O BNG leva ao Parlamento Europeo o despilfarro da nova Alameda

É inconcibíbel gastar fondos europeos millonarios na ampliación da Alameda cando non están cubertas as necesidades básicas dos veciños e veciñas. 

 O BNG sempre mantivo unha actitude moi crítica sobre o proxecto EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostíbel) , financiado con fondos FEDER da Unión Europea, que deixará na Estrada unha chuvia de cinco millóns de euros. As liñas de actuación deste proxecto abarcan desde a utilización de ferramentas TIC, até promover a protección, fomento e desenvolvemento cultural e natural das áreas urbanas. Segundo a propia documentación da EDUSI, a participación é un dos alicerces claves nos que se asenta, sendo clave tanto na elaboración da propia estratexia como no posterior desenvolvemento.

Sen embargo, para o BNG non se cumpren ningún das premisas nas que se asenta a EDUSI. Nin se está por unha Estrada verde e sustentábel, como nos vende o alcalde, xa que un dos proxectos estrela é a nova Alameda, en cuxa construción se arrasaron árbores centenarias, que usa toneladas de formigón, un proxecto que non aposta por solucións de pouco impacto enerxético, tanto na construción como no seu mantemento posterior. Tampouco é certo, o da participación cidadá. Hai que ter en conta que organizacións políticas e sociais fixeron propostas, -o BNG entre elas- que nunca se chegaron a avaliar nin a considerar por parte da comisión xestora da EDUSI. Neste sentido, cómpre engadir que foi o propio alcalde o que recoñeceu publicamente que a ampliación da Alameda “non é unha proposta do PP; é unha proposta dun equipo, dunha enxeñería, que gañou un concurso e que se adapta ás necesidades da Estrada e á estratexia EDUSI”.

Desde o noso punto de vista, a ampliación é unha despilfarro de cartos públicos. O PP enterra tres millóns de euros (un e medio de fondos FEDER e outro tanto de fondos propios) nun proxecto faraónico, que só servirá para engordar os beneficios dunha transnacional. Para o BNG é inconcibíbel gastar fondos europeos millonarios na ampliación da Alameda cando non están cubertas as necesidades básicas dos veciños e veciñas. 

Por todos estes motivos, o BNG vén de impulsar unha iniciativa no Parlamento Europeo, a través da nosa eurodeputada Ana Miranda, para que se saiba como se gastan os millóns de euros dos fondos FEDER da Unión Europea. No BNG entendemos que non é de recibo que o grupo municipal do PP gaste un millón e medio de euros dos fundos EDUSI nunha actuación non prioritaria nestes intres habendo como hai outras prioridades e necesidades que padecen no día a día veciños e veciñas da Estrada. Entre elas subliñamos unha vez máis os problemas crónicos da traída de auga que padece a vila ou o saneamento do rural. 

Ademais das citadas, desde o BNG presentamos 45 propostas no mes de xaneiro de 2017 que nunca se chegaron a debater ao longo destes meses en ningún foro, a pesar da tan cacareada participación cidadá que nos vende o PP. Unhas propostas que van desde a creación de aparcadoiros públicos gratuítos en superficie en distintos puntos da vila como demanda tamén o colectivo de comerciantes, ou a apertura de novas rúas, até potenciación da praza de abastos, recuperar os sistemas de regadío existentes actualmente inutilizados para que sirvan para afrontar as secas dos últimos veráns ou a posta en marcha do matadoiro municipal. En definitiva, unhas propostas que pretenden aproveitar as potencialidades comerciais da vila, así como a posta en valor do rural e dos atractivos turísticos que ten o concello.

Gastar sen control
A pesar de que estes proxectos EDUSI xa definen a priori en que aspectos se van a gastar os fondos europeos, restando marxe de manobra aos concellos para investilos naquelas cuestións que si son prioritarias para os veciños e veciñas, o que é inconcibíbel é que non haxa unha fiscalización por parte dos organismos da Unión Europea para evitar o despilfarro e mesmo a destrución de patrimonio con un valor intrínseco e custoso no seu día, especialmente cando hai necesidades que cubrir moito máis acuciantes como as indicadas anteriormente.

— 
BNG da Estrada


Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada axudará a solicitar as axudas para o consumo eléctrico da Xunta

O Departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada axudará ás familias vulnerables e en risco de exclusión social a solicitar as axudas para evitar os cortes de subministración eléctrica da Xunta de Galicia.

