O Concello presenta a programación cultural de primavera Estrada Escena

O Concello da Estrada presentou hoxe a relación de eventos que formarán parte da programación cultural de primavera baixo o título Estrada Escena mediante a cal, durante os vindeiros meses se tentará artellar unha programación de calidade e diversidade, segundo comunicou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

O inicio da programación estará marcado pola celebración do concerto da Banda da loba, que terá lugar este mesmo sábado, 23 de febreiro, ás 22:00 horas no Teatro Principal da localidade. Un evento cuxas entradas xa se atopan á venda no Departamento de Cultura do Consistorio e cun compoñente local, no que dúas das súas integrantes, Andrea e Marcela Porto, son veciñas da vila.

En marzo representaranse o drama Bernarda, o primeiro día do mes ás 21:00 horas e as comedias Dúas portas e un segredo (15 de marzo ás 21:00 horas), Ebook, las edades del libro (16 de marzo ás 20:00 horas) e a estrea A primeira vez (29 de marzo ás 21:00 horas). Para conmemorar o Día da Muller, o 8 de marzo contarase coa actuación folk de Susana Seivane. O concerto de jazz a cargo de Carlos Barruso e amigos e o concerto de solistas da Banda Municipal da Estrada serán dous eventos de balde para os que haberá que retirar invitacións no Departamento de Cultura do Concello que se celebrarán o 22 de marzo ás 21:00 horas e o 29 de marzo ás 20:30 horas respectivamente.

O espectáculo de maxia a cargo de Luis Boyano do día 5 ás 21:00 horas abrirá o mes de abril, ao que seguirán a función de danza contemporánea Euria por parte da Compañía Markeliñe o día 6 ás 18:00 horas, a representación humorística Un leñador no es un diseñador o día 12 ás 21:00 horas e a comedia xestual Facendo o indio o día 13 ás 20:00 horas.

En maio hai programadas catro comedias e cinco concertos. Entre as producións teatrais atópanse as obras Gag movie, unha comedia xestual que se representará o 3 de maio ás 21:00 horas; Aladín e a lámpada marabillosa, unha comedia musical que terá lugar o 4 de maio ás 18:00 horas; unha adaptación de Os contiños da terra por parte de Santi Cortegoso, para o 5 de maio ás 19:30 horas, cuxa entrada será de balde e a obra Elisa e Marcela, programada para o 10 de maio ás 21:00 horas.

A parte musical comezará o día 1 de maio ás 13:00 horas co concerto da Unión de Músicos Veteranos da Estrada e seguirá co Concerto de primavera que ofrecerá a Banda Municipal da Estrada o día 11 ás 20:30 horas, para cuxa asistencia será preciso retirar invitacións no Departamento de Cultura do Concello. O día 16 a partir das 22:00 horas celebrarase unha festa inspirada nos anos 80 con Teo Cardalda na Zona de Viños á que seguirá o día seguinte á mesma hora o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na Praza do Concello. A programación pecharase co Concerto do Salmón por parte da Coral Polifónica Estradense o 19 de maio ás 19:30 horas, para o cal tamén será necesaria a retirada de invitacións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello xa conta coa autorización da Xunta para o inicio da actividade do Centro de día

O Concello da Estrada xa recibiu a autorización da Xunta de Galicia para o inicio da actividade do Centro de día, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos. Actualmente estase a modificar o regulamento do centro antes de proceder á apertura das inscricións.

Dende o Consistorio estímase que o centro estea plenamente operativo e en funcionamento para principios de marzo, á espera de que a Xunta estableza a data de inicio da actividade. Entre tanto, a Asociación Agadea está a traballar na modificación do regulamento de cara ao proceso selectivo.

A asociación será a encargada de avaliar ás persoas que opten a ocupar unha praza nas instalacións do centro segundo os criterios recollidos nese documento, que deberán de acudir ao departamento de Servizos Sociais do Concello, situado na planta baixa do Consistorio, para solicitar a entrada no Centro de día.

López atopou preciso matizar que, aínda que o servizo ten un custo de 590 euros mensuais por usuario (en xornada completa), trátase dunha iniciativa subvencionada, incorporada na carteira de dependencia da Consellería de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, sempre que se teña solicitado o Plan Individual  de Atención (PIA).

