Sábado 20 de xuño. É a data para unha nova edición, a
13ª da carreira popular Estranoite, unha proba deportiva de carácter lúdico que o
Concello organiza en colaboración co Atletismo A Estrada. O concelleiro estradense de
Deportes, Ismael Pena, presentou o regulamento dunha proba que ten entre os seus
grandes atractivos o feito de que se desenvolve en horario nocturno, converténdose
nun preludio para as festas patronais de San Paio.
Como vén sendo habitual, a carreira realízase por un circuíto urbano de asfalto de 4
quilómetros, se ben na proba absoluta a distancia que deberán percorrer os
participantes é de 8 (darán dúas voltas). Ademais, tanto a proba absoluta como as
probas escolares celebraranse en circuítos pechados e valados. Os percorridos estarán
debidamente indicados, controlados e sinalizados e proba estará controlada polo
Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo (FGA).
Ismael Pena sinalou que a inscrición quedará aberta mañá mércores. A única vía para
realizala será a pasarela de pagos incluída na páxina web www.emesports.es. Estará
operativa ata as 23.59 horas do mércores 17 de Xuño de 2026. Para calquera dúbida
relacionada co proceso de inscrición os interesados poderán dirixirse ó teléfono
886.153.589. Asemade, para calquera cuestión relacionada coa organización da proba
poderán dirixirse ao 986 570 030 ou no correo deportes@aestrada.gal.
O concelleiro de Deportes indicou tamén que na XIII Estratoite, tamén coñecida como a
Nocturna Estradense, haberá un límite de 600 inscritos na proba absoluta.
Poderán participar na carreira todas as persoas, federadas ou non, das categorías de
pitufo (atletas nados no ano 2022 e posteriores) ata Master B (nados dende 1979 e
anteriores).
A primeira saída darase ás 21.00 (Pitufos), escalonando saídas para as categorías de
Pitufo a Sub 14 ata as 22.00 horas. A entrega de premios para as categorías inferiores
será ás 22.20. Ás 23.00 sairán xuvenís (sub 18), junior (sub 20) e os atletas da categoría
absoluta (promesa, senior e master), con dúas voltas ao circuíto. A entrega de premios
da carreira absoluta será ás 0.15.
O regulamento descrito hoxe polo concelleiro de Deportes recolle que a carreira se
realizará en todo momento pola vía de tráfico rodado, agás nas zonas peonís sinalizadas
como circuíto. Isto implica que está prohibido usar como zonas de carreira as beirarrúas,
glorietas, áreas axardinadas e todo o que exceda os límites do circuíto sinalizado.
Incumprir esta norma, así como recortar o trazado oficial, pode implicar a
descualificación das persoas infractoras
En canto ao prezo da inscrición, a de adultos (categoría xuvenil e superiores) será de 8
euros. As escolares (de pitufo a cadetes) terá carácter gratuíto.
Todos eles deberán realizar a retirada de dorsais o día da proba, a partires das 19.00
horas. O local habilitado pola organización a estes efectos será a Sala Abanca, punto de
control da proba. Ademais, na proba absoluta (23.00 horas) os participantes estarán
controlados a través dun chip que se entregará a cada participante xunto co dorsal. Estes
dous elementos son persoais e intransferibles.
Premios
Entrando xa no apertado de premios e trofeos, a Estranoite contempla un obsequio
conmemorativo da proba que se entregará no momento de recoller o dorsal. A maiores,
haberá trofeos ás tres persoas que se clasifiquen en primeiro lugar en todas as
categorías (excepto en pitufo e prebenxamín, nas que non haberá trofeos e si medalla
para todos os participantes).
Na proba de 4 quilómetros haberá tamén premios para os tres primeiros clasificados,
con independencia da categoría. A maiores están contemplados premios para os os tres
primeiros estradenses en cruzar a liña de meta na proba absoluta.
As persoas que gañen a carreira absoluta terán como agasallo unha caixa degustación
de sidra da Estrada. Haberá tamén trofeo para o club ou equipo que obteña a menor
puntuación cos seus 6 primeiros participantes que finalicen a proba absoluta Cómpre
indicar que os clubs/equipos non teñen porque ser oficiais e/ou federados, poden ser
grupos de amigos/as que formalicen a inscrición baixo o nome dun equipo.
De igual xeito, a organización reserva un trofeo Master para o participante de maior
idade que finalice a proba.









































