O BNG comprométese coa eliminación da simboloxía franquista aínda presente no noso concello e con cumprir a vontade dos «Mártires da Estrada» fusilados en 1937

O 5 de xuño de 1937 o franquismo fusilou ao alcalde da Estrada Jesús Puente Fontanes e aos concelleiros Ramón Fernández Rico (1º tenente de alcalde), Manuel Nogueira González, José María Pena López, Cándido Tafalla Froiz e José Rodríguez Sangiao. Poucos meses antes do seu asasinato polo réxime fascista de Franco, o primeiro tenente de alcalde, Ramón Fernández Rico, pedía nunha carta dirixida ás futuras corporacións que “unha das rúas máis céntricas da florecente vila (da Estrada) leve esta inscrición: “Mártires da Estrada”; e que obraredes como volo pedimos en nome da República e da democracia e do ideal que nos leva á tumba”.
 
A pesar da sentida misiva escrita hai case 82 anos, aínda hoxe o concello da Estrada non deu cumprimento á vontade dos “Mártires da Estrada”. O BNG está determinado a cumprila e así o poñemos de manifesto nun reivindicativo na Rúa Calvo Sotelo, colocando un adhesivo coa lenda “Mártires da Estrada”, tapando deste xeito o nome do ministro franquista.
 
Sen embargo, este é un acto simbólico, que no BNG queremos converter en realidade a partir do 26 de maio se contamos co apoio maioritario dos veciños e veciñas. Cremos que é unha obriga moral é unha débeda histórica que ten este concello cos seis membros da corporación municipal de 1937 fusilados polo franquismo.
 
Por outra parte, o BNG tamén se compromete a retirar a simboloxía franquista aínda presente no noso concello, tanto no rueiro como igrexas e fontes, cumprindo así a lei de memoria histórica. 
Publicado en Portada | Deja un comentario

Ofrenda Día das Letras Galegas A Estrada

Ofrenda Día das Letras Galegas A Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

Presentación de “Antonio Fraguas, documentar o pasado para termos un futuro galego”

O vindeiro venres, día das letras galegas, a Asociación Cultural “Vagalumes” presenta na Estrada a publicación “Antonio Fraguas, documentar o pasado para termos un futuro galego”, coa intervención do seu coordinador, o profesor Manuel Vilar, secretario do Museo do Pobo Galego. O acto terá lugar no MOME ás 20:30 h.
Este monográfico do semanario “Sermos Galiza” ten como colaboradores Mª Xosé Fernández Cerviño, Felipe-Senén López, Uxío-Breogán Diéguez, Xoán Carlos Garrido, Malores Villanueva,
Adolfo de Abel Vilela, Manuel Vilar, Xerardo Pereiro, Xosé Carlos Sierra, Xosé Manuel González Reboredo, Francisco Calo e Encarna Otero.
A Antonio Fraguas Fraguas dedícaselle o Día das Letras Galegas 2019. Nado en Insuela, parroquia de Loureiro (Cotobade), en 1905, e falecido en Compostela, en 1999, foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Director e presidente do Museo do Pobo Galego, dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, coa Medalla Castelao, co Premio Trasalba, co Premio Otero Pedrayo e co Premio das Artes e das Letras de Galicia, entre outros. No noso Concello, recibiu o recoñecemento dos seus alumnos coa diversas homenaxes, tamén a Asociación Cultural “A Estrada” levou a cabo un acto de reparación coa presenza dunha nova xeración de historiadores no que se dou conta do súa importante achega para o noso autocoñecemento, e finalmente a Asociación Cultural “O Brado” fíxolle entrega do premio “San Martiño” á defensa da nosa lingua e cultura.
O venres, levarase a cabo na Estrada un roteiro que lembra a súa viaxe e escavación do castro de Ribela. Este roteiro terá lugar desde a mámoa do Arnado até Entrecastrelo, pasando pola Ponte de Leira. 
O especial das letras galegas do “Sermos Galiza” será distribuído gratuitamente aos asistentes aos diversos actos da Asociación Cultural “Vagalumes” que teñen lugar estes días.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Admitidos todos os alumnos matriculados provisionalmente na Escola Infantil Municipal

Todos os alumnos matriculados provisionalmente na Escola Infantil Municipal da Estrada
resultaron inicialmente admitidos. Este prazo de matrícula provisional acaba o 31 de maio e , se non
existen alegacións durante a seguinte quincena, entre o 1 e o 15 de xuño, formalízase a matrícula
automaticamente, informou hoxe a concelleira de Educación, Amalia Goldar, que lembrou que
aínda existen prazas vacantes a disposición das futuras inscricións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello instalará carpas na zona da festa dos anos 80 debido á previsión do tempo