A pesar de que algunha persoa estivese xa subscrita ao PIA non se lle podía ofertar este servizo ata agora porque non existía o centro, explicou o alcalde, polo que a partir de agora se poderán beneficiar deste servizo subvencionado total ou parcialmente en función da renta e propiedades de cada solicitante.

Ao longo deste mes abrirase o prazo de presentación de solicitudes, que permanecerá aberto dende ese momento. Unha vez cubertas as prazas dispoñibles iranse cubrindo as baixas xeradas polos usuarios en curso seguindo a orde da lista de espera.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LUIS LÓPEZ BOUZA: “HOXE COMEZA A CONTA ATRÁS PARA DEVOLVERLLE O CONCELLO Á VECIÑANZA”

Luis López Bouza presentouse este sábado ante a veciñanza da Estrada como o novo candidato socialista á alcaldía co compromiso de “devolverlle o Concello á veciñanza”.

“Os socialistas temos outra forma de facer política: vimos, estamos coa xente e escoitámola para saber o que precisan”, asegurou o recentemente elixido nun acto no que recibiu o calor dunhas 300 persoas.

López Bouza, de 25 anos e licenciado en Dereito, asegurou que A Estrada non poden continuar coa “sangría de poboación” que sufre nos últimos anos. “Perdemos poboación, e perdemos poboación en idade de producir”, sinalou o socialista, que ve esta situación como “inviable” e acusa ao Partido Popular de “non facer nada para remedialo”.

“Demos unha sorpresa co candidato, e darémola nas vindeiras eleccións”, finalizou López Bouza, “traballando con ilusión, con forza e con convicción por e para as veciñas e veciños”.

López Bouza contou co apoio de dirixentes socialistas de todos os ámbitos. David Regades, secretario xeral provincial, sinalou que o partido “sae a por todas na Estrada” e no resto das vilas da provincia, “como sempre fai, porque o municipalismo é o sinal de identidade das e dos socialistas”.

“A Estrada necesita un alcalde coma ti, con ganas de escoitar á xente”, continuou Regades, que describiu a Luis como “un home vital, optimista, con garra e convicción, con principios e formado”. “Coa elección de Luis estamos a decirlle á xente que no Partido Socialista sempre apostamos polos mellores para ser candidatos”, finalizou.

Unhas afirmacións que apoiou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. “Hoxe é un día extraordinario para A Estrada”, sinalou Silva, “pois en Luis atópanse as mellores calidades para ser alcalde: vive ao carón da xente, relaciónase con ela e sabe escoitala”.

A presidenta da Deputación quixo aproveitar a visita á Estrada para cargar contra o actual goberno do PP, ao que acusou de “mentir” tras acusala de retrasar uns proxectos solicitados pola vila á Deputación. “Como se atreve a dicir iso cando foi el quen presentou as solicitudes incompletas e lle tivemos que reclamar a documentación desde a Deputación?”, denunciou entre aplausos do público.

“Menos cuestionar e máis traballar”, sinalou Silva, que recordou que a Deputación “investiu 11 millóns de euros neste mandato na Estrada, máis que ningunha outra administración”. “Onde está o alcalde cando é a Xunta de Feijóo a que non inviste aquí, como no caso do PAC?”, preguntouse a presidenta do ente provincial.

López Bouza tamén contou co respaldo do secretario xeral galego, Gonzalo Caballero, quen ante a recente convocatoria de eleccións xerais aseguro que imos vivir “semanas de moita intensidade política”. “Desde este partido farémolo con forza, argumentos, pedagoxía e alegría” para trasladar “á veciñanza que o PSdeG ten un proxecto para os concellos, para Galicia e para España”.

