A EMAE oferta 5 prazas a mulleres maiores de 18 anos para
participar nun obradoiro de danza contemporánea

Comprácenos comunicarvos que a Escola Municipal de Artes
Escénicas oferta 5 prazas para participar nun obradoiro de
iniciación á danza contemporánea dirixido a mulleres maiores de
18 anos.

O dito obradoiro realizarase este vindeiro sábado entre as 18.00 h
e as 19.45 h no Teatro Principal, un obradoiro que precede ao
Festival de Danza Contemporánea que se celebrará na vila a finais
da semana próxima.

Para participar neste obradoiro, que estará impartido pola bailarina
da compañía Traspediante, Paula Quintas, haberá que anotarse no
departamento de Cultura do Concello ou chamar ao teléfono
986573601.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada e de Teo levan ao Parlamento Galego a retirada do proxecto de ampliación da AG-59

Desde o BNG da Estrada e de Teo consideramos que o proxecto de ampliación da AG-59 ao seu paso por ambos os dous concellos é unha agresión en toda regra ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e etnográfico, así como os nosos sectores produtivos, e merece ser retirado. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse prado, presentará nos vindeiros días unha iniciativa neste sentido, pedindo á Xunta a retirada do proxecto que trae máis problemas que beneficios a ambos concellos. Arrasar fincas, espazos naturais e patrimoniais non é o mellor xeito de traballar por un rural vivo e con futuro.

Montse Prado visitou na tarde de onte a zona pola que transcorrerá a autovía AG-59 entre Couso e Vilacriste, no concello da Estrada. A deputada estivo acompañada pola concelleira do BNG da Estrada, Susana Camba, e polo concelleiro do BNG de Teo, Manuel Barreiro, así como membros da asociación A Xesteira de Couso. Montse Prado percorreu unha parte da ruta dos muíños de Vea, aberta pola asociación e sufragada con fondos europeos, da Xunta e do Estado para súa posta en valor, amosando especial interese na zona concreta pola que a autovía atravesará o río Vea arrasando dous dos muíños do roteiro.

Toda a ribeira do Ulla que descorre polos concellos da Estrada e Teo está inserida no sistema fluvial Ulla-Deza da Rede Natura 2000, e a maiores o río Vea, desde o lugar de Cardelle até a desembocadura no Ulla, así como río Liñares, desde Pina até o citado río. Porén, a Consellaría de Infraestruturas elaborou o proxecto de ampliación da AG-59 desde a Ramallosa (concello de Teo) até o Rollo (concello da Estrada), cunha autovía que atravesa o río Ulla cun viaduto de 40 metros e catro carrís, e o río Vea, con outro pequeno viaduto, ambos incluídos na Rede Natura 2000.

A ampliación da AG-59 discorre por un espazo protexido no que se concentra vexetación autóctona como carballos, ameneiros e freixos, e tamén fauna como salmón, troita, lamprea, parrulos, morcegos ou mexillón de río entre outras especies. Por outra parte, o trazado tamén afecta gravemente a patrimonio etnográfico de enorme importancia cultural, como os Muíños do Vea, posto en valor pola asociación A Xesteira de Couso, sufragado con fondos europeos, da Xunta e do Estado. Ademais arrasa terreos agrarios en ambos os dous concellos, en especial en Cora onde se concentran varias explotacións agro-gandeiras, que verán diminuído as terras de cultivo. Por outra parte, este proxecto de autovía deseñado pola Xunta do PP, divide parroquias, afectando gravemente á habitabilidade destas, xa que discorre moi preto das casas, como por exemplo no Rollo, onde remata a autovía.

Por outra parte, o deseño deste proxecto non está pensando para dinamizar a economía de ambos concellos, ao contrario, está deseñado para acurtar o tempo de desprazamento a Santiago de Compostela, onde se atopan grandes centros comerciais, o que afectaría gravemente á economía local da Estrada e de Teo.

Tamén se verá afectado o Camiño da Geira e dos Arrieiros que vén de Braga (Portugal) até Santiago Compostela, camiño que foi posto en valor pola asociación Codeseda Viva, que logo dun intenso traballo de documentación demostrou que ten a súa orixe no século IX.

Como xa informamos nas pasadas semanas, desde o BNG presentamos unha serie de alegacións ao proxecto, do que aínda non temos resposta, no que detallamos todas estas cuestións que lle trasladamos á deputada Montse Prado. Por outra parte, tamén elevamos unha pregunta á Comisión Europea pola agresión que supón este proxecto á Rede Natura é a filosofía dos fondos FEADER, que se utilizaron para a posta en valor do roteiro e dos muíños do Río Vea.
 
Ademais visitaron a contorna da Ponte de Pontevea para a que o BNG impulsou a declaración de Ben de Interese Cultural. Esta reclamación histórica do bloque non se fixo coa idea de que ficara só nun papel, senón para darlle unha maior proxección á zona da ponte e á rio Ulla ao seu paso por este fermoso enclave que une ambos concellos. O BNG demanda  a posta en marcha dun plan integral de rehabilitación, que realce e protexa este ben cultural e patrimonial e esiximos que se valore axeitadamente a Ponte e a súa contorna como elemento turístico, cultural e social, que se actúe na súa conservación e mantemento e que se dinamice con fins de aproveitamento tanto por parte da veciñanza coma dos visitantes.
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

O PSOE ESIXE MELLORAS NA LIMPEZA DO CASCO URBANO E NA CONSERVACIÓN DOS PARQUES INFANTÍS NAS PARROQUIAS

O PSOE local esixiu no pleno de onte melloras na limpeza do
casco urbano da Estrada así nas zonas públicas do rural. O líder socialista
solicitoulle ao goberno local que se comece a preocupar polo estado de
conservación das rúas da vila.
Luis López Bueno referiuse ás declaracións do Concelleiro de urbanismo
sobre as pintadas para destacar o “pasotismo” do goberno local respecto á
imaxe que dá o casco urbano. De feito a vila atópase repleta de beirarrúas
levantadas e sen baldear dende hai meses, pintadas, e unha preocupante
ausencia de hixiene nos espazos de xogos dos xardíns municipais.
O voceiro socialista culpa ao goberno pola súa absoluta falta de interese no
coidado das rúas da vila. López Bueno afirma que as declaracións de
Gonzalo Louzao foron “reveladoras” sobre a postura do goberno a este
respecto. Considera “vergoñento” que se intente colar un argumento
económico para xustificar que non se limpen as pintadas.
De feito o socialista pídelle a Louzao que se moleste máis en elaborar
“escusas cribles” para xustificar a súa falta de traballo e menos explicacións
sobre a ordenanza de ornato: “a ninguén se lle escapa que o concello ten
capacidade de sobra para eliminar as pintadas e reparar as beirarrúas, pero
os veciños e veciñas xa sabemos que a eiva máis grave deste goberno do
PP é precisamente facer as xestións normais de calquera Concello”.
López Bueno valora que existe unha situación de descoido xeral no casco
urbano pero recoñece que é aínda máis grave nas parroquias, onde existen
elementos que “levan anos abandonados” como multitude de fontes que
foran restauradas no mandato de Dono e zonas de xogo que se atopan
invadidas pola maleza sen que o PP actúe.
O líder socialista ve unha absoluta despreocupación do PP e louva a
iniciativa de multitude de veciños e veciñas que asumen esas tarefas “de
forma desinteresada” e “suplindo as obrigas do goberno municipal”. A este
respecto recorda que hai escasos meses a Asociación Ocionautas repuxo os
actos vandálicos na Fonte de Leicures, e que as asociacións de Mulleres se
ocupan do entorno das Escolas Unitarias (como aconteceu hai escasas tres
semanas en San Miguel de Castro, por exemplo).
López Bueno agradece ese traballo pero destaca que “é o goberno o que
debería ocuparse de realizalos” e por iso instou no pleno de onte a “axilizar
a contratación dunha brigada de mantemento” da que actualmente carece o

Concello, e a contratar máis persoal para asumir a carga de traballo do
casco urbano. Insistiu en que estas cuestións se tratan de xestións
ordinarias que debería realizar o Concello e volveu a poñer sobre a mesa a
necesidade dun Plan de Mantemento de Infraestruturas para avaliar as
necesidades reais do servizo e programar moitas das tarefas de
conservación nos espazos públicos da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Jesús Palmou recibe o premio Abadesa Mariana en A Estrada







O presidente da Academia Xacobea, o estradense Jesús Palmou, foi o primeiro en ter nas súas mans un dos premios Abadesa Mariana outorgados polo citado grupo. Dixo facelo cun "enorme agradecemento" pero tamén co desexo de expresar publicamente os seus máis sinceros parabéns a Codeseda Viva "polo extraordinario traballo para poñer no mapa esta importante e histórica ruta de peregrinación entre Braga e Santiago de Compostela".

Palmou remarcou que o aval eclesiástico e a documentación deste camiño permitirá á administración galega realizar o recoñecemento. "Todos sabemos que se está traballando nesa liña", dixo.
Publicado en Portada | Deja un comentario

FABIOLA GARCÍA ANIMA ÁS ESCOLAS INFANTÍS A APOSTAR POLA TECNOLOXÍA PARA COMPLEMENTAR A APRENDIZAXE DOS MÁIS PEQUENOS

A conselleira de Política Social, Fabiola García, animou ás escolas infantís a apostar pola tecnoloxía para complementar a aprendizaxe dos máis pequenos durante unha visita á escola infantil Elfos, na Estrada, na que estivo acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López. Alí puido coñecer a Dumy, un robot social e educativo que adquiriu o centro para reproducir música, aprender idiomas e ler contos aos nenos.

 

O Goberno galego apoiou esta iniciativa a través da orde de axudas para mellorar as infraestruturas e o equipamento das escolas infantís de iniciativa social que o ano pasado repartiu máis de 400.000 euros entre diferentes centros. A conselleira lembrou que ademais destas axudas, Galicia converteuse en pioneira no eido educativo por medidas como a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos e a creación de casas niño

Publicado en Portada | Deja un comentario

O I PREMIO ALBERTE QUIÑOI XA TEN GAÑADORA

O I Premio Alberte Quiñoi para álbum ilustrado, que convova o Concello de A Estrada, xa ten gañadora.

Reunido hoxe o xurado na casa consistorial para avaliar a trintena de obras presentadas, decidiu adxudicar por unamidade o premio desta primeira edición a Gloria Gómez Pavía pola obra presentada baixo o título » Eva, a carteira espacial».

O premio conta cunha dotación de 2000 euros e a publicación da obra a cargo de Galaxia Editorial.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL ABRE PRAZO DE SOLICITUDE A PARTIR DO LÚNS 5 DE ABRIL

A EIM DO CONCELLO DE A ESTRADA INFORMA QUE A PARTIRES DO 1 DE ABRIL ATA O 15, ABRIRASE O PRAZO PARA SOLICITUDE DE PRAZA NAS ESCOLAN INFANTIS.

DEBIDO A QUE  OS DIAS 1 E 2 DE ABRIL CAEN NOS FESTIVOS DE SEMANASANTA, O PRAZO COMENZARÁ A CONTAR DENDE O DIA 5 DE ABRIL.

 

AS PERSOAS INTERESADAS EN SOLICITAR PRAZA DE NOVO INGRESO NA EIM PODERÁ COLLER O IMPRESO DE SOLICITUDE NA PROPIA ESCOLA INFANTIL, PARA A SUA POSTERIOR ENTREGA COA DOCUMENTACIÓN QUE SE SOLCITA E QUE XA CONSTA NA PROPIA SOLICITUDE.

PARA CALQUERA INFORMACION PODERÁSE CHAMAR O TELEFONO DA EIM 986 57 05 63

 

UNHA VEZ CERRADO O PRAZO CAS SOLICITUDES PRESENTADAS, SE FARÁ UNHA COMISION QUE EVALUARÁ AS SOLICITUDES, QUE SERÁN PUBLICADAS NUNHA LISTA COAS SOLICITUDES QUE SEXAN ADMITIDAS, QUE SE NON SE PRESENTAN ALEGACIÓNS SE ELEVARÁN A DEFINITIVAS.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario