XVII CONCURSO SONDO DANCE BAILE DEPORTIVO, búscate na Galería:
O Teatro Principal quédase pequeno para o concerto Fin de vida de Carlos Barruso

O Teatro Principal quédase pequeno para o concerto Fin de vida de Carlos Barruso, que se celebrará alí o venres ás 21:00 horas, e para o que hai días que se esgotaron as entradas. Tal como lle comentaron nos distintos puntos de venda, este espectáculo podería encher varias veces o aforo do teatro, segundo explicou hoxe o artista.
Despois de ser diagnosticado cun cancro de páncreas terminal entregouse por enteiro ao que o fai feliz en todo momento; a música. Este concerto Fin de vida será como unha xuntanza entre amigos que quedan para facer música e representa un canto de esperanza, unha maneira de transmitir unha mensaxe positiva de que hai que desfrutar da vida e do que te faga feliz en cada momento, afirmou.

Tendo en conta o motivo polo que se realiza enténdese o especial que resulta, e por esa mesma razón é pola que Barruso non ve sentido en realizar outras sesións. “Dáme rabia pola xente que se queda fóra, pero a emotividade é algo que pertence ao momento. Non é algo que se poida replicar noutros pases”, dicía o artista.

A maior parte dos músicos que o acompañarán o venres, en torno á metade, foron os seus alumnos, e os restantes, amigos artistas cos que compartiu escenario ao longo da súa carreira. Barruso irá tocando con cada unha das agrupacións durante a velada dun evento cunha organización artellada de tal forma que se eviten os grandes cambios enriba do escenario, a pesar da cantidade de músicos que pasarán por el.
Para pechar o acto, o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, salientou o talento, paixón e profesionalidade que Barruso ten como constante, non só no mundo da música, senón a nivel persoal, e afirmou que este concerto vai ser algo especial para todos os asistentes e que enriba do escenario se poderá sentir o cariño que a xente da Estrada lle profesa a este artista.
É prioritario pintar os pasos de peóns

“Xa que o PP é tan afeccionado ultimamente á cor branca, que nos deixa a todos e todas cegados na alameda”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “pídolle ao goberno do PP que tamén faga o propio cos pasos de peóns, que si lle fai unha boa man de pintura”.
O concelleiro nacionalista explicou “que levamos moitos meses pedindo que pinten os pasos de peóns, é unha necesidade moi importante para integridade física dos veciños e veciñas”. “Sen embargo”, engadiu Magariños, “isto semella que tampouco entra dentro das prioridades do goberno do PP, xa que algúns pasos de peóns apenas hai unha manchas de cor branco, que nos recordan que por alí, en algunha ocasión, os veciños e veciñas puideron cruzar sen perigo”.
Xosé Magariños insta ao goberno municipal a “facer o seu traballo, a ter en conta as prioridades dos veciños e veciñas, e os pasos de peóns é unha delas, así que insta ao goberno do PP a poñer mans á obra”.
—
BNG da Estrada
O mércores poranse á venda as entradas para o espectáculo de maxia de Luis Boyano

As entradas para o espectáculo de maxia de Luis Boyano, programado para as 21:00 horas do vindeiro 5 de abril, poranse á venda a partir do mércores no Departamento de Cultura da Casa do Concello da Estrada.
O Teatro Principal acollerá ese día a un ilusionista que gañou o Premio Nacional de Maxia e o Premio Mundial na especialidade de Mentalismo e que nesta ocasión porá en marcha un número titulado Grandes ilusións que, sen dúbida, fará as delicias do público.
As entradas poderán mercarse de xeito anticipado a un prezo de 8 euros ou adquirirse o día da función na billeteira do teatro a un prezo de 10 euros.
UN EPISODIO MÁIS DOS DESPROPOSITOS EN MATERIA DE CONTRATACION E PERSOAL NO GOBERNO DO PP DA ESTRADA

