O CONCELLO HABILITARÁ PRAZAS DE ESTACIONAMENTO PARAFACILITAR O ACCESO ÁS FARMACIAS DO CAPITAL ESTRADENSE

 Cada establecemento terá asociada unha praza de aparcamento
debidamente sinalizada, pensada para usuarios con problemas de
mobilidade, idade avanzada ou que acudan enfermos ao servizo de
urxencia.
 O estacionamento terá un tempo limitado a 10 minutos para favorecer a
rotación.
 Momentos como a pandemia puxeron de relevo a singularidade e o
interese xeral que ten o servizo de farmacia, evidenciado en que estes
establecementos permaneceron abertos ao público nos tempos de
confinamento.

 

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o
concelleiro Alberto Blanco e o xefe da Policía Local, Javier García, mantiveron este
mediodía unha reunión con responsables das oito farmacias existentes no casco urbano
para participarlles a decisión de habilitar prazas de estacionamento de uso específico
para este servizo, unha medida que non ten outra finalidade que a de facilitar o acceso a
persoas que precisan achegarse de xeito rápido a estes establecementos para recibir a
súa medicación.
Estas prazas, unha por establecemento farmacéutico, estarán o máis próximas posibles
e sinalizadas con pintura verde e unha cruz branca, unha imaxe popularmente
evocadora do servizo de farmacia. O aparcamento autorizado nestes espazos terá un
tempo limitado a 10 minutos e está pensado principalmente para seren empregado por
parte de persoas con mobilidade reducida, idade avanzada ou por aqueles usuarios que
acoden enfermos ao servizo de urxencia. A pretensión é que todos eles atopen a maior
comodidade posible no momento no que teñen que facer uso dun servizo que está
directa e intimamente vencellado á súa saúde.
Dende o goberno local recoñécese que a medida responde a unha antiga reclamación,
cursada de xeito maioritario por profesionais deste sector. Asúmese que as farmacias
son entidades privadas, se ben na reunión de hoxe se puxo o acento en que o servizo que

prestan ten un marcado carácter público e de primeira necesidade. De feito, momentos
tan significativos como a pandemia puxeron de relevo a singularidade e o interese xeral
que ten o servizo das farmacias. Para evidencialo só hai que lembrar que estes
establecementos permaneceron abertos ao público nos tempos de confinamento.
“Entendemos que é un colectivo prioritario polo servizo que se presta, ligado a unha
cuestión tan importante como é a saúde”, sinalou o alcalde. “Decidimos avaliar o espazo
público coa Policía Local e quixemos nesta reunión explicarlles aos responsables das oito
farmacias urbanas as razóns polas que marcaremos unhas prazas nas que se busca a
rotación dos vehículos estacionados. O obxectivo é que poida ser usada polos máximos
usuarios posibles”, engadiu Gonzalo Louzao. “Aquí o que priorizamos foi pensar no
usuario, non na comodidade das farmacias, senón en que o establecemento estea
próximo e servizal para os usuarios que máis o precisan”, remarcou.
Os dirixentes locais asumiron que os diferentes procesos de peonalización e
humanización que se estenden polas rúas da capital estradense limita máis as prazas
dispoñibles para o estacionamento ou ofrece como alternativa ás mesmas zonas
concentradas de aparcamento disuasorio. A marcaxe destas prazas para farmacia busca
favorecer que aqueles que precisan un acceso rápido e áxil aos establecementos teñan
maiores facilidades para recoller a medicación pautada polos profesionais da saúde.
O xefe da Policía Local foi explicando, farmacia por farmacia, a solución que se adoptará
para a reserva destas prazas. Sinalou que se pintarán tan pronto sexa posible, se ben
aclarou que é necesario contar con condicións meteorolóxicas favorables e o terreo
completamente seco. Avanzou Javier García que a sinalización vertical xa está encargada
e, aínda que asegurou que o uso destas prazas será vixiado polos axentes municipais,
convidou aos farmcéuticos a comunicar calquera irregularidade que observen.
No tocante ao tempo limitado de 10 minutos, considerouse que é prudencial para
realizar a compra dos medicamentos pautados, incidindo en que se persegue que o
maior número de persoas poida dispoñer desta facilidade de acceso.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta reforza o equipamento do GES da estrada cun vehículo autobomba rural pesada

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, asistiron na Estrada á presentación do vehículo autobomba pesada cedido este ano pola Xunta ao Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES). A dotación está valorada en 270.000 euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.

