A Estrada reunirá a 400 deportistas de 14 escolas
galegas de rugby o vindeiro 11 de xuño

O alcalde da Estrada, José López, presentou esta mañá a
concentración autonómica das escolas de rugby que acollerá o noso municipio o vindeiro
11 de xuño, na que participarán preto de 400 menores baixo o lema “Arrieiros do rugby
polo Camiño Miñoto” e suporá volver a reunir a clubes das catro provincias despois de
dous anos condicionados pola pandemia.
Este evento enmárcase dentro do proxecto “O teu Xacobeo” e ten como obxectivo a
promoción do Camiño da Geira e dos Arrieiros e mais o do Miñoto Ribeiro a través do
deporte. Durante a presentación, López agradeceu o compromiso da Federación Galega
de Rugby coa Estrada e asegurou que é “un orgullo” ser a sede deste tipo de actividades,
“complemento perfecto para a educación dos cativos” e cun impacto “mediático,
deportivo e económico moi importante no noso Concello”.
O rexedor local tamén destacou a oferta de eventos deportivos no municipio, froito da
aposta do goberno local para “consolidar A Estrada como capital do deporte base de
Galicia”, e avanzou a súa intención de que o rugby se convirta nunha das disciplinas que
se imparten nas escolas deportivas da Estrada.A concentración dará comezo ás 11.00 horas e desenvolverase de xeito simultáneo no
Campo Manuel Regueiro e no Campo de Fútbol Novo Municipal. Ao longo da mañá
desputaranse 54 partidos entre as categorías M6, M8, M10 e M12, e contará coa
participación dos seguintes 14 clubes das catro provincias galegas: Vigo R.C, CRAT,
Muralla RC, Pontevedra R.C., C.R. Ferrol, Ingleses R.C., Asociación Valentes, Ourense R.C.,
C.R. Lalín, E.R. Asterix Viveiro, C.R. Fendetestas, CD Zalaeta, Mareantes RCP e Capóns RC.
Paralelamente, haberá obradoiros nos que poderán participar os escolares da Estrada.
Xunto ao alcalde participaron na presentación o presidente da Federación Galega de
Rugby, Ignacio Cociña; e a vicepresidenta da Federación Galega de Rugby, Rocío García.
Cociña agradeceu ao Concello as facilidades para poder celebrar eventos coma este e
amosou o seu compromiso para que “no prazo máis curto posible a escola municipal de
rugby da Estrada sexa unha realidade”. Ao remate da súa intervención, Cociña obsequiou
ao alcalde da Estrada cunha garabata como mostra de agradecemento.
Pola súa banda, Rocío García avanzou que o proxecto, que comeza con esta
concentración de escolas na Estrada, tamén rematará na vila coa celebración do Torneo
Internacional Galicia-Norte de Portugal nas instalacións deportivas do Concello o 29 de
outubro.
Despois da presentación, os participantes acompañaron a preto de 50 escolares durante
a representación dunha “melé dos valores” na Praza do Concello, coa que a Federación
Galega de Rugby puxo punto e final ás actividades que realizaron no CEIP Pérez Viondi,
CEIP de Figueiroa e no Colexio Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes ao longo de dúas
semanas, co obxectivo de trasladarlles aos máis cativos os valores deste deporte.

Publicado en Portada | Deja un comentario

López celebra o “éxito colectivo” da Feira da Sidra
e valora mudar a súa ubicación á Praza da Feira

O alcalde da Estrada, José López, fixo balance esta mañá
da IX edición da Feira da Sidra, que tivo lugar o 4 de xuño na Praza do Concello e
“desbordou as expectativas máis ambiciosas” conseguindo un “éxito colectivo” ao xuntar
a milleiros de persoas e esgotar as provisións de vasos e de sidra.
O rexedor local quixo felicitar e agradecer tanto á organización como a cada un dos
expositores o seu apoio a esta iniciativa “dende o primeiro momento”, e sinalou o
compromiso do Concello da Estrada para que esta celebración continúe evolucionando
coma “un dos referentes das festas gastronómicas de Galicia”. López adiantou que de
cara ás vindeiras edicións estase a valorar “o cambio de ubicación da festa para a Praza
da Feira” aproveitando a súa recente humanización, que permitirá adaptar o espazo a
este tipo de eventos e “integralo coa carballeira”, aportando ademais un valor simbólico
moi importante.
O alcalde tamén destacou o impacto da Feira da Sidra entre a veciñanza da Estrada,
conseguindo reunir a xente de todas as idades, tanto do ámbito rural coma do urbano.
Esta celebración contribúe a “poñer en valor o sector primario”, explicou López, “nun
municipio predominantemente rural coma o noso” que soubo transformarse ata producir
hoxe en día máis de un millón e medio de quilos de mazá ecolóxica e transformalos en
sidra, con cinco lagares locais cunhas “producións importantes” que converten A Estrada
en “todo un referente”.
O obxectivo do goberno local, explicou o alcalde, é continuar mantendo o seu
compromiso cos produtores locais con iniciativas como a creación dun centro de apoio e
dinamización do sector primario na Estrada e a sinalización da Ruta da Sidra, proxectos
para os que se adicarán 400.000 euros dos fondos EDUSI e que estarán finalizados antes
do remate deste ano.
López fixo referencia tamén a outros eventos que coincidiron durante a fin de semana no
municipio como as finais autonómicas de minibasket e preminibasket, con máis de 3.000