Nos últimos días os estradenses vimos de asistir ao último capítulo no serial de despropósitos en materia de persoal na política municipal: a convocatoria de 2 prazas, licenciado/a en ciencias da actividade física e o deporte para o Departamento de Deportes e un/ha titulado/a superior con formación específica en drogodependencias e outras condutas aditivas, realizada contra o permitido pola lei. Para os socialistas isto é o cúlmen dunha serie de despropósitos en materia de persoal que José López e os seus amigos, que teñen un salario pagado con cartos públicos por xestionar a área de persoal, levan facendo durante os últimos oitos anos no goberno municipal.
“Dende que José López é alcalde os estradenses somos testigos de denuncias de oposicións amañadas, de amiguismo partidista feito dende a alcaldía e pagado cos cartos de todos os estradenses, da imposición dunha RPT que non contaba co apoio dos sindicatos representantes do persoal municipal e foi anulada por un xuíz, e a un mes da campaña das eleccións municipais, asistimos a un novo capítulo da catastrófica política de persoal do alcalde José López: convocatoria de prazas en fraude de lei para facer máis amiguismo partidista, segundo denuncias feitas polos sindicatos de traballadores. Durante oito anos asistimos a unha práctica reiterada polo alcalde consistente en contratar persoal pola porta de atrás, sen que se garanta o acceso en igualdade de condicións”, comentou o candidato López Bueno.
Os socialistas acusan ao alcalde José López de actuar contra os intereses da Estrada en material de persoal ao longo das dúas últimas lexislaturas. “Analizando os últimos oito anos, as denuncias existentes, as afirmación realizadas polas persoas contratadas e os aspirantes nos distintos procesos selectivos a ninguén se lle escapa que a costa dos cartos dos estradenses José López pagou dende a alcaldía favores de partido e persoais sen importarlle que ao longo destes anos de goberno do PP os estradenses, polas súas neglixencias, tivemos que gastar máis en pagar indemnizacións aos traballadores como resultado de sentenzas xudiciais nas que perdeu o Concello e en acudir ao xulgado pagando avogados e costas como institución denunciada do que o alcalde José López investiu de fondos municipais en calquera das parroquias da Estrada”.
Nos últimos oito anos multiplicáronse os pleitos plantexados polo persoal municipal contra o Concello, apareceron denuncias de candidatos e candidatas por irregularidades nos procesos de contratación, existen gravacións nas que concelleiros insinúan que o propio alcalde facilita a contratación amigos rompendo o imperativo legal de condicións de igualdade no acceso a postos de traballo na administración municipal, os gastos en avogados -curiosamente amigos e próximos ao partido de goberno- para acudir a pleitos en materia laboral superaron os de todos os gobernos anteriores xuntos, as dedicacións exclusivas en materia de persoal, son máis e máis caras que nunca, … e agora, a dous meses das eleccións municipais pretende crear postos a medida. Por se isto fose pouco, por tacticismo electoral, a 2 meses da eleccións o alcalde pretende tapar todos estos despropósitos ofrecendo máis cartos aos traballadores e vendelo como RPT negociada.
O BNG presenta unha candidatura,nacionalista, renovada e feminista

O BNG presentou o pasado Sábado a súa candidatura para concorrer as múnicipais con unha lista nacionalista, renovada e feminista
370 bailaríns se disputarán o XVII Trofeo SondoDance da Estrada

Arredor de 370 bailaríns de toda Galicia disputaranse este domingo, 17 de marzo, o VXII Trofeo SondoDance da Estrada que terá lugar no pavillón Manuel Coto Ferreiro, que comezará ás 10:00 horas da mañá e se prolongará ata as 21:00 horas da noite.
O concelleiro de Deportes, Ismael Pena, asegurou que dende o Concello están moi satisfeitos co éxito colleitado nas anteriores edicións, que gozaron dunha gran afluencia de público; o que garante a acollida desta nova edición, e afirmou tamén que esta atracción de visitantes ten o seu impacto tamén na hostalaría local.
Esta competición en torno ao baile celebrada na Estrada atópase entre as tres con máis participación de Galicia e conta como proba puntuable para o ranking competitivo nacional, segundo explicou o representante de SondoDance Carlos Romero. A competición divídese en tres modalidades: bailes caribeños, danza coreográfica e baile deportivo, subdividíndose esta última en bailes estándar e latinos, nas que se competirá á súa vez en varios estilos.
A entrada ao evento terá un prezo de 7 euros, cun prezo reducido de 4 euros para xubilados e de balde para os nenos menores de 7 anos, para un torneo no que participan 36 parellas estradenses da escola SondoDance das cales, 16 pertencen ás escolas deportivas.
A idade dos competidores varía dende os 5 ata os máis de 60 anos e niveles, dende principiantes ata unha parella finalista do campionato de España, afirmou Romero, quen invitou á veciñanza estradense a acudir e desfrutar desta xornada lúdica.




















