“Xogámonos moito”, sinalou Caballero, para quen agora “é o tempo de actuar, para que o que non nos gusta non se poida dar”. “As prioridades que tiña o goberno da dereita víanse claras na subida do 0,25% das pensións o ano pasado”, denunciou o máximo dirixente do socialismo galego, para poñer a continuación en valor “as políticas sociais levadas a cabo nestes oito meses por Pedro Sánchez”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

No rural tamén existe simboloxía fascista que cómpre erradicar

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, recórdalle ao alcalde que no rural tamén hai simboloxía fascista en lavadoiros, fontes e igrexas

 Despois de recibir un escrito da Dirección Xeral de Memoria Histórica do Ministerio de Xustiza, na que instaba ao goberno municipal a retirar o rueiro e a simboloxía fascista do noso concello, o alcalde vén de anunciar que revisará os nomes das rúas para ver de cambialos. 
Segundo indica o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “parécenos moi ben que o alcalde por fin retire o rueiro fascista das rúas da vila, mais recordámoslle que no rural tamén a hai en fontes, lavadoiros e igrexas, que tamén teñen que ser retirados”. “O rural tamén existe”, afirmou Magariños, “a simboloxía fascista ten que ser retirada de todas partes, por xustiza coas vítimas da represión franquista, por democracia e por que hai que cumprir a lei de Memoria Histórica”.
Por outra parte, o concelleiro nacionalista volveu insistir en que “o noso concello non pode esquecer  aos Mártires da Estrada, non pode esquecer ao alcalde e concelleiros fusilados en 1937, que pediron desde o patíbulo unha rúa que os recordase”. “Neste sentido,” engadiu Magariños, “o goberno municipal ten a obriga de facer as revisións e consultas que estime oportuno, mais antes de facer algún cambio ten que ser consensualo coas forzas políticas e sociais”. “E xa lle avisamos”, afirmou, “o BNG non vai esquecer aos Mártires da Estrada”.


Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello celebrará o martes a mesa de negociación para aprobar as bases do Plan de Emprego da Deputación

O Concello da Estrada celebrará o vindeiro martes, 19 de febreiro, ás 13:00 horas, unha mesa de negociación para aprobar as bases do Plan de Emprego vinculado ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, segundo informou hoxe o Concelleiro de Facenda, Alberto Blanco.

Sentados á mesa estarán representantes do Consistorio e dos sindicatos, reunidos para aprobar unhas bases que permitirán contratar a 20 persoas en situación de desocupadas, previamente inscritas como demandantes de emprego nalgunha das categorías solicitadas. A duración dos contratos será de nove meses, dende o 1 de abril ao 31 de decembro do presente ano.

A subvención concedida pola Deputación a  efectos da contratación ascende a 362.861,10 euros, que permitirán ao Concello contratar 3 conserxes, 6 varredores, 3 limpadores, 4 peóns forestais, 4 peóns de obras públicas, 4 axudantes de albanelería, 2 axudantes de pintura e 2 axudantes de electricista.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada homenaxeará a Rosalía os días 22 e 23 de febreiro

O Concello da Estrada homenaxeará a figura de Rosalía de Castro os días 22 e 23 de febreiro mediante a celebración de varias actividades.

O venres 22 comezarán os actos de honra da figura da escritora cun recital de escritos por parte de varios integrantes de clubs deportivos estradenses, que comezará a partir das 20:00 horas no Teatro Principal da localidade para acto seguido, dar paso á proxección do vídeo sobre o Día de Rosalía 2019.

O sábado 23 a partir das 22:00 horas, en conmemoración da poetisa, programouse a actuación musical da Banda da loba, integrada por cinco mulleres, con influencias do rock, pop e folk e que interpretará temas da súa autoría e musicalización de obras de poetas clásicos e contemporáneos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

150 anos de historia da banda de música municipal da Estrada exporanse na Sala Abanca

A banda de música municipal da Estrada exporá partituras, traxes, instrumentos e recordatorios na Sala Abanca da Estrada para conmemorar os seus 150 anos de historia. A exposición estará aberta ao público do 22 ao 24 de febreiro e do 1 ao 3 de marzo.

Esta será a primeira das actividades programadas pola banda á hora de celebrar eses 150 anos, aínda que anuncian que haberá máis ao longo do ano, tal como a  segunda edición do Concerto de solistas, na que os nenos e nenas membros da banda que estean acabando o Grado Profesional no seu respectivo instrumento serán os protagonistas.

A exposición desenvolverase nun horario de 18 a 21 horas os venres, de 11 a 13h e de 18 a 21h os sábados e de 11 a 13 horas os domingos.

Publicado en Portada | Deja un comentario