O BNG rexistra unha moción para rexeitar o pírrico investimento na Variante por parte do Goberno central

Estes investimentos do PSOE pactados con Unidos Podemos-En Marea son tamén unha labazada aos veciños e veciñas da Estrada.

Os investimentos do Goberno central na Variante da Estrada son pírricos, xa o manifestamos hai poucas semanas. Os 100.000 euros previstos nesta infraestrutura é un insulto para un concello que leva décadas clamando por esta obra que, a pesar da alternancia política no goberno co Estado, nunca se acaba de concretar en feitos claros. Estes investimentos do PSOE pactados con Unidos Podemos-En Marea son tamén unha labazada aos veciños e veciñas da Estrada.

Desde o BNG pedimos nunha moción que vén de rexistrar o noso concelleiro, Xosé Magariños, que as distintas forzas que forman parte do pleno rexeiten claramente estes orzamentos do Estado, instando aos e ás representantes elixidas por circunscricións galegas (do PP, do PSOE e de En Marea) que formulen emenda á totalidade a este proxecto de orzamentos e establezan unha negociación co goberno de Pedro Sánchez que incorpore, como mínimo, un investimento semellante aos investimentos de 2009.

Neste orde de prioridades, o BNG da Estrada sitúa tamén a Variante da Estrada, unha infraestrutura imprescindíbel para o noso desenvolvemento social e económico, que debe ter un compromiso claro por parte do goberno de Madrid, que vaia máis alá dos 100.000 euros para garantir que en menos de cinco anos teñamos esta infraestrutura en funcionamento.

Por outra parte, desde o BNG tamén situamos como prioridade o escate da AP-9 e o compromiso para acabar coa fin da estafa das peaxes. Derrogar a  prórroga de ENCE e fixar un calendario para o traslado desta empresa da ría de Pontevedra. O pagamento da débeda do Estado con Galiza en materia de dependencia (186 millóns de euros). Así como o compromiso para activar unha Tarifa eléctrica galega que rebaixe a factura da luz particulares e empresas.

— 
BNG da Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Banda da loba abrirá a programación de primavera no Principal o 23 de febreiro

A Banda da loba abrirá a programación cultural de primavera do Concello da Estrada cunha actuación que terá lugar o vindeiro día 23 de febreiro ás 22:00 horas no Teatro Principal da localidade, segundo informaron hoxe dende o Departamento de Cultura do Consistorio.

A banda, integrada por cinco mulleres, ten influencias do rock, pop e folk, con temas da súa autoría e musicalización de obras de poetas clásicos e contemporáneos. Retomarán así a xira Bailando as rúas na Estrada, fogar de dúas das súas integrantes, Andrea e Marcela.

Proximamente iranse presentando os diferentes eventos que, con este espectáculo como presentación e avance, conformarán o ciclo cultural primaveral Estrada Escena.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Arredor de 50 Xenerais infantís participan nos atranques do Entroido da Ulla

  • O Entroido dos Xenerais da Ulla celébrase do 16 de febreiro ao 10 de marzo en oito Concellos da comarca da Ulla.

Preto de 25 lugares e parroquias da Comarca da Ulla acollerán este ano altos ou atranques do Entroido sos Xenerais da Ulla. Múltiples asociacións veciñais e comisións de festas organizan cada ano esta Festa, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, e contan coa colaboración conxunta dos Concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

A apertura do Entroido será o vindeiro sábado 16 de febreiro, no barrio compostelán do Castiñeiriño, que recuperou a tradición o ano pasado, logo de case corenta anos sen celebrala. Os últimos atranques serán o 10 de marzo en Lestedo, Concello de Boqueixón, Salgueiros, Concello de Vila de Cruces, e Trobe, Concello de Vedra.

Entre as novidades previstas para este ano destaca os atranques infantís, que terán lugar nos Concellos de Teo, Silleda, Vedra e Vila de Cruces, nos que os protagonistas serán nenos e nenas de 8 a 12 anos que se enfrontan dialecticamente mediante coplas por eles inventadas que están ensaiando desde hai semanas nas súas escolas. O traballo destas seccións infantís dos  Xenerais, no que, ao contrario que acontece cos Xenerais adultos, hai unha ampla participación das nenas, resulta vital para garantir a revitalización desta peculiar tradición.

Este ano tamén haberá unha preestrea do 1º traxe específico de Xenerala, que terá lugar en Lestedo o Domingo “de Piñata”, 10 de marzo, o mesmo día da Festa da Filloa, e que é obra de Carmen Pichel, deseñadora e costureira desa localidade. Ademais, a exposición fotográfica itinerante dos Xenerais da Ulla, estará este ano presente en Santiago, Vedra, Touro e Silleda.  Trátase dunha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ponlle as pilas ao teu bocata no CEIP O Foxo

Ponlle as pilas ao teu bocata, aterriza no CEIP O Foxo para ensinar a comer productos sans, en colaboración coa Consellería de Mar.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O venres 8 retirarase a antena telefónica da Avenida de Benito Vigo

Despois do intento falido da semana pasada, o vindeiro venres 8 de febreiro procederase novamente á retirada da antena telefónica da Avenida de Benito Vigo; labor para a que a empresa renovou hoxe o permiso de ocupación da vía pública, segundo informou hoxe o alcalde da Estrada, José López Campos.

A intervención levarase a cabo dentro da mesma franxa horaria estipulada para o primeiro intento, de 8:30 a 12:30 horas, no que un problema coa grúa impediu a tarefa.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Prevese para mañá a entrada da machacadora na Alameda

A entrada da machacadora na Alameda está prevista para mañá, o que permitirá comezar cos traballos de valorización dos residuos xerados na obra que posteriormente se empregarán como recheo para os novos firmes. O primeiro será marcar a cota dende a Praza da Constitución e acondicionar o terreo cara abaixo, explicou hoxe o alcalde da Estrada, José López Campos.

A chegada da máquina está programada e cóntase cos trámites para a súa instalación, pero falta que o terreo reúna as condicións adecuadas para esa instalación, xa que as recentes choivas poderían dificultalo traballo.

Por outra banda, o venres pasado examináronse diversas mostras do que será o novo pavimento do recinto e ao longo da semana faranse máis probas con outros modelos para tentar resolver a cuestión estética que conformará a obra.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PP da Estrada en contra de abaratar a factura da luz dos veciños e veciñas A organización que dirixe o alcalde rexeita agora en comisión a moción do BNG que pide a implantación dunha tarifa eléctrica galega que se aprobou por unanimidade en 2014

“É incomprensíbel que o PP da Estrada vote en contra de abaratar a electricidade aos veciños e veciñas”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, que no día de onte defendeu na comisión de organización do concello unha moción da organización nacionalista para implantar unha tarifa eléctrica galega.

“Mais que o xa é sorprendente é que este mesmo partido, que onte votou en contra da moción da Tarifa Eléctrica Galega, votase en 2014 a favor doutra moción semellante”, indicou Xosé Magariños, “e vota en contra precisamente nun contexto onde os veciños e veciñas se ven asfixiados polas facturas das eléctricas e nun intre no que están a pechar empresas (Alcoa) botando traballadores e traballadoras á rúa precisamente polo excesivo custe da electricidade”.

“O PP ten que ser coherente coas decisións que toma e non parapetarse en tecnicismos para rexeitar abaratar a electricidade, cuxo prezo disparatado está a causar graves problemas os nosos veciños e veciñas”, indicou Magariños, “semella que o PP ten máis interese en protexer os intereses das eléctricas, a cuxos consellos de administración van parar os ex-altos cargos do PP, nunha especie de xubilación dourada que pagamos todos e todas”.

O concelleiro do BNG explicou que “Galiza produce electricidade a esgalla, exportamos un 35% da electricidade que producimos e, logo de sufrir as consecuencias da súa produción, o lóxico é que teñamos algunha beneficio, e non que se beneficien outros, como por exemplo Madrid, que ten a electricidade máis barata ca nós, a pesar de non producir nada”. “Con esta moción o BNG propón dúas cousas”, engadiu, “en primeiro lugar que se rebaixe o IVE da electricidade do 21 ao 4%; estamos a falar dun ben de primeira necesidade, e non pode ser que teña o mesmo IVE que un Ferrari; e en segundo lugar, que se exclúa a Galiza da Orde definitiva para a tramitación respecto dos suplementos territoriais para o exercicio 2013, por atentar contra as competencias galegas en materia de tributación ambiental e por seren contrarias para os intereses do tecido social e económico galego, correspondendo ao goberno do Estado asumir os custos que poida ocasionar a aplicación das sentenzas”.

Finalmente o concelleiro do BNG agarda que o PP “cambie de criterio e apoie esta moción polo ben dos veciños e veciñas e polo ben dos galegos e galegas”.

— 
BNG da Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario