Panic sigue na tarde- noite de hoxe

Esta tarde ás 20.30 h na praza do Concello están citados os 35 valentes que participarán no xogo de rol A DONA DO ASERRADOIRO. Os participantes, serán protagonistas dunha actividade de terror inmersiva que afrontarán a cegas. Ás 12 da noite entregaranse en Minicines os premios das curtas de fotos e curtas de terror e a continuación terá lugar unha sesión dobre de zombies: Zombieland II e One cut of the dead. Pola súa banda, mañá ás 17.00 h comezará a Escape Room no Teatro Principal para a que non quedan prazas dispoñibles.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Aprobada a moción do BNG para rescatar a sobreira de Balboa

A concelleira do BNG, Susana Camba, presentou por urxencia a moción que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos


O BNG presentou por urxencia no pleno que se desenvolveu na tarde deste xoves 6 de febreiro, unha moción para o rescate da sobreira de Balboa.

A concelleira do BNG, Susana Camba, recordou que “esta árbore de máis de 500 anos foi derrubada hai máis dun mes polo temporal “Fabien” e a día de hoxe segue alí segue tirada, a pesar de ser un elemento patrimonial importante para o noso concello”.

O BNG insta ao concello a “implicarse no rescate desta sobreira dun extraordinario valor natural e cultural”. A concelleira nacionalista explicou que “o concello, de acordo co propietario desta árbore, ten que buscar unha saída para que a longa vida deste elemento non acabe nunha fogueira, senón que fique nun lugar destacado do noso concello”. “Para iso”, engade Susana Camba, “o goberno debería abrir un concurso de ideas entre os veciños e veciñas para ver entre todos e todas que mellor fin se lle pode dar á sobreira de Balboa”.

Susana Camba explicou que “noutros sitios, en idéntica situación, souberon manter vivo o legado de árbores singulares, como en Alsasua, Guernika ou mesmo Tomiño, que souberon manter este patrimonio e hoxe son unha atracción turística máis destes concellos”.

Finalmente a moción do BNG acadou o apoio unánime de todos os grupos con representación no pleno do concello.

Noutra orde de cousas , e xa no apartado de rogos e preguntas, o BNG tamén instou ao goberno municipal a mellorar o vial que comunica o lugar de San Bartolomeu en San Xiao de Vea e A Ribeira en Santo André de Vea, así como o vial que comunica esta última parroquia con Requián, en concreto lugar preto da igrexa e en Chaín, na parroquia de Frades.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta reitera que seguirá traballando para que a PAC respecte as particularidades galegas e siga sendo garante do noso agro

José Balseiros explicou que a Consellería do Medio Rural está a traballar nas leis de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia e de xestión dos residuos agrogandeiros para velar polo futuro do rural

O director xeral informou, así mesmo, sobre os avances no marco da mesa estratéxica do sector lácteo e ao respecto da oficina agraria e do matadoiro móbiles que porá en marcha a Xunta para dar servizo ás localidades máis illadas que non dispoñen destes servizos

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse esta mañá cun grupo de gandeiros do concello pontevedrés da Estrada, acompañado do alcalde, José Carlos López Campos. Alí, o director xeral aproveitou para informalos sobre as xestións da Xunta para que a Política Agraria Común siga sendo garante do rural galego, tendo en conta que en cada campaña uns 24.600 agricultores e gandeiros da comunidade reciben arredor de 210 millóns de euros por este concepto. Nese sentido, Balseiros indicou que o Goberno galego segue apostando por unha PAC común para toda Europa, pero que teña en conta as nosas peculiaridades.

José Balseiros lembrou ante os gandeiros e o alcalde estradense que o propio conselleiro do Medio Rural defendeu en Bruxelas medidas como a obrigatoriedade dos pagos redistributivos dende as grandes explotacións ás pequenas, as máis abundantes na nosa comunidade. Tamén sinalou que en Galicia se garante a continuidade de todas as liñas de axudas no 2021 e se aposta por un pacto verde europeo que favoreza a adaptación ambiental transitoria das actividades agrogandeiras.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destacou tamén que a Consellería traballa noutros eidos como o lexislativo, para devolver á produción as terras abandonadas e infrautilizadas, así como para regular a xestións dos residuos agrogandeiros. Tamén avanza na mesa estratéxica do sector lácteo e no desenvolvemento de novos mecanismos móbiles para achegar ás localidades do rural máis afastadas servizos como as oficinas agrarias ou os matadoiros.

Mobilización das terras

En relación coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, o director xeral apuntou que completará e desenvolverá o marco legal actual culminando o camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Así, xunto coas concentracións parcelarias que se seguirán decretando, promoveranse mecanismos de mobilización voluntarios que darán un maior protagonismo aos interesados na explotación das terras como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario.

Nesta mesma liña, Balseiros destacou que se reforzará o Banco de Terras e que se creará a figura pública do Banco de Explotacións, para garantir a remuda xeracional no agro poñendo en contacto aos titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en tomar o relevo.

A maiores deste obxectivo principal de consolidación de poboación no rural, José Balseiros indicou que esta norma buscará facilitar máis base territorial ás explotacións que a precisen, así como previr os incendios e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida no agro. Deste xeito, ademais dos mecanismos voluntarios de mobilización de terras, o novo texto legal contemplará beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación.

Xestión das dexeccións gandeiras

Sobre a futura lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras xeradas en Galicia, o director xeral explicou que esta norma permitirá contar cunha ordenación legal da produción, recollida, transporte, almacenamento e xestión dos xurros e estercos das explotacións gandeiras galegas, establecendo un sistema integrado de xestión que garanta a trazabilidade destes produtos ata o seu tratamento final.

Deste xeito, engadiu, non só se lle dá cumprimento ás esixencias medioambientais da Unión Europea nesta materia senón que se facilitará a produción de enerxías verdes para o autoconsumo e redundarase na calidade ambiental dos produtos gandeiros galegos co seu conseguinte aumento de valor no mercado.

Por último, o director xeral explicou na reunión cos gandeiros e o alcalde da Estrada os avances no marco da mesa estratéxica para a dinamización do sector lácteo, así como as melloras previstas na atención aos agricultores mediante servizos como o matadoiro móbil ou a oficina agraria móbil nos que está a traballar a Consellería do Medio Rural para achegar estes servizos ás localidades máis illadas que non dispoñen deles.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PSOE ESIXE AMBICIÓN

“A Estrada debe promocionarse de acordo cos hábitos dos turistas,
hai actuacións máis necesarias que a edición dunha guía en papel”
di López Bueno.

O PSOE esixe que a guía turística que anunciou no día de
onte o goberno municipal “se adapte ás tendencias do mercado turístico”.
López Bueno valora que “A Estrada debe promocionarse de acordo cos
hábitos dos turistas, hai actuacións máis necesarias que a edición dunha
guía en papel, que é cara e ineficaz. O sector camiña por outros sendeiros,
e hai que considerar as novas tecnoloxías e utilizar as canles que conecten
esta publicidade co tipo de turista que se pretende atraer”.
O voceiro socialista advirte de que “antes de anunciar a edición dunha guía
deberíase ter falado co sector. Eles coñecen o mercado e poden orientar ao
Concello sobre as necesidades que existen e como resolvelas a través da
política municipal. Sinceramente, parécenos que a edición dunha guía non é
a actuación máis urxente. A Estrada carece dun plan estratéxico e por iso
este goberno dá paus de cego: non saben que tipo de turismo queremos
promocionar, non saben a que turista queren atraer e tampouco saben onde
contactar con eses turistas”.
López Bueno considera “un disparate gastar unha suma importante de
cartos na edición dunha guía en papel. É un documento que xa non está na
vangarda do turismo e que chega a poucos turistas. Hai que apostar pola
promoción online e investir de forma eficaz os cartos dos veciños e veciñas.
Unha campaña de márketing online optimiza ao máximo o investimento e
págase en función dos resultados da promoción”.
O concelleiro pensa que “existen recursos cos que comezar a traballar, pero
fai falla iniciativa política. A Deputación de Pontevedra conta con un plan
estratéxico 2017 – 2020 que podería ser un punto de partida, e ademais
temos asociacións no noso concello que seguro que estarán encantadas de
colaborar. Incluso se podería conseguir o apoio de Turismo de Galicia e do
Clúster Turismo de Galicia para desenvolver ese plan que marque o que se
debe facer”.
Os socialistas critican que “nos últimos 9 anos non se elaborou un plan de
actuación, e iso nótase. Mentres na provincia de Pontevedra estamos en
máximos históricos no que se refire a turismo, o goberno da Estrada nin
sequera sabe cantos visitantes chegan ao noso concello. O goberno non
mide ningún indicador, e así é complicado tomar decisións acertadas”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O mini-centro de día da Estrada fai auga, según o Bng Estradense

Os veciños e veciñas merecen que os espazos públicos estean en perfectas condicións para o seu uso

Xa comentamos no seu día que a ubicación do centro de día na Praza de Abastos non era o lugar axeitado, por accesibilidade e por espazo, e especialmente porque este edificio tivo problemas coa auga desde o primeiro día da súa inauguración en 2015. Así é que as persoas que acoden diariamente ao centro de día son recibidas cun charco de auga, algo intolerábel para un espazo destas características.

As veciños e veciñas da Estrada merecen algo máis que a versión mini dun centro de día. Merecen que os espazos públicos estean en perfectas condicións para o seu uso, cousa que non é o caso da Praza de Abastos, que mete auga cada vez que chove, e que o goberno do PP converteu nun espazo para todo.

Desde o BNG instamos ao goberno do PP a mellorar a habitabilidade da Praza de Abastos, en concreto, eliminar os charcos da entrada mini-centro de día e do viveiro de empresas. Por outra parte, instamos ao goberno de López a facer as xestións oportunas diante do goberno amigo da Xunta de Galiza para que constrúa un centro de día de xestión pública merecente de tal nome, amplo, accesíbel e equipado.

O goberno municipal sabe que esta é unha demanda veciñal de amplo consenso, e que pode contar co apoio do BNG. Mágoa que ao PP a nivel galego pouco lle importa o que queren os veciños e veciñas da Estrada, xa que reiteradamente votan en contra das emendas do BNG para construír un centro de día no noso concello.

A Estrada, 4 de febreiro de 2020: Xa comentamos no seu día que a ubicación do centro de día na Praza de Abastos non era o lugar axeitado, por accesibilidade e por espazo, e especialmente porque este edificio tivo problemas coa auga desde o primeiro día da súa inauguración en 2015. Así é que as persoas que acoden diariamente ao centro de día son recibidas cun charco de auga, algo intolerábel para un espazo destas características.

As veciños e veciñas da Estrada merecen algo máis que a versión mini dun centro de día. Merecen que os espazos públicos estean en perfectas condicións para o seu uso, cousa que non é o caso da Praza de Abastos, que mete auga cada vez que chove, e que o goberno do PP converteu nun espazo para todo.

Desde o BNG instamos ao goberno do PP a mellorar a habitabilidade da Praza de Abastos, en concreto, eliminar os charcos da entrada mini-centro de día e do viveiro de empresas. Por outra parte, instamos ao goberno de López a facer as xestións oportunas diante do goberno amigo da Xunta de Galiza para que constrúa un centro de día de xestión pública merecente de tal nome, amplo, accesíbel e equipado.

O goberno municipal sabe que esta é unha demanda veciñal de amplo consenso, e que pode contar co apoio do BNG. Mágoa que ao PP a nivel galego pouco lle importa o que queren os veciños e veciñas da Estrada, xa que reiteradamente votan en contra das emendas do BNG para construír un centro de día no noso concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

«HARP» aterriza nos Minicines Central A Estrada

Na noite de onte o estradense Lucas Terceiro presentou arroupado polo edil de cultura Juán Constenla Carbón a súa curta «HARP» nos Minicines Central de A Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O mal tempo obriga a cambiar de data varias actividades do PANIC

O Concello da Estrada, a través da súa Concellaría de Cultura, organizadora do Festival de
Cine de Terror PANIC comunica que debido ao empeoramento do tempo previsto para mañá
venres a actividade de terror inmersivo A DONA DO ASERRADOIRO que desenvolve
parte das súas actividades en exterior, celebrarase finalmente o 7 de febreiro venres. O
horario de recepción dos participantes na praza do Concello será o mesmo: 20.30 h.
Este cambio de data obriga a celebrar a ESCAPE ROOM, prevista, en principio, para ese
mesmo día. Deste xeito, a Escape Room será o día 8 de febreiro no Teatro Principal a partir
das 16.30 h. Algo que propiciará que as máis de 30 persoas que estaban en lista de espera
poidan participar na actividade ao aumentar as franxas horarias destinadas a este xogo de
rol.
Por outra banda, comunicarvos que o venres 7 está previsto que a sesión cinematográfica do
PANIC remate cunha sesión dobre. Ás 00.15 h proxectarase a película One cut of the dead e
a continuación, e ás 01.40 h Zombieland: Mata e remata (01.30 h). Previamente
entregaranse os premios dos concursos de fotos e curtas de terror.

Publicado en Portada | Deja un comentario