O vehículo dispón de cisterna con capacidade para 3.500 litros, bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión e carrete de primeiro socorro con mangueira semirríxida e lanza de alta presión, entre outras prestacións. O equipamento, que permitirá mellorar a eficacia das intervencións do grupo nos concellos da Estrada, Forcarei, Teo e Vedra, súmase ao recibido nos últimos anos e que representa un investimento global superior aos 680.000 euros. Así, ademais da autobomba rural pesada, entregóuselles equipo de excarceración, un pick-up, desfibrilador e terminais TETRA con GPS, entre outras dotacións.

A iniciativa enmárcase no importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade, contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta. Neste marco de acción, o concello da Estrada recibiu tamén nos últimos anos preto de 30.000 euros en axudas ao funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil a través da liña de apoio específico, dotada este ano con 370.000 euros.

Máis de 28M€ investidos nos últimos anos

O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 28 millóns de euros nos últimos anos, dos que máis de 12 foron destinados directamente aos GES. Ademais, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. A maiores, lévanse investido outros 5 millóns na formación destes grupos e doutros servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencias, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.

Ademais, realizan actuacións de prevención da avespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras, e interveñen en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poden actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

UNHA VINTENA DE PERSOAS PEDIU XA PARTICIPAR NA PRIMEIRA DASFORMACIÓNS DIXITAIS ESPECIALMENTE PENSADAS PARA MAIORES

O Concelleiro de Reto Demográfico e Novas
Tecnoloxías, Manuel Magariños, colabora estes días coas persoas que desexan
participar nas novas convocatorias formativas de uso de aplicacións informáticas e
telefonía móbil, nomeadamente usuarios de certa idade. Esta mañá o concelleiro
explicou que xa hai unha vintena de inscritos no programa “YoConecto”,impulsado pola
Fundación Cibervoluntarios e financiado polos fondos Next Generation da Unión
Europea, a través do Ministerio para a Transformación Dixital.
Trátase dunha iniciativa pensada para achegar o mundo dixital á veciñanza, con especial
orientación cara as persoas maiores, buscando axudarlles a perderlle o medo á
tecnoloxía.
Magariños estivo hoxe axudando a cidadáns que se interesaron por este programa no
Concello e que precisan ter operativa un correo electrónico.
As sesións destes cursos serán moi prácticas e realizaranse en grupos reducidos, cunha
metodoloxía sinxela e acompañada. As persoas participantes poderán aprender a
realizar trámites coa administración (pedir cita no médico, descargar recibos ou solicitar
axudas); empregar aplicación útiles no seu día a día (caso de WhatsApp, mapas ou apps
de saúde); realizar compras e operacións bancarias en liña de forma segura; falar por
videochamada ou descubrir novas ferramentas para o lecer, a aprendizaxe e a
comunicación.
As formacións impartiranse de xeito presencial na Casa da Música, en horario de 10.00 a
13.00 horas. Cada curso terá unha duración total de 12 horas, repartidas en catro sesións
de tres horas. A calendarización dos curso é a seguinte:
•YoConecto L4. Iniciación ao mundo dixital, dirixido a maiores de 18 anos. Os días: 2, 4, 9
e 11 de decembro.
•YoConecto L1. Apps para xestionar trámites en internet. Dirixido a maiores de 60 anos.
Os días 20, 22, 27 e 29 de xaneiro.
•YoConecto L1. A túa banca dixital e compras seguras en liña. Dirixido a maiores de 60
anos. Días 3, 5, 10 e 12 de marzo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A BANDA DE MÚSICA CULTURAL DA ESTRADA HOMENAXEA AOEXALCALDE RAMÓN CAMPOS NO CONCERTO DE SANTA ICÍA

A programación cultural de outono EstradaEscena
contempla nos vindeiros días a celebración dos concertos de Santa Icía, a patroa dos
músicos, por parte da Banda de Música Municipal da Estrada (sábado 22, ás 20.00 horas
no Teatro Principal) e da Banda de Música Cultural da Estrada (venres 28, ás 21.00). Esta
última anunciou hoxe que aproveitará a ocasión para render homenaxe ao exalcalde
estradense Ramón Campos Durán, falecido en 2019 e rexedor estradense entre 1992 e
2007.
O concerto de Santa Icía da Cultural da Estrada terá dúas partes diferenciadas. A
primeira desenvolverase baixo a batuta de Saúl Liñares, integrante da banda que exerce
como director en Oviedo. O repertorio desta parte da actuación inclúe o pasodobre “O
Carrizo” (dirixido polo compositor José Pérez), “Indiana Jones”, “Camino Universo”, “We
don’t talk about Bruno” e “Radioactive”.
Tras un receso de 5 minutos, arrancará a segunda parte do concerto, xa co seu director,
Ricardo Oliver. A peza “La Misión” brindará o acompañamento para o homenaxe a
Ramón Campos Durán que quixo brindar a Banda de Música Cultural. Tras este
momento, o repertorio proseguirá con “Italian Holiday” e “Pasadoble Agüero”.
Sobre o escenario estarán máis de 30 músicos, con idades que van dende os 12 anos
máis de 70 anos. O concerto contará con Xulia Rial Meda como presentadora, unha
integrante da banda de 12 anos

Publicado en Portada | Deja un comentario

O DELEGADO TERRITORIAL VISITA O CENTRO SOCIOCOMUNITARIO DA ESTRADA POLO SEU 40º ANIVERSARIO

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do Centro Sociocomunitario da Estrada, que este ano celebra o seu 40 aniversario.

 

O delegado territorial aproveitou para coñecer as instalacións e o funcionamento da residencia de maiores que comparte edificio, na que residen 37 persoas.

 

Reguera lembrou durante a súa visita que o prazo para inscribirse no programa Xuntos polo Nadal da Xunta está aberto ata o próximo día 26 de novembro. O programa está  dirixido ás persoas de 60 anos ou máis que estean soas e desexen pasar estas datas acompañadas. Ofértanse un total de 270 prazas nas Residencias de Tempo Libre do Carballiño (130 prazas) –para os solicitantes das provincias de Pontevedra e Lugo– e de Panxón, en Nigrán (140) –para os participantes procedentes das provincias da Coruña e Ourense–.

Este programa levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2025 e o día 7 de xaneiro de 2026, en tres quendas diferentes, das que só se poderá elixir unha: do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días), do 23 ao 30 de decembro (8 días) ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días). Inclúese aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autobús ata as residencias e viaxe de regreso, e actividades de animación sociocultural.

Os requisitos son ter 60 anos, estar empadroado en Galicia, vivir só no domicilio e non ter con quen pasar as datas do Nadal, así como valerse por si mesmo, entre outros. Para a selección das persoas participantes daráselle preferencia a aquelas que perderan o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos dous anos, ás que teñan máis idade e ás que non participaran nas edicións anteriores.

O delegado territorial rematou a visita destacando a importancia deste tipo de iniciativas que “permiten loitar contra a soidade non desexada e lembrando aos nosos maiores o importante papel que seguen desempeñando na sociedade”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA VOLVERÁ INCREMENTAR O SEU ORZAMENTO MUNICIPAL,COA PREVISIÓN ADMINISTRAR 19,4 MILLÓNS DE EUROS EN 2026

 Os impostos directos supoñen o ingreso de 5 millóns de euros, con outros
10 millóns en transferencias correntes, a través da participación nos
tributos do Estado (6,8) e da comunidade autónoma (1,4 millóns).
 O gasto en programas de Servizos Sociais volve elevarse e supera xa a
previsión de 4,2 millóns.
 A prestación dos servizos públicos básicos supón 6.676.078 euros, con
case dous millóns en seguridade pública, máis de 1,5 en recollida e
tratamento de residuos ou un millón en iluminación, entre outras
partidas.
 Os investimentos reais medran e superan o millón de euros, con partidas
para actuar na nova zona verde da Carballeira de Melania, o centro de
saúde de Oca, pavillóns de tres colexios ou rede viaria.

O concelleiro de Economía e Facenda, Alberto
Blanco, ofreceu hoxe un avance pormenorizado do anteproxecto de orzamentos
municipais para 2026, unhas contas que o goberno que encabeza Gonzalo Louzao
pretende aprobar en pleno no mes de decembro e que medran de xeito significativo con
respecto á presente anualidade. Concretamente, Blanco Carracedo sinalou que o
orzamento da Estrada para o vindeiro exercicio económico ascenderá a 19.456.000
euros, preto de 1,7 millóns por encima do inicialmente previsto para 2025 (17.782.900
euros).
No capítulo de ingresos, os impostos directos aportan a estas contas 5.028.000 euros.
Deste montante, 3,5 millóns correspóndese co Imposto de Bens Inmobles (IBI) de
natureza urbana, con outros 76.000 euros que se prevén ingresar polo IBI de rústica. O
IBI de características especiais en 2026 estímase en 112.000 euros.
Por impostos indirectos, nomeadamente a través do Imposto de Construcións,
Instalacións e Obras (ICIO), as arcas estradenses ingresarán 600.000 euros,
correspondéndolle 2.885.438 euros polo cobro de taxas e prezos públicos. Deste xeito, o

Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica reportará un millón de euros, con 230.000
previstos polo Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).
O capítulo de transferencias correntes supón 10.089.173 euros. Os ingresos derivados
da participación en tributos do Estado suporá 6.804.500 euros no vindeiro exercicio,
namentres que a participación nos ingresos da comunidade autónoma suma outros
1.477.000 euros.
Gastos
Entrando na análise dos gastos, o capítulo de persoal cífrase en 7.296.188 euros,
mentres que os gastos correntes en bens e servizos ascenden a 9.151.398.
A prestación e mantemento dos servizos públicos básicos requiren para o Concello da
Estrada un gasto de 6.676.078 euros. Deste montante, preto de dous millóns de euros
(máis de 1.853.000 euros) están destinados a seguridade e orde pública, tanto a través
do servizo da Policía Local (963.322), como do de Protección Civil (385.535) e o de
prevención e extinción de incendios (504.158).
O detalle dos orzamentos recolle tamén partidas que fan falta para cubrir a prestación
de servizos tan básicos como o abastecemento domiciliario de auga potable (384.036
euros); a recollida de residuos (899.132) ou o tratamento destes últimos (outros
600.000 euros). Para iluminación pública resérvanse 1.064.426 euros en 2026.
Outra parte importante do orzamento vai dirixida ás actuacións de protección e
promoción social ou, o que ben sendo o mesmo, aos programas de Servizos Sociais. Este
gasto volve medrar de cara ao vindeiro ano, situándose xa en 4.280.044 euros. Neste
eido, a base do servizo social supón 3.572.448 euros, aos que hai que sumar os
programas para determinados sectores poboacionais (416.936), a actividade vencellada
ao Centro de Información á Muller (CIM) (63.588 euros) ou a prevención de
drogodependencias (49.894 euros), entre outros. Para programas vencellados ao
fomento do emprego resérvanse 177.110 euros.
Novo incremento para o SAF
“O equipo de goberno vén facendo, ano tras ano, unha aposta decidida polo incremento
das actuacións en protección e promoción social, con especial incidencia na atención a
persoas maiores e cidadáns en situación de vulnerabilidade”, apuntou hoxe Alberto
Blanco. Nesta liña, o concelleiro de Economía e Facenda sinalou o incremento que volve
experimentar a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que superará os
1,7 millóns de euros, fronte aos 400.000 que tiña no ano 2011.

As contas municipais para 2026 reservan tamén distintos capítulos de gasto en bens
públicos de carácter preferente, cun total de 3.307.103 euros. Así, en materia de
Educación figuran 1.347.371 euros en conxunto para o funcionamento de centros
docentes de educación Infantil, Primaria e Secundaria, así como para entidades
formativas como Conservatorio e a Escola de Música.
Para os programas de Cultura contémplase unha partida de 737.084 e outros 638.202
para Deportes.
Para actuacións de carácter económico o proxecto de orzamentos reserva 1.153.006
euros, con 828.878 para a administración xeral de infraestruturas; preto de 91.000 para
comercio; 90.000 para desenvolvemento empresarial ou os máis de 58.000 para
información e promoción turística, entre outras.
Investimentos reais
No marco dun orzamento que medra un 8,6% con respecto ao anterior, os
investimentos reais que programa acometer o executivo estradense tamén se ven
sensiblemente incrementados. As contas recollen máis dun millón de euros neste
capítulo. Entre as previsións figuran partidas para mantementos de vías públicas, obras
na nova zona verde da Carballeira de Melania (200.000 euros); acometidas de auga no
desdobre da traída do Umia (121.000); melloras no centro de saúde de Oca (77.500);
obras nos pavillóns dos colexios de Oca, Codeseda de Pérez Viondi (75.000) ou novos
alumeados (75.000), entre outras.
Fondos europeos, á marxe
O orzamento municipal para 2026 medra sen incluír os fondos que a administración
municipal terá que incorporar para cubrir a parte correspondente ao plan EDIL, o novo
programa de fondos europeos. Serán máis de 4 millóns de euros (o investimento total
será de 10) que o Concello da Estrada manexará recorrendo a unha operación de crédito
para non tensionar a estabilidade orzamentaria.
“O que se pretende con estes orzamentos é cumprir cos servizos públicos, que sexan
sostibles, e investir no apartado social, que para o goberno é prioritario. A isto
engadimos investimentos que faciliten e melloren a vida dos estradenses”, resumiu
Alberto Blanco.

Publicado en Portada | Deja un comentario

PRODUTORES ESTRADENSES DE MAZÁ ESTUDAN COMO OPTIMIZAR OSPOMARES E ESPREMER O POTENCIAL TURÍSTICO QUE TEN A SIDRA

 O alcalde da Estrada e o edil de Promoción Económica súmanse á
delegación local no inicio da súa viaxe de transferencia tecnolóxica, que
conta co respaldo da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e
Industrias Agroalimentarias.
 “A mecanización da recollida da mazá é o futuro, primeiramente porque
temos o problema da man de obra e porque mecanizar abarata moito os
custes”, sinala o produtor Juan Moimenta.
 “Aprender dos mellores é fundamental para que A Estrada continúe a
súa consolidación como capital galega da sidricultura e para que siga
medrando como referente no noroeste peninsular”, apunta Louzao.

Optimizar as producións, coñecer as novas
tendencias na elaboración de sidras e profundar no aproveitamento da vertente
turística da sidricultura. Son os tres eixos que están marcando a viaxe de transferencia
tecnolóxica que integrantes do sector estradense de Maceira e Sidra están realizando
estes días por Asturias, Cantabria e País Vasco. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o
edil de Promoción Económica, Óscar Durán, incorporáronse este xoves á delegación
estradense nunha experiencia que vén respaldada pola Dirección Xeral de Gandaría,
Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia.
O primeiro alto no camiño foi a Sidrería Castañón, onde os participantes puideron
valorar a produción, recollida, lavado e procesado das mazás para a elaboración de sidra
con maquinaria de última xeración. “Estamos vendo cara onde van os novos tempos na
elaboración da sidra. Ata o de agora producíanse todas xuntas, recollíanse, prensábanse
e facíanse todo en conxunto. Agora a tendencia é producilas monovarietais e despois
combinalas en cuba”, sinalou o técnico da asociación Maceira e Sidra, Miguel Soto.
De seguido, os participantes visitaron a explotación Gallinal, preto de Xixón, vendo
primeiramente o funcionamento da última tecnoloxía en maquinaria adaptada á
recollida da mazá e, despois, novos sistemas de plantación. Son estas dúas cuestións que
se entenden como unha alternativa asumible para moitas fincas da Estrada dedicadas á
produción de mazá, entre as máis de 100 hectáreas que xa están dedicadas a este cultivo
en réxime ecolóxico. “A tendencia é apostar polo eixo vertical, con plantacións de alta
densidade, que son máis fáciles de mecanizar e que xeran unha maior produción”,
sinalou Soto.
“A mecanización da recollida da mazá é o futuro, primeiramente porque temos o
problema da man de obra e porque mecanizar abarata moito os custes”, explicou o
produtor estradense Juan Moimenta. “Nós dende que empezamos apostamos pola
mecanización, de xeito que somos tres persoas nada máis e movemos sobre 100.000
quilos nun mes en tempada boa, cousa que sería inviable sen ter unha máquina”,
engadiu. “Tende a ser o futuro. Sen mecanización non damos avanzado”, apostilou,
convencido de que, aínda que é preciso adaptar as plantacións á forma de recoller da
maquinaria, este tipo de produción é perfectamente viable para os pomares locais.
Novos patróns
“Chamounos moito a atención o marco de plantación e os patróns que se están
empregando. Nós estamos traballando con todo en base ao que se plantou no ano 2000,
con marcos de 6×3 case todo, e aquí se está apostando por un modelo moito máis
intensivo pero que consegue unha produción moito máis regular, porque nós temos o
problema da alternancia que teñen as árbores. Co modelo que están ensaiando aquí
parece que a alternancia é moito menor”, explicou Moimenta.
O alcalde compartiu cos representantes do sector as visitas do xoves e do venres, que
continuaron por Renedo de Piélagos (Cantabria), cun percorrido pola Sidrería
Somarroza. Este lagar posúe o premio á mellor sidra natural do mundo e permitiu aos
participantes nesta viaxe analizar a limpeza de malezas e fertilización con ovellas, pavos e
outro tipo de gando. Xa pola tarde, os asistentes participaron nunha mesa redonda sobre a
produción integrada e ecolóxica de mazá de sidra.
Vertente turística
“Queremos aprender dos que saben porque teñen moi fonda traxectoria”, sinalou o
alcalde. Despois de aplaudir publicamente o traballo que se vén facendo dende un
sector que se converteu en estratéxico no campo estradense, agradeceu a colaboración
da Consellería de Medio Rural, a través da dirección xeral que dirixe José Balseiros, para
que os produtores puidesen realizar este percorrido.
“A Ruta da Sidra seguro que nos vai dar moitas alegrías no noso concello pero tamén
tiñamos que ver como se está explotando a vertente turística da sidra en territorios tan
importantes para o sector como Asturias, Cantabria e o País Vasco”. “Aprender dos
mellores é fundamental para que A Estrada continúe a súa consolidación como capital
galega da sidricultura e para que siga medrando como referente no noroeste
peninsular”, concluíu o mandatario.

Publicado en Portada | Deja un comentario