O Departamento de Cultura do Concello da Estrada informa de que a partir do vindeira luns día 30 de outubro xa poden retirarse as entradas para a obra de teatro Elisa e Marcela que o venres día 4 ás 21.00 h está programada no Teatro Principal.
Elisa e Marcela da compañía A Panadaría Teatro converteuse por méritos propios no espectáculo máis aplaudido e valorado polos espectadores galegos do ano 2019 coa consecución do premio María Casares ao Mellor Espectáculo. Conta a historia de amor entre dúas mulleres que, no ano 1901, conseguen enganar ao párroco para casar pola
Igrexa Católica. A partir de aí emprenden unha trepidante fuxida que as levará ata Lisboa e Bos Aires.
A entrada terá un custo de 5,00€ e poderá retirarse en horario de oficina, entre as 09.00 e
as 14.00 h, no depto de Cultura ou unha hora antes da función no despacho de billetes do Teatro Principal.
Lembrámosvos que tamén avanza a bo ritmo a venda das entradas para o monólogo de Vaquero e Clavero e para o concerto de Arizona Baby. O primeiro dos eventos fixado para o 11 de outubro e o segundo para o 26 de outubro.
Os convites para Elisa e Marcela poden retirarse a partir do luns próximo
CARMELA SILVA ENXALZA A NECESIDADE DE PROMOVER UN TURISMO SOSTIBLE E RESPECTUOSO CO MEDIO NATURAL NO MARCO DA SEMANA GLOBAL DE ACCIÓN POLO CLIMA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, do xerente de Sidra Camino, Nicolás Andión, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural ÓDEGA, Miguel Soto, anticipáronse esta tarde á celebración do Día Internacional do Turismo, que se conmemora mañá, 27 de setembro, coa presentación dun novo produto turístico ecolóxico, sostible e exclusivo do destino Rías Baixas: a Ruta da Sidra. Esta acción, baixo a denominación “Turismo sostible”, e na que se deron cita máis de trinta representantes do sector turístico da provincia, foi tamén unha das actividades previstas no marco da axenda da institución provincial con motivo da Semana Global de Acción polo Clima, que remata mañá.
Carmela Silva cualificou esta ruta como “unha idea marabillosa. Nesta terra hai moito talento, moita capacidade de crear proxectos innovadores, que arrisca e dedica tempo a lanzar iniciativas de futuro en contacto co territorio, coas nosas tradicións e co mundo rural”. Ademais, a presidenta da Deputación tamén enxalzou que se trata dun proxecto que nace da suma de sinerxías para “crear emprego no medio rural, garantindo así que haxa capacidade de poder manter a vida neste territorio marabilloso que é o interior da provincia de Pontevedra”.
Para a presidenta “hoxe tiñamos que estar neste lugar, celebrando o Día Internacional do Turismo que, este ano, a Organización Mundial do Turismo lle dedica á actividade económica, ao emprego e ás novas tecnoloxías, algo do que estamos a falar aquí: dun proxecto que nos permite namorar á xente e poñer en valor un produto de proximidade tan noso como é a mazá; un proxecto que nos permite falar alto e claro que si, que temos futuro e que o futuro se constrúe con grandes ideas”.
A Deputación asinou neste 2019 un convenio con Ódega para fomentar e promover as variedades de mazá autóctona e produción de sidra ecolóxica, centrada na zona da Estrada. A través deste convenio xorde a nova Ruta da Sidra da Estrada, unha nova alternativa turística, ecolóxica, sostible e exclusiva, cun itinerario desde Callobre a Ribela, a través do cal se poderán percorrer plantacións de maceiras ecolóxicas de variedades autóctonas.
O BNG dí que o goberno local ten as súas propostas para o comercio local gardadas nun caixón

Susana Camba: “Comerciantes de Santiago de Compostela lanzan unha plataforma de comercio electrónico para o comercio local, mentres o goberno do PP segue de brazos cruzados vendo como agoniza o comercio”
En marzo deste ano o BNG da Estrada puxo enriba da mesa unha proposta para que o goberno municipal, utilizando a infraestrutura e a experiencia de A Estrada Dixital, puxera en marcha unha plataforma de comercio electrónico para o comercio local.
“Lamentabelmente”, indicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “o PP meteu a proposta nun caixón e alí dorme collendo po, mentres o comercio local agoniza e os escaparates, no canto de amosar produtos, amosan carteis de aluguer”.
A concelleira nacionalista explicou que “mentres na Estrada o goberno municipal fica cos brazos cruzados, comerciantes de Santiago de Compostela lanzan estes días unha idea semellante á que propuxemos desde o BNG hai seis meses, consistente na posta en marcha dunha plataforma de comercio electrónico para que as tendas e comercios vendan os seus produtos a través da rede”.
“Semella que o goberno municipal do PP segue coa mesma dinámica do mandato pasado”, indicou a concelleira do BNG, “deixando pasar o tempo e as propostas que desde o BNG poñemos enriba da mesa”. “Este xeito de proceder”, engadiu Susana Camba, “saíulles ben no anterior mandato, mais todo semella que imos a unha nova crise económica, seguramente máis profunda ca anterior, o que non é de recibo é que o goberno municipal estea de brazos cruzados agardando que as cousas caian do ceo como a nova alameda”.
“Desde o BNG instamos ao goberno de López a actuar e a traballar, que para iso cobran”, afirmou a concelleira nacionalista, “reúnanse cos comerciantes para analizar a viabilidade da proposta do BNG, non perdamos máis tempo”. “O goberno municipal ten que tomar a iniciativa”, afirmou.
—
«O sabor da aventura está no mar», e o Ceip O Foxo visitou na mañá de onte Portonovo


Un veciño de Trazo gaña o sorteo do mobiliario, que debe reclamar en 5 días

Un veciño do municipio coruñés de Trazo, Ángel Boquete,
resultou agraciado no sorteo do mobiliario dun apartamento realizado na tarde de onte
tralo peche do recinto na última xornada da 33ª Feira do Moble de Galicia.
Ata o momento a organización do certame non conseguiu contactar co afortunado no
teléfono facilitado, polo que xa comezou a contar o prazo de cinco días do que dispón
para reclamar o premio. De non reclamalo dentro do prazo previsto nas bases, a
Fundación de Exposicións e Congresos volverá realizar un novo sorteo.
Cómpre lembrar que o premio consiste no mobiliario dun apartamento por importe de
2.500 euros, que inclúe un moble de recibidor, un salón, un sofá, un dormitorio
principal e un dormitorio secundario. A persoa gañadora debe elixir o seu premio entre
as tres opcións proporcionadas por Artest Mobiliario, Muebles García Lorenzo e
Muebles Pose Mato – Nattex A Estrada, se ben tamén dispón da opción de cambiar o
premio por outros mobles destas tres firmas sempre e cando non superen a contía de
2.500 euros.
A celebración deste sorteo foi a última das actividades da trixésimo terceira edición da
Feira do Moble, que, tras unha fin de semana cunha destacada afluencia, conseguiu
achegarse ás cifras de asistencia do ano 2018 -preto de 12.000 visitantes- tendo en
conta tamén a xornada do mércores, cuxa entrada foi de balde.
Convócase a sétima edición do Premio de Textos Teatrais Varela Buxán
A Escola Municipal de Artes Escénicas e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada convocan a VII Premio de Textos Teatrais Varela Buxán.
O obxecto non é outro que o de difundir aos valores da nova dramaturxia galega, divulgar a vida e obra do dramaturgo estradense Manuel Daniel Varela Buxán e perseverar no cultivo da lingua galega como ferramenta literaria.
O prazo de admisión pecharase o 25 de outubro de 2019 e o premio ten asignada unha dotación de 1.200 euros máis a publicación da obra gañadora. O xurado estará presidido polo prestixioso dramaturgo e director escénico Santiago Cortegoso.
Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade con textos inéditos (nin publicados nin representados) e escritos en lingua galega.
O 58 por cento dos visitantes da Feira do Moble realizaron compras ou estableceron contactos

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, como
entidade organizadora da Feira do Moble de Galicia, fixo públicos hoxe os resultados
da enquisa realizada nos últimos días a 325 visitantes, na que destaca o feito de que o
58% das persoas enquisadas (193 mulleres e 132 homes) afirmou ter realizado
compras na feira ou ter establecido contactos para concretar compras no futuro.
Respecto aos ámbitos de interese, a meirande parte dos enquisados (73%) asegurou
que visitaba o certame atraído polos expositores de mobiliario, mentres que o 11%
buscaba complementos, o 10% antigüidades e o 6% restante, outros subsectores.
En canto á procedencia dos enquisados, a provincia de Pontevedra é a que máis
visitantes aporta á Feira do Moble cun 70%, dos cales o 26% corresponden ao
municipio estradense e o 44% restante aos concellos do resto da provincia. Por detrás,
séguelle no ranking A Coruña cun 23%, Lugo cun 2% e Ourense cun 1%. O 2%
restante corresponde a visitantes de fóra de Galicia.
Contacto: 673 156 204 (Alberto J. Rey)
As estatísticas da enquisa indican tamén que o 51% dos visitantes acudiron á Feira do
Moble por primeira vez e que o 50% dá por seguro que voltará en vindeiras edicións,
mentres que o 35% non descarta esa posibilidade.
Preguntados sobre o coñecemento da celebración desta Feira do Moble, o 20%
asegurou terse informado a través dos xornais, o 18% a través da radio, o 17%
mediante as bandeirolas publicitarias, o 15% por internet, o 6% pola televisión e o 24%
restante por outros medios.
Valoración positiva
En xeral, a opinión dos enquisados respecto a esta 33ª Feira do Moble de Galicia é
positiva, xa que o 77% concédelle máis dun aprobado, sendo o 51% os que lle
outorgan como mínimo un notable. Ademais, o 62% valora satisfactoriamente a
cantidade de empresas expositoras e o 77% considérase satisfeito coa calidade das
mesmas.
Repercusión económica na contorna
En canto á repercusión da Feira do Moble de Galicia na economía da contorna, a
enquisa revela que dos visitantes procedentes de fóra do municipio estradense o 12%
pernoctou na Estrada, o 35% acudíu a algún restaurante local, o 35% mercou en
comercios locais, o 12% aproveitou a ocasión para realizar algunha visita turística e o
52% realizou algún gasto en gasolineiras, bares ou cafetarías.







































