O vindeiro xoves 23 de agosto está previsto cerrar o Ciclo de cine na rúa coa proxección da película, dúas veces aprazada, Cars 3, que comezará ás 22:30 horas na Praza do Mercado da Estrada.
O vindeiro xoves 23 de agosto está previsto cerrar o Ciclo de cine na rúa coa proxección da película, dúas veces aprazada, Cars 3, que comezará ás 22:30 horas na Praza do Mercado da Estrada.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe Requián, no concello da Estrada, acompañada polo seú alcalde Xosé López Campos para coñecer os montes xestionados pola Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) da zona. Alí aproveitou para lembrar que continúa aberto o prazo para solicitar axudas para a creación de novas Sofor que contan cun orzamento de 850.000 euros.
Durante a súa visita, a conselleira puido comprobar o bo estado no que se atopan os montes xestionados por esta Sