A Estrada ofrecerá medio cento de variedades de salmón entre a ruta de tapas e a degustación popular na 46ª edición da cita gastronómica

 O profesor e escritor Armando Requeixo será o pregoeiro e os Salmón  de Ouro imporanse ao ex presidente do CIT Luis Reimóndez, a título
póstumo, á asociación Codeseda Viva e á empresa Hijos de Rivera


 O programa inclúe os concertos de Teo Cardalda con músicos locais o
xoves 16, de Xabier Díaz o venres 17 e de Iván Ferreiro o sábado 18

 

A Estrada servirá nos vindeiros catro días un total de 48
variedades e receitas de salmón entre a Ruta-Degustación de Tapas, que se desenvolvera dende mañá ata o sábado en 28 locais de hostalaría, e a degustación popular tradicional do día grande do certame, que este ano será este domingo 19.
Esta intensa actividade gastronómica foi dada a coñecer esta mañá na presentación oficial da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia en 2013, celebrada na sala de xuntas do consistorio estradense coa presenza do concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e de Adriana Abelleiro, en representación da Asociación de Hostalaría da Estrada.
Ademais, revelouse que o escritor, profesor e crítico literario mindoniense Armando Requeixo, habitual colaborador nos xurados dos premios literarios da Estrada, será o pregoeiro desta 46ª
edición da festa, mentres que os Salmóns de Ouro imporanse ao citado pregoeiro, ao expresidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) Luis Reimóndez, a título póstumo, á
asociación Codeseda Viva e á empresa Hijos de Rivera. Este acto institucional terá lugar, como
é habitual, o domingo ás 12.00 horas, xusto antes da degustación popular, que acollerá as creacións dunha decena de establecementos no Novo Mercado e a súa contorna.
Polo demais, o resto do programa, que conta cun total de 25 actividades, arrancará na xornada de mañá coa Ruta-Degustación de Tapas. Os locais distribúense por días e nesta primeira data servirán a tapa Argentinos Burguer, Boliche, Bodegón, Velis Nolis, O Paseo, As Tres Portiñas,
Os Peares, Val Fresco e O Asador de Leo. O venres tocaralle a quenda a O Lar, Acapulco, Bombilla, Nixon, Samaná, Come, Bebe e Cala, Navegación, O Candil e Enredo e finalmente o sábado pecharase con Gran Vía, Oasis, Don Juan, Eureka, O Café de Xulia, Andalucía, Vasan, Amadeus, Mesón da Estrada e Nicol´s.
Finalmente, recalcouse que a ampla programación, que contempla actividades culturais, deportivas, infantís e de lecer, conta cunha xornada de xogos, malabares e circo de rúa para os
cativos o sábado pola tarde e os concertos de Teo Cardalda con músicos locais nunha Festa Movida Anos 80 o xoves 16 na Zona dos Viños; de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre o venres 17 na Praza do Concello; e de Iván Ferreiro na noite de vésperas do día grande do
Salmón, o sábado 18, tamén na Praza do Concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

López garante un urbanismo «para as persoas» con cinco desenvolvementos no novo mandato

• Anuncia a humanización integral da contorna da Praza da Feira cunha solución
que compatibilizará espazos verdes co fluxo de vehículos e o estacionamento
• Apunta ao desenvolvemento de máis de 100.000 metros cadrados de superficie
entre a zona do Mercadona, preto do Novo Mercado, a rúa Forcarei e a carón
do Teatro Principal

O candidato do Partido Popular á Alcaldía da Estrada, José López Campos,
anunciou hoxe nunha comparecencia diante dos medios na Praza da Feira que, se a partires do 26 de maio segue gobernando, continuará a  transformar A Estrada valéndose da seguridade xurídica
do PXOM para desenvolver un modelo urbanístico «que lle dea o protagonismo ás persoas».
José López compareceu na contorna da Praza da Feira porque este será un dos cinco grandes ámbitos de desenvolvemento urbanístico nos que o PP pretende comezar a traballar nos vindeios
catro anos. Concretamente, neste caso López apuntou a «un proxecto integral de humanización» dun ámbito aproximado de 12.000 metros cadrados que comprende tanto a actual zona de
aparcamento e tránsito como a carballeira do Campo da Feira. Ao respecto, precisou que a
solución urbanística que se decida ten que compatibilizar os espazos verdes e de lecer co fluxo de vehículos e coa utilización como zona de aparcamento gratuíto.
O candidato popular sinalou que outra das áreas de actuación prioritarias é o ámbito que se atopa detrás da Casa das Letras -actualmente utilizado como zona de aparcamento- e a súa conexión cara ao Teatro Principal. Concretamente, precisou que a vivienda anexa ao propio edificio do teatro
atópase en venda, polo que o PP pretende negociar a súa adquisición, así como dunha franxa de terreo continuo que permitiría unir a zona traseira da Casa das Letras co aparcamento de detrás do
Teatro «para crear unha gran bolsa de estacionamento público e gratuíto en pleno centro».
Ademais, precisou que a edificabilidade correspondente a esa vivenda anexa permitiría edificar unha nova construción para uso cultural que «axudaría a paliar a actual necesidade de espazos
debido á intensa actividade cultural que hai na Estrada».


