A Xunta dálle as costas á Estrada: cero euros para a Cidade do Moble nos orzamentos 2019

Denunciamos a actitude hipócrita e demagoga do PP local e do alcalde, parapetados en boas intencións a respecto da Cidade do Moble que nunha se materializan en algo concreto

Hai apenas un mes o pleno do concello da Estrada aprobou cos votos favorábeis de BNG, PP e PSOE (Móvete votou en contra) unha moción instando á Xunta para que dotara de orzamento o proxecto da Cidade do Moble en Lagartóns.

No día de onte presentáronse os orzamentos da Xunta 2019 e a sorpresa non se fixo agardar. A Xunta do PP fai oídos xordos á petición do pleno do concello, consignando CERO EUROS para o proxecto sectorial do moble na Estrada, que dotaría de solo industrial moi necesario, como moi ben puidemos constatar na pasada edición da Feira do Moble de Galiza en conversas cos empresarios locais, que ven afogados os seus negocios e as posibilidades de crecemento.

A pesar do seu voto favorábel na Estrada, é evidente que ao PP non lle interesa ao proxecto da Cidade do Moble, paralizado desde que esta organización política goberna a Xunta de Galiza en 2009, indo da man doutras formacións políticas locais que miran mais polo do seu oportunismo político, que polos intereses xerais o concello e do sector do moble.

Con todo, non podemos deixar de hipócrita e demagoga a actitude do PP da Estrada, e en concreto do alcalde, que desde que goberna o noso concello en 2011 non é quen de sacar nin un só euro do seu propio partido en San Caetano para a Cidade do Moble, parapetándose en boas intencións que nunca se materializan en algo concreto. E mentres tanto, a actividade económica na Estrada cae a mínimos históricos e os comercios pechan, como xa denunciamos hai unhas semanas.

Pola parte que lle toca ao BNG xa anunciamos que, como sempre, presentaremos emendas para que o proxecto da Cidade do Moble saia do caixón de San Caetano e se poña a xerar solo industrial, emprego e actividade económica no noso concello. Agardamos que os grupos con representación no Parlamento sexan consecuentes co aprobado no pleno da Estrada, xa que a eles tamén ía dirixida a moción. 

Por último estes orzamento tamén poñen en evidencia unha cousa: que o alcalde e en concreto o PP son un cero á esquerda, non contan máis que para sumar votos. Desde o BNG instamos ao alcalde a abandonar a actitude cínica que mantén a respecto da Cidade do Moble e esixir publicamente aos seus máis investimentos para o sector do moble e da madeira, que é estratéxico para a Estrada. Abonda xa de tomarnos o pelo!

 
— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Aberto o prazo para a participación cidadá no marco da Edusi

Hoxe, 19 de outubro, ábrese o primeiro prazo de participación cidadá para decidir sobre as materias nas que comprometer os investimentos pendentes no marco da Edusi, cifrados en máis de 2,5 millóns de euros. As persoas interesadas en participar no proceso poden enviar as súas propostas a través do formulario web da páxina http://aess2020.gal.

A Edusi (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) enmarcase dentro de“A Estrada Social Sostible 2020 (AESS2020), proxecto cofinanciado nun 80 por cento mediante o Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020”.

Para guiar dita participación definíronse cinco retos e cinco mesas de traballo homónimas; para a creación ou mellora de novos servizos públicos relacionados coas TIC, cun orzamento de 200.000 euros; para definir un plan de mobilidade inclusivo e sostible, con 700.000; para a recuperación e posta en valor do patrimonio, con 500.000; para a revitalización socioeconómica, que contará con  400.000 e para a atención a colectivos desfavorecidos e a igualdade de oportunidades, cun orzamento de 900.000 euros.

Nesta primeira etapa, as persoas interesadas poderán envialas súas propostas do 19 ao 30 de outubro  a través do formulario web que se atopa no apartado propostas cidadás da sección participación da susodita páxina web.

Estas mesas de participación pública terán lugar o 5 de novembro, cun espazo de tempo de dúas horas por mesa, dende as 9:30 ás 15:30 horas para as tres primeiras e das 16:30 ás 20:30 para as dúas ultimas. Nelas, representantes políticos, técnicos municipais e representantes da sociedade civil exporán os detalles de cada reto e debaterán coa cidadanía en torno as propostas recibidas.

As persoas interesadas poden apuntarse ás mesas de participación pública que máis se axeiten ás súas inquedanzas enviando un correo ao enderezo electrónico alcaldia@aestrada.es ou chamando por teléfono ao 986570030, ata completar un límite de 30 prazas por mesa (por motivos de loxística) que se cubrirán por orde de inscrición.

O segundo prazo para a recepción de propostas cidadás a través do mesmo formulario web terá lugar do 5 ao 14 de novembro e poderanse enviar novas propostas ou revisións das analizadas previamente nas mesas. Estas propostas cidadás serán o punto de partida para que os técnicos determinen aquelas que poidan ter encaixe e sexan susceptibles de trasladarse aos órganos de decisión da Edusi para a súa consideración.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O tráfico cara a rúa do Cruceiro permanecerá cortado dende o luns

Debido ao inicio das obras de humanización que se levarán a cabo na rúa do Cruceiro, non se permitirá o tráfico na zona, onde permanecerá cortado dende a conexión desta rúa cara A Farola, permitindo unicamente o paso de maneira intermitente para o acceso aos garaxes e para labores de carga e descarga.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Presentación lo libro do filósofo Manuel Cabada Castro

A Asociación Cultural “Vagalumes” convida a asistir ao acto de presentación do libro do filósofo Manuel Cabada Castro, veciño de Sabucedo e autor dunha obra ampla e profunda que ademais da súa ocupación académica abrangue a grande variedade de temas relacionados coa nosa cultura e de estudo e divulgación dunha das tradicións máis relevantes do noso concello como é a rapa das bestas.
Neste libro recóllense, precisamente, pequenas xoias destas intervencións en conferencias ou xornais para achegar reflexións sobre estes aspectos desde a erudición e o rigor que caracteriza a este estudoso da nosa cultura e do noso pensamento.
O acto será o vindeiro venres 19 de outubro ás 20:30 h. no MOME (A Estrada). E será presentado por Clara Iglesias, presidenta da A. C. Vagalumes e contará coa intervención de Xoán Carlos Garrido, profesor de Filosofía, e Henrique Bazal, presidente da Asociación da Rapa das Bestas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Obradoiro sobre a cultura castrexa o 19 e 20 de outubro

A Concellería de Sanidade e Turismo do Concello da Estrada organiza un obradoiro sobre a cultura castrexa para os vindeiros venres 19 e sábado 20 de outubro. As persoas interesadas en participar nas actividades do obradoiro terán que inscribirse previamente a través do enderezo electrónico sanidadeeturismo@aestrada.es.

A actividade do venres consistirá nunha conferencia impartida polos relatores Estevo Amado Rodríguez e Julia Marín Ramírez, baixo o título “A alimentación e a produción téxtil na cultura castrexa, actividades imbricadas”, que comezará ás 19:30 horas na planta baixa da Casa das Letras. A entrada para a actividade é aberta e gratuíta.

Para o sábado, a partires das 11:00 horas, estes mesmos expertos dirixirán unha visita guiada ao Castro de Callobre, na que impartirán un obradoiro titulado “Prospección, identificación e conservación de xacementos castrexos”.

Paralelamente a este obradoiro, cabe destacar a existencia dun paquete turístico ofertado dende a web de turismo do Concello, baixo o lema “Workshop: la cultura Celta en Tabeirós-Tierra de Montes” no que, a partir dos 42 euros por persoa da opción máis básica, os interesados poderán desfrutar dunha estancia de dúas noites coincidentes coas datas do obradoiro  nunha casa de turismo rural. As persoas interesadas poden atoparán a información acerca da maneira de realizar as reservas no número de teléfono 631179252 ou no enderezo electrónico  info@turismoruraldegaliciaexperiencias.com.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O 2 de novembro comezará a colocación das novas marquesiñas no rural da Estrada

Hoxe tivo lugar a firma de contrato entre o Concello da Estrada e a empresa Mobiliario Urbano Marlo, encargada da colocación das novas marquesiñas que se instalarán nas estradas principais do rural da localidade, segundo informou o alcalde, José López Campos.

O plan é substituír o parque de marquesiñas ao completo, pero nesta primeira intervención colocaranse 31, en lotes de sete, na que o Concello se encargará de retirar e pór a punto o entorno das marquesiñas a partir do día 29 de outubro e a empresa Marlo encargarase de realizala planta de formigón e colocar as novas a partir do 2 de novembro.

Este primeiro contrato conta cun orzamento de 83.490 euros, polo que cada marquesiña, fabricada en compoñentes de vidro e aceiro inoxidable, que contan con bancos e vitrinas onde colocar información, como anuncios e bandos, ronda un custo de 2.300 euros, aparte do IVE.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada acollerá concentración de autocaravanas a partir do venres

A Estrada acollerá a partir do venres unha concentración organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas na que os propietarios se instalarán cos seus vehículos na Praza da Feira dende o venres 19 ata o domingo 21 de outubro, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.

As caravanas contan con permiso para instalarse tanto na parte habilitada para a circulación da praza como na carballeira e onte pediron, ademais, espazo nas marxes da rúa 25 de Xullo para albergar máis vehículos nun evento que congrega en cada convocatoria arredor de 200 autocaravanas.

Entre as actividades programadas para os participantes atópase unha visita ao Pazo de Oca, organizada polo Concello, e a algún lagar onde podan degustar a sidra local.

Publicado en Portada | Deja un comentario