Búscate a Galería:
O BNG propón que o concello forme, asesore e poña en marcha tendas virtuais para o comercio local
Xosé Magariños: “A idea é a de achegar o comercio local aos novos hábitos de consumo dos veciños e veciñas e teñan un complemento, unha axuda nas súas vendas, para manter vivo o comercio local”

“O comercio ten problemas graves, o BNG non está de brazos cruzados agardando un milagre como fai o alcalde, o BNG toma a iniciativa”
O BNG vén de rexistrar unha moción no concello para dotar de tendes virtuais ao comercio local. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “en reiteradas ocasións alertamos dos problemas e graves que ten o comercio do noso concello, que está a atravesar unha forte crise; por unha banda está o problema crónico dos aparcadoiros públicos da vila, que se caracterizan pola súa escaseza e falta de mantemento; e por outra banda, non é allea a influencia negativa que ten sobre o noso comercio local a cercanía á capital de Galiza onde se concentran un número importante de centros comerciais, que atrae tamén a non poucos veciños e veciñas da Estrada”.
“Mais”, engadiu Magariños, “tamén é indubidábel a influencia negativa que ten o comercio electrónico, que permite a calquera persoa comprar desde a casa ou desde un dispositivo móbil. De feito, segundo datos Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC), o comercio electrónico alcanzou en 2017 unhas vendas no Estado español de 30.406 millóns de euros, un 25,7% máis que en 2016.” “Estes datos”, explica o concelleiro do BNG, “indican que hai un cambio nos hábitos de consumo das persoas, tamén dos nosos veciños e veciñas, e fronte este cambio, o concello da Estrada ten que tomar a iniciativa para frear a crise do comercio local, poñendo todas as ferramentas que ten ao seu alcance”.
O concelleiro do nacionalista critica a pasividade do goberno do PP, “non podemos ficar de brazos cruzados, nós no BNG non somo de quedarnos a agardar un milagre, cada día hai máis baixos comerciais, e ante a pasotismo do goberno de López, o BNG toma a iniciativa presentando unha moción para que o concello proporcione unha tenda virtual aos comercios que o pidan”.
“Sabemos que xa hai algún comercio da localidade que xa ten a súa tenda virtual”, explicou Magariños, “mais a idea é estendela ao maior número de tendas físicas posíbeis, proporcionando a correspondente formación e asesoramento”.
Xosé Magariños explicou que “A Estrada conta con certa vantaxe, conta cos medios técnicos e o persoal cualificado de A Estrada Dixital para poder poñer en marcha esta iniciativa a un custe moi baixo para o concello e cero para o comercio local”. “O que si é moi caro e non nos podemos permitir é estar de brazos cruzados sen facer nada”, engadiu Magariños, “o comercio local é a alma da vila, non nos podemos permitir máis comercios locais pechados, vainos a vida”.
“Por outra parte”, indicou Magariños, “sabemos perfectamente que da noite para a mañá ningún comercio da vila se vai converter nun Amazon, a idea é a de achegar o comercio local aos novos hábitos de consumo dos veciños e veciñas e teñan un complemento, unha axuda nas súas vendas para manter vivo o comercio local”.
—
BNG da Estrada
Unha nova chapuza do PP na Rúa do Muíño
“ Esta obra é a constatación dun goberno chapuceiro, un goberno que aparenta que fai, pero que deixa as cousas a medias”

Para o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, as obras de mellora da rúa do Muíño “é a constatación dun goberno chapuceiro, un goberno que aparenta que fai, pero que deixa as cousas a medias, como nos veñen de indicar os veciños e veciñas desta rúa que ven con estupefacción como as beirarrúas seguirán igual de desfeitas, a pesar da capa de rodadura que lle acaban de botar”.
“Os veciños e veciñas están moi enfadados coa xestión do PP”, afirmou Magariños, “e non lles falta razón”. “Non é de recibo que se deixen as cousas a medias, que a pesar do firme que se lle botou, os veciños e veciños continuarán tendo as rúas desfeitas, cos bordes rotos, etc.”
O concelleiro nacionalista afirmou “que o PP ten presa e aparentar que fai moitas cousas, porque estivo catro anos sen facer nada, e agora, coas presas, deixa as cousas a medias, porque en dous meses estamos en eleccións”. “Xa lle dixemos que non lle ía dar tempo, que A Estrada acumulaba moitos problemas”, indicou Magariños, “mais a improvisación, as carreiras do PP por facer o que non se fixo en catro anos, pagarémolas todos e todas”.
O BNG esixe que “se retome a obra do Rúa do Muíño, e que se acometan unha mellora de toda a rúa, incluídas as beirarrúas”.
—
BNG da Estrada
O Concello da Estrada prepara un plan con Augas de Galicia para dotar de servizo a 450 vivendas

