O BNG da Estrada insta ao concello da Estrada a cambiar con urxencia a tapa dos sumidoiros que hai nos Bolos

 

O BNG da Estrada insta ao concello da Estrada a cambiar con urxencia a tapa dos sumidoiros que hai nos Bolos (Lagartóns), xa que pode causar graves feridas a calquera persoa que pase por alí. A tapa está situada na beirarrúa da N-640 e está rota, o que supón un perigo evidente para os veciños e veciñas da contorna.

Desde o BNG instamos ao goberno municipal do PP a atender mellor as necesidades da periferia da vila e do rural, non só as do centro da vila, onde volve a actuar e outra vez sobre os mesmos espazos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG RECLÁMALLE AO GOBERNO DE LÓPEZ QUE FAGA UN MANTEMENTO SERIO DO ALUMEADO DA RÚA CALVO SOTELO

O BNG insta ao goberno do sr. López a que en lugar de soltar globos sonda sobre proxectos que agora mesmo non son prioritarios con respecto á rúa principal da vila, convén que se preocupe máis do mantemento necesario das infraestruturas existentes, que independentemente da súa suficiencia ou precariedade en canto ao seu volume, si que moitas delas se atopan nun estado pouco menos que de abandono.

Tócalle neste caso ao alumeado da rúa Calvo Sotelo.

Susana Camba, voceira nacionalista denuncia que o cambio a alumeado led que se levou a cabo nesta céntrica rúa, deixou sen  arranxar precisamente as farolas avariadas. Ademais, o concello tampouco repuxo as farolas rotas ao longo dos últimos anos en distintos incidentes.

Hai dinámicas que o BNG considera inexplicables e que só se entenden desde un traballo municipal sen planificación nin identificación dos problemas.

Desde o BNG instamos por enésima vez ao goberno do Sr. López para que se tome en serio xa dunha vez o mantemento das infraestruturas e servizos a que teñen dereito os veciños e veciñas, mantemento ao que as responsabilidades contraídas nas urnas obrigan ao Sr. López e o seu goberno.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PSOE URXE O REFORZO DO MANTEMENTO E FIRME ANTIDESLIZANTE NA PO-841 ENTRE TOEDO E O ROLLO

 

O PSOE da Estrada urxe o reforzo do mantemento na
estrada A Estrada – Santiago. Luis López Bueno considera que o corte ao
tráfico por causa dun vertido de combustible é un episodio puntual, pero
mantén que “continúa a ser un dos puntos negros da nosa rede viaria”.
López Bueno pretende que o alcalde contacte coa Consellería de
Infraestruturas para que se resolvan os problemas de sinistralidade que se
veñen dando no tramo entre Toedo e O Rollo, porque en palabras do
socialista «a Xunta de Galicia non está a facer o mantemento necesario para
que sexa un tramo seguro”.
O líder socialista apunta a dúas actuacións “urxentes” como son a dotación
de firme antideslizante entre Toedo e O Rollo e a un correcto mantemento
das marxes dese vial, en especial no tramo máis próximo a Toedo. Para o
voceiro existen “problemas manifestos” como que “as marxes non son
capaces de asumir toda a auga que corre cara o val, e polo tanto
prodúcense torrentes de auga que atravesan a calzada”.
A xuízo dos socialistas, ese problema ten unha solución sinxela que pasa
por que a Xunta “cumpra coas súas obrigas”. Recordan que se trata dunha
estrada pola que transitan entre 9.500 e ata 11.000 vehículos diarios e que
segundo os datos de Emerxencias A Estrada, o tramo de Toedo é o de máis
sinistralidade desa estrada.
Tamén valoran poñerlle solución a outros “despropósitos” como o entronque
entre a PO-841 e a PO-182 en dirección a Fafián, “é tan perigosa a entrada
no desvío como o propio cruce”. Para López Bueno a resposta a eses
perigos pasa por “incluír un carril de saída para os vehículos que se desvíen
dende cara San Xulián de Vea e deseñar un paso alternativo cara Fafián,
seguramente por baixo da estrada principal”.
Ademais diso, consideran que “se a autovía chega algún día” e finalmente
remata no Rollo, vai a ser un lugar de paso máis acusado se cabe e non se
pode permitir que a seguridade non estea garantida. López Bueno sostén
que as actuacións que reclama “non teñen un orzamento desorbitado” e
podería entrar no orzamento 2021 da Xunta de Galicia.
O voceiro socialista fai notar que no 2015 a Xunta decidiu dotou de firme
antideslizante un tramo moi reducido da PO-841, “é insuficiente e chegaron
tarde”, porque con anterioridade tratáranse con ese pavimento outros
puntos da mesma estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O noso concello ten tantas carencias, que pensamos que o importante é actuar sobre o prioritario

Se os fondos EDUSI limitan o campo de actuación do goberno municipal a aqueles espazos urbanos especialmente deteriorados, está claro que a Praza da Feira ou a Rúa Calvo Sotelo non encaixan dentro dese criterio

 
O goberno municipal do PP ten a teima de obrar sobre espazos nos que xa se actuou recentemente. Coa remodelación da Alameda, o goberno do PP arrasou coa pedra que catorce anos antes colocara tamén o PP, sendo López concelleiro. Agora volve actuar sobre a Praza da Feira, un espazo, que no caso de querer peonalizar pode facerse mañá mesmo sen necesidade de gastar un só euro. E por se fose pouco, o alcalde solta o globo sonda da peonalización da Rúa Calvo Sotelo, un espazo no que tamén recentemente tivo unha remodelación importante, que fai tamén innecesario gastar un só euro no caso de querer acometer unha peonalización da rúa. Como dixemos, actuar sobre o xa feito é o doado, o difícil é ter unha visión de conxunto das carencias do noso concello e ter un proxecto claro para actuar en consecuencia.

Se os fondos EDUSI limitan o campo de actuación do goberno municipal a aqueles espazos urbanos especialmente deteriorados, está claro que a Praza da Feira ou a Rúa Calvo Sotelo non encaixan dentro dese criterio. A día de hoxe hai moitas rúas que necesitan un lavado de cara importante como por exemplo a Rúa 25 de Xullo, convertida nun funil; a Avenida de Santiago, camiño obrigado para os camións que deterioran reiteradamente o asfalto; a Avenida de América e calquera das súas transversais, a Rúa Varela Buxán ou calquera das travesías de Fernando Conde, a Rúa do Matadoiro, a Avenida da Torre, a Rúa do Muíño, etc, etc, etc. Como se pode observar, sobra onde facer actuacións, mais o PP volve sempre sobre os seus pasos, actuando sobre o xa feito.

Desde o BNG cremos que o noso concello, e en concreto a vila, ten tantas carencias, que pensamos que o importante é actuar sobre o prioritario. E así como as casas empezan facéndose polos cementos, non polo tellado, o prioritario é desconxestionar o tráfico do centro antes de acometer peonalizacións, que o único que farían é aínda máis complicado a circulación pola vila.

Neste sentido, desde o BNG reiteramos a necesidade de abrir novas rúas, en concreto: prolongación da Rúa 25 de Xullo até as Colonias; prolongación da Rúa Antón Losada até a estrada de Pontevedra completando unha vía de circunvalación entre as colonias e o Pedregal; apertura da vía entre a estrada de Forcarei no entronque coa estrada de Ouzande e a avenida de Pontevedra conectándoa coa Rúa Fermín Bouza Brei. Estas propostas unha vez executadas, completarían unha trama viaria que contribuiría a desconxestionar o tráfico polo centro da vila e conformar un novo espazo urbano. Ademais, dotar a vila de máis zonas de aparcadoiro en superficie e mellorar e humanizar as existentes, así como de zonas verdes e zonas de esparexemento dispersas pola vila.

Isto son actuacións que o goberno municipal pode acometer, que son responsabilidade súa, só tería que buscar o financiamento para executalas. Outras, como a Variante, imprescindíbel para sacar o tráfico do centro da vila, depende da presión política do goberno municipal, mais tamén dos axentes sociais e sectoriais, que deberían facer unha fronte común para que esta infraestrutura sexa unha realidade.

E xa por último, un goberno municipal que goberna por maioría absolutísima como este do PP, debería ser quen de definir A Estrada do futuro, porén, o único que fai é ser o axente comercial de empresas privadas que son as que se encargan de deseñar o noso concello, en función dos seus intereses privados, non das nosas necesidades e carencias. IDOM co EDUSI, Mercadona, a residencia de maiores, son só exemplos que confirman que na Estrada o PP é o monicreque das empresas privadas.
Publicado en Portada | Deja un comentario

LÓPEZ BUENO AFIRMA QUE O ACORDO SOBRE A AUTOVÍA RESPONDE Á “PROMOCIÓN PERSOAL” DA NOVA DELEGADA DO GOBERNO EN PONTEVEDRA

 

 

AUTOVIA AG-59 SANTIAGO-A ESTRADA

O PSOE da Estrada valora negativamente a posta de largo da nova Delegada da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra. López Bueno considera que os anuncios que se fixeron onte “responden á promoción persoal de María Luisa Piñeiro”.

 

O líder socialista cre “milagroso” o novo custo de execución anunciado onte tanto por José López como pola Delegada, “se o proxecto se mantén con modificacións nos accesos e os custos descenden máis dun 50 %, non entendo como non se propuxo antes”. En calquera caso, tamén considera “claramente negativo” que se eliminen os accesos en dobre sentido.

