
Os alumnos e profesores da FP Dual de Instalacións e Amobdamientos, do instituto Antón Losada Diéguez, entregarón esta tarde as (17:45 horas) o valado de protección e o mobiliario de almacenamento da escola infantil A Galiña Azul, na Estrada acompañados pola concelleira de asuntos sociais Amalia Goldar. Os 11 estudantes realizan agora prácticas na empresa Martínez otero Contract, coa que o centro educativo asinou un convenio.
ENTREGA DE MOBILARIO Á ESCOLA INFANTIL A GALIÑA AZUL
Comeza o certame de danza 6 Coreógrafas con grande expectación de público
Mañá venres, ás 19.30 h, o solo de Clara Ferrao Miñaxoia erguerá o pano do festival de danza 6 Coreógrafas que converterá a vila da Estrada na capital galega da danza durante toda esta fin de semana.
Miñaxoia foi galardoado co Premio á mellor intérprete no Festival La Espiral Contemporánea de Santander, o Premio do público no Certame de Artes de Corpo Doutras de Ourense e o Premio á mellor intérprete en DZM Diálogos Contemporáneos de Cáceres.
A actuación de Clara Ferrao, emprazada na Alameda Municipal, desprazaríase ao Novo Mercado en caso de choiva.
Os espectáculos de interior comezarán ás 20.30 h co espectáculo de Marta Alonso Bailar agora, un espectáculo de danza física e linguaxe humorística feito en coprodución co Centro Coreográfico Galego.
Sinalar, por último, que as entradas para o espectáculo do sábado de Paula Quintas Plastic, agotou xa as súas localidades. Para o do domingo, O raro é que bailar sexa raro, de Andrea Quintana, quedan apenas 20 convites por repartir. Mañá seguirán despachándose no departamento de Cultura do Concello.
BNG da Estrada e Cerdedo-Cotobade presentan unha alegación conxunta ao parque eólico do Campo das Rosas
A semana pasada o BNG da Estrada e de Cerdedo-Cotobade presentamos alegacións ao parque eólico que ten proxectado construír a empresa Naturgy no Campo das Rosas entre ambos concellos e tamén Campolameiro. No día de onte, a concelleira do BNG da Estrada, Susana Camba, acompañada polo responsábel local, Víctor Pousada, así como o concelleiro do BNG de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, e o responsábel local desta localidade, Anxo Santomé, desprazáronse até Sabucedo para escenificar o rexeitamento que este parque eólico provoca nos veciños e veciñas dos concellos afectados.
O BNG foi sempre partidario de impulsar as enerxías renovábeis -entre as que se atopa a eólica- partindo de dúas premisas básicas: o coidado do medio e que os beneficios redunden na cidadanía e no desenvolvemento económico dos concellos rurais.
Ningunha destas premisas básicas concorren neste proxecto, que responde máis ben a un modelo depredador e espoliador dos nosos recursos para beneficio única e exclusivamente das compañías eléctricas, que é polo que apostan tanto a Xunta como o goberno do Estado.
Para facilitar o espolio, a Xunta non dubida en actuar de xeito fraudulento recorrendo á fragmentación artificiosa, a efectos de impacto ambiental, das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais, evitando que a cidadanía poida participar na avaliación sinérxica, conxunta, sumativa e global dos impactos ambientais derivados do conxunto das infraestruturas do que ven a ser, na praxe, un único proxecto industrial. Teñamos en conta que nun espazo pequeno do territorio aglomeraríanse os parques eólicos de Campo das Rosas, Cabanelas, Monte de Arca, As Penizas, Pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñán III, co conseguinte impacto sobre a paisaxe e perda de biodiversidade que supón a construción de todas as infraestruturas necesarias para dar servizo a estes parques.
Por se fose pouco, o Campo das Rosas está situado a escasos metros dos núcleos de Insuela, Tresaldeas, Caneda e Cuíña entre os concello da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, o que supón un atentado á habitabilidade destes núcleos.
Forte impacto sobre a Rapa das Bestas
En canto o aspecto ambiental, o proxecto supón unha vulneración flagrante da directiva europea para a conservación de hábitats naturais e de fauna e flora silvestre, con afectación severa a lagoas de montaña, brañas, hábitats prioritarios como carballeiras e uceiras, e avifauna moi rica, ademais dos cabalos salvaxes que pastan nesta zona e que teñen unha importancia notábel a nivel social, cultural, patrimonial e turístico, coa celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo. Este é evento ten unha grande transcendencia no noso concello, unha festa que se vén celebrando desde aproximadamente o século XVIII e desde 2007 catalogada como festa de interese turístico.
Ademais, o proxecto de impacto presentado obvia a afectación ao rico patrimonio arqueolóxico catalogado existente na zona.
No que atinxe ao aspecto urbanístico dos tres concellos aos que afecta este parque eólico asentarase en chan catalogado «chan rústico de espazos naturais» (A Estrada), «chan rústico de protección forestal e chan rústico de protección de augas» (Cerdedo-Cotobade) e «chan non urbanizábel» (Campo Lameiro) , e non se contempla que estes solos acollan instalacións deste tipo nin de instalacións anexas. Isto supón unha grave vulneración da ordenanza reguladora dos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, cuxa instalación impediría o uso gandeiro e forestal e de preservación do medio para o que están concibidas estas catalogacións.
Para o BNG é preciso un cambio de modelo e un novo plan sectorial eólico que exclúa realmente as zonas de alto valor ambiental e con garantías de participación pública dos beneficios do sector.
O problema non é a enerxía eólica, é o xeito no que se están a realizar os proxectos de maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a zonas de grande valor ecolóxico e medioambiental, regalando o espazo público e a paisaxe natural a grandes compañías foráneas a cambio de irrisorias compensacións.
O BNG aposta polo desenvolvemento eólico, un desenvolvemento racional e fixado no país, pero neste momento, vivimos un descontrol eólico no que priman os intereses das eléctricas usando un marco legal obsoleto, cunha planificación de 1997, sen garantir tratos xustos aos propietarios das terras, sen negociación e sen protexer as áreas de valor ambiental.
A XUNTA ASINA CO CONCELLO DA ESTRADA O PROTOCOLO PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO EDIFICIO XUDICIAL DA ESTRADA
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso
Rueda, asinou hoxe co alcalde da Estrada, José López, o protocolo de colaboración para a
construción do novo edificio xudicial onde se unificarán os dous xulgados de 1ª Instancia e
Instrución do municipio, e que ademais contará con espazo para atender as necesidades de
novas unidades nos próximos anos. Tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en
Pontevedra, Luís López.
A Xunta reservou no orzamento deste ano 60.000 euros para a redacción do proxecto e o
inicio dos traballos do novo edificio xudicial, ubicado nunha parcela cedida polo concello.
Alfonso Rueda indicou a importancia desta obra para rematar coa dispersión xudicial e
garantir un servizo de calidade aos 24.000 habitantes deste partido xudicial. “O obxectivo do
Plan de Infraestruturas Xudiciais é modernizar pero tamén unificar os servizos xudiciais que
hai en Galicia, como pasa aquí na Estrada, onde os dous xulgados están en espazos
diferentes”. O vicepresidente primeiro asegurou que as actuacións vanse facer logo de falar
cos traballadores. “Reuniremos cos eles, escoitaremos as súas suxestións e trataremos de
incorporalas, porque a súa opinión é importante”.
O Goberno galego investiu nos últimos anos máis de 115 millóns de euros no Plan de
Infraestruturas Xudiciais, con actuacións fundamentais nas sedes xudiciais galegas co
obxectivo de mellorar as instalacións existentes e prever ás necesidades estruturais da
planta xudicial galega. O Plan culminará este ano coa posta en marcha da Cidade de
Xustiza de Vigo, que conta cun investimento de 42 millóns de euros.
As últimas actuacións pendentes desta obra, a maior dentro do Plan de Infraestruturas
Xudiciais, inclúense nos orzamentos deste ano da Xunta para a Administración de Xustiza.
O Goberno galego destinará este exercicio 134 millóns de euros, un 4,4% máis que en 2020,
a rematar a Cidade da Xustiza, ou ao inicio deste novo edificio xudicial na Estrada e dunha
sede propia do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela.
Ademais, avanzarase na modernización da xustiza xunto coa Amtega, e estase a dotar do
persoal necesario para os novos xulgados postos en marcha para axilizar a actividade
xudicial tras a crise derivada da pandemia do coronavirus.
Novo camión de emerxencias
Por outra parte, o vicepresidente primeiro fixo entrega ao concello dun camión autobomba
urbana lixeira estreito destinado aos servizos de emerxencias para as súas intervencións de
salvamento e contraincendios en zonas estreitas en núcleos rurais polas que non poden
circular vehículos máis grandes.
O novo vehículo, cun custe de 150.000 euros, conta cunha cisterna de 1.100 litros, o que
supón unha cantidade de auga suficiente para afrontar unha primeira intervención nun lume
urbano neste tipo de zonas de difícil acceso.
Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego continúa así co seu compromiso para dotar
aos servizos de emerxencias do equipamento necesario, cun importante investimento nos
últimos anos que supera os 15,3 millóns de euros. Deste xeito, a Administración autonómica
colabora coas entidades locais para que a atención ante calquera incidencia sexa áxil e
eficiente.
O parque eólico de Castrovalente chega ao Parlamento da man do BNG
Galiza está a sufrir unha tremenda onda expansiva de parques eólicos da que o concello da Estrada non está exenta. Desde o Campo das Rosas, monte de Arca, monte da Rocha (xa en funcionamento) até o monte de Castrovalente.
Castro Valente é un dos puntos de impacto. Situado no extremo noroeste do concello da Estrada, á beira do río Ulla, comparte fronteira co concello de Padrón, e a parte de ser un espazo de indubidábel beleza paisaxística, é unha área de interese arqueolóxica, que está sendo investigada pola Universidade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
Mais, a pesar do intereses histórico e paisaxístico, Castelovalente tamén está no obxectivo das grandes empresas eléctricas, xa que hai un proxecto en marcha para a instalación dun parque eólico: Lamentabelmente, unha vez máis, esta agresión non está tendo resposta por parte dos goberno municipais da Estrada e de Padrón.
Porén este xoves 15 de abril, dentro dunha campaña do BNG en defensa dos intereses do noso País, o deputado Luís Bará e as deputadas Iria Carrera e Montse Prado, acompañados pola nosa concelleira, Susana Camba, así como pola concelleira do BNG Padrón, desprazáronse a Castrovalente para facer un chamamento e denunciar o espolio dos nosos recursos Galiza por parte das grandes multinacionais enerxéticas.
Luis Bará resaltou «a devastación e o grave impacto que supón a implantación destes parques eólicos, ao igual que as liñas de alta tensión, nestes enclaves únicos con tanta riqueza natural e patrimonial». Tamén remarcou que dende o BNG se seguirá a traballar, tanto no Parlamento Galego como nos Concellos afectados, na esixencia de proxectos xustos, sustentábeis e respectuosos co territorio e coas comunidades locais.
Pola súa parte a concelleira do BNG da Estrada, Susana Camba, explicou que «Castrovalente é un espazo que merece ser posto en valor, non só por cuestións paisaxísticas deste enclave, situado aos pés do río Ulla, senón polo patrimonial; o noso concello está sementado de numerosos castros, mais en ningún caso o concello pon o máis mínimo intereses neles, deixándoos esmorecer ou, o que é peor, permitindo coa súa pasividade que sexa pasto de empresas depredadoras que non xeran ningún retorno económico o noso concello».
SEIS COREÓGRAFAS » UN PROGRAMA DE DANZA DE CREADORAS GALEGAS PARA A ESTRADA»

Desenvólvese entre 2020 e 2021 con actividades de difusión da danza para todos os públicos.
No 2020 Paula Quintas reactivou os seus espectáculos SET e Plastic con sendas residencias no
Teatro Principal co obxectivo de afrontar as xiras previstas para este ano tras o período de
inactividade provocado pola COVID19: Viladecans, Sevilla, Olot, Narón, Cedeira, Bilbao, Ciudad
Real, … 6coreógrafas forma parte do proxecto de reactivación, sendo o programa para o 2021,
unha mostra de 6 espectáculos de creadoras galegas en formato de solos, tanto de rúa como
escénicos e arroupados con debates co público e obradoiros.
O proxecto permite coñecer e recoñecer espectáculos de danza actuais en diversos formatos a
través da exhibición, coñecer os procesos a través dos coloquios posteriores ás funcións e tomar
contacto cos materiais coreográficos a través dos obradoiros. O motor polo que nos traslada a
realizar este proxecto, xorde da necesidade de visibilizar o traballo das creadoras galegas co fin
de achegar a danza contemporánea a un público xeral, dende o achegamento interno como
externo, dende a participación en formato de obradoiros ata a exhibición como experiencia
artística-estética para o público.
Galicia conta con multitude de creadoras en continuo crecemento tanto persoal como
profesional. Estas seis coreógrafas e bailarinas son un boa mostra. Todas traballan o discurso
dos seus proxectos a través do movemento usando o seu corpo como o lugar da creación.
Desde o concepto do feminino os seus traballos como materia conceptual e a súa estratexia non
é outra que a procura constante do que a danza lles suxire para levala ao lugar que lle
corresponde nas artes escénicas.
O programa 6 coreógrafas foi creado para compartir e celebrar o día Internacional da danza 2021
co apoio de Agadic · Xacobeo 2021 · Xunta de Galicia, o Concello da Estrada e Galicia Danza
Contemporánea, así como as seis coreógrafas convidadas: Alejandra Balboa, Clara Ferrao,
Begoña Cuquejo, Marta Alonso, Andrea Quintana e Paula Quintas, presentando discursos moi
diferentes entorno ao corpo en movemento e expresión onde se canalizan en diferentes puntos
de vista sobre conceptos universais e transversais.
Resumo do programa 2021:
Sábado 17 de abril
Obradoiros para varios grupos.
Venres 23 de abril
19:30h. Alameda Municipal. Miñaxoia de Clara Ferrao
20:30h. Teatro Principal. Bailar Agora de Marta Alonso Tejada
Sábado 24 de abril
19:30h. Alameda Municipal. CASTR@ de Begoña Cuquejo
20:30h. Teatro Principal. Plastic de Paula Quintas.
Domingo 25 de abril
19:00h. Alameda Municipal. Vertebrata de Alejandra Balboa
20:00h. Teatro Principal. O raro é que bailar sexa raro de Colectivo Vacaburra – Andrea Quintana.
O BNG propón no Parlamento que a Xunta converta o antigo centro de saúde nun centro de día
Desde o BNG da Estrada levamos pedindo desde 2017 que o antigo centro de saúde, localizado na Avenida de Santiago, se reconverta nun centro de día. Sen embargo, no goberno municipal do PP aínda non teñen claro que uso darlle nin como van facer para conseguir a cesión ou a venda deste inmóbel a un prezo asequíbel situado no centro da vila, que pertencen o Ministerio de Traballo.
No BNG seguimos reiterando a nosa aposta por converter este espazo nun centro de día, e nese sentido, a nosa deputada no Parlamento Galego, Montse Prado, presentou unha iniciativa para que a Xunta de Galiza negocie directamente co Estado a cesión ou venda do antigo centro de saúde para convertelo nun centro de día, que vaia máis alá do apaño posto en marcha polo goberno municipal na praza de abastos, xa que entendemos que non cubre a demanda existente no noso concello.
Hai que ter en conta que segundo o IGE no noso concello había en 2020 5.637 persoas que tiñan máis de 65 anos, un 28% do total, das cales 1.143 tiñan máis de 85 anos. A isto hai que engadirlle a maiores que hai 2.237 persoas no noso concello con distinto grao de dependencia, segundo os datos da propia Xunta. Con estes datos fica claro que o actual centro de día da praza de abasto non é suficiente, xa que só ofrece 20 prazas a xornada completa e 40 a xornada partida.
Neste asunto o PP da Estrada volve a demostrar a súa falta de iniciativa e de ideas para o noso concello. Era sabido que ese espazo ía quedar baleiro, mais o alcalde e o grupo de goberno aínda hoxe non saben que uso darlle ao antigo centro de saúde. Mais desde o BNG reiteramos a nosa aposta por un centro de día.
Por outra parte, esta falta de iniciativa do goberno do PP volve deixar tirados aos veciños e veciñas da Avenida de Santiago. O centro de saúde era un elemento dinamizador dos negocios desta rúa, especialmente da hostalaría. Entendemos que o centro de día sería un balón de osíxeno nesta dinámica de desequilibrio que o PP está provocando na vila, sen importarlle investir en zonas urbanas máis favorecidas, deixando outras, coma neste caso, abocadas a esmorecer camiñando cara unha barriada residual na que comercio e hostalaría corran o risco de pechar.











































