Os actos de conmemoración do 30 aniversario do Premio García Barros arrancan mañá

Os actos de conmemoración do 30 aniversario do Premio de novela García Barros comezarán mañá co concerto de Roi Casal Son galego, son cubano, actuación que terá lugar mañá no Teatro Principal da Estrada a partires das 21:00 horas, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

Á inauguración dos actos conmemorativos, co concerto á cabeza, seguiránlle outros en colaboración con diversos artistas estradenses, como o biógrafo de García Barros, Carlos Loureiro, ou a artista gráfica Rosa Herraiz, encargada do deseño de 2.000 bolsas de papel exclusivas con citas recollidas de obras do autor, que serán distribuídas por parte das librarías locais a partires da vindeira semana.

Paralelamente, o vindeiro día 14 de decembro celebrarase a entrega do XXX Premio de novela Manuel García Barros e a entrega aos asistentes á cerimonia do libro de relatos curtos Contra o vento, 30 anos do Premio Manuel García Barros, composto por 16 relatos escritos por diversos gañadores do certame nos últimos anos. Posteriormente, o 19 de decembro porase en escena a adaptación teatral do libro Os contiños da terra, escrita por Santi Cortegoso e cun prólogo de Carlos Loureiro.

Ademais destes actos programados pero aínda pendentes de data, estase preparando un documental sobre a historia do galardón literario, así como a instalación dun busto do autor, realizado polo escultor José Neira Ferro, no local social de Callobre, parroquia na que García Barros pasou os seus derradeiros días.

Pola súa parte, Rosa Herraiz agradeceu a oportunidade á hora de contar con ela para esta iniciativa, nun proxecto referente a unha figura tan destacada do panorama local como o é García Barros e puxo de manifesto a dificultade que entrañou ter que representar conceptos duros e abstractos como a pobreza ou a lingua galega. As tres citas elixidas para cada un dos tres deseños das bolsas foron: “Sempre loitando e loitando sempre”, “Nunha terra escrava non pode haber máis que escravos” e “A pobreza está nos miolos de quen fala da pobreza do galego”. Unhas frases que non eran doadas de representar graficamente, rematou a ilustradora.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta non actuará sobre o cruce de Baloira como pide o BNG

Xosé Magariños acusa ao PP de irresponsábel e acusa a esta formación de xogar á ruleta rusa cos veciños e veciñas da Estrada que a diario utilizan o cruce de Baloira sobre a PO-841 para ir á súas casas

 

 “É incomprensíbel, non se entende a falta de sentido común que impera no PP ao votar en contra da iniciativa do BNG que insta á Xunta a arranxar o perigoso cruce de Baloira que leva a San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea, Santa Mariña e Pontecesures”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

“O BNG presentou a iniciativa o pasado mes de xaneiro, mais non se tratou até o día de hoxe na comisión de infraestruturas do Parlamento galego”, engadiu Magariños. A iniciativa, que foi defendida polo deputado do BNG, Luís Bará, solicitaba facer os cambios que estimara a consellería para que as veciñas e veciños que a diario utilizan ese cruce non teñan que atravesar os tres carrís da PO-841 (A Estrada-Santiago) e poidan atravesar esta estrada con seguranza. “Recordamos que este perigoso cruce está situado nunha recta na que se alcanza grandes velocidades e nunha estrada que soporta unha alta densidade de tráfico”, explicou o concelleiro nacionalista.

Para Magariños “estamos ante unha grave irresponsabilidade da Xunta e do goberno municipal do PP, que é incapaz de levantar o teléfono para mirar polos intereses da Estrada”. “Estamos ante un goberno inútil”, afirmou o concelleiro nacionalista. “Hai veciños e veciñas que cruzan con medo por ese tramo de estrada”, engadiu Magariños, “é irresponsábel non actuar para evitar males maiores”. “O PP xoga á ruleta rusa cos veciños da Estrada”, afirmou Magariños.