 

O concelleiro alerta de que aínda que isto fora certo, “os orzamentos da Xunta son clarísimos” sobre cal é a previsión económica para esta infraestrutura, e sentencia que “as obras non empezarán antes do 2023”. Contrapón as previsións nos últimos anos “con dotacións de 1,5 ou 2 millóns de euros” á execución coa que acaban esas partidas: “cero euros”. Visto o panorama dos últimos anos “non cremos que vaia a cambiar a marxinación política da Xunta respecto do Concello da Estrada”.

 

López Bueno valora estas declaracións como unha “patada cara adiante” que busca enganar aos veciños e veciñas, “non se están facendo esforzos de verdade por sacar adiante esta infraestrutura”. Ademais opina que calquera declaración que fagan a Xunta ou o alcalde “carecen de credibilidade” porque isto se semella moito a unha fábula de Esopo “a autovía é o lobo e o alcalde é o pastor, ninguén o cre de tanto que o anunciou”. Remarca que “de cando en cando aparece este asunto, pero nunca se acaba concretando en realidades”.

 

O QUE NON HAI    

 

López Bueno considera que “é tan importante o que hai nas declaracións como o que non hai”. O voceiro socialista refírese a débedas que a Xunta mantén coa Estrada, como por exemplo o Polígono Industrial de Toedo. O líder socialista amósase “sorprendido” porque a María Luisa Piñeiro “non dixera nada sobre este asunto”.

 

Declarou que “a Xunta está condenando á desaparición ao sector industrial da Estrada”  e considera “absolutamente prioritario” e “inaprazable” acometer o desenvolvemento da parte pública do Polígono Industrial.

 

Asimesmo tamén considera “desatinado” que non haxa declaracións sobre os viais PO-123 e PO-214 que “precisan actuacións urxentes” porque non se cumpren os anchos de vía aos que obriga a lei e “son un risco evidente para os condutores que circulan por elas”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA EN PONTEVEDRA, MARÍA LUISA PIÑEIRO, REALIZA UNHA VISITA INSTITUCIONAL AO CONCELLO DA ESTRADA

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, José López, os temas relacionados coa administración autonómica, centrados na posta en marcha do novo centro de saúde, o avance na tramitación da nova autovía e a adecuación dos centros educativos a actual situación covid .

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa coa rolda de visitas institucionais iniciadas a pasada semana, e hoxe mantivo hoxe un encontro co alcalde da Estrada, José López, con quen analizou a situación das obras postas en marcha no concello en colaboración coa administración autonómica e as principais demandas futuras.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Abrimos, o principal!Outono 2020

As actuacións de Leilía, Xoque Carbajal e Quico Cadaval son algúns dos pratos fortes que A Estrada ofrecerá durante estes meses de outono con motivo do cliclo de exhibición cultural do Concello. O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou onte a programación cultural da vila, adaptada en todos os aspectos aos protocolos sanitarios para previr os contaxios do coronavirus. Advertiu, iso sí, que «calquera previsión que fagamos estará sempre supeditada a que a situación sanitaria nos permita levala a cabo».

Así, no apartado de música destaca a presenza da agrupación Leilía, que presentará o seu novo traballo o sábado 12 de decembro.

Tamén se ofrecerán os concertos de Santa Cecilia das Bandas Municipal e Cultural no mes de novembro e os da Coral Polifónica Estradense en outubro.

No eido teatral o Goberno local volve incidir na captación de público infantil e familiar «con espectáculos de gran formato e calidade». Serán ‘Nube nube sol’, ‘Mai mai’, ‘El inolvidable viaje de Nana’, ‘Viaje al centro del cuerpo humano’ y ‘Monstros no camiño’.Para adultos, en pouco máis de dúas semanas, a compañía Malasombra Producións de Xoque Carbajal estreará a peza ‘SOS’. O 30 de outubro, será a narradora oral Paula Carballeira a que celebrará a noite de Defuntos cunha contada de medo. O 27 de novembro serán Quico Cadaval e a compañía Producións Excéntricas as que poñan en escena unha comedia de Shakespeare titulada ‘Medida por medida’. O 11 de decembro, ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego porá en escena a comedia xestual ‘Camiños’. E, por último, o 23 de outubro terá lugar o novo espectáculo da Escola Municipal de Artes Escénicas ‘Os males do tabaco’, unha peza adaptada e dirixida por Santiago Cortegoso, que interpreta Gonzalo Valcárcel e tres compoñentes do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.

En canto á danza, neste apartado, destacan o espectáculo ‘Pink Unicorns’ da compañía coruñesa La Macana, un dos grandes éxitos da última Feira de Artes Escénicas galega, e tamén ‘Catro’, o novo espectáculo de Caramuxo Teatro.

Constenla subliñou que todas as entradas poderán adquirirse anticipadamente no departamento de Cultura do Concello e que todos os detalles de cada evento publicaranse a partir de hoxe na app de Cultura da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario