Caetano Fórmula Galicia, en colaboración con Acoe e o Concello da Estrada, destinará a Cáritas Parroquial unha campaña de recollida de alimentos imperecedoiros

 

Os días 20 e 23 de maio, na sala Abanca da Estrada, a empresa Caetano Fórmula Galicia, en colaboración co Concello da Estrada, e a asociación de empresarios locais (ACOE), organizará unha recollida de alimentos non perecedoiros, que se destinará, a través de Cáritas Parroquial, a familias estradenses en situación de necesidade social.

Unha campaña que, baixo o título de !TODOS JUNTOS SUMAMOS! pretende superar os 5.000 quilos de produtos alimentarios.

A iniciativa parte do estradense Manolo Gañete e da empresa Caetano Fórmula Galicia que, en colaboración cos colectivos arriba citados, intentan sumarse á loita contra as necesidades sociais que está a xerar a pandemia do coronavirus.

A historia desta empresa remóntase cincuenta anos atrás con Antomóviles Gestoso e Ibericar Gestoso para acabar converténdose actualmente en Caetano Fórmula Galicia, unha empresa multinacional que ten moi presente a súa orixe e o papel fundamental que xogou nesta comarca ao longo da súa historia.

Todas as persoas que desexen colaborar doando alimentos deberán dirixirse á sala Abanca en Rúa Calvo Sotelo 9 o mércores e o sábado da presente semana, entre as 10.00 h e as 13.30 h; e 17.00 h e 21.00 h, para realizar a pertinente doazón.

A cambio desta doazón, daráselles a todos os colaboradores unha máscara pantalla de protección fronte ao coronavirus.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Departamento de Cultura do Concello pon en marcha o ciclo de programación escénica on line: ABRIMOS O PRINCIPAL!

O Departamento de Cultura do Concello da Estrada quere seguir apostando, na difícil conxuntura sanitaria e social na que nos atopamos,  por achegar a cultura a todos os estradenses.

Deste xeito, celebraranse oito eventos en directo dende o Teatro Principal que abranguerán dende a música ao monólogo cómico pasando polo mimo, o clown ou o teatro. Media hora longa de contido dixital que se poderá visualizar en directo dende o Teatro Principal en formato streaming, sen público en sala e con só o artista e un técnico presentes no recinto escénico.

Os eventos difundiranse a través da canle de youtube do Concello e a través das páxinas de facebook do Teatro Principal ou de aestradacultura.com.

Con isto tratamos de ir “desescalando” o feito cultural cara un horizonte de normalidade, ao tempo que rompemos unha lanza polo talento dos artistas locais e por un formato, o escénico, moi prexudicado polo peche dos espazos teatrais,  garantíndolle á cidadanía, confinada nos seus fogares, unha oferta alternativa de actividades escénicas.

O programa titulado ABRIMOS O PRINCIPAL!comezou este pasado xoves coa actuación de Manolo do Atlético e seguirá nas vindeiras semanas cos seguintes eventos:

-14 MAIO (19.00 h) MANOLO DO ATLÉTICO (xa celebrado)

-19 MAIO (20.00h)  PLAN SIBERIA (concerto pop indie a cargo de Gabriel Estrada)

-21 MAIO (20.00h) BELÉN TROITIÑO (concerto de clarinete)

-26 MAIO (20.00h) FRAN CAMPOS (contacontos infantil)

-28 MAIO (20.00h) NONO (sesión de clown e mimo)

-04 XUÑO (20.00h) LUCÍA AZURMENDI (cantante estradense de música de jazz, funky e blues)

-11 XUÑO (20.00h) AS LERCHAS (teatro cómico con Sali Torres e Mari Rivadulla)

-18 XUNO (20.00h) ISI (monólogo cómico)

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Cultura segue no Concello Estradense

Dentro da xeira de actuacións que distintos artistas estradenses están levando a cabo en formato streaming durante o confinamento, o Departamento de Cultura do Concello anuncia para mañá ás 19.00 h, en rigoroso directo, dende o escenario do Teatro Principal, a actuación do cómico estradense Manolo do Atlético.

O evento, cunha duración aproximada de 30 min, poderá visualizarse a través da canle de youtube do Concello ou a través das páxinas de facebook do Teatro Principal ou de aestradacultura.com.

Esta actuación deixará paso nas vindeiras semanas a outras dirixidas a darlle visibilidade tanto á cultura local como aos artistas estradenses durante o tempo que a pandemia impida desenvolver unha programación cultural normalizada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Sabucedo apraza a edición 2020 da Rapa e a veciñanza decidirá se celebra os curros os días 15 e 16 de agosto

 Prefírese agardar para ver a evolución da pandemia e reunir á
parroquia en xullo para optar pola celebración ou suspensión
 A directiva cre que, se a situación o permite, debería facerse
polo benestar dos animais e as esixencias administrativas

 

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo vén
de decidir, tras consultar coa veciñanza, o aprazamento da edición 2020, prevista entre os días 3 e 6 do vindeiro mes de xullo, e a celebración dunha consulta posterior entre toda a parroquia para ver a posibilidade de retomar os curros deste ano nos días 15 e 16 de agosto, sempre que a situación sanitaria da crise do coronavirus o permita facer coa máxima seguridade.
A directiva propuxo a anulación das datas habituais, xa que considera que sería moi precipitado e inviable para a preservación da saúde, e paralelamente adoptar un período de agarda e darse tempo para comprobar a evolución da pandemia e das distintas fases da desescalada. Dita opción foi apoiada maioritariamente pola parroquia, que será convocada no mes de xullo a unha xuntanza para determinar se a
edición 2020 se suspende definitivamente ou celébrase os citados 15 e 16 de agosto.
En caso de que Sabucedo opte por esta alternativa, todo dependerá loxicamente das autorizacións dos responsables sanitarios e das administracións públicas.
O equipo rector de A Rapa das Bestas de Sabucedo lembrou que esta celebración secular “naceu, segundo a cultura popular, en época de peste e superou a Gripe Española de hai un século ou acontecementos tan terribles como a Guerra Civil, polo que agora afrontamos unha nova dificultade que ben seguro imos superar atendendo á máxima que nos guía, que é o coidado e o amor ás bestas do monte como membros
da nosa comunidade e do noso modo de vida”.
Por elo, e recalcando que a seguridade sanitaria e a preservación da saúde
determinará calquera decisión, a directiva cre que a edición 2020 da Rapa debería celebrarse, aínda que fora nas datas alternativas de agosto, “pola importancia de manter unha tradición secular, polo imprescindible coidado dos cabalos e do seu benestar coas tarefas de desparasitación e rapa das crinas e pola necesidade de cumprir cos parámetros administrativos e legais da identificación e conteo das reses con respecto ás esixencias das administracións públicas ou da empresa aseguradora”.
FESTA DE INTERESE TURISTICO INTERNACIONAL
453 ANOS COIDÁNDOVOS

Finalmente, tanto a directiva como a parroquia de Sabucedo, que quixeron expresar a súa tristura e condolencias polos milleiros de falecidos polo coronavirus, informaron de que van anunciar publicamente este aprazamento na súa páxina web e nos seus perfís oficiais en redes sociais para evitar a presenza de público na parroquia a primeira fin de semana de xullo, xa que a festa soe acoller a entre 20.000 e 30.000persoas cada ano.

Publicado en Portada | Deja un comentario

VOLVE O MERCADO Á ESTRADA

 

O Concello da Estrada está inmerso na volta paulatina dos postos das Feiras cas óptimas medidas sanitarias, como afirmou o seu Concelleiro Gonzalo Louzao.

Este mércores terá lugar o primeiro mercado cun 25 % dos seus postos. Serán un total de 34 tendas ambulantes de productos alimentarios variados, da horta e prantas. Colocaranse dende as 8:00 h na esplanada da Praza da Feira respectando as medidas de distribución e separación entre postos e creando corredores anchos para facilitar o normal transcurso de clientes e viandantes pola vía pública.

O sábado son tan só 3 os citados na Praza do Mercado, de iguales condicións.