O Concello da Estrada instalará carpas nas zonas da rúa onde se celebrarán as actuacións da festa
dos anos 80 programadas para mañá, 16 de maio, debido á previsión atmosférica. Esta acción
pretende anticiparse a un posible cambio do tempo e impedir así que os asistentes se expoñan á
choiva. Os eventos previstos para a fin de semana contarán tamén con carpas polo mesmo motivo.
A festa comezará a partir das 21:30 horas na Zona dos Viños coas coreografías de Sondodance e o
Grupo Funky Vibes de Absolute, ás que seguirá a actuación de Teo Cardalda a partir das 22:00
horas e o concerto dos anos 80, a partir das 23:00 horas, protagonizado por diversos músicos
estradenses.
Lémbrase ademais que a celebración ten un compoñente de festa de disfraces, na que se premiará
aos máis orixinais cun bono para asistir ao festival Portamérica en Caldas de Reis.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Cousas que convén saber a respecto da ampliación da Alameda

O BNG foi a única forza política da oposición que recolleu sinaturas contra o proxecto de ampliación da Alameda. Foi o único que convocou mobilizacións contra as obras. E é a única forza política que botou fora do paripé da EDUSI

O 26 de maio os veciños e veciñas poden elixir entre o malgasto e a improvisación do PP ou modelo  BNG de políticas de recuperación do noso e de xeración de emprego no concello

 

 Poucos meses antes das eleccións municipais de 2015 o alcalde da Estrada anunciaba a súa intención de ampliar a Alameda. Daquela o BNG xa cualificaba o proxecto de malgasto de cartos públicos, fronte as necesidades máis importantes que tiña e ten o noso concello. Mais este anuncio non era como os anuncios que facía habitualmente o PP en época pre-electoral, a maioría dos cales aínda hoxe seguen sendo iso, anuncios, como o da licitación da Variante, anunciada por Ana Pastor, daquela ministra de fomento. Este anuncio tiña posibilidades de ser executarse.

Ante esta situación o BNG sae á rúa. O 25 de abril de 2015 recollemos sinaturas contra a obra de ampliación, de feito, naquela altura fomos o único partido da oposición que tivo un posicionamento firme e claro contra esta obra megalómana do PP.

O paripé da EDUSI

Despois das eleccións municipais apareceu o EDUSI, máis de seis millóns de euros de fondos europeos, que se destinarían a propostas emanadas, en teoría, dun proceso de participación social e cidadá. O BNG, como tantas outras entidades políticas e sociais, participou inicialmente dese proceso, poñendo enriba da mesas 45 propostas, entre elas a apertura de novas rúas, creación de aparcadoiros, mellorar o saneamento na vila e sobre todo levalo a todo o rural, etc. Unhas propostas que desde o punto de vista do BNG melloraban a calidade de vida dos veciños e veciñas, ao tempo que fomentaban a creación de emprego.

Sen embargo, ningunha das 45 propostas foi atendida, nin sequera debatida no seo comisión xestora da EDUSI, da que formaba parte o BNG. De feito, non se debateu ningunha proposta de outra entidade social ou política, agás a da ampliación da Alameda, unha proposta feita pola consultora IDOM, que o PP acolle cos brazos abertos. Así o corrobora o propio alcalde en declaracións aos medios de comunicación, onde afirmaba que “non é unha proposta do PP (deseño da Alameda). É unha proposta dun equipo, dunha enxeñería, que gañou un concurso e que se adapta ás necesidades da Estrada e á estratexia da EDUSI”.

Este feito corroborou o que o BNG tiña xa avaliado internamente, que o da participación cidadá era un paripé do PP para colar pola porta de atrás os proxectos dunha consultora que facía e desfacía a antollo. De tal xeito, en novembro de 2017 o BNG abandona a comisión xestora da EDUSI pola falta de transparencia, por non atender as propostas das entidades sociais e pola falta de sostibilidade social e económica da única proposta que emana desa comisión xestora: a ampliación da Alameda.

Así, o BNG é o único partido da oposición que abandonou a comisión xestora do EDUSI, para non sermos cómplices dunha cacicada de libro do PP e dunha consultora que fai o agosto na Estrada a conta de seis millóns de euros de fondos europeos.

Máis de 3 millóns de euros custa a ampliación da Alameda


A pesar do malestar social moi evidente nas rúas da Estrada, o PP segue decidido a gastar os 3.304.635 euros; dos cales 1.794.635 euros saen do peto dos veciños e veciñas para pagar a expropiación dos terreos, e 1.510.000 euros é o custe do proxecto sufragados con fondos da EDUSI.

As obras dan comezo, o BNG sae á rúa. Fomos o único partido da oposición que convocou unha mobilización contras as obras de ampliación, pola tala indiscriminada das árbores centenarias e polo levantamento da pedra que había diante do concello para lle botar cemento de branco cegador. A pesar da choiva que acompañou a protesta, mollámonos (literalmente) para denunciar o malgasto de cartos públicos, mais tamén para poñer en evidencia as carencias e necesidades do noso concello denunciadas nos últimos catro anos polo BNG.

No día de hoxe, 16 de maio, ás portas dunhas eleccións municipais, ábrese ao público a nova Alameda. O 26 de maio os veciños e veciñas teñen na súa man decidir que modelo de concello queren. O modelo PP de malgasto e a improvisación ou o que defende o BNG: políticas agro-gandeiras de proximidade, recuperación do patrimonio, saneamentos, solo industrial público, desenvolvemento do Plan Xeral, un centro de día que atenda a demanda existente, un concello que conte coa mocidade, un concello feminista con políticas de igualdade, que se tome en serio o mantemento das vías municipais e pelexe porque se faga a variante… en definitiva un concello BNG.


— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

REGADES ANUNCIA O COMPROMISO DAS E DOS ALCALDABLES SOCIALISTAS COA DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA

  • O secretario xeral anunciouno na Estrada da man do candidato á alcaldía, Luis López Bueno, e o voceiro de Sanidade no Parlamento de Galicia, Julio Torreiro
  • “Hoxe adquirimos un compromiso de cara as próximas eleccións municipais: reclamar á Xunta de Galicia desde os gobernos municipais unha Atención Primaria de calidade”. Así anunciou este mañá de mércores o secretario xeral provincial, David Regades, a férrea defensa que as candidatas e candidatos socialistas farán da sanidade pública, e en especial da Atención Primaria, desde os concellos a partir do próximo 26 de maio.

    Nunha rolda de prensa dada onde o Centro de Saúde da Estrada xunto ao candidato á alcaldía, Luis López Bueno, e o voceiro de Sanidade no Parlamento de Galicia, Julio Torreiro, Regades afirmou que a actual situación “é completamente insostible”, sendo un dos temas “que máis preocupan á cidadanía”.

    “As e os nosos alcaldes non van antepor os intereses políticos ou de partido aos intereses da cidadanía”, afirmou, sinalando o compromiso de López Bueno “coa veciñanza” fronte ao alcalde da Estrada, “que non lle planta cara ao señor Feijóo e ao PP por ser do mesmo partido” ante os problemas na atención sanitaria da vila. “A Estrada precisa unha atención sanitaria de calidade que non ten”, engadiu.

    “A atención primaria é o sistema sanitario que máis hai que coidar”, explicou o máximo dirixente do partido na provincia, engadindo que un 80% de casos pódense resolver nesta primeira atención sanitaria se estes centros contan con persoal e medios, unha adecuada xestión dos seus recursos e a formación precisa. “Da súa adecuada capacidade de resolución de casos depende que as urxencias hospitalarias non se saturen e, en moitos casos, que os problemas médicos non se agraven pola espera, evitando tratamentos máis custosos e complexos”, argumentou.

    Regades lembrou tamén a situación vivida o pasado verán en moitos centro de saúde da provincia, onde a falta de profesionais levou a que fose cualificado como “o verán do desastre na Atención Primaria galega”. “Fronte a esta situación a resposta do Sergas é que faltan profesionais, cando a realidade é que o que falta é planificación e condicións laborais dignas”, recordou, recordándolle ao goberno de Feijóo e o PP que o verán está aí “e a Xunta segue a perpetuar a súa política de recorte non substituíndo ás e aos profesionais”.

    O candidato á alcaldía, López Bueno, lembrou o falecemento acontecido o pasado verán ante a falta de persoal sanitario no PAC. “Na Estrada xa tivemos consecuencias fatais”, sinalou. “Non hai vontade de contratalos con condicións dignas”, engadiu.

    López Bueno fixo tamén referencia ao novo centro de saúde que se está a construír na Estrada, denunciando incongruencias como que a servizo de fisioterapia “estea na terceira planta e non nos baixos”, como sería normal para atender a persoas que, en moitos casos, teñen problemas de mobilidade. Tamén lle recordou ao actual alcalde e candidato do PP que contar con novas infraestruturas sanitarias está ben, “pero a sanidade funciona con doutores e doutoras, enfermeiras e enfermeiros, e non con formigón”.

    Pola súa banda, Julio Torrado lembrou que non é casual “que sexamos a terceira peor comunidade” en valoración do sistema sanitario público tras os recortes aplicados pola Xunta de Feijóo. “Hai 10 anos a Atención Primaria tiña en Galicia 189 millóns de euros máis que agora”, indicou o deputado e voceiro de Sanidade.

    “A cidadanía é bastante lista e sabe que temos grandes profesionais”, sinalou Torrado, que lembrou que na avaliación que fai o Ministerio de Sanidade as veciñas e veciños valoran aos profesionais “entre as e os mellores do Estado” mentres tres de cada catro sinalan que son necesarios cambios na xestión por parte da Consellería e a Xunta de Galicia. “Este sistema funciona gracias ás e aos profesionais e a pesares dos seus dirixentes”, finalizou.

     

Publicado en Portada | Deja un comentario