O Concello da Estrada conta xa coa acta favorable da Xunta sobre o tratamento de residuos na Alameda

O Concello da Estrada conta xa coa acta favorable da Xunta de Galicia sobre o tratamento de residuos na obra da Alameda. O terreo está a disposición dos técnicos para a realización de catas, así como os albaráns das actuacións, presentes e pasadas, polas que pasou a Alameda, asegurou hoxe o alcalde, José López Campos.

Trala inspección, o técnico de Medio Ambiente da Xunta determinou que non era preciso realizar catas xa que non albergaba dúbidas respecto á existencia de enterramento de material. Despois de comprobar que non había enterramento déronselle todos os albaráns, tanto dos materiais que se atopan actualmente en cota como dos acopiados.

Coa chegada da máquina que valorizará os residuos separaranse os materiais valorizables dos que non o son, como ferro e plásticos, e uns se levarán a unha planta para o seu tratamento mentres que os outros serán triturados novamente para facilitar a súa incorporación como base do terreo.

Os materiais máis duros, como o antigo pavimento da praza, actuarán como base mentres que a terra vexetal será incorporada como capa superficial de cara á construción das zonas verdes, aclarou López.

O Concello remitirá no sucesivo os albaráns de tratamento dos residuos ao técnico da Xunta encargado da inspección a fin de evitar polémicas como a acontecida e seguirá así coa posta en valor da parte sostible da Edusi, na que se enmarca a obra,na que o tratamento in situ dos residuos actúa como un valor engadido, finalizou o alcalde.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Teatro Principal da Estrada acollerá mañá a actuación de Ángel Stanich

O Teatro Principal da Estrada acollerá mañá a partir das 22:00 horas a actuación de Ángel Stanich, que interpretará temas do seu novo disco Antigua y Barbuda, así como algunhas das súas cancións máis populares.

As persoas interesadas en asistir ao concerto dun artista que conta cunha gran presenza na radio a nivel nacional poderán adquirir algunhas das entradas aínda dispoñibles a un prezo de 10 euros no Departamento de Cultura do Concello, no Café Boliche ou na billeteira do teatro momentos antes do inicio do espectáculo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Mañá procederase á retirada da antena telefónica da Avenida de Benito Vigo

Está previsto que maña se proceda á retirada da antena telefónica situada na Avenida de Benito Vigo, para o que a empresa encargada de realizar o traballo conta cunha autorización do Concello para a ocupación da vía pública entre as 8:30 e as 13:00 horas, segundo informou hoxe o alcalde da Estrada, José López Campos.

A empresa propietaria non está de acordo coa retirada da antena e presentou recursos contra esta decisión alegando que cumpre cos parámetros indicados por Industria, sen embargo, o incumprimento das condicións urbanísticas é suficiente para proceder á súa eliminación.

Existía ese compromiso cos veciños da zona, que dende fai tempo sufrían e se queixaban de que a antena provocaba emisións que lles ocasionaba interferencias con diferentes electrodomésticos e lles ocasionaban diversas problemáticas, expuxo López, antes de repetir que o Concello está de parte dos veciños que viven esta situación.

Pola súa parte, a empresa manifestou ao Concello a súa intención de pedir unha nova licencia para colocar unha nova antena, para o que precisan obter as autorizacións de Industria antes de presentar a solicitude ante o Consistorio.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Día da PAZ no Foxo

Na mañá de hoxe o C.E.I.P O Foxo celebraba o día da Paz, cunha carreira e concerto solidario, a cargo da Coral Polifónica de Berres. Foi un día de solidariedade colaborando co centro ACAPAF de Berres tamén. O acto asistio a Concelleira de Politica Social e Benestar Amalia Goldar, o Cantaautor Manoele de Felisa e amigos do CEIP O Foxo coma a coñecida Luchi.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG denuncia que o goberno do PP mantén aberto sen control o punto limpo Xosé Magariños: “A situación do punto limpo é moi propicia para que os amigos do alleo campen ás súas anchas como xa temos denunciado no caso do matadoiro municipal”

 Na tarde de onte martes, veciños e veciñas da Estrada puxeron en coñecemento do BNG que as portas do punto limpo estaban abertas de par en par e sen control de ningún tipo por parte do persoal do concello. O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, que se achegou até o lugar puido comprobar como efectivamente o espazo estaba totalmente desamparado, nunha xornada na que teoricamente estaba pechado ao público, avisando á policía local da situación.

Para o concelleiro do BNG “esta é unha mostra máis da neglixente forma de gobernar A Estrada que ten o PP, pasotismo total e absoluto”. “Non é de recibo que as portas do punto limpo estean abertas de par en par sen vixilancia nin control de ningún tipo”, afirmou, “nunha contorna moi propicia para que os amigos do alleo campen ás súas anchas, fagan un self service, como xa temos denunciado en reiteradas ocasións no caso do matadoiro que está totalmente desmantelado, sen que o concello faga nada por solucionalo”.

Por outra parte, o concelleiro nacionalista amosou a súa indignación “polo desprezo deste goberno do PP á preocupación que teñen os veciños e veciñas por reciclar e por levar o seu lixo ao punto limpo e sen embargo non vemos unha correspondencia por parte do goberno do PP mantendo e controlando o espazo”.

“Como xa dixemos en reiteradas ocasións”, indicou Magariños, “a única prioridade para o goberno do PP é a Alameda, á que fía o seu futuro político na Estrada, mais no concello hai outras prioridades e necesidades máis apremiantes como pode ser prestar uns servizos adecuados ou arranxar problemas enquistado, como é a traída, que onte unha vez máis volveu rachar por Fernando Conde, deixando aos veciños do barrio sen agua”.

— 
BNG da Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Centro de Día da Estrada recibe inspección da Xunta de Galicia

O Centro de Día da Estrada recibiu hoxe a visita da inspectora da Xunta de Galicia. Existen tres incidencias menores que solucionar antes de que a Administración remita o Permiso para o Inicio da Actividade (PIA), explicou o alcalde, José López Campos.

Estas incidencias comprenden a colocación dos carteis identificadores de cada espazo, que xa están encargados, un curso de formación complementaria dunha das técnicas e o aporte do plano onde se modifiquen os usos dos espazos definidos na obra, no que dúas salas intercambiaron os seus lugares provocando un desaxuste sobre o plano.

Unha vez resoltas estas incidencias, xustificarase con fotografías do local a coincidencia cos planos e solicitarase o PIA como autorización para comezar a prestar o servizo ao longo de febreiro, segundo preveu López, quen dixo que o equipo de goberno pode sentirse orgulloso de pór en marcha unhas instalacións de máis de 800 metros cadrados dedicados ao Centro de Día.

Estimou tamén que as 40 prazas a xornada partida lle parecen suficientes polo momento e que as de xornada completa, aínda que suficientes, serán máis solicitadas. Outro punto importante que requiriu de atención foi o do transporte, engadiu, algo que era fundamental para o proxecto, xa que permitirá levar e traer ao centro e aos seus domicilios aos usuarios e permitirá que as familias se despreocupen durante ese respiro familiar no que os maiores estarán con terapeutas e profesionais cualificados ata o fin da xornada.

Actualmente está tamén aprobado o plan funcional e o regulamento do centro, que se desenvolveu en colaboración con Agadea, a través do cal se realizará a valoración dos usuarios de cara ás inscricións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Viveiro de Empresas acollerá mañá un taller para autónomos e pequenas empresas

O Viveiro de Empresas da Estrada acollerá mañá entre as 19:00 e as 21:00 horas un taller gratuíto, dirixido aos autónomos e pequenas empresas, baixo o título “Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero”.

Esta proposta enmarcase dentro da iniciativa SmartPeme da Deputación de Pontevedra, que presta os seus servizos en horario de mañá e de tarde no Viveiro de Empresas cada primeiro e último mércores de mes.

O taller centrarase en ensinar aos asistentes as características a resaltar á hora de reforzar e definir a identidade de marca das súas empresas para convertelas en algo recoñecible para todo o mundo. Para acudir ao evento é preciso preinscribirse por medio do número de teléfono 886202020, a través da páxina web www.smartpeme.es ou no enderezo electrónico info.smartpeme@depo.es.

Durante a xornada, técnicos cualificados en materia TIC prestarán un servizo de información e asesoramento presencial e personalizado sobre as Tecnoloxías da Información e a Comunicación e as Novas Tecnoloxías aos destinatarios do servizo, autónomos e micropemes (priorizando naquelas que ocupan a cinco ou menos traballadores cun volume de negocios anual inferior a 2 millóns de euros).

Publicado en Portada | Deja un comentario