Contacto: Santiago Cacheiro | santi.cacheiro@somoswecom.com | 698 19 63 10
participantes, que axudaron a que o pobo estivese “abarrotado” traducíndose na “mellor
fin de semana de facturación de toda a súa historia” para moitos locais da hostelaría
estradense, apuntou López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Alberto Ayala impartirá un obradoiro de
habilidades caninas na Estrada o 4 e o 5 de xuño

As instalacións da feira do gando de Guimarei acollerán
durante os días 4 e 5 de xuño un obradoiro de habilidades caninas impartido por Alberto
Ayala, que organiza a perruquería canina e tenda de mascotas estradense Catro Canciños
coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello da Estrada.
Ayala é o presidente da asociación AlPerroVerde, formador e adiestrador profesional,
ademais de ser coñecido por gañar un “talent show” da televisión cun dos seus cans
adoptados. A actividade tamén contará coa presenza de Olalla Vergara, educadora canina
e presidenta da asociación Villa Caótica, adicada ao rescate e a reinserción de cans
abandoados. Ambos ensinarán cómo reforzar o vínculo co can a través do adestramento
e da creación de novas habilidades.
A propietaria de Catro Canciños, María García, amosouse “moi contenta” coa acollida
desta primeira edición do obradoiro, “que ampliará a oferta de actividades do municipio”
durante a fin de semana, e destacou que “en apenas dous días” vendéronse todas as
entradas entre a veciñanza tanto para participar “cos seus cans” como para asistir de
oíntes.
O evento desenvolverase o sábado 4 de xuño de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas,
e o domingo 5 de xuño de 10.00 a 14.00 horas. Ademais, durante a tarde do sábado,
abrirase a actividade para que se achegue e participe todo aquel que o desexe.

Publicado en Portada | Deja un comentario

López celebra a futura mellora do vial Couso-Barcala
grazas á cooperación entre Concello e Deputación

2022. O alcalde da Estrada, José López, celebrou esta mañá que
o “traballo coordinado” e a “cooperación” entre o Concello da Estrada e a Deputación de
Pontevedra vaia materializarse “por fin” na mellora da seguridade viaria na EP-7007
Couso-San Miguel de Barcala, para a que o executivo provincial acaba de aprobar un
orzamento de 830.000 euros.
O rexedor local valorou estas obras, coas que a Deputación de Pontevedra actuará sobre
un treito de 2,3 quilómetros reforzando o firme da estrada e ampliando a vía para que
estea composta por dous carrís de 2,50 metros de ancho, beiravías e unha cuneta, como
un proxecto “moi ambicioso” xa que, engadiu, probablemente conte “cun dos peores
trazados” dos que se compoñen as estradas provinciais e circulan por ela unha gran
cantidade de vehículos que se desprazan diariamente cara Padrón.
Ademais, este proxecto “tan demandado pola veciñanza” conta coa dificultade engadida
de ter que encaixar as obras nos oito metros de dominio público dispoñibles froito da
concentración parcelaria, explicou López, aínda que grazas á “implicación de todos e cada
un dos veciños de Barcala”, que suman uns 150 afectados polo mal estado da estrada,
accederon a asinar un documento ante o Concello da Estrada a través do que, de ser
preciso, cederían de xeito gratuíto parte dos seus terreos para acometer a nova
infraestrutura.
López tamén se referiu ao inicio das actuacións, aínda sen fixar, e expresou o seu desexo
de que a Deputación axilice os trámites o máximo posible para poder licitar e executar as
obras canto antes e, deste xeito, “rematar co sufrimento dos usuarios/as”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

As finais autonómicas de minibasket e preminibasket
reunirán a 44 equipos na Estrada o 4 e o 5 de xuño

