A reforma dos xardíns comezará a semana do 12 de novembro

Trala firma do contrato para a reforma dos xardíns e de haber concertado outra reunión para a semana do 29 de outubro, ambas partes, Concello e a empresa adxudicataria, Copcisa, acordaron que as obras comecen ao longo da semana do 12 de outubro, segundo informou hoxe o alcalde da Estrada, José López Campos.

Na reunión concertada para finais de outubro, as partes prevén debater cuestións do proxecto que sexan susceptibles de resolverse antes do inicio das obras. Sábese que unha vez que se inicien as obras atoparanse incidencias que haberá que resolver sobre a marcha, pero con esta xuntanza pretendese ir un paso por diante, apuntou López.

Deste xeito e a tal efecto, pediuse é empresa que analizase o proxecto ata o día da xuntanza, como tamén o fará o persoal do Concello, para a que será unha obra laboriosa e que requirirá de soterrar servizos, tales como o tendido telefónico e demais cableado que agora se encontra suspendido sobre o terreo.

O rexedor local indicou que existen varias alternativas para planificar por onde comezar a obra de cara ao Nadal; datas nas que a Praza do Concello debe de estar libre, polo que hai que prestar atención á planificación co fin de interferir o menos posible e compatibilizar as obras co uso que a cidadanía fai dos espazos públicos.

Para rematar, López sinalou que esta é unha das grandes obras que se vai realizar na Estrada, que é unha obra que se perseguiu durante anos, converténdose nunha aspiración histórica para a localidade, polo que se mostrou satisfeito coa sintonía coa empresa na xuntanza, xa que é importante que esta “se empape do espírito da obra, que ten un alma e unha historia propias”, polo que debemos construír un espazo do que sentirnos orgullosos, finalizou.

Publicado en Portada | Deja un comentario

É o momento de saldar a débeda histórica cos “Mártires da Estrada”

O BNG rexistra unha moción para eliminar o rueiro fascista da vila e en apoio ás activistas coñecidas como ás 19 de Meirás

O BNG rexistra unha moción na que insta ao pleno co do concello da Estrada a apoiar ás activistas das memoria histórica coñecidas como “19 de Meirás” e a saldar a débeda histórica cos “Mártires da Estrada” fusilados polo fascismos en 1937.

O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, explicou “que A Estrada ten unha asignatura pendente coa memoria histórica e coas vítimas da Ditadura do noso concello. Aínda hoxe, 81 anos despois, non se cumpriu a petición do alcalde da Estrada, Ramón Fernández, e dos concelleiros fusilados o 5 de xuño de 1937, en plena represión fascista do réxime de Franco. Esta petición, feita aos pés do paredón, non era outra que a de que o noso concello adicara unha das rúas “máis céntricas e florecentes da vila” aos “Mártires da Estrada” asasinados”.

“Non é de recibo que as rúas da Estrada honren aos asasinos como Calvo Solteo ou Capitán Bernal no canto de honrar ás vítimas da represión Franquista,” engadiu Magariños, “isto é un anacronismo democrático que compre corrixilo xa”.

O concelleiro nacionalista explicou que “agora é momento, agora hai que dar un paso adiante para honrar as memorias das vítimas da ditadura nun intre histórico no que se vai exhumar o corpo Ditador do Val dos Caídos e mesmo se pon en cuestión a adquisición do patrimonio da familia Franco valéndose do espolio e do roubo, tendo no Pazo de Meirás un dos símbolos máis evidentes do latrocinio no noso país”.

“E neste sentido”, explicou o concelleiro nacionalista, “se neste intre histórico hai un cuestionamento tan evidente e tan forte do Franquismo é grazas ás activistas coñecidas como “19 de Meirás”, galegas e galegos demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais, da memoria… que o pasado 30 de agosto de 2017 realizaron unha acción pacífica e simbólica, consistente en despregar dúas pancartas no pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego, de todas as galegas e galegos. Pretendían deste xeito, instar as institucións públicas que realmente teñen capacidade para o facer, a abandonaren a pasividade e a actuaren para rescatar o pazo e todo o patrimonio espoliado polo ditador Francisco Franco.“

Tratouse unha acción pacífica, realizada nun día de visita pública, en que a obriga da familia detentadora do pazo era telo aberto ao público como corresponde a un patrimonio declarado como Ben de Interese Cultural. 

“Esta ocupación simbólica de Meirás”, explicou Magariños, “que tivo repercusión internacional, reactivou o debate social e político sobre a recuperación do pazo e obrigou as institucións públicas a se manifestar e a actuar máis decididamente ou comezar a facelo, segundo os casos.”

“A pesar de ser unha acción pacífica”, explicou o concelleiro do BNG, “o pasado mes de maio, as 19 das persoas participantes nesta acción pacífica e simbólica, tiveron coñecemento, a partir dunha notificación do Xulgado de Betanzos, de que foron denunciadas pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco, neto do ditador. Os delitos de que os acusan son os que se enumeran a seguir: violación de morada, co agravante de violencia ou intimidación, que segundo o Código Penal español está penado con prisión de 1 a 4 anos; delito contra o honor con publicidade, penado con 6 meses a 2 anos ou multa de 12 a 24 meses; danos, na modalidade agravada, penado con prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses; e delito de odio, penado con prisión de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses.”

“Consideremos que estamos diante dunha denuncia que é unha verdadeira barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico”, afirmou Magariños. “Politicamente resulta absolutamente ferinte que os bens espoliados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura. A permanencia desas propiedades na familia Franco simboliza magnificamente a continuidade das estruturas de poder real da ditadura -quer no ámbito económico, no xudicial, no mediático e mesmo en moitos aspectos no político- que foron herdadas polo réxime de 78 aínda vigorante e que produciron unha democracia de moi baixa calidade que fai que, 40 anos despois, no Estado español se continúe perseguindo a liberdade de expresión e encarcerando persoas polas súas opinións e polas súas ideas políticas”, engadiu.

“Por todo isto”, explicou o concelleiro do BNG, “propoñemos na moción que presentamos unha serie de acordos para saldar a débeda do concello cos Mártires da Estrada e para apoiar ás activistas 19 de Meirás que están loitando pola devolución do roubado ao pobo galego”.

Os puntos de acordo da moción presentada polo BNG son os seguintes: 

1. Expresar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego.

2. Manifestar o rexeitamento a respecto da demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez Bordiú Franco contra 19 demócratas que participaron na citada ocupación pacífica e simbólica, e que son acusados de delitos de odio, contra o honor, danos e violación de morada.

3. Expresar a condena e rexeitamento do uso do Pazo de Meirás por parte da Fundación Nacional Francisco Franco para facer apoloxía do xenocidio fascista, da Ditadura e do Ditador, e en consecuencia demandar que se inicien accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación.

4. Instar ao Goberno español a que inicie de xeito inmediato accións legais contra a propiedade do Pazo de Meirás, de acordo co informe histórico-xuridico elaborado a instancia da Deputación Provincial da Coruña, e acordado por unanimidade do seu Pleno, para que a administración lexitimada para facelo poida recuperar como ben público o Pazo de Meirás, roubado ao pobo galego durante o réxime xenocida franquista.

5. Dar traslado deste acordo ao Goberno do Estado, Parlamento de Galiza e Deputación Provincial da Coruña.

6. Dar cumprimento á petición do alcalde fusilado en 1937, Ramón Fernández, adicando unha das rúas máis céntricas da vila aos “Mártires da Estrada”.

7. Eliminar do rueiro fascista substituíndoo por referencias positivas merecentes de mellor recordo para a vila polo seu respecto pola democracia e polos estradenses.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

A unidade móbil de doazón de sangue visitará A Estrada venres e sábado

Unha das unidades móbiles do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia acudirá á Praza do Concello da Estrada os vindeiros venres 19 en horario de mañá e tarde, das 10:00 ás 14:00 e das 16:30 ás 21:00 horas, e sábado 20 de outubro só pola mañá, das 10:00 ás 15:00 horas, para que os veciños realicen as súas doazóns de sangue.

Esta será a derradeira campaña de extracción, xunto as dúas anteriores, na que para incentivar a doazón, os participantes entrarán no sorteo posto en marcha dende o Concello dunha das 46 entradas de palco para o monólogo de Luis Piedrahita, Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas, que o humorista representará no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 9 de novembro.

Lémbrase tamén que os requisitos necesarios para acudir a doar son ter máis de 18 anos e pesar máis de 50 quilos, así como levar o DNI. Entre as recomendacións do Sergas cóntase a importancia de almorzar antes da extracción, así como de esperar dúas horas despois de xantar e de informar ao médico no caso de que se estea a tomar algún fármaco

Publicado en Portada | Deja un comentario

Valoración Ampa CEIP FOXO

A ampa do Foxo valora moi positivamente o inicio deste curso. Un ano máis contan co 100% de familias asociadas dos alumnos/as con matrícula no centro, que sigue aumentando.
A demanda de usuarios/as do servizo de comedor fixo necesario dende un principio a posta en funcionamento dun doble turno, xa que a maiores dos usuarios fixos existe a posibilidade de apuntarse ao servizo de forma esporádica.
Como novidade e tamén debido á demanda das familias este curso o centro conta co Plan Madruga, axudando á conciliación familiar xa que tamén ofrece a posibilidade de utilizalo de forma sistemática ou esporádicamente.
En canto as actividades extraescolares que se ofertaron creáronse grupos de pintura, robótica, atletismo, xadrez, ciclismo, zumba, katate, natación e implantouse tamén pandeireta en familia, que inclúe a novidade de incorporar un acompañante adulto facilitando deste xeito a conciliación e a convivencia.
Ao longo do curso desenvolveranse diversas iniciativas coma obradoiros de cociña ou manualidades que xa foron exitosas, así coma outras novidades coas que se busca sorprender e agradar ás familias asociadas. 
Así mesmo agradece enormemente a colaboración das familias do alumnado que está ou estivo matriculado no centro que fixeron posible no pasado a remodelación da biblioteca, pintado do pavillón, recentemente o pintado dos baños, ou donaron material para a posta en marcha do comedor e neste comezo de curso unha casiña de xogos para o parque de infantil e diverso material para disfrute de todo o alumnado.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Comezan as obras na rúa do Cruceiro o vindeiro luns

O vindeiro luns, 22 de outubro, comezarán as obras de reforma da rúa do Cruceiro. Desenvolverase en dúas fases e terá inicio no treito que une a saída cara a rotonda coa Zona de Viños para continuar no resto da rúa nunha segunda.

Con esta planificación téntase causar as menores molestias posibles á veciñanza do lugar, explicou o alcalde da Estrada, José López Campos, quen indicou que tamén se vai dar aviso aos colexios da zona que resulten afectados, cos que se tentará marcar itinerarios alternativos para o alumnado ao longo desta semana.

Nesta liña tamén se tentará manter zonas peonís e respectar os accesos dos vehículos aos garaxes, pero esta actuación require levantar o pavimento, xa que leva aparellado unha substitución nas redes de saneamento e abastecemento da rúa.

Esta intervención, que conta cun orzamento de 140.000 euros (100.000 pertencentes a fondos propios do Concello e 40.000 procedentes da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia), ten que estar certificada e xustificada antes do 15 de novembro, segundo informou López, que indicou que os cambios de saneamento e abastecemento son a propia xustificación da obra.

Ademais desta intervención, o rexedor local lembrou que mañá e pasado se firmarán os contratos coas adxudicatarias para o inicio das actuacións na Avenida de Fernando Conde e nos xardíns da Alameda, respectivamente, co que só restará fixar unha data para a firma da acta de replanteo para que se inicien e comece a contar o prazo das obras

Publicado en Portada | Deja un comentario

Plan Siberia comezará a nova xira o 21 de outubro no Principal

Plan Siberia comezará a súa nova xira o vindeiro 21 de outubro coa actuación prevista para as 19:00 horas no Teatro Principal da Estrada. Nesta actuación interpretará cancións do seu segundo disco, Volboretei, íntegramente en galego.

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou hoxe o evento, para o que afirmou que sempre é gratificante observar como artistas estradenses forman parte da programación cultural do Concello; unha programación que xa inaugurou Chelo do Rejo e que continúa próximamente co festival folk da man de Tequexetéldere, antes da actuación de Plan Siberia; grupo que conta coas cancións do verán 2017 e 2018 recoñecidas pola TVG.

O concelleiro sinalou que as entradas deste espectáculo para todos os públicos poranse á venda a partires da semana que ven no departamento de Cultura do Concello e na Cafetería Boliche a un prezo de 5 euros.

Pola súa parte, un dos fundadores e compoñente do grupo, Gabriel Blanco, engadiu que esta xira arranca dende A Estrada con este “concerto-show minimalista, pero bonito, con moita arte e pouco artificio”.

Na xornada proxectarase o videoclip de introdución do disco, filmado na baía de Aldán, e haberá colaboracións e sorpresas. De modo que animou á xente a acudir ao espectáculo e vivir unha xornada de domingo de sobremesa diferente, nun entorno familiar, no teatro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Losada Diéguez participará no FP Innova cunha casa modular

O instituto Antón Losada Diéguez da Estrada participará no FP Innova cunha casa modular. O alumnado de segundo curso do ciclo de Formación Profesional de Fabricación a Medida e Instalación de Carpintería e Moble encargarase de construír e acondicionar a vivenda que será exposta en marzo no monte Gaiás da Cidade da Cultura.

Juan García, un dos mestres do ciclo, sinalou na presentación do proxecto celebrada hoxe na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada que a través desta iniciativa se pretende que esta rama de formación creza e gañe un protagonismo acorde ao que representa o sector da madeira na zona.

O Losada Diéguez participa, xunto co IES de Ortigueira e o CIFP Ferrolterra, neste proxecto para acondicionar unha “cápsula orgánica multiusos” optando por un modelo de vivenda, pero os outros centros estudarán outras posibilidades, como a de converter a estrutura nunha oficina de turismo, socorrismo ou punto de vixilancia de incendios.

García indicou tamén que, ao tratarse dun deseño modular de 18 metros cadrados, no que cada módulo posúe unhas medidas de seis metros de ancho, tres de fondo e outros tres metros de altura, poderíanse combinar varios módulos co fin de ampliar o espazo de acordo ás necesidades das persoas.

Outro dos mestres do ciclo, Juan Mañá, explicou que a idea naceu dun plan ficticio de empresa para vender unha destas estruturas e o uso co que se vendería, para o que se contemplaban distintas alternativas, contando co valor engadido de que toda a construción está deseñada con materiais reciclables autóctonos ou subministrados por empresas galegas coas que colaboran.

Ademais aclarou que nun principio ían optar por traballar con volumes máis pequenos e acoplalos pero que, debido a problemas de tempo de cara a chegar a expor o modelo no congreso FP Innova en marzo, ao final se optou polo deseño dun único espazo de 6x3x3 metros.

Para rematar incidiu na necesidade de implantar máis ciclos orientados a rapaces que queiran acceder a FP Básica e que non remataron a ESO e de recibir máis alumnado, xa que asegurou que esta titulación garante unha saída laboral , posto que están atopando problemas para abastecer ao sector da zona. Este é un perfil demandado e non hai alumnos para nutrir as necesidades da comarca e os arredores, finalizou Mañá.

O alcalde, José López Campos, pola súa parte agradeceu a invitación á presentación do proxecto e por todo o que se está facendo e se está apostando polo sector da madeira dende esta rama de FP para a que afirmou que se atopa demanda de emprego.

Lembrou tamén o compromiso por parte do Concello co sector da madeira, non só pensada a nivel de mobiliario, senón a nivel construtivo e estrutural, e puxo como exemplo á Escola Infantil, da que afirmou que é “unha xoia da que sentirse orgullosos” e unha homenaxe a un sector referente na Estrada como é o da madeira.

Publicado en Portada | Deja un comentario