O IRMANAMENTO CO CONCELLO DE RIANXO TOMARÁ FORMAGRAZAS AO NOVO REGULAMENTO DE HONRAS E DISTINCIÓNS

 Será aprobado no pleno correspondente ao mes de maio, que se celebra
mañá

No marco do Ano Cultural Virxinia Pereira, o goberno
estradense anunciou a finais do mes de xaneiro a intención de impulsar un expediente de
irmanamento entre A Estrada e o Concello de Rianxo, un marco dende o que estes dous
municipios poidan seguir divulgando e preservando conxuntamente a historia e o legado da
parella que conformaron a estradense Virxinia Pereira Renda e o rianxeiro Alfonso Daniel
Rodríguez Castelao. Este irmanamento poderá tomar forma coa aprobación do
Regulamento de Honras e Distincións do Concello da Estrada, un documento do que a
administración municipal carecía ata o de agora.
O regulamento figura na orde do día do pleno correspondente ao mes de maio, que se
celebrará mañá xoves (20.30 horas). Ten por obxecto a regulación de réxime xurídico das
honras e distincións que o Concello da Estrada decida conceder a persoas ou institucións,
pero tamén contempla cuestións como o propio expediente de Irmanamento ou a
declaración de loito oficial no municipio.
No apartado de honras e distincións, o regulamento que se eleva a pleno establece os
seguintes títulos para premiar especiais merecementos ou títulos extraordinarios:
• Medalla do Concello da Estrada: para aprobación da concesión desta distinción
requírese acordo plenario adoptado por maioría absoluta. Outorgaráselle a aquelas
persoas físicas ou entidades públicas ou privadas que destaquen polos seus
merecementos ou a súa traxectoria no sector turístico, cultural, veciñal, artístico,
musical, deportivo, empresarial, social, científico ou similares.
Esta distinción correspóndese coa imposición dunha medalla co escudo do Concello
e a coa entrega dun diploma, nun acto solemne e procurando que coincida coa data
das festas patronais.
• Título de Fillo/a predilecto/a: distingue a persoas, nacidas na Estrada ou cunha
traxectoria vital que discorra maioritariamente no municipio, que destaquen polos
seus méritos ou calidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico,
social, artístico, deportivo, político ou económico, ou por servizos prestados en
beneficio do municipio. Aprobación por acordo plenario e distinción coa entrega dun
pin de solapa co escudo do Concello da Estrada e diploma.

• Titulo de de fillo/a adoptivo/a: persoas que, sen naceren no municipio, manteñan
vínculos especiais con el e que destaquen polos seus méritos ou calidades persoais,
especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político
ou económico, ou por servizos prestados en beneficio do municipio. Aprobación por
acordo plenario e distinción coa entrega dun pin de solapa co escudo do Concello da
Estrada e diploma.
• Salmón de Ouro: persoas ou entidades nas que concorra un mérito ou méritos nos
eidos turístico, cultural, veciñal, artístico, musical, deportivo, empresarial, social,
científico ou similares a prol do Concello da Estrada. Concesión por decreto de
Alcaldía e correspondente coa entrega dun pin coa forma do salmón.
• Título de Ilustre Visitante: Para persoeiros de especial relevancia que visiten A
Estrada e sexan recibidos oficialmente polo Concello. Por decreto de Alcaldía e
consistente na entrega dun pin de solapa co escudo da Estrada.
• Méritos ao persoal traballador: Outorgado a aqueles traballadores municipais se
xubilen ou cumpran 25 anos de servizo ao Concello da Estrada. Por decreto da
Alcaldía e consistente na imposición dun pin de solapa, procurando coincida co
brinde de Nadal.
• Cronista oficial da Estrada: poderá darse este título a persoas que acreditaran un
profundo coñecemento do pasado histórico da Estrada mediante publicacións
científicas e actividades culturais relevantes. A aprobación require acordo plenario
e un expediente informado polo departamento de Cultura. Consistirá na imposición
dun pin do concello e diploma artístico co escudo municipal, buscando que a entrega
coincida coa data das festas patronais.
O regulamento tamén contempla a dedicación/denominación de lugares públicos da
Estrada, sinalando que lle corresponde ao pleno aprobar outorgar a vías municipais, espazos
ou instalacións o nome de persoas físicas, organismos, institucións e entidades que, a xuízo
da corporación, reúnan méritos suficientes.
En canto ao loito oficial, sinálase que se poderá acordar mediante decreto a Alcaldía cando
circunstancias ou feitos de especial transcendencia así o requiran. Comportará que as
bandeiras ondeen a media hasta nos edificios municipais.
Outros acordos
No pleno de mañá tamén se abordarán outras cuestións, caso da reversión acordada
pola Consellería de Presidencia en relación aos terreos e o edificio que ocupaba antes o
Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Número 1 da Estrada en favor do Concello
da Estrada. Será acordada esa reserversión, como paso previo ao inminente traslado (de
carácter provisional) das dependencias da Unidade de Atención Temperá.

De igual xeito, no pleno tratarase a modificación, nos departamentos correspondentes,
do cambio de nomenclatura e renumeración no lugar da Pica (parroquia de Moreira),
que figuran de xeito errado como A Pía.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO ELEVA A 120.000 EUROS AS AXUDAS PARA EVENTOS EACTIVIDADES CULTURAIS, SUBINDO A 5.000 EUROS A CONTÍA MÁXIMAPOR ENTIDADE

 Convocan ás asociacións interesadas a unha reunión, mañá ás 19.00
horas no Salón de Plenos, para coñecer as bases deste ano.
 Este ano non será preciso que a festa teña unha antigüidade
determinada, como se pedía en 2026, se ben este si será un criterio que
puntúe nos criterios de valoración.

A Xunta de Goberno Local da Estrada aprobou na súa
última sesión as bases reguladoras para a concesión de subvencións para eventos e
actividades culturais mediante libre concorrencia competitiva. Estas axudas vén
incrementada este ano a partida orzamentaria coa que naceron en 2025, de xeito que
se destinarán a este fin 120.000 euros (20.000 euros máis). Outro dos cambios deste
2026 será o importe máximo que poderá percibir unha mesma entidade. Fronte aos
3.000 euros de 2025, nesta convocatoria a axuda municipal pode acadar os 5.000.
Estas subvencións teñen como finalidade contribuír á promoción e impulso de eventos
e actividades culturais nas parroquias da A Estrada, axudando a que acaden obxectivos
que lle son propios, caso da participación da cidadanía. Para explicar as bases deste ano,
que se publicarán nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, está
convocada unha reunión coas asociacións interesadas. Será mañá xoves, ás 19.00 horas,
no Salón de Plenos.
Unha das novidades desta convocatoria é que as solicitudes terán que seren
presentadas obrigatoriamente por vía electrónica a través do procedemento habilitado
na sede electrónica municipal. Teñen que ser cursadas pola persoa que presida (ou
representante acreditado) asociacións de veciños, asociacións de mulleres rurais ou
comisións de festas debidamente constituídas. Só se pode presentar unha solicitude por
parroquia, aínda cando esta pode incluír varios eventos.
Como queda indicado, este ano a cantidade máxima que pode percibir cada solicitante
é de 5.000 euros, destinados á realización de eventos e actividades culturais que se
realicen neste 2026. Enténdese por evento todo tipo de actuación artística ou cultural
aberta a toda a poboación, incluíndo as festas de carácter gastronómico de interese para
o concello. Non se inclúen neste tipo as xuntanzas veciñais ou dos asociados.

Este ano non será preciso que a festa teña unha antigüidade determinada, como se
pedía en 2026, se ben este si será un criterio que puntúe nos criterios de valoración.
Como gastos que se poden sufragar con cargo a esta liña de subvencións municipais, as
bases aluden a gastos de cachés de grupos ou artistas; gastos de seguros para a
realización de actividades; gastos de publicidade; alugueiro de megafonía, iluminación
e infraestruturas; alugueiro de palcos, tarimas ou similares e gastos de organización.
Non se poderán costear con estas axudas gastos de comida ou bebida; gastos correntes
de actividade social, deportiva ou de tempo libre; actividades formativas non ligadas a
contidos artísticos, patrimoniais, culturais ou etnográficos ou bens de investimento.
Na valoración teranse en conta criterios como o número de días de festa na parroquia;
sesións e verbenas anuais, contratación de grupos locais, animación infantil de balde,
asistencia de público, antigüidade da festa, repercusión cultural do evento ou o número
de espectáculos que inclúe ou se inclúe punto violeta de atención contra o acoso e
agresións sexuais no campo da festa.
No tocante ao pago, as axudas terán un carácter prepagable no 75%, que se aboará
nunha primeira fase. Unha vez xustificada a totalidade da subvención no prazo
establecido procederase ao pagamento do importe restante. A primeira parte terá que
estar xustificada no prazo de 3 meses e a seguinte sempre antes do 1 de decembro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta licita a construción de 28 vivendas públicas na Estrada, cun investimento autonómico de 4,8 M€

Allegue indicou que xa está o proxecto redactado para construír este edificio na parcela situada na Avenida de Vigo, cedida de balde polo Concello da Estrada

Trátase dun inmoble con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, uns fogares accesibles, cunha construción de calidade e eficientes enerxeticamente

Para que máis galegos accedan á vivenda pública, a Xunta aumenta o limiar máximo de renda ata 4 veces o Iprem, 4,5 en familias numerosas

Das vivendas en réxime de compraventa que constrúa a Xunta, reservarase o 30% para persoas entre 36 e 45 anos, con fillos

A Xunta licita a construción de 28 vivendas públicas na Estrada, que suporán un investimento de 4,8M€, financiado integramente con fondos autonómicos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou hoxe esta nova actuación.

Allegue sinalou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta intervención e as empresas poderán presentar as ofertas ata o vindeiro 28 de maio.

Indicou que xa está o proxecto redactado para construír un edificio nunha parcela situada na Avenida de Vigo, un solar cedido de balde polo Concello da Estrada.

Concretou que se trata dun inmoble en forma de L, con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios; uns fogares accesibles, cunha construción de calidade e  eficientes enerxeticamente.

Detallou que estes fogares, que serán de promoción pública e terán cualificación permanente, están destinados aos inscritos no Rexistro de Demandantes no Concello da Estrada.

Puxo en valor a importancia da cooperación entre administracións e insistiu en que “sen solo dispoñible non se pode edificar”. Neste sentido, agradeceu a colaboración do Concello da Estrada, un dos 16 municipios que están a ceder parcelas á Xunta para construír vivenda pública.

Máis facilidades no acceso á vivenda pública

Remarcou o esforzo técnico e financeiro da Xunta, que xa ten en marcha máis de 4.000 vivendas públicas, avanzando así no compromiso de duplicar o parque público residencial en Galicia.

Subliñou que o Goberno galego, tras o anuncio do presidente Rueda no Debate de Estado de Autonomía, activa novas medidas para que máis galegos poidan acceder ás vivendas públicas. Para acadar ese obxectivo, aumentarase o limiar máximo de renda, ata 4 veces o Iprem, 4,5 no caso das familias numerosas.

Por exemplo, no caso dunha parella cun fillo, ata agora non podía exceder de 2.250 euros mensuais brutos ao mes e agora o límite sitúase en 3.530 euros brutos ao mes. E para unha familia numerosa, o límite era de 2.571 euros e co novo limiar (4,5 Iprem) ascende a 4.154 euros.

Engadiu ademais que das vivendas en réxime de compraventa que impulse a Xunta, reservarase o 30% para persoas de entre 36 e 45 anos, especialmente para as que teñen fillos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

CERCA DE 500 ESTUDANTES DA ESTRADA CELEBRARÁN O XOVES NOCASCO URBANO O DÍA DA ACTIVIDADE FÍSICA NA RÚA

 Participará alumnado dunha decena de centros educativos.

Preto de 500 estudantes de 10 centros educativos da
Estrada celebrarán este xoves, 16 de abril, o Día da Actividade Física na Rúa. O evento
está organizado pola Agrupación Deportiva Escolar de Base da Estrada, en colaboración
co departamento municipal de Deportes.
Os alumnos distribuiranse, entre as 10.00 e as 12.00 horas, por distintos puntos do casco
urbano, caso da zona peonil que conforman rúas como Calvo Sotelo, Ulla, Serafín Pazo
ou a Praza da Constitución, xunto coa alameda municipal.
Os centros que participarán nesta xornada serán os colexios Pérez Viondi (acudirá con
60 alumnos), Figueiroa (49), O Foxo (25), Oca (12), Cabada Vázquez de Codeseda (25),
Manuel Villar Paramá de Vea (18), IES Manuel García Barros (90), IES Avelina Valladares
(68), IES Antón Losada Diéguez (61) e o NS Lourdes (38).
Xogos populares ou actividades de coordinación figuran entre o programa previsto para
celebrar este Día da Actividade Física na Rúa na capital estradense.

Publicado en Portada | Deja un comentario

IRIA COLLAZO LÓPEZ GAÑA O PREMIO MANUEL GARCÍA BARROS NAESTRADA CON “A ESPERA”, UNHA NOVELA DE AMOR E DESAMOR

 A súa foi a obra escollida entre as 19 que se concorreron á presente
edición do certame.
 O xurado destaca a súa capacidade “para nos mergullar nunha
poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan
na escrita e se afastan na vida”.
 Está escrita con gran profusión de citas literarias que dialogan coa
historia de amor que sostén a novela e cunha “admirable contención
expresiva”.

A escritora e profesora Iria Collazo Castro proclamouse
este mediodía gañadora do Premio Manuel García Barros, que convoca o Concello da
Estrada, coa súa novela “A espera”, unha peza literaria de amor e desamor que será
publicada por Editorial Galaxia no mes de xuño, coincidindo co acto de entrega do
prestixioso galardón que leva o nome de Ken Keirades.
O xurado do XXXVIII Manuel García Barros estivo formado por Ánxela Rodríguez
Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e
Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario. O equipo encargouse
de valorar as 19 novelas que se presentaron a esta edición e adoptaron a súa resolución
por unanimidade, recoñecendo que a peza que resultou ser da autoría de Iria Collazo
(natural de Barro pero afincada en Moaña) tivo unha digna competidora na terna final.
A obra gañadora foi presentada baixo o lema “A espera. Dúas historias de amor”. O
xurado salientou “a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor
e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida”.
Sinalan tamén que está narrada “coa forza dos sentimentos encontrados”. “As pulsións
emotivas lévannos da man por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e
desencontros que debuxan un complexo mundo de relacións interpersoais nas que
ninguén sae indemne”, sosteñen.
Escrita con gran profusión de citas literarias, que dialogan coa historia de amor que
sostén a novela, esta narración “destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirable
contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas,

conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que pecha a novela
luminosamente”.
Coñecido o fallo, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, foi a encargada de chamar a Iria
Collazo para comunicarlle a concesión do premio, que acolleu con profunda sorpresa e
ledicia.
O Concello da Estrada entregará o Premio Manuel García Barros nun acto público e
aberto que se celebrará mediados do vindeiro mes de xuño. Nese intre, Editorial Galaxia
terá xa publicada a novela gañadora. Ademais da publicación da peza, o galardón ten
asociado un premio económico de 9.000 euros.
“A espera” sucede na nómina de obras premiadas co García Barros a “Punto de Araña”,
de Nera Pallares, unha novela moi ben recibida polo público e que xa foi traducida ao
castelán e ao catalán.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LOUZAO RECIBE AO PRESIDENTE DO CENTRO CULTURAL DO PARTIDODA ESTRADA EN BOS AIRES, QUE AFRONTA A RECOMPILACIÓN EDIXITALIZACIÓN DOS SEUS FONDOS

 Foi fundado oficialmente o 23 de outubro de 1943, pero tamén foi
resultado da fusión de dúas institucións precedentes: a Federación
Agraria Estradense e a Unión Estradense.
 Sinala que se está atopando moita información, entre ela unha revista
de 1941 dedicada á muller estradense co rostro de Virxinia Pereira na
portada ou libros de actas de 1918.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, recibiu esta
mañá na Alcaldía ao presidente do Centro Cultural do Partido da Estrada en Bos Aires, o
tamén presidente da Federación de Sociedades Españolas de Arxentina José Manuel
Besteiro. No encontro Besteiro confirmoulle ao rexedor estradense que o centro, moi
vencellado á historia da Estrada, está realizando un importante proxecto de
recompilación e dixitalización dos seus fondos.
“O Centro da Estrada foi fundado oficialmente o 23 de outubro de 1943, pero foi o
resultado da fusión de dúas institucións precedentes: a Federación Agraria Estradense e
a Unión Estradense”, lembrou. “Estamos atopando moita información; pedíndolle aos
socios, sobre todo aos maiores, que nos aporten documentación, revistas…”, continuou
Besteiro. O presidente do centro estradense en Bos Aires tivo ocasión de amosarlle ao
alcalde a portada dunha publicación na que se recollía unha homenaxe á Muller
Estradense, do ano 1941, co rostro en portada de Virxinia Pereira, a estradense que
casou con Castelao e á que neste 2026 o Concello da Estrada lle dedica o Ano Cultural.
“Atopamos tamén o segundo libro de actas da Federación Agraria Estradense do ano
1918. Con cal, cando completemos este proceso seremos unha institución centenaria”,
compartiu tamén José Manuel Besteiro. “Manter esas raíces, potencialas, é moi
importante, non só emocionalmente senón tamén a nivel identitario; saber de onde
vimos e ter un centro que está vixente, con moita proxección e moito futuro”, engadiu.
O alcalde estradense puxo tamén o acento na importancia que o Centro do Partido da
Estrada en Bos Aires ten tamén para o Concello da Estrada, moi consciente “desas raíces
que pasan por debaixo do Atlántico e nos conectan”. Como alcalde e como estradense,
recalcou que foi para el moi emotivo visitar estas dependencias, a última vez o mes de

novembro, durante a conmemoración do 82º aniversario. Sinalou tamén que A Estrada
quixo recoñecer, coa entrega do Salmón de Ouro, a máxima distinción local, o peso desta
sociedade para o municipio e para o sentimento “estradensista”.
Segunda presidencia estradense
Noutra orde de cousas, durante a recepción José Manuel Besteiro sinalou que el non é
o primeiro presidente estradense da Federación de Sociedades Españolas en Arxentina.
“Tería que ser un orgullo para A Estrada saber que esta federación, que reúne a máis de
136 institucións de todas as autonomías de España, tivo xa dous presidentes
estradenses, sendo a única autonomía que tivo dous presidentes dunha mesma
comarca”, considerou. Antes de que el mesmo asumise este cargo ocupou este posto o
estradense José María Vila Alén, hoxe presidente do Centro Galicia.
Besteiro aproveitou a ocasión para “invitar aos estradenses a que cando vaian por
Arxentina pasen polo centro”. “Serán todos moi ben recibidos porque para un
estradense non hai nada mellor que outro estradense.Realmente o sentimos así”,
concluíu.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta enxalza o labor da Feira Cabalar de Pascua da estrada no desenvolvemento rural, social e económico

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros acompañado polo alcalde estradense Gonzalo Louzao, asistiu este mediodía aos actos enmarcados na celebración da Feira Cabalar de Pascua do concello pontevedrés da Estrada. Alí, destacou o papel que desenvolve esta celebración no impulso do desenvolvemento rural, social e económico da zona.

Por outra banda, lembrou que Galicia conta cunha raza autóctona propia, o Cabalo de Pura Raza Galega, orixinario da nosa comunidade e cuxas referencias de existencia remóntanse ao século XV. Desde a Consellería do Medio Rural colabórase activamente na conservación das razas autóctonas co obxectivo de preservar o patrimonio xenético con axudas destinadas ás asociacións de criadores, dotadas cun orzamento de 270.000 euros.

Publicado en Portada | Deja un comentario