Este formato reducido de Mercado de postos alimentarios e prantas da horta manterase ata a fase 3, na que alcanzaríamos o 50 % dos postos, data na cal se procedería a ampliar o número e variedade de postos.

Engadir que a Praza de Abastos do Novo Mercado continúa a ser ademáis un punto de referencia no abastecemento de carnes, peixes, froitas e hortalizas das mellores calidades naturais, así como outros artigos ecolóxicos e prantas da horta que agora tamén se suman ós mercados exteriores. Este mercado rexistrou un aumento da súa clientela coa crise sanitaria pola calidade do seu producto así como pola desconxestión á hora de facer as compras en comparación con outras áreas comerciais ou supermercados.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PSOE PREOCUPADO POLA POUCA COBERTURA DOS TEST RÁPIDOS PROMOVIDOS POLO CONCELLO

 

“Débeselle facer a todos os traballadores municipais sen excepción
e chegar ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar. Ademais cómpre
instar á Xunta para que se lle fagan PCR a todo o persoal sanitario”,
di López Bueno.

O PSOE amósase preocupado pola escasa cobertura dos test
rápidos que o Concello realiza entre o persoal funcionario que traballou cara o público durante o estado de alarma. López Bueno considera que
“Comprendemos que se lle fagan test aos traballadores municipais, pero
débeselle facer a todos sen excepción e hai que ir máis alá e chegar tamén
ao persoal do SAF. Ademais cómpre instar á Xunta para que se lle fagan
PCR a todo o persoal sanitario”.
O voceiro socialista explica que “é evidente que o Concello debe
preocuparse polo estado de saúde dos seus traballadores” pero parécelle
“insuficiente” a iniciativa do Goberno municipal “porque se lle debería facer a proba a calquera traballador que se reincorpore, e porque o alcalde non lle ofreceu a posibilidade ás traballadoras do SAF, que aínda non tiveron acceso a esas probas”. Tamén indica que “non faremos demagoxia con este asunto porque facer test masivos é complicado, pero débese atender a colectivos que están a traballar durante a situación de pandemia”.
Para López Bueno trátase dunha esixencia que o Concello debe realizarlle á
empresa que presta o servizo porque “está a prestar un servizo de
competencia municipal e o virus pode estar circulando entre os usuarios,
que son un colectivo de risco. Ademais as traballadoras precisan ter
seguridade e os test son básicos para conseguila”.
O voceiro pide que “se esixa da prestadora do servizo que faga esas probas
entre as traballadoras que prestan o servizo na Estrada, igual que o
Concello lle fai test ao seu persoal”. Ademais tamén entende que “a
situación sanitaria aconsella que outros traballadores esenciais que tiveron
actividade cara o público teñan a posibilidade de facer os test rápidos”.
O líder dos socialistas considera que “a decisión de López Campos é
inadmisible, non poden existir traballadores de primeira e de segunda en
función de para quen traballen” e por iso propón “financiar eses test dende
o Concello se é necesario, porque está en xogo a saúde dos veciños e
veciñas da Estrada”.
Os socialistas tamén consideran que se deberían facer esforzos na liña de
conseguir test para persoas maiores que aínda non foron contactadas polo
SERGAS, e que mentres non se consigan “débense aclarar os criterios que
deciden a quen se lle fai o test e a quen non”.

Ademais, López Bueno manifesta a súa perplexidade pola
“irresponsabilidade e nula preocupación da Xunta de Galicia respecto dos
profesionais da sanidade” e por iso pide “que o Concello da Estrada inste a
que se realicen canto antes os test PCR a todos os profesionais que
traballan nos centros de saúde, hospitais e ambulancias. Agora mesmo os
focos de contaxio están alí e hai que ter unha imaxe real de cal é a situación
dos sanitarios na Estrada”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

RUTAS DEPORTIVAS

As propostas de rutas deportivas para camiñar, correr, btt e ciclismo de carretera deseñadas por Senderuta, Atletismo A Estrada, Bikestrada e Alex Marque para todos aqueles residentes no noso Concello que desexen facelas. 
Adxuntamos tamén as nosas recomendacións para cando se vaian a realizar.
Publicado en Portada | Deja un comentario