O prazo de solicitude destas axudas estará aberto ata o 30 de novembro e para acceder a elas é preciso ter a consideración de consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social, acreditada por os Servizos Sociais, salvo para as persoas beneficiarias do Risga; ser beneficiarias do desconto do 40 por cento no bono social e ser titular do contrato de subministración eléctrica.

A axuda ten un alcance de ata o 50% do importe das facturas de electricidade (o restante é asumido polo desconto correspondente ao bono social) e ata unha contía máxima anual de 300 euros/ano ou de 450 euros/ano no caso das familias numerosas.

As persoas interesadas en optar a estas axudas, cuxa finalidade é mitigar as dificultades económicas e permitir facer fronte ás facturas de electricidade que reciben, poderán acudir ao Departamento de Asuntos Sociais situado na planta baixa do Consistorio ou chamar ao teléfono 986 677 740, onde recibirán axuda para a tramitación das solicitudes e se resolverá calquera dúbida ao respecto do procedemento.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Un proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas formará aos máis pequenos no correcto uso do teléfono 112 de atención ás emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do novo proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas que formará aos máis pequenos no correcto uso do teléfono 112 de atención ás emerxencias.

Esta mañá, na sede do CIAE 112 Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do xerente da Axega, Marcos Araújo, xunto aos Bolechas, explicáronlles aos escolares galegos que participaron no acto a necesidade de coñecer o teléfono pero tamén en que circunstancias pode, e debe, utilizarse. Tamén incidiron noutros consellos básicos de axuda en calquera emerxencia que todas as nenas e nenos deben coñecer, como a dirección da casa e daqueles lugares nos que pasan tempo acotío como poden ser a casa dos avós ou a escola. Isto axudará en caso de ter que explicar onde están se deben pedir axuda. 

Precisamente para concienciar e sensibilizar a toda a sociedade, e xa desde as novas xeracións, no bo uso do teléfono de emerxencias 112, a Xunta pon en marcha este proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas que se desenvolverá ao longo de todo este ano 2019. Trátase dun completo programa destinado tanto a colexios como ao ámbito familiar que inclúe guías didácticas, cadernos de traballo e material dixital e audiovisual para dar a coñecer ben o 112.

A primeira proposta é un audiovisual que se presentou hoxe e que permite achegarse de forma rápida a todo o traballo da Axega. Montado en formato BraulioTuber, permite coñecer en menos de 10 minutos tanto os medios dispoñibles en Galicia para actuar ante unha emerxencia como o propio proceso de actuación dos diversos corpos encargados da nosa seguridade e o papel da cidadanía ante unha situación de emerxencia: desde saber que é unha emerxencia e cando debemos chamar ao 112 ata consellos para poder informar correctamente nunha urxencia.

Tanto este primeiro audiovisual como o resto de materiais deste proxecto serán usados pola Axega en diversas accións destinadas ao ámbito escolar co fin de mellorar o coñecemento sobre o seu traballo, ensinar á cidadanía a comportarse correctamente diante dunha emerxencia e sensibilizar no bo uso do teléfono 112.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Canto nos vai custar o mantemento da nova Alameda?

 Canto nos vai custar o mantemento da nova Alameda é algo que se están a preguntar moitos veciños e veciñas. Mais no goberno municipal do PP non o saben, e o que é peor, tampouco botaron contas. O propio alcalde recoñece que a nova alameda vai a precisar mellor mantemento, mais non precisa a súa contía.

É evidente que substituír un chan de pedra por cemento vai ter un custe de mantemento, especialmente despois dos múltiples eventos populares que se viñan celebrando na Praza do Concello. A iso hai que engadirlle os xardíns e todo unha innumerábel lista de elementos que compoñen esta faraónica obra na que o concello vai gastar un total de 3.300.000 euros.

O PP xa nos ten acostumados a obras e proxectos para as que non se ten en conta o posterior custe de mantemento, incluíndo as construcións que o concello recibe doutras administracións e que despois representan unha continua carga orzamentaria para atender o seu mantemento. Iso sen mencionar o custe de facer cargo de obras de execución deficiente como o Novo Mercado, que aínda hoxe ten goteiras, humidades, chan levantado… e toda un serie de deficiencias que ten unha obra, que, como a Alameda, foi un empeño do goberno municipal do PP acabar para as eleccións municipais de 2015. Agora o PP ten entre mans a nova Alameda, e como xa se sabe, as presas non son boas.

Por outra parte, se temos en conta o deficiente mantemento das infraestruturas actuais do concello, á nova Alameda agárdalle un futuro non moi brillante, cuxas consecuencias pagaremos todos os veciños e veciñas. Por sorte, en tres haberá cambio de goberno e o goberno do PP estará na oposición.

Publicado en Portada | Deja un comentario

ELECCIÓN DE CANDIDATO/A DOS SOCIALISTAS DA ESTRADA Á ALCALDÍA

Seguindo o procedemento de elección de candidato/ta determinado polo PSOE, a executiva local da agrupación socialista da Estrada formalizará o vindeiro xoves, as 21.00 h, a proposta que presentarán á militancia estradense. Sendo a decisión final resultado da elección por parte dos militantes e das militantes.

O sábado 16, as 19.30 h, a militancia estradenses participará nunha asemblea, aberta a simpatizantes, na que se formalizará a presentación do candidato/ta proposto/a pola executiva local.

O secretario xeral galego, Gonzalo Caballero, o secretario provincial David Regades e a Presidenta da Deputación Carmela Silva, acompañarán aos socialistas estradenses na asemblea do vindeiro sábado día 16.

A proposta que a executiva local plantexará á militancia correspóndese co militante Luís López Bueno. Titulado en Dereito pola Universidade de Santiago, traballou na área xerencial dunha cooperativa galega do sector tecnolóxico. Na actualidade especialízase en dirección de empresas. Deportista en activo, estivo vinculado ao clube deportivo Lalín, e actualmente é xogador do Praíña Sporting Club, equipo que xoga en primeira Galicia grupo 2.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada presentará este mes un contrato para cambio de luminarias no casco urbano

O Concello da Estrada sacará este mes a concurso un contrato para o cambio de luminarias no casco urbano. Esta actuación de mellora da eficiencia enerxética conta cun investimento de preto de un millón de euros , segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.

Xa están practicamente elaborados os pregos para este contrato de eficiencia enerxética, que incluirán  dentro da actuación o cambio dos cadros eléctricos, as tomas de terra, o cambio de arredor de 1.800 luminarias pertencentes ao casco urbano e a xestión do mantemento intelixente vinculado á mesma. Un mantemento intelixente que facilitará información básica sobre avarías e diferentes alertas.

Prevese que a oferta se publicará ao longo do mes e, a partir da publicación da mesma, as empresas contarán cun período de 15 días naturais para presentar as súas ofertas para un proxecto que conta cun orzamento de 985.000 euros.

Esta actuación está financiada pola partida destinada ás TIC dentro da Edusi, cuxos fondos en execución ascenden xa a preto dos tres millóns e medio. Trátase de proxectos complicados de xestionar, pero que gracias á labor do equipo encargado de facelo, con máis de 40 persoas implicadas, estamos en disposición de ter en execución o 90 por cento dos fondos ao pechar o ano, sinalou López.

O alcalde engadiu tamén que estes días estanse realizando limpezas de camiños previos aos asfaltados no rural, e que xa se actuou en Figueroa, esta semana estanse asfaltando pistas en Ribela, Montillón e Souto e a partir da vindeira semana será a quenda de Tabeirós, Nigoi e Parada.

Ademais, hoxe recibiu nas instalacións de Axega a un grupo de case 40 persoas, entre alcaldes e cargos de responsabilidade portugueses, que se achegaron ao centro e aos que se lle explicou o modelo de emerxencias integradas de Galicia como exemplo de bo funcionamento.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O 23 de febreiro celebrarase na Estrada a Gala do Ciclismo Galego 2018

O 23 de febreiro celebrarase na Academia Galega de Seguridade Publica (AGASP) da Estrada, a partir das 19:30 horas, a Gala do Ciclismo Galego pertencente á tempada 2018, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Deportes da localidade, Ismael Pena.

Durante o acto de presentación, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz,  indicou que se procederá á apertura de portas a partir das 19:00 horas e que a gala contará coa actuación do grupo Broken Peach, que se encargará de amenizar o evento, e ao final do mesmo haberá un cocktail.

Para axilizar as tarefas de organización e aforo a organización prega ás persoas interesadas en acudir ao evento que confirmen a súa asistencia antes do vindeiro 19 de febreiro a través do número de teléfono 629830057 ou do correo electrónico fgaciclismo@gmail.com.

Publicado en Portada | Deja un comentario