O terceiro dos ámbitos de desenvolvemento ao que se referiu José López é o correspondente áo
Solo Urbano de Desenvolvemento (SUD-R06) da Avenida de Vigo, no que se instalará a superficie
comercial Mercadona. Trátase dun ámbito de 37.465 metros cadrados de superficie que xa se atopaba nun avanzado estado de tramitación. De feito, o concello remitiu hoxe para a súa publicación nos boletíns oficiais do documento do Plan Parcial, ao tempo que os técnicos
municipais están a informar o proxecto de ocupación para, antes do verán, presentar o proxecto construtivo, que deberá engarzar coa anunciada rotonda de conexión coa estrada N-640. Nesta
ámbito, López precisou que ademais da superficie comercial, tamén se xerará unha bolsa de solo residencial para a construción de máis de 200 vivendas.
Finalmente, o candidato popular confirmou tamén a súa vontade de iniciar no vindeiro mandato o desenvolvemento público de dous ámbitos situados a carón da Avenida de América: o primeiro, denominado Solo Urbano Non Consolidado (SUNC-R01) Avenida de América está situado preto do
Novo Mercado e ocupa a actual zona de estacionamento provisional. Abrangue unha superficie global de 13.925 metros cadrados, da que máis de 3.000 metros quedarían reservadas para aparcamento en superficie. Pola súa parte, o SUNC-R02 rúa de Forcarei comprende un ámbito de
23.065 metros cadrados de superficie na franxa paralela á Avenida de América que vai cara a prolongación da rúa Antón Losada.
En total, entre os cinco mencionados ámbitos de desenvolvemento urbanístico estaríase a falar dunha superficie conxunta de máis de 100.000 metros cadrados que comezarían a desenvolverse
no vindeiro mandato.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada convoca curso PRL para desempregados e autónomos

O Concello da Estrada, en colaboración coa Fundación da Construción, convoca un curso de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas de duración, que estará destinado a persoas desempregadas e autónomos que estean empadroadas no municipio.

Ofrecerase a maiores un curso de seis horas dun oficio específico a petición dos solicitantes. Cada unha das persoas interesadas deberá indicar un curso do seu interese, como pro exemplo albanelería, movemento de terras ou soldadura, e o máis votado entre as persoas inscritas será o que se impartirá finalmente.

Trátase dun curso moi solicitado, para o que se conta con 25 prazas que se irán cubrindo en rigoroso orde de inscrición a través do correo aedlconcelloestrada@gmail.com. Ante a posibilidade de que algunhas das persoas interesadas en realizar o curso específico conten xa co curso de prevención de riscos laborais, rógase que fagan constar no correo da solicitude esa situación, xunto co nome da formación específica que desexa recibir.

Ambos cursos son presenciais e as datas de comezo e horarios comunicaranse unha vez que as listas de participantes estean configuradas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Festival folclórico o sábado no Teatro Principal da Estrada

Este sábado, 18 de maio, celebrarase no Teatro Principal da Estrada un festival folclórico que contará coa participación da agrupación local Tequexetéldere e do grupo toledano Coros y Danzas Rosa del Azafrán, nunha actuación que comezará ás 18:00 horas.

Esta agrupación invitada comezou a súa andadura na década dos sesenta, e dende entón ocúpase de transmitir o legado cultural manchego dentro e fóra das fronteiras do país. Conta cun amplo repertorio do folclore tradicional castelán manchego, tanto de música coma de baile, co que interpretan gran cantidade de estilos. Interpretan xotas, seguidillas corridas e cruzadas, gañaderas, rondeñas, malagueñas, torrás e fandangos, entre outras moitas pezas.

Bailaríns e solistas están acompañados de instrumentos de corda tales como bandurrias, laúdes e guitarras que se conxugan cun vestiario colorido que introduce en escena varios tipos de traxes rexionais.  

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG comprométese a fomentar o consumo de produtos frescos de proximidade

 O BNG da Estrada, de ter responsabilidades de goberno a partir do 26 de maio, comprométese a fomentar o consumo de proximidade de produtos frescos e de calidade da Estrada. Por unha banda, organizando e promovendo campañas de sensibilización entres os veciños e veciñas sobre as vantaxes que ten o produto fresco de proximidade, fronte aos que nos veñen desde miles de quilómetros de distancia e que se venden nas superficies comerciais.

Promoveremos tamén a creación canles de comercialización directa, a través da praza de abastos, os días de feira e na recuperacións feiras sustentábeis, que se puxeron en marcha durante a presenza do BNG no goberno municipal entre 2007 e 2011. Por outra banda, desde o concello estableceremos relacións estábeis co comercio local de xeito que os produtos do noso agro cheguen ás persoas consumidoras coa mesma facilidade que os de produción allea (froito da produción industrial intensiva) de peor calidade nutricional. 

Apostamos pola creación dunha marca para os produtos do noso concello, que garanta a calidade e o produto de proximidade.

O BNG promoverá tamén a creación de pequenas industrias de transformación e conservación dos produtos como medio para aumentar o valor engadido (conservas vexetais, manteigas, queixos e iogures, cogomelos desecados, …).

Esta serie de medidas teñen por obxectivo frear o deterioro do rural estradense. O abandono do rural non se frea con marquesinas amigables ou cestas “baby box” para frear o despoboamento como pretende facernos crer o PP, fréase con políticas activas, que poñan o rural a producir. O rural non quere ser unha reserva onde ir pasar o fin de semana.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada convoca un ano máis os campamentos deportivos de verán

O Concello da Estrada convoca un ano máis os campamentos deportivos de verán para os meses de xullo e agosto. Esta será a décima edición na que se celebre esta actividade dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 15 anos, nados entre os anos 2004 e 2014, segundo explicou hoxe o concelleiro de Deportes, Ismael Pena.

Ofertaranse 300 prazas por quenda, tanto para xullo como para agosto, e o prazo de inscrición para a primeira delas permanecerá aberto do 3 ao 7 de xuño. Este trámite terá que efectuarse a través da sede electrónica ou no rexistro do Concello, situado na planta baixa da Casa Consistorial en horario de atención ao público. Durante o mes de xullo abrirase o prazo de inscrición para a quenda de agosto. Para formalizar a inscrición será preciso entregar a ficha debidamente cumprimentada e unha fotocopia do DNI e da tarxeta sanitaria do participante.

A actividade manterá o prezo das pasadas edicións; 80 euros por participante, aplicándose o único desconto segundo o número de membros da mesma unidade familiar que participen no campamento. Deste xeito, a inscrición dun segundo neno custaría 60 euros; a dun terceiro, 30 euros e sería gratuíto a partir do cuarto.

As actividades que compoñen o Campus Deportivo inclúen fútbol, baloncesto, atletismo, bádminton, natación, tenis, ciclismo, judo, karate e xogos predeportivos para os máis pequenos. Ademais realizarase en cada quenda unha excursión ao Aquapark de Cerceda e unha acampada nas instalacións das piscinas municipais.

Para rematar, o concelleiro agradeceu a colaboración de todos os organismos e empresas que colaboran nesta actividade, tales como a Deputación de Pontevedra, Seguros Helvetia, Inversia e a panadería A Fogaza, que se encargará da parte do catering da excursión e a acampada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG aposta por estender a mobilidade e seguranza viaria aos veciños e veciñas do rural

Actualmente está moi de moda falar de “mobilidade peonil”, pero este concepto está sempre referido aos centros urbanos, nos que se implantan todo tipo de medidas para garantir a seguranza vial dos veciños e veciñas. Sen embargo, esta “moda” esquece o rural, onde, paradoxalmente no caso da Estrada, vive o maior número de veciños e veciñas, e nas que se dan ademais as situacións máis perigosas, xa que teñen que compartir cos coches o espazo para se desprazaren.

Así, é moi habitual que en viais do rural que comunican lugares e parroquias, a ausencia de beiravías, onde en moitos casos non hai espazo físico para que circulen peóns con seguridade para a súa integridade física e vehículos. Ademais, dáse a circunstancia que o número de quilómetros de beirarrúas é máis ben escaso no rural, situándose en contados lugares e parroquias da Estrada.

Ante esta situación, militantes e membros da candidatura do BNG escenificaron esta situación de risco dos veciños e veciñas do rural nunha vía do concello para darlle visibilidade a esta situación que se dá en viais de todas as administracións públicas.

En consecuencia, desde o BNG propoñemos acadar das administracións titulares das vías de comunicación que asuman como prioridade a construción de beiravías nas súas estradas para que o dereito á mobilidade sexa tamén efectivo para a xente do rural. A seguranza vial é un dereito de todas e todos, independentemente de onde vivan.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario