Seguindo coa celebración deste mes das bibliotecas, na mañá deste mércores día 24 de Outubro, ás 12h, tivo lugar no salón de actos » Manuel Daniel Varela Buxán»a presentación de A Conferencia, do escritor Carlos Mella.Un libro de relatos para lectores avanzados. Logo gozarón da actuación de «Pakolas».

Día da celebración das Bibiotecas en CEIP O Foxo
Xa á venda as entradas para o espectáculo de Pepe Viyuela
Xa se poden adquirir a partir de hoxe, no Departamento de Cultura do Concello ou na páxina web www.ticketea.com, as entradas para o espectáculo cómico de Pepe Viyuela que terá lugar o vindeiro día 15 de decembro no Teatro Principal da Estrada, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.
Ademais dos de Luis Piedrahita, Leilía e Roi Casal, o de Viyuela é un dos eventos culturais máis agardados dentro da programación do Outono no Principal 2018, cuxo protagonista é ben coñecido por interpretar papeis en diversas películas e series nacionais, tales como Mortadelo e Filemón ou Aída, entre outras.
Non obstante, unha das súas facetas primixenias e á vez máis descoñecida é o seu traballo como actor dentro do mundo do clown. Esta será a Encerrona que o artista porá en escena no Principal. Un espectáculo xestual mediante o cal, só empregando unha cadeira e unha guitarra lle será suficiente para encher o patio de butacas de gargalladas, asegurou Constenla.
Por outra banda, o representante de Culturactiva, empresa encargada da organización do eveno, Nacho Fungueiriño, aclarou que o espectáculo supón un compendio dos mellores números desenvolvidos durante os máis de 30 anos de profesión de Pepe Viyuela, no que o seu enorme talento provoca máis de hora e media de risas continuadas.
Esta representación que agora chega á Estrada cun prezo de dez euros por entrada, percorreu ata o momento unha ducia de localidades en Galicia, como son A Coruña, Santiago, Vigo ou Ourense, entre outras, polo que será unha boa ocasión para acudir ao teatro e comezar unhas datas tan especiais como son as de Nadal cun sorriso, concluíu o responsable de Cultura.
Día das Bibliotecas Escolares
O Ceip O Foxo hónrase en facer homenaxe ao ilustre poeta e profesor Xoán Xosé Fernández Abella , nesta fermosa mañá do 23 de Outubro.
Xa á venda as entradas para o XI festival folk Lume na lareira
Xa se poden adquirir as entradas para o XI festival folk Lume na lareira, que se celebrará o vindeiro día 18 de novembro a partir das 18:00 horas no Teatro Principal da Estrada. Os puntos de venda de entradas son o departamento de Cultura do Concello, o Mesón da Estrada e a cafetería Invictus (antigo Mimela), segundo informou hoxe a concelleira de Educación, Amalia Goldar.
De igual maneira, a concelleira trasladou o apoio e respaldo, tanto pola parte do Concello como pola do público, co que contan este tipo de eventos culturais e advertiu aos veciños interesados para que se apresuren á hora de adquirir as súas localidades xa que, como aconteceu en pasadas edicións, as entradas esgótanse axiña.
Acto seguido, cedeulle a palabra ao organizador do evento, Juan Ruibal, quen se encargou de lembrar que as entradas conservan o mesmo prezo que en edicións anteriores (5 auros) e de presentar aos interpretes que darán vida ao festival, ademais de advertir que hai un erro nos carteis, onde figura que se poderán adquirir pases no café Alameda, aínda que o lugar correcto é a antes referida cafetería Invictus.
Sobre o espectáculo afirmou que se poden atopar novidades en practicamente todo o cartel, dado que o obxectivo do festival é que ningunha actuación se pareza á anterior. Así, esta edición comezará coa presentación do evento por parte do showman Julio González; seguirao o monólogo cómico do Padre Xiao, coa súa particular bendición do festival e tras el actuará un cuarteto de gaiteiros chegado do Congo Belga, The golden quartet. A grandiosidade deste festival ven de combinar diversas culturas, sinalou Ruibal.
Ademais contarase coa presenza dun grupo de alumnos da Escola de Poio formado por 22 acordeonistas; cun dos grupos máis antigos de Galicia, Os alegres, que levan 76 anos enriba dos escenarios e con Texequetéldere como grupo local.
Outra novidade é a incorporación por primeira vez do cantautor solista Manolo Pintos, que emprega só unha guitarra ademais da súa voz para interpretar boleros e habaneras. Completan o cartel o grupo Entre foles, cunha sección máis profesional de acordeóns; Os gaiteiros da Pereiriña; o As da concertina, Ricardo Ferreira, un virtuoso con varios instrumentos e a agrupación Lume na lareira, que se encargará ce pechar o espectáculo cun repertorio tradicional e unha peza “súper” popular, salientou o organizador.
Para finalizar, agradeceu ao público a confianza que lles brinda tódalas edicións e que lles permitiu encher o teatro durante dez anos seguidos, un logro grandioso que conseguen moi poucos eventos, concluíu.
44 persoas farán a entrevista para o obradoiro de emprego da Estrada
Persoal do Concello da Estrada entrevistará o mércores aos corenta e catro aspirantes seleccionados para participar no obradoiro de emprego da localidade, segundo informou hoxe o alcalde, José López Campos.
Esta fase de entrevistas precede á selección previa levada a cabo polo INEM, na que se decidiu qué persoas podían formar parte do proceso de selección mediante un sistema de baremos. Deste proceso sairán vinte persoas que formarán parte do obradoiro; dez para o de xardinería e outros tantos para o de albanelaría.
Do mesmo xeito, tamén se entrevistará aos aspirantes para os postos de dirección, docencia e administración do obradoiro. A ponderación para a nota total dos alumnos repártese ao 50 por cento, entre o baremo e a entrevista, para os alumnos e ao 65-35 para o persoal técnico.
Comeza hoxe a reforma na rúa do Cruceiro
O proceso de reforma da rúa do Cruceiro comezada hoxe acometerá na súa primeira fase o levantamento do pavimento e a conexión de saneamento e abastecemento no treito que conecta a Praza de Galicia coa Zona dos Viños, segundo informou o alcalde da Estrada, José López Campos.
O prazo de execución para esta obra é dunha quincena; un prazo rebaixado pola empresa ao cargo da reforma, Construcciones Taboada y Ramos, que xa conta cos materiais precisos para a mesma, cuxo abastecemento supuña un dos maiores problemas para a actuación, tal como acontecera na primeira fase da reforma da rúa, explicou o alcalde.
Como xa contan coa pedra e as balizas de iluminación, unha vez acabadas as tarefas no primeiro tramo, pasarase ao segundo, onde se interrompeu a primeira actuación da Zona dos Viños, no trito que vai dende o 20 Berzas ata cruceiro.
A enquisa turística que fai o concello a través da web municipal é unha chapuza
Non respecta os nosos topónimos e pregunta se a persoa que nos visita vai durmir nun hotel, cando todo o mundo sabe que na Estrada non temos hotel desde hai anos
O concello da Estrada vén de lanzar a través de determinados soportes físicos unha web (aestrada.gal/turismo) para coñecer os hábitos turísticos das persoas que visitan o noso concello. O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “non cuestionamos a utilidade e o interese que pode ter a información que se pode acadar a través da rede, mais o que non toleremos é falta de respecto pola nosa lingua, en concreto polos topónimos propios como polos alleos”.
“Non é de recibo que a estas alturas”, afirmou Magariños, “unha institución galega como o concello da Estrada que ten a obriga legal utilizar a nosa lingua escriba nomes como “la coruña” ou “orense”, unha castrapada tiña que estar superada, mais semella que imos para atrás como os cangrexos”.
“Pero o que xa é de traca é que non respectamos os nomes que lle deron os nosos veciños e veciñas antigamente o noso patrimonio natural que afortunadamente aínda hoxe se mantén, e nós, o concello, temos a obriga de preservar e divulgar”, engadiu Magariños. “Un ponse colorado cando vemos nesta enquisa turística “cataratas” de Callobre, mesmo na versión en galego da web”, explicou o concelleiro, “en galego é “fervenza” non “catarata” como figura na web, e por certo, unha fervenza ben bonita, mais non ten as dimensións de Niágara nin Igüazú, non enganemos á xente”.
Xosé Magariños insta ao goberno municipal “a corrixir este despropósito, que mesmo pregunta en que “hotel” se vai aloxar o turista que nos visita, cando todo o mundo sabe que na Estrada non temos hotel desde hai anos”. “Isto non ten nome”, afirmou o concelleiro nacionalista, “non é de recibo semellante desleixo coa nosa lingua, especialmente aos poucos meses de aprobar unha ordenanza de normalización lingüística, que, aos feitos me remito, obvian e ignoran vilmente; iso sen mencionar o despropósito de preguntar por cousas que non temos na Estrada, o que denota un total pasotismo por parte do goberno municipal do PP ”.
—
















































