Apacaf celebrará o sábado unha mesa informativa sobre o autismo

A Asociación Acapaf, que ten un centro de atención para persoas con autismo na parroquia de Berres, celebrará o sábado no Novo Mercado unha mesa informativa sobre o Trastorno do Espectro Autista (TEA), enmarcada dentro das actividades programadas en conmemoración do Día Mundial do Autismo, celebrado o pasado día 2 de abril.

A mesa informativa desenvolverase das 11:00 a 13:00 horas. No ecuador dese horario, ás 12:00 horas, procederase á lectura dun manifesto e acto seguido realizarase unha demostración cun can de terapia, Aya, ca que se dará a coñecer o traballo que realiza na intervención asistida. Este é o cuarto ano que o Concello colabora coa asociación na celebración duns actos que pretenden dar visibilidade e normalizar a situación das persoas e familias que conviven con este trastorno, explicou hoxe a concelleira de Asuntos Sociais, Amalia Goldar, quen invitou á veciñanza a acudir ao encontro.

O acto celebrarase no interior ou no exterior das instalacións do Novo Mercado dependendo da climatoloxía do momento e no que dure repartiranse folletos informativos sobre o TEA e o centro, globos azuis (cor que representa o trastorno) e rosquillas e bica artesanais que elabora o propio centro, segundo informou a presidenta de Acapaf, María José Ferradáns.

O obxectivo do chamamento é informar sobre o Trastorno do Espectro Autista e dar a coñecer tanto o centro como a actividade que alí se desenvolve. Ademais, a psicóloga do centro, Lucía Cachedo, afirmou que será unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a inclusión, “que é unha cuestión educativa” e subliñou que todos cabemos na sociedade.

A Estrada, 4 de abril de 2019

Publicado en Portada | Deja un comentario

Constenla: «O BNG queda retratado unha vez máis porque só vale para facer ruído»

O candidato nº 4 do Partido Popular ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Juan Constenla, aproveitou hoxe a resolución da Xunta Electoral de Zona da Estrada rexeitando as peticións dos nacionalistas para manifestar que «o BNG queda retratado unha vez máis, porque só vale para facer ruído e válelle calquera desculpa para atacar ao alcalde e criticar ao goberno». Constela opina que «se os nacionalistas fosen serios, admitirían o seu erro de interpretación da lei electoral e disculparíanse co alcalde» por fundamentar as súas críticas nuns feitos que son «perfectamente normais» e que «non rompen a neutralidade á que están obrigados os poderes públicos». Para Constenla, «nin José López nin o goberno local precisan recurrir a argucias electoralistas para que os estradenses vexan e valoren o resultado destes catro anos de goberno». «As obras están aí para ver e o feito de contar cun goberno unido e sólido vainos permitir seguir gobernando e sacando obras adiante ata o último día, sen electoralismo, pero sen paralizar o labor de goberno», remarcou. «O que no fondo lle molesta ao BNG é que José López estea a presentar ideas de futuro para seguir mellorando A Estrada e moléstalles porque son conscientes de que os veciños saben que é capaz de levalas a cabo e en maio valorarán esa capacidade», argumentou

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada vivirá a VIII edición das Santas Tapas do 17 ao 21 de abril

A VIII edición das Santas Tapas, organizada por primeira vez pola Asociación de Hostaleiros da Estrada en colaboración co Concello da Estrada, ACOE e Turismo da Estrada, terá lugar do 17 ao 21 de abril e contará coa participación de 29 establecementos da localidade, segundo explicaron os vocais da organización, Francisco González e Gonzalo Pose.

En anteriores edicións a organización do evento correu por conta de ACOE, pero nesta ocasión foi a Asociación de Hostaleiros a que se puxo a fronte, incluíndo cambios como a confección de catro rutas en lugar de tres e a inclusión de premios tales como dous cheques de mil euros que se sortearán entre as persoas que completen o percorrido por todos os locais, así como fins de semana de estancias en casas rurais, vales de compra, e lotes de produtos, entre outros.

Ademais, este ano solicitaron a axuda de asesores gastronómicos a fin de aumentar a calidade das tapas que, por un prezo de 2 euros cada unha, experimentarán un salto de calidade e presentación con respecto ás pasadas edicións, todo encamiñado a mellorar a experiencia e satisfacción dos clientes, segundo afirmou Pose.

O horario no que se desenvolverá o evento abrangue dende as 12:00 ás 15:00 horas ao mediodía e das 20:00 ás 22:30 pola noite, aínda que está na man de cada hostaleiro a posibilidade de amplialo. Comezará o día 17 pola noite e finalizará tralo mediodía do día 21. Os posibles alérxenos estarán indicados e unha ducia de establecementos ofrecerán tapas sen gluten.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Presentación libro de Monthe Fajardo

Este Martes 2 de Abril tivo lugar no Mome a presentación do libro de Monthe Fajardo, Invisibles, organizado polo Grupo Feminista.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Aberto prazo de matrícula para a Escola Infantil Municipal ata o día 15

Atópase aberto o prazo de matrícula ordinario destinado a inscribir aos nenos na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2019/2020. Este prazo permanecerá aberto ata o luns 15 de abril, polo que as persoas interesadas en matricular aos seus fillos e fillas poderán facelo presentando a solicitude directamente na escola e uns días despois do remate do prazo publicarase un listado coa baremación oportuna, segundo informou hoxe a concelleira de Educación, Amalia Goldar.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG alerta do grave deterioro da pérgola da feira

“A pérgola da feira ten graves problemas estruturais”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “e precisan un arranxo inmediato por parte do concello”. “Calquera que pase por alí pode ver as madeiras podres e medio colgando”, engadiu.

“Esta situación é un grave perigo para calquera que pase por alí, especialmente nos días de feira, no que se acumula moita xente nese momento”, explicou o concelleiro do BNG.

Xosé Magariños indicou que “xa advertimos ao goberno municipal desta situación da pérgola municipal, mais polo que se ve isto non centra as súas prioridades”. “O prioritario para o PP agora mesmo é facer anuncios electoralistas, que a saber se se executan ou non”, afirmou o concelleiro nacionalista, “e á pérgola podemos engadirlle tamén os pasos de peóns, cousa que tampouco é unha preocupación do goberno do PP”.

“Por outra parte”, engadiu Magariños, “na feira tamén hai árbores secas, que esteticamente non pintan nada alí, o lóxico sería repoñelas”.

—
BNG da Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello alumeará mañá en azul polo Día Mundial do Autismo

A cúpula da Casa do Concello da Estrada alumearase hoxe , 2 de abril, de azul en conmemoración do Día Mundial do Autismo. Procederase ao acendido arredor das 20:30 horas, antes do solpor, e permanecerá aceso durante toda a noite.

Este é un dos actos conmemorativos do Día Mundial do Autismo organizados pola asociación  APACAF, que ten un centro de atención para persoas con autismo na parroquia de Berres, e para o que o Concello da Estrada presta a súa colaboración.

Esta iniciativa pretende dar visibilidade ao colectivo de persoas con autismo, así como a incrementar os niveis de coñecemento e tolerancia cara elas. Trátase da campaña de sensibilización internacional Light It Up Blue (ilumínao de azul), promovida por Autism Speaks, na que milleiros de edificios emblemáticos de todo o mundo se iluminan de azul en apoio en apoio ás persoas con autismo e ás súas familias. En 2015 rondábanse os 50 edificios alumeados en azul en España; para este ano o obxectivo é chegar aos 350.

Publicado en Portada | Deja un comentario