non por ser eu o candidato, senón pola renovación xeracional que tan necesaria é para a continuidade da loita político. En especial quero dar as grazas a Xosé Magariños e Susana Camba, anterior e actual portavoz municipal; grazas polo traballo e pola paciencia, López non é para todos os públicos.

Ser o cabeza de lista do BNG é un grande reto, que afronto cunha enorme ilusión é decisión. Sei que vai ser complicado, penso que non é ningún segredo que me falta experiencia, pero podo asegurarmos que darei todo de min para acadar uns grandes resultados nas eleccións.

Tamén quero agradecer o apoio e o respaldo que hoxe nos presta a nosa portavoz nacional, Ana Pontón. Coido que falo no nome de todos cando digo que para nós é moi importante o teu apoio, Ana.

Conformamos unha candidatura moi nova, especialmente nos primeiros postos, con Vanesa e Ricardo, mais tamén con experiencia, homes e mulleres preocupadas pola situación do noso concello, que son referentes sociais en distintos ámbitos, desde o activismo cultural e lingüístico, con Jásper e Clara, o sindicalismo nacionalista, Nogueira e Víctor, no comercio, con Sindo e Vanesa, no feminismo con Raquel, Susana e outra vez Vanesa, e por suposto, con referentes no rural, que viven en traballan no rural como Carmen de Berres.

Eu non vou ser o que vaia por aí dicindo que temos a mellor candidatura. Anque lo piense! O certo é que se me fai difícil imaxinar outra candidatura que represente mellor á xente da vila e do rural, especialmente á xente que quere cambiar as cousas.

Temos a mellor candidatura (ui! Ao final si que o dixen) e temos tamén por diante un grande reto, impedir que o 4×4 do PP de López arrase o noso concello.
Catro anos máis que afondarían na situación crítica que soporta o pobo da Estrada, e que case con total certeza nos condenaría a baixar dos 20.000 habitantes. Algo que se cadra xa é irreversible, gracias aos 12 anos de goberno do PP na Estrada e na Xunta.

E é que A Estrada non vai ben. Iso podémolo ver todos e todas. Non hai máis que darse un paseo polas rúas da Estrada. So se ven baixos comerciais pechados, edificios enteiros á venda ou baleiros, mesmo o emblemático edificio da Farola, onde por certo, o PP aínda ten os restos do seu local electoral de hai 4 anos. Que bonita metáfora se non fora verdade.

A Estrada non vai ben. E é que o goberno de López non fixo nada polo rural. Nada, só asfaltou os viais, obviamente nos meses previos á campaña, e con coidado de que primeiro vaian os dos amigos ou concelleiros. Mais, a parte disto, o rural segue igual que hai 4 anos, mesmo diríamos que segue igual que hai 12, cando López tomou o bastón de mando. Durante este tempo foi incapaz de realizar nin un só saneamento. O 80% das parroquias da Estrada, e temos 51, non teñen saneamento. Tampouco foi quen de apoiar decididamente ningún dos proxectos que as veciñas queren levar a cabo e levan levando a cabo toda a vida.

Iso si, os veciños e veciñas que viven no rural teñen un coche compartido á súa disposición no centro da vila. Moi útil para a xente de San Miguel Castro, Montillón, Barcala… xente que vive a 20 quilómetros da vila e que supoño que terán que coller un taxi para coller este coche compartido. Ocorrencias de López e dunha multinacional que transplanta un servizo, que pode valer para as Castelas, pero non vale para un concello galego con grande dispersión territorial como o noso.

E é que este goberno é o goberno das ideas peregrinas. Do baño público da alameda, no que gastaron 70.000€ e que básicamente serve para que pareza que temos un trasbordador espacial.
Tamén dos carteles luminosos do “Smart-parking”, que ten que ser moi moi smart, pero non serve para absolutamente nada.

E mentres tanto, A Estrada non vai ben. Agora mesmo hai 5 edificios públicos abandonados que López non sabe que facer con eles. O Matadoiro, o antigo INEM, o antigo centro de saúde, o albergue de Sabucedo e a estación de autobuses, Pasan os días e que o goberno municipal non sabe nin quere facer nada con eles. Eles so queren ideas prefabricadas e propostas por empresas privadas, que lle servan para facer campaña e que lles dé o menor traballo posible. Nós, desde o BNG, xa lle demos unha idea, un centro de día no antigo centro de saúde. Pero López nada, e iso que llo puxemos doado, levando o asunto ao Parlamento Galego e ao Congreso. Supoño que prefiren facerlle caso ás grandes empresas.

E é que o obxectivo deste goberno é manterse de brazos cruzados, e iso que cobran 168.000 euros ao ano.

A Estrada NON vai ben, e se hai un indicador que pon en evidencia este feito é o dato do IGE que di que o noso concello baixou dos 20.000 habitantes. Anque o reconto do concello indique Sexa como sexa, e anque López di que non baixamos aínda, Cifra que probablemente a López lle sexa suficiente, xa que pode escorrer o bulto 4 anos máis, pero o certo é que ten toda a pinta de abocarnos a un futuro moi negro. A Estrada perde poboación, e nin o Baby Box nin as cartas aos veciños e veciñas que enviou van solucionar este problema, un problema que terá grandes consecuencias, xa que menores ingresos para o concello implican menor capacidade para dar servizos.

O que si quero que teñades claro é que MENTRES os habitantes da ESTRADA BAIXAN, HAI UN SOA COUSA QUE SOBE, E É O SOLDO DE LÓPEZ. Cando foi alcalde por primeira vez cobraba 42.000 euros brutos, hoxe cobra 58.000. Á vista dos feitos, evidentemente non os merece.

Estamos en marzo, aínda non se pode pedir o voto. Eu non o vou facer. Penso que é unha reflexión que cada quen ten que facer pola súa conta. Máis si que desta volta reflexionedes con toda a forza do mundo. Que pensedes e que fagades pensar aos demais se merece a pena arriscarse a un cambio ou merece a pena arriscarse a outros 4 anos de malo coñecido. Outros catro anos de goberno inútil. Ou ogallá fose inútil. Poorque son outros catro anos de IDOM (a súa consultora-os que fixeron o aparcamento intelixente, a lameira da praza da feira, o Hyundai Kona). En definitiva, se queredes – se queremos- un goberno de Mercadona, de Hyundai, de Lidl, de IDOM, ou un goberno de veciñas e veciños comprometidas coa Estrada.

Compañeiras e compañeiros, temos unha grande reto por diante, queremos unha Estrada nova. Poñer en marcha un novo proxecto de concello vivo, dinámico, feminista, consciente do seu potencial e orgulloso do seu patrimonio cultural, así como da lingua galega que nos une. Queremos que A Estrada sexa un Concello BNG, un modelo a seguir como o hoxe o son Pontevedra, Allariz, Tomiño…

QUEREMOS UNHA A ESTRADA ORGULLOSA DO NOSO.

A Estrada ten moito patrimonio oculto e esquecido, que nin sequera figura nas guías turísticas do concello, como é a Torre e o Pazo de Guimarei. O BNG márcase como obxectivo recuperalos para os veciños e veciñas da Estrada, como un novo espazo socio-cultural de lecer e recreación, situado a poucos metros da vila. E se temos que expropialo, expropiámolo, pero no BNG non imos consentir que a Torre e o Pazo de Guimarei continúen nunha silveira como está agora.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA CON DINAMISMO ECONÓMICO.

Unha das nosas prioridades será aumentar o solo industrial público para que as empresas, en especial as do moble e da madeira, poidan medrar e xerar emprego no noso concello. Ese é un dos motivos do declive demográfico da Estrada, pero para o PP iso non é unha prioridade, de momento iso só figura no papel. Nós queremos convertelo en realidade.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA VERDE

Unha das grandes tarefas que temos por diante é o de dotar de saneamento público o noso rural. Sabemos da súa dificultade, mais é unha demanda dos veciños e veciñas do rural; mais tamén é unha necesidade para o noso medio ambiente. Buscaremos a alternativa que mellor se adapte a nosa forma de habitar o territorio; non será doado, pero os veciños e veciñas do rural teñen que ter os mesmos servizos que teñen os da vila. Nin máis nin menos.

QUEREMOS UN RURAL VIVO

En moitas parroquias do noso concello, como Santo André de Vea, Couso, Ouzande, A Sagrada (Codeseda), Orazo…, hai espazos nos que se concentra unha importante actividade socio-cultural. Cremos que estes espazos deben reunir uns mínimos de habitabilidade e de adaptación ás necesidades dos colectivos sociais; cousa que agora non acontece.

Neste sentido o BNG propón acondicionar estes espazos para facilitar e mellorar a actividade das parroquias, son o que nós chamamos Núcleos de centralidade parroquial, unha idea que copiamos do concello de Pontevedra.

Tamén queremos potenciar a praza de abastos como centro comercializador dos produtos do agro do noso concello. Facilitaremos o asentamento de poboación no rural para combater o abandono e o despoboamento.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA PARA PERSOAS.

Por iso, esixiremos ao Estado a inmediata construción da Variante, que permita desconxestionar o tráfico da vila, así como melloras na seguranza vial en todo o trazado da N-640 que atravesa o noso concello, xa que se teñen dado numerosos accidentes de importancia e isto non pode volver a acontecer.

Na Estrada temos un deputado no Congreso? Si, é do PP, pero quen pelexa pola Variante e pola seguranza vial da N-640 ao seu paso polo concello non é Constenla, é Néstor Rego, deputado do BNG.

Ampliaremos as zonas verdes e de lecer, dispersando polo casco que parece que teñen que estar concentradas na Alameda (que vaia alameda, por dios, que ben estaba coma antes).

Rescataremos o antigo centro de saúde da Avenida de Santiago para darlle aos veciños e veciñas da Estrada un centro de día amplo que dea acollida a todas as persoas dependentes que o soliciten. Cremos que é de xustiza.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA PARA A MOCIDADE

As mozas e mozos son, SOMOS,  o futuro. Sen elas e sen eles non se pode construír e transformar o noso concello. A mocidade existe, ten inquedanzas e necesita oportunidades para demostrar todo o seu potencial. Xa o están facendo, con moitas dificultades e sen apoio institucional de ningún tipo.

Por iso, como alternativa ao ocio nocturno, impulsaremos as “Noites Abertas”, que xa está en marcha con notábel éxito na cidade de Pontevedra, con actividades de todo tipo para mozas e mozos. E non solo iso, se non que estaremos en continua comunicación con eles, para escoitar as súas inquedanzas e propostas, que de seguro teñen moito que dicir.

Poñeremos en marcha da Casa da Mocidade, que podería estar localizada no antigo INEM, onde  as asociacións xuvenís poderían desenvolver a súas actividades. Poñeremos en marcha iniciativas e servizos de prevención do suicidio, das que non so se beneficiarán os novos, así como diversas iniciativas que impidan que a única formación en sexualidade que teña a xuventude sexa o porno.

En definitiva, QUEREMOS UNHA A ESTRADA NOVA. Queremos un concello que supere estes doce anos grises e tristes do PP de López. Queremos mandar ao baúl dos pesadelos a este goberno que sempre estivo de brazos cruzados ante os problemas dos veciños e veciñas.

E isto faime o acordo de algo que non quero pasar por alto. É o caso Sabucedo, onde Naturgy vai colocar un parque eólico no Campo das Rosas, afectando á fauna cabalar e á Rapa; máis tamén Castro Valente, onde outra eléctrica vai instalar outro parque enriba dos restos dunha das fortalezas medievais máis importantes de Galiza.

Nós, como demostramos, estamos do lado da xente. Estamos do lado da terra e do medio ambiente, estamos de lado do patrimonio e da cultura.

O goberno de López está ao lado dos executivos de Mercadona, Lidl, Hyundai, IDOM, do lobby eléctrico.

O 28 de maio é o momento de deixar atrás todo iso e apostar por un goberno para os veciños e veciñas. É o momento de apostar pola xente nova e pola xente que sempre estivo aí. O futuro non é do PP, por sorte, é noso e queremos empezar a construílo xa.

Adiante co BNG!

Publicado en Portada | Deja un comentario

Xoque Carbajal leva ao Teatro Principal
da Estrada a ópera rock ‘Vox Populi’

Orixinalidade, unha
gran posta en escea e un argumento
que fai reflexionar ao espectador
sobre a política populista
e as súas consecuencias. Estes son
os ingredientes da ópera rock ‘Vox
Populi’, a última aportacion de
Xoque Carbajal e de Malasombra
Producións á cultura galega, que
chegará mañá ao Teatro Principal
estradense, ás 21.00 horas.
A concelleira Amalia Goldar e o
actor Xoque Carbajal presentaron
onte esta iniciativa que iniciou
a súa andadura o pasado mes de
xaneiro e que está a ter un grande
éxito entre o público. Goldar fixo
fincapé na traxectoria da compañía
Malasombra Producións, con
varios recoñecementos ás súas
costas e a que máis funcións realiza
ao ano en toda a comunicade,
e que agora recala na Estrada para
ofrecer «un espectáculo de gran
formato, unha ópera rock que
conta cunha ducia de actores e
música en escena».
Xoque Carbajal resaltou que «é
a primeira ópera rock que se fai
en Galicia e creo que é a primeira
que se fai en España que se leva
a escena». Trátase «do primeiro
espectáculo de gran formato que
facemos», e que fala «dun discurso
populista que se converte nun
réxime autoritario», algo que
«pensábamos que eran cousas que
quedaran no século pasado pero
que vemos que poden pasar hoxe»,
e puxo o exemplo de Rusia, Brasil
ou Donald Trump en EE.UU.
As entradas pódense retirar no
departamento de Cultura do Concello
a un prezo de dez euros.

 
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

ESCOLA DEPORTIVA MUNICIPAL DE HÍPICA

AEstradaDeporte, en colaboración ca Sociedade Cabalar da Estrada
(SOCADE), pon en marcha para este derradeiro trimestre do programa deportivo
das Escolas Deportivas Municipais do curso 2022-2023, a Escola Deportiva
Municipal de Hípica, como punto fundamental do convenio asinado entre ambas
partes como entidade que entra a formar parte das Escolas Deportivas
Municipais.
A actividade será ofertada para os meses de abril, maio e xuño, e servirá de
ensaio para comprobar a aceptación entre a poboación, e con vistas a
implantarse definitivamente para o curso 2023-2024.
Polo programa deportivo das Escolas Deportivas Municipais, o/a alumno/a,
ten dereito a unha clase mensual. A maiores ten opción de poder asistir a máis
clases pero xestionadas por SOCADE. É obrigatorio o uso do casco durante a
actividade. Hai prazas limitadas e preferencia para empadroados/as.
 Días: luns.
 Horario: a determinar segundo a idade.
 Lugar: recinto hípico de Guimarei.
 Idades: nados/as no 2018 e anteriores.
 Data de comezo: luns día 3 de abril.
 Inscricións e máis info: socadescola@hotmail.com. Aberto o prazo
dente o mércores día 15 de marzo.
O prezo da actividade é a mesma que o resto de disciplinas:
 Cota xeral: 36 €/trimestrais (Ata 19 anos e maiores de 65)
 Cota adultos: 60 €/trimestrais (resto idades)
 Bonificacións: 50% familia numerosa e 50% segunda actividade do
programa das Escolas Deportivas Municipais. Non acumulables.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Móvete organiza un coloquio “Mulleres Deixando Pegadas” para tratar a
situación da muller nos diferentes eidos sociais.

O acto que terá lugar o vindeiro xoves, 16 de marzo, ás 20:00 en A Estrada
Rooms, reunirá un elenco diverso de mulleres que tratarán a situación actual da
muller nos diferentes eidos sociais desde diferentes perspectivas profesionais e
vitais.
O obxectivo do coloquio é compartir a experiencia de diversas mulleres
estradenses con perfís moi diferentes, destacar como a través das súas vidas
todas elas contribúen a construir unha sociedade mais igualitária entre homes e
mulleres, e reflexionar entre todas sobre a situación actual da muller para tomar
conciencia do traballo que ainda queda por diante.
As 9 mulleres participantes do acto abordarán, desde diversas perspectivas, a
situación da muller, nos diferentes ámbitos que conforman a vida laboral e
persoal. Posteriormente ás intervencións poderán participar do coloquio as
persoas do público para compartir diversos puntos de vista.
Lucía Gómez Fariña. Docente.
María Sanmartin Ruzo.
Rocío Lodeiro Matalobos.
Kim Llobet.
Agar Abu al Hawa Otero.
María José Hermida Magariños.
Liduvina Campoamor Sánchez.
Chus Iglesias.
Mar Blanco Casais.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada pecha a Feira de Artesanía de Oportunidades con máis de 5000 visitas en esta fin de semana

A Estrada pecha a Feira de Artesanía e Oportunidades con máis de 5.000 visitas

Máis de 5.000 visitantes acudiron durante a fin de semana ao recinto da Feira Móbil da Estrada para a Feira de Oportunidades e Artesanía. Na primeira, as firmas locais presentes na dobre mostra realizaron numerosas vendas grazas á calidade dos seus produtos e prezos competitivos. Así mesmo, a rama de automoción da actividade comercial estradense tamén atopou o seu espazo no evento, presentando vehículos de gama media alta que contaban con descontos especiais na feira e financiamento á medida de cada cliente. Foron estes descontos os que fixeron que todas as marcas presentes vendesen algúns dos vehículos. Por outra banda, o parque de lecer para os máis pequenos funcionou moi ben, segundo a organización, asegurando que estaba moi concorrido. Deste xeito, estes mozos visitantes puideron divertirse mentres os maiores paseaban e mercaban pola Feira. Do mesmo xeito, as actuacións artísticas que percorreron a Deputación de Pontevedra, reuniron a un numeroso público de nenos, acompañados dos seus pais e nais. A Feira de Oportunidades do Comercio e a Feira de Antigüidades e Artesanía "seguen tendo un tirón especial", sinala a organización, "avaladas por un público fiel que as secunda edición tras edición". Así o representa o número de persoas que se achegaron ás instalacións ao longo dos tres días que durou o evento.
Publicado en Portada | Deja un comentario