“Por outra parte”, indicou Magariños, “chama a atención que hoxe mesmo tamén se aprobou unha iniciativa do PP para actuar sobre unha estrada en Trives que soporta un tráfico de 1.000 coches ao día, o que nos parece ben, pero non faga nada sobre un cruce dunha estrada pola que pasan 9.000 ao día, segundo estimacións da propia Xunta”. 

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada celebrará mañá a súa trixésima Festa da Poesía

A Estrada celebrará mañá, ás 20:00 horas no Teatro Principal, a súa trixésima Festa da Poesía, na
que se fará entrega da vixésimo segunda edición do Premio de poesía Avelina Valladares a Xurxo
Alonso García, que se alzou con este galardón pola súa obra, No interior do vento.
A seguir do acto de entrega do premio, dous rapaces de cada centro subirán ao escenario a recitar
poemas en galego, así como compoñentes de distintos colectivos e asociacións municipais, que
farán o mesmo e se sumarán ao recital. Os rapaces seleccionados para recitar os seus poemas serán
agasallados con un exemplar do poemario gañador do certame.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A campaña solidaria Xoguetes por un sorriso alcanza máis de 500 artigos

A campaña solidaria Xoguetes por sorrisos, desenvolta nos colexios da Estrada, logrou recoller máis de 500 artigos que os nenos dos distintos centros doaron a rapaces que doutro xeito non poderían recibir regalos de Nadal, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla no Teatro Principal.

Esta campaña, posta en marcha dende o Concello e na que participaron os colexios do Foxo, Figueroa, Oca, Cabada Vázquez, Pérez Viondi, N. S. Lourdes, a Escola Infantil Municipal e a Galiña Azul, xurdiu a propósito do musical Naviland, que celebrará a súa función o vindeiro domingo, 2 de decembro, no Teatro Principal, e cuxa organización propuxo realizar unha campaña solidaria dirixida aos cativos necesitados da contorna.

Inmediatamente, dende o Concello se estableceu contacto con Cáritas e cos centros de estudo da localidade para sensibilizar ao alumnado de cara a compartir os seus xoguetes con estes rapaces menos afortunados e que hoxe se doan a Cáritas para a súa distribución.

En nome da ONG, José Manuel Vázquez, agradeceu o xesto ao Concello e centros escolares que se implicaron coa campaña, e aclarou que de contado, a partir de comezos de decembro, comezarán a repartir os xoguetes doados entre as arredor de 130 familias coas que traballan, para que ningún neno se quede sen regalos este Nadal e podan desfrutar deles canto antes.

Pola súa parte, a directora do colexio do Foxo, Rosa Ferreira, sinalou que experiencias como esta tamén forman parte do proceso de educación dos rapaces máis novos. Nenos que doan xoguetes para outros que non poden telos. Facer aos cativos conscientes de esa realidade é educar en valores e boa proba de que a mensaxe e os valores calan neles é a cantidade de xoguetes recollidos, finalizou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O colexio de Vea recibirá mañá a visita do Concello

O alcalde da Estrada, José López Campos, e a concelleira de Educación, Amalia Goldar,
achegaranse mañá ao colexio Villar Paramá de Vea para examinar os resultados da actuación levada
a cabo no centro antes do inicio do presente curso, na que se eliminou o laboratorio, xa obsoleto e
se acondicionou a aula de acordo ás necesidades do centro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta incide na importancia da coordinación, prevención e formación nas emerxencias para poder ofrecer a mellor resposta posible ante unha situación extrema

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou esta mañá a Xornada “Grandes Emerxencias e Catástrofes”, xunto ao viceconselleiro da comunidade de Madrid, Fernando Prados; o director da Axencia de Seguridade e Emerxencias de Madrid, Carlos Novillo, e o director de Emerxencias do Goberno vasco, Pedro Anitua, entre outros

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu hoxe na necesidade da coordinación, prevención e formación no eido das emerxencias para poder ofrecer aos cidadáns a mellor resposta posible ante calquera incidencia e situación que aconteza, con especial importancia nas situación extremas.

Alfonso Rueda inaugurou esta mañá na sede da Academia Galega de Seguridade Pública a Xornada “Grandes Emerxencias e Catástrofes”, xunto ao viceconselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Fernando Prados; o director da Axencia de Seguridade e Emerxencias de Madrid, Carlos Novillo; o director de Emerxencias do Goberno vasco, Pedro Anitua; o tenente coronel xefe do BIEM V da UME, Álvaro Díaz; o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o alcalde da Estrada, José López.

O vicepresidente da Xunta indicou a enorme utilidade destas xornadas que poñen en común opinións, procedementos e técnicas, o cal redundará nunha mellor preparación para afrontar situacións extremas, que poñen a proba a resposta dos operativos de emerxencias e sanitarios, e tal como indicou, mediante a posta en común do coñecemento e das experiencias de distintas comunidades autónomas avanzase na mellora dos protocolos e da actuación, para dar o mellor servizo aos cidadáns, en situacións nas que están en perigo a súa vida e a súa seguridade.

Nesta ocasión, a Agasp acolle unha Xornada adicada ás grandes emerxencias e catástrofes contando con profesionais e expertos de recoñecido prestixio, pola que a Academia dá un paso máis nas súas actividades de formación, con recórds de actividade, tanto en número de cursos como en alumnos participantes, que supoñen máis de 12.000 horas anuais de formación en emerxencias e seguridade e coa asistencia aos cursos de máis colectivos desde bombeiros ata policías locais, pasando por policías nacionais, criminólogos ou voluntarios de protección civil, entre outros moitos profesionais.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O 4 de decembro abrirase o prazo de inscrición para o Campamento de Nadal

O prazo de inscrición para o Campamento de Nadal 2018 abrirase o vindeiro 4 de decembro, dirixido a corenta rapaces e rapazas de entre 3 e 13 anos. As solicitudes de inscrición poderán presentarse no departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o día 14 de decembro.

O campamento comezará o 24 de decembro de 2018 e estenderase ata o 7 de xaneiro de 2019 e desenvolverase nun horario de 8:00 a 14:00 horas de luns a venres, ou de 7:30 a 15:30 para aqueles que contraten o servizo de almorzo e comedor.

A cota de inscrición será de 23,10 euros para as familias empadroadas no concello da Estrada e de 38,50 euros para as familias non empadroadas pero nas que algún dos proxenitores estean en disposición de acreditar que se atopan traballando na Estrada. As familias que soliciten o servizo de almorzo e comedor deberán de comunicalo e aboar o importe correspondente nas instalacións da empresa Coesco, encargada de acoller o campamento.

O formulario de solicitude de inscrición xa se atopa dispoñible a través da páxina web do Concello, e xunto co formulario cuberto, no momento da inscrición haberá que entregar unha fotografía do neno ou nena que opta a participar no campamento, unha fotocopia do DNI do pai, nai ou titor do menor, a tarxeta da Seguridade Social do menor, a fotocopia da cartilla de familia numerosa, no caso de selo, e o xustificante da actividade laboral dos pais, a non ser que o rapaz participara tamén no Campamento Urbano de Verán, en cuxo caso só se deberá presentar este último documento.

No caso de que o número de solicitudes supere a previsión de prazas terán preferencia no seguinte orde as familias en risco de exclusión social, as empadroadas no termo municipal, aquelas cuxos proxenitores se atopen traballando durante o período de inscrición nas actividades e as que acrediten a condición de familia numerosa. Por último terase en conta a orde de entrada das solicitudes. Se quedan prazas vacantes poderán inscribirse familias non empadroadas sen necesidade de acreditar a actividade laboral dos proxenitores no termo municipal.

Publicado en Portada | Deja un comentario