O alcalde da Estrada, José López, acompañou esta mañá
á secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto, Susana Fernández, e ao presidente
do EDM Baloncesto A Estrada, Alfonso Sanmartín, na presentación das fases finais
autonómicas de minibasket e preminibasket que acollerá A Estrada os días 4 e 5 de xuño
e que contarán coa participación de 44 equipos.
Na súa intervención, López quixo agradecer á Federación Galega de Baloncesto e ao EDM
Baloncesto a súa implicación para conseguir converter á Estrada na “capital galega do
minibasket” con eventos deportivos coma este, “un dos máis importantes no calendario
estradense”, que se vén celebrando “cun éxito absoluto” no noso municipio dende o ano
2014. Ademais, o rexedor local destacou o “importante retorno económico” que terá a
competición na Estrada, ao estimar que reunirá arredor de 3.000 persoas entre
deportistas, familiares e asistentes que, a maiores, este ano poderán gozar “como
actividade complementaria no noso Concello” da Feira da Sidra.
A competición, programada ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de abril entre
o Concello da Estrada e varias federacións galegas, desenvolverase nas tres pistas do
pavillón Manuel Coto Ferreiro de xeito simultáneo e empregarán a maiores a pista do
CEIP Figueiroa. Durante a fin de semana, de 9.30 a 19.30 horas, disputaranse 44 partidos
nos que se enfrontarán 44 equipos en total, 22 masculinos e 22 femininos, compostos
por nenos/as de entre 9 e 12 anos pertencentes á categoría preminibasket e á primeira
e segunda división de minibasket.
Pola súa banda, Susana Fernández agradeceu a colaboración “de todo o persoal do
Concello” para poder acoller aos deportistas da Federación “nunhas instalacións
fantásticas”. Neste eido, o alcalde avanzou que a próxima semana rematarán as obras de
acondicionamento da parcela da pista de atletismo para que ao longo do mes de xuño
poida dar comezo a construción das instalacións, o que permitirá que “A Estrada sexa un
referente do deporte a nivel autonómico”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello ultima a compra do terreo de Madeiras Chao
para sumar 7.200 metros cadrados de aparcadoiro

O alcalde da Estrada, José López, calificou esta mañá
como “unha noticia fantástica” que a Deputación de Pontevedra aprobara adicar 451.000
euros dentro do Plan Concellos para a adquisición por parte da administración local do
terreo situado a carón da Casa das Letras, que hai anos albergaba a empresa Madeiras
Chao, co obxectivo de aumentar o número de prazas de aparcamento arredor do
consistorio ata sumar unha superficie de 7.200 metros cadrados para esta finalidade –
xunto cos actuais terreos da Casa das Letras e do Teatro Principal-.
O rexedor local avanzou que nas vindeiras semanas volverá reunirse cos herdeiros do
inmoble “para poder materializar o proxecto canto antes” coa firma da compra. López
destacou que a súa adquisición permitirá continuar aumentando o número de prazas de
aparcamento habilitadas polo Concello, sumando 1.600 metros cadrados máis ás zonas
xa existentes e compensando deste xeito “a retirada da presenza de vehículos que supón
a recente humanización de varias rúas do casco urbano”.
Ademais, o alcalde sinalou que outro dos obxectivos é modificar o sistema de accesos e
saídas ao recinto para aumentar a súa seguridade. Ao mesmo tempo, tamén se valorará
a posibilidade de crear unha zona adicada a actividades ao aire libre que complementen
a oferta da Alameda, con “canchas de baloncesto ou skateboard para a mocidade”.
A longo prazo está contemplada tamén a adquisición do antigo edificio do INEM para
liberar toda a contorna do edificio da Casa das Letras, “de gran valor patrimonial e
arquitectónico”, coa finalidade de revalorizar a zona e deixar o frente da Avenida Benito
Vigo libre de edificacións para “gañar apertura e facilitar o seu desenvolvemento”,
apuntou López.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello organizará no MOME catro obradoiros
para reducir o estrés durante o mes de xuño

A Concellaría de Sanidade, que dirixe Óscar Rancaño,
programou catro obradoiros “Mindfulness” para aprender a combater e reducir o estrés
que se celebrarán durante o mes de xuño.
A actividade terá lugar os días 1, 8, 15 e 22 de xuño, ás 20.00 horas no MOME, e será
impartida pola especialista en reflexoloxía e instrutora de Mindfulness Ma Carmen
Matalobos Vidal.
Aquelas persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o 31 de maio no
enderezo electrónico sanidadeeturismo@aestrada.gal ou no teléfono 986 677 702.

Publicado en Portada | Deja un comentario