O Concello da Estrada está traballando con Augas de Galicia nun proxecto que persegue o obxectivo de dotar de subministro a arredor de 450 vivendas do rural. Este novo enganche á traída suporá a instalación de 11.600 metros de canalizacións para a condución da auga ata os fogares e Augas cifra o investimento arredor dos 715.000 euros, explicou hoxe o alcalde, José López.
A auga, xa tratada, sairá do acceso á rede troncal da traída procedente de Parada e abastecerá aos núcleos de A Carballeira, Constenla, O Pazo, A Consolación, Outeiro, Piñoi, As Quintas, Sar, Tabeirós, Tosar e Vilarreal.
López indicou tamén que esta semana recibiuse no Concello unha comunicación por parte de Augas de Galicia para iniciar os trámites de compromiso na actuación financeira, proceso a través do cal, a administración local se comprometería a sufragar parte desta actuación de modo que sexa financiada por ambas institucións.
Antes da firma do convenio entre as dúas partes é preciso realizar unha fase de exposición pública e participación a fin de que a veciñanza coñeza o proxecto, tome partido e poida expresar as súas necesidades de modo que todas aquelas persoas que queiran conectarse á rede non se queden fóra, sinalou o alcalde, e matizou que se trata dunha obra importante e que non tería sentido facela para que os veciños non se conecten ao final.
Aparte dos máis de 11 quilómetros de canalizacións que haberá que instalar, para prover de servizo Ás Quintas, Tosar e Outeiriños haberá que construír unha canalización dirixida por debaixo da estrada que da acceso aos tres núcleos.
Para o caso de Codeseda existe outro proxecto posto en marcha pola administración local, cun orzamento de 88.000 euros procedentes de remanentes do Concello para o que, a través de perforacións dirixidas, extraerase auga captada na zona de Barro que será tratada e almacenada nun novo depósito de 40.000 litros.
O MOME acollerá o venres unha presentación de aceites de oliva galegos

O Concello da Estrada colaborará coa asociación de produtores de aceite e oliva de Galicia (APAAG), polas súas siglas en castelán, na organización da presentación dos aceites de oliva elaborados na comunidade e incluídos na asociación. O evento terá lugar no MOME o venres 1 de marzo ás 13:30 horas.
Durante o acto repasarase a historia do cultivo da oliveira, dende tempos do Imperio Romano ata a actualidade, e da súa particular adaptación aos diferentes climas. Explicaranse tamén que tipos de aceite de oliva se producen actualmente en Galicia en base ás variedades cultivadas, organizarase unha cata explicativa do produto e aventuraranse as pautas que seguirá a produción no futuro.
Rosalía volta a O Foxo
Na mañá de hoxe no Ceip de O Foxo festexarón o día de Rosalía.
A Estrada coloca carteis da actuación na Alameda como xustificación dentro da Edusi

O Concello da Estrada instalou hoxe dúas lonas publicitarias con datos e infografía sobre a actuación que se está levando a cabo na Alameda como xustificación dentro da Edusi. É preciso como condición do proxecto crear unha estratexia publicitaria que poña en valor as actuacións que se están desenvolvendo gracias á colaboración de Europa, aos fondos FEDER e á Edusi, aclarou o alcalde, José López Campos.
As dúas lonas publicitarias instaladas atópanse, unha diante da Casa Consistorial e a outra no cruce de Benito Vigo coa rúa Castelao. Sobre elas pódense observar a infografía que amosa o aspecto final que terá a obra e os usos detallados do espazo da intervención: superficie da actuación, zonas verdes, dimensións da nova Praza do Concello e outros datos de interese.
Esta axuda europea para o desenvolvemento rural e urbano ten un importante compoñente sostible, polo que esixe que se documenten dez exemplos de boas prácticas vinculadas a ela dentro do período en que ten lugar.
A instalación destes carteis informativos cumpre unha dobre función. Por unha banda amosa á veciñanza cal será o novo aspecto da Alameda e de que maneira se distribuirá o espazo, e por outra incorporarase á estratexia que xustificará os impactos publicitarios dunha campaña que se abandeira baixo o lema “Una manera de hacer Europa”.
Con respecto ao avance da obra, López estima que os traballos de pavimentado da praza comecen a partir do xoves e anunciou que o parque xa posúe a cota definitiva, polo que pronto comezarán os traballos construtivos na zona.

















































































