O concello incumpre a súa propia ordenanza de normalización lingüística

“O concello incumpre a súa propia ordenanza de normalización lingüística”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños. “Na rúa do Muíño veñen de colocarse uns carteis avisando do corte da rúa por mor dunhas obras que está integramente en castelán”, engadiu o concelleiro nacionalista.

“O artigo 19 de ordenanza de normalización lingüística aprobada por unanimidade de todos o grupos con representación indica expresamente que os sinais instalados polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias ou calquera outra entidade serán redactados en idioma galego”, indicou o concelleiro do BNG, “iso é o que aprobou o propio Partido Popular, mais a realidade é que o grupo de goberno incumpre sistematicamente este ordenanza, así como a Lei de Normalización Lingüística”.

O concelleiro nacionalista esixiulle ao goberno do PP “unha maior dilixencia no cumprimento das ordenanzas municipais e compromiso coa nosa lingua”. “Non é a primeira vez que este goberno obvia a lexislación a respecto da nosa lingua”, explicou Magariños, “de feito xa temos denunciado en varias ocasións feitos semellantes, mentres o goberno do PP como se a cousa non fose con eles”.

“Desde o BNG esiximos ao goberno municipal a retirada inmediata deses carteis e substituílos por outros que si cumpran a ordenanza municipal de normalización lingüística”, afirmou Magariños, “non é de recibo que un goberno incumpra as súas propias ordenanzas”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada acolle unha nova xornada da campaña informativa da Xunta sobre as axudas do bono eléctrico galego

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou nun encontro celebrado no Museo do Moble e da Madeira (MOME) no que se informou das axudas de ata 450 euros anuais coas que se garante a subministración nos fogares máis vulnerables

Na xuntanza tamén se achegaron consellos sobre como aforrar na factura eléctrica revisando o tipo de contrato e a potencia contratada, e valorando a discriminación horaria

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal acompañada pola concelleira Amalia Goldar, participou hoxe na Estrada nunha das xornadas incluídas na campaña informativa impulsada pola Xunta para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda complementaria impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pagamento do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.

Esta iniciativa inclúe encontros en diferentes localidades para asesorar tanto á cidadanía como aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste eido. Nestas xuntanzas achégase tamén información sobre como aforrar na factura eléctrica, revisando o tipo de contrato e a potencia contratada, e valorando a discriminación horaria. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.

Tal e como se informou hoxe no encontro, o bono social do Estado supón unha bonificación do 25% ou do 40% no recibo de luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cubre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Este complemento, cunha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas-, permite que os beneficiarios poidan asumir o pagamento de ata o 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico. Esta axuda compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas comercializadoras de referencia para evitar o corte de subministración entre os consumidores máis vulnerables.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Mañá comezará a homenaxe a Rosalía no Teatro Principal

Mañá, 22 de febreiro, dará comezo a homenaxe a Rosalía de Castro mediante un recital de poesía e a posterior proxección do vídeoclip Estás en min. O acto comezará a partir das 20:00 horas no Teatro Principal.

O Club de Lectura da Estrada e diversos clubs deportivos, entre os que se contan a Escola de fútbol, o Club de natación e salvamento, o Club ciclista estradense, Diverpatín, o RC Tenis e o EDM Baloncesto, serán os encargados de recitar os poemas nos primeiros compases da gala.

Seguidamente proxectarase o videoclip Estás en min, gravado coa colaboración de boa parte dos músicos e bandas estradenses nun evento que evoca unha declaración de amor ao legado literario e vital da poetisa que se resume no título elixido para a peza.

Este clip ve cara o panorama internacional, onde atopa inspiración para o seu lema a través da composición de Ben E. King, Stand by me, e no proxecto musical de Mark Johnson, Playing for change,  que trata de conectar todo o planeta a través da música, aínda que de maneira escalada.

Como metáfora desa unión na interpretación e gravación desa canción na que se vai sumando a participación de músicos de todo o mundo, Estás en min pretende unir aos artistas e bandas estradenses de diversa procedencia musical no reto de renderlle homenaxe a Rosalía.

Como resultado obtívose unha peza audiovisual da man de Lucas Terceiro e Valentín Torrado na que interveñen, tomando como base o videoclip de Mark Johnson, bandas estradenses como Gabriel Estrada, (Plan Siberia), Pablo Carracedo “Jasper” e Gustavo Brea (Nao), Xurxo Rodríguez (Esquíos), Andrea Porto (A Banda da Loba), Lucía Azurmendi e Juan Núñez (The Bichos Band) e artistas como Anxo Fernández, Manuel Brey, Paco Guerra, Fernando Sanmartín, Xosé Manuel Marque, Jesús Carbia, Sheila Carbia, Saleta Lueiro, Nuria García, Ángela Eiras, Lía Vázquez, Nagore Fernández e Noa Baloira.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Charla sobre axudas da Política Agraria Común o vindeiro martes no MOME

O vindeiro martes ás 10:30 horas celebrarase unha charla no MOME sobre as axudas da Política Agraria Común (PAC), así como as axudas para o desenvolvemento rural correspondentes ao presente ano. A charla informativa estará dirixida por persoal do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA).

Publicado en Portada | Deja un comentario

ANUNCIO DA CONVOCATORIA DOS CURSOS CELGA

Dende o Servizo de Normalización Lingüística informamos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a convocatoria, con carácter voluntario e gratuíto, dos cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

As persoas que desexen participar nestes cursos deben cubrir o formulario da solicitude, segundo o modelo PL 600A, que se publica como anexo I, e dirixilo á xefatura territorial da Consellería de Cultura e Turismo da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal. Tamén poderán presentarse presencialmente no portelo da Xunta habilitado no Rexistro do Concello da Estrada.

As persoas que desexen participar nos cursos de teleformación deben cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, que se publica como anexo I e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia; e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística

O prazo de presentación das solicitudes rematará o 11 de marzo. Para máis información poden consultar a ligazón:

http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Formacion/convocatoria_0270/convocatoria-cursos-preparatorios-das-probas-para-obter-certificados-celga-1
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta pon en valor o sector da madeira en Galicia como dinamizador económico e do medio rural

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda acompañado polo Alcalde Estradense José López, visitou hoxe na Estrada a Carpintería Estelar, onde puxo en valor a importancia do sector da madeira en Galicia polo seu papel como dinamizador económico, moi especialmente no medio rural.

A Carpintería Estelar, unha empresa familiar, está a encargarse agora mesmo da substitución das máis de 1.400 ventás do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela, onde se está acometendo unha reforma que conta cun investimento de máis de 6 millóns de euros e que beneficiará aos seus 2.000 traballadores e a toda a cidadanía que se achega a estas instalacións.

Nestas fiestras estase a empregar madeira de castiñeiro, que foi elixida polo seu bo comportamento enerxético, polo seu valor estético, e porque a madeira é un dos materiais con maior presente e futuro na construción galega.

Proba do bo comportamento e oportunidades de futuro do sector forestal son os datos acadados en 2017, cando se bateu o récord histórico de corta de madeira en Galicia, de onde procede a metade de toda a madeira que se corta en España. Ademais, Galicia lidera -xunto con Cataluña- as exportacións de madeira a nivel estatal. En total, o sector forestal representa case o 2 por cento do PIB galego, e xera máis de 20.000 empregos directos e outros 50.000 indirectos.

Por iso, a Xunta está a apostar por este sector a través de diversas vías como o uso de material en edificios públicos, como se está a facer en San Caetano; e tamén a través de axudas por un importe que suma 11 millóns de euros consignados este ano para a incorporación de maquinaria, mellora de procesos e produtos e formación especializada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ábrese o prazo para postular candidatas ao premio honorífico á labor das mulleres do Concello da Estrada

A partir de hoxe, e ata o 27 de febreiro ás 14:00 horas, permanecerá aberto o prazo de solicitude mediante o cal se pode postular a mulleres, empresas ou colectivos de mulleres ao premio honorífico á labor das mulleres no Concello da Estrada organizado polo CIM.

Poderán ser candidatas todas as mulleres que naceran, residiran ou residan na localidade e que desenvolvan nela a súa actividade social, empresarial ou cultural e tamén as entidades públicas e privadas que reúnan esas condicións.

As candidaturas poden presentarse por proposta dalgún membro do xurado, por iniciativa propia ou a instancia de terceiros, mediante solicitude no Rexistro Central do Concello da Estrada. O xurado estará formado pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, o concelleiro de Cultura, un concelleiro de cada grupo da oposición e, por sorteo, dun representante dunha asociación empresarial ou comercial, un representante sindical, un das asociacións do eido cultural, un das asociacións de mulleres e a directora do CIM.

Este xurado puntuará a traxectoria persoal, empresarial e social, a relevancia e o retorno á cidadanía como criterios valorativos á hora de avaliar ás candidatas e o fallo darase a coñecer na cerimonia de entrega do galardón, que se celebrará o 8 de marzo, Día da Muller, ás 20:00 horas no MOME. O premio constará dun recoñecemento simbólico mediante a entrega dun agasallo conmemorativo a unha única persoa ou entidade gañadora.

Publicado en Portada | Deja un comentario