A Estrada acollerá a segunda edición do festival
O Son dos Arrieiros, de balde e con música na rúa

O alcalde da Estrada, José López, participou esta mañá na
presentación que tivo lugar no Teatro Principal da segunda edición do festival O Son dos
Arrieiros, enmarcado dentro dos Concertos do Xacobeo, que se celebrará os días 16, 17
e 18 de setembro e espallará a música de 21 artistas e grupos galegos polas rúas e prazas
do casco urbano estradense.
Na súa intervención, o rexedor local aplaudiu este “novo formato” que terá un
importante retorno na hostalería da Estrada e agradeceu a implicación da Xunta de
Galicia ao incluír este festival dentro da súa programación do Xacobeo 21-22 para poder
contar cun proxecto “diferente e propio”, que permitirá que a nosa vila se convirta na
“capital cultural de Galicia” durante esa fin de semana. Ademais, López amosou o seu
desexo de darlle continuidade a este festival nos vindeiros anos e destacou a súa
contribución para divulgar o Camiño da Geira e dos Arrieiros.
A entrada para O Son dos Arrieiros será de balde este ano e as actuacións programaranse
combinando os espazos que se están a humanizar na Estrada con outros coma o Teatro
Principal. O cartel desta edición inclúe os/as seguintes artistas e grupos musicais galegos:
Sleepy Spice, Berto, C Mirazo, Mundo Prestigio, The Rapants, Mariagrep, Youcanthide, A
Banda da Loba, Grima, Susana Seivane, Néboa, Ortiga, Treintañeras Cañeras, Allova, Copa
Turbo, The Blind Crows, Grande Amore, Kris K DJ, Catuxa Salom, Señora DJ e Caamaño &
Ameixeiras.
Ademais, durante a rolda de prensa avanzouse que a intención é encher de música e
actividades a xornada do sábado 17 de setembro dende a mañá á noite, para facilitar que


os visitantes se queden na Estrada durante a fin de semana, e dentro das actividades está
contemplada a celebración dunha sesión vermú.
Durante a presentación, o alcalde estivo acompañado da directora de Turismo de Galicia,
Nava Castro; e da xerente da produtora que organiza o festival, Patricia Hermida.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A X Nocturna Estradense volverá percorrer as
rúas do casco urbano o vindeiro 24 de xuño

O concelleiro de Deportes, Ismael Pena, presentou esta
mañá a X edición da carreira Nocturna Estradense, que volverá celebrarse na Estrada
baixo o nome de “Estranoite” o día 24 de xuño, despois de dous anos de parón pola
pandemia.
A actividade, organizada polo Departamento de Deportes do Concello e enmarcada nas
Festas do San Paio, dará comezo ás 21.00 horas para as categorías inferiores (nas que se
agrupan aqueles inscritos menores de 16 anos) e ás 23.00 horas para a proba absoluta. A
saída e a meta estarán situadas na rúa Calvo Sotelo e haberá tres circuítos diferentes que
discorrerán polas rúas do casco urbano da Estrada. Os/as corredores/as da proba
absoluta deberán dar dúas voltas ao percorrido ata completar oito quilómetros e, unha
vez na meta, haberá actuacións de dous grupos de rock aínda por determinar.
Poderán participar aquelas persoas, sexan ou non federadas, que pertenzan ás seguintes
categorías: Pitufos, Pre-Benxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Xuvenil, Junior,
Promesa, Sénior e Máster. Os/as interesados/as poderán inscribirse ata o día 21 de xuño
a través da páxina web www.emesports.es, cun límite de 600 inscritos na proba absoluta.
A inscrición será de balde para os escolares e terá un prezo de seis euros para o resto de
categorías.
Despois de realizar a proba, os/as corredores/as recibirán cadanseu obsequio
conmemorativo ata esgotar as existencias. Ademais, haberá premios para os tres
primeiros clasificados en todas as categorías e para o clube con maior número de
participantes inscritos. No caso dos gañadores da categoría absoluta masculina e
feminina, a maiores do trofeo recibirán o seu peso en botellas de sidra ecolóxica da
Estrada, grazas á colaboración da Asociación Maceira e Sidra.
Aqueles/as que teñan algunha dúbida con respecto á organización do evento poderán
chamar ao teléfono 986 570 030 ou mandar o seu correo ao enderezo electrónico
deportes@aestrada.gal

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Praza do Mercado reunirá a 30 acordeonistas
de seis escolas galegas o día 28 de maio

O Concello da Estrada, en colaboración coa escola da
agrupación estradense de baile tradicional Tequexetéldere, organizarán a primeira
edición do encontro de acordeóns “Teclas e Botóns”, que terá lugar o sábado 28 de maio
ás 19.00 horas na Praza do Mercado.
O mestre de acordeón da escola de Tequexetéldere, Suso Vaamonde, explicou durante a
presentación do espectáculo que o obxectivo é xuntar o alumnado de seis escolas
galegas, que vai “dende os 9 ata os máis de 70 anos de idade”, para que poñan en común
os seus coñecementos nunha actuación “conxunta e coordinada que agrupe ao
colectivo”.
O evento contará coa participación de 30 acordeonistas que interpretarán 12 temas do
folclore galego e terá unha duración aproximada dunha hora. Acompañarán aos
alumnos/as da Escola de Acordeón de Tequexetéldere os/as da Aula Permanente de
Música Tradicional, do Vicerreitorado do Campus de Pontevedra; o alumnado da Escola
Amigos da Música, de Salceda de Caselas; da Escola Municipal de Música e Baile
Tradicional do Concello de Outes; da Asociación Cultural “A Fuliada” de Betanzos; e da
Asociación Cultural “Hai que roelo”, de Cuntis.
Ademais, o acto contará coa colaboración do grupo de pandereteiras de Tequexetéldere,
que cantarán varios temas. En caso de chuvia, o evento trasladarase ao Teatro Principal
da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Durán remarca o seu compromiso cos praceiros da
Estrada e asegura estar en “contacto permanente”

o O edil de Promoción Económica destaca a oferta de actividades no Novo Mercado
impulsadas polo goberno local durante todo o ano
o O Concello da Estrada ten en marcha axudas para os/as praceiros/as como a
gratuidade da factura da luz ou do alugueiro do posto durante os primeiros meses

O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán,
asegurou hoxe estar “en contacto permanente” coa Asociación de Praceiros do Novo
Mercado (Apranome) e recalcou o compromiso do goberno local coa súa Praza de
Abastos, na que leva realizado programas divulgativos “moi ben recibidos entre os
postos” dende hai máis de cinco anos.
Óscar Durán recoñece que está a haber “unha problemática xeralizada” nos mercados
tradicionais, sobre todo “naqueles situados en localidades de interior”, e destaca que o
da Estrada goza de mellor saúde ca outros da comarca. Con todo, o sinala que “o Concello
leva investido moito no Novo Mercado” co obxectivo de dinamizar o espazo e atraer
visitantes.
Froito do investimento, o Novo Mercado está a ser o escenario de actividades como
demostracións culinarias, programas de promoción do consumo de proximidade ou feiras
que axuden á dinamización do espazo. Neste senso, o edil de Promoción Económica
anunciou que esta semana terá lugar unha Feira do Mel coa participación de escolares
para promover o consumo local e, no mes de xullo, acollerá a segunda edición da Feira
dos Berries, unha iniciativa pioneira en Galicia que supón unha importante promoción
para os/as produtores/as da zona.
Finalmente, Durán lembrou os beneficios que mantén o Concello para os praceiros e
praceiras coa finalidade aumentar a ocupación do Novo Mercado, que conta na
actualidade con oito postos ocupados e catro baleiros. Deste xeito, agora mesmo
calquera persoa interesada poderá abrir un posto de venda de xeito gratuito durante un
par de meses para que vexa se funciona o seu negocio, co compromiso de que participe
no próximo procedemento de licitación. Ademais, o Concello está a asumir os custos da
factura da luz de todos os postos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada convértese na capital galega do deporte
con case unha vintena de eventos ata o mes de xullo

As instalacións deportivas do Concello da Estrada
acollerán 16 eventos relacionados co deporte nos vindeiros dous meses, froito do
convenio asinado en abril coasfederacións galegas de balonmán, bádminton, baloncesto,
fútbol, rugbi e voleibol que, sumadas ás actividades xa programadas, supoñen un
importante impulso para a celebración de probas e a promoción da práctica do deporte
na Estrada.
Dende o Departamento de Deportes destacan o importante retorno económico que terá
este calendario deportivo na vila e calculan que entre os participantes, as familiares e os
asistentes, A Estrada poderá acoller unhas 6.000 persoas grazas á súa oferta deportiva.
O calendario de actividades organizadas pola Concellaría de Deportes nas vindeiras datas
son os seguintes: este domingo 23 de maio, o pavillón Coto Ferreiro acollerá a máis de
100 deportistas na IV Gala Infantil de Judo Base; o sábado 28 de maio haberá unha ruta
infantil de BTT; do 16 ao 19 de xuño o Concello organizará por primeira vez unha
competición de “Singletrack”; o 18 e o 19 de xuño celebrarase no pavillón Coto Ferreiro
o terceiro torneo de fútbol sala da U.D Estrada F.S.; e o 25 de xuño será a quenda do
Trofeo Ciclista Concello da Estrada.
Ademais, ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de abril entre o Concello e as
federacións, A Estrada contará coas seguinte sete novas citas deportivas ata o mes de
xullo: acollerá a fase final autonómica alevín de fútbol-8, o domingo 22 de maio; a
concentración das seleccións galegas de voleibol, os días 28 e 29 de maio; a
concentración da selección galega de minibasket, o 29 de maio; as fases finais
autonómicas de minibasket e preminibasket, que reunirán arredor de 3.000 persoas e
para as que será necesario empregar as tres pistas do pavillón Manuel Coto Ferreiro e a
pista do CEIP Figueiroa, os días 4 e 5 de xuño; a concentración autonómica de rugbi no
campo de fútbol Manuel Regueiro, o 11 de xuño; a concentración da selección galega de
voleibol, os días 25 e 26 de xuño; e a concentración das seleccións autonómicas de
balonmán, os días 2 e 3 de xullo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Centro Dramático Galego rematará a súa xira
con catro funcións no Teatro Principal da Estrada

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, vén de facer
público que o Centro Dramático Galego (CDG) rematará a xira da súa obra “Ás oito da
tarde, cando morren as nais” con catro representacións na Estrada, dentro da
programación do Concello co gallo do 75 aniversario do Teatro Principal.
Durante a presentación do espectáculo, o edil de Cultura estivo acompañado do director
do Centro Dramático Galego, Fran Núñez. Na súa intervención, Juan Constenla convidou
á veciñanza a asistir a “unha das maiores estreas teatrais da tempada” e agradeceu a
colaboración do CDG para homenaxear o teatro estradense. Pola súa banda, Fran Núñez
quixo agradecer a invitación do Concello e destacou o importante retorno que terán as
representacións da obra no municipio, xa que “non sempre é posible asistir nunha vila a
un espectáculo destas dimensións”. Neste senso, explicou que se trata dun espectáculo
contemporáneo que xira arredor da figura do público e o seu texto, asinado por Avelina
Pérez, foi galardoado co premio Álvaro Cunqueiro.
A obra representarase no Teatro Principal durante os días 2, 3, 4 e 5 de xuño e será a
primeira vez que o Centro Dramático Galego realice un peche de xira fóra de Santiago. A
primeira función, o xoves 2 de xuño ás 10.00 horas, estará dirixida aos alumnos/as de
Secundaria e Bacharelato dos centros educativos da Estrada. O venres 3 e o sábado 4 de
xuño, haberá unha sesión ás 21.00 horas; e o domingo 5 de xuño celebrarase a última
representación ás 19.00 horas.
Aqueles que desexen asistir, poderán mercar as entradas a partir do luns 23 de maio en
horario de 9.00 a 14.00 horas no Departamento de Cultura do Concello, ou a través da
páxina web www.ataquilla.com. O prezo das entradas será de 5 euros, cun desconto do
40% para os seguintes colectivos: persoas xubiladas, maiores de 65 anos, xornalistas,
estudantes, usuarios do carné xove, persoas desempregadas, familias numerosas,
profesionais das artes escénicas e antigos alumnos da USC.

Para completar a promoción do evento, o Centro Dramático Galego colocará manteis co
cartel da obra nos locais hostaleiros estradenses. Ademais, proporcionará un servizo de
autobús para facilitar que se acheguen espectadores doutros puntos de Galicia ao Teatro
Principal da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada abrirá o luns o prazo para
inscribirse nos seus Campamentos de Verán

O Concello da Estrada manterá aberto dende o luns 23
de maio ata o vindeiro 10 de xuño o prazo para inscribirse nos Campamentos de Verán
que ofertará durante os meses de xullo, agosto e ata o 7 de setembro.
Os campamentos desenvolveranse por quincenas -agás no mes de setembro- e irán
dirixidos aos rapaces e rapazas con idades entre os 3 e os 12 anos. O horario das
actividades será de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres e terán lugar nas seguintes
instalacións: no eido rural, poderán participar 20 menores por quincena no CEIP de Oca,
CEIP do Foxo, CEIP Cabada Vazquez e CEIP Manuel Villar Paramá; e no casco urbano, cada
quincena haberá 40 prazas dispoñibles no CEIP Pérez Viondi.
O prezo da inscrición será de 35 euros por participante e quincena durante os meses de
xullo e agosto, e de 25 euros durante os días de setembro. Ademais, haberá un desconto
do 20% para o segundo membro da unidade familiar que se apunte e será de balde a
partir do terceiro.
As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes de xeito presencial, no
Departamento de Servizos Sociais do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou a
través da sede electrónica do Concello da Estrada. As solicitudes deberán ir acompañadas
da seguinte documentación: DNI do neno/a; DNI dos proxenitores ou, se é o caso, dos
representantes legais; unha fotocopia do xustificante de ocupación laboral (valerá coas
dúas últimas nóminas, co certificado de vida laboral ou, no caso de ser traballadores por
conta propia, co último recibo da Seguridade Social); unha fotocopia da declaración do
IRPF dos proxenitores; e a maiores, aqueles que soliciten a bonificación polo segundo ou
terceiro irmán participante deberán presentar o Libro de Familia.
No caso de que o número de solicitudes supere ao de prazas ofertadas, terán preferencia
no momento da inscrición os menores que estean empadroados no Concello da Estrada
e aquelas familias con rendas máis baixas.

Publicado en Portada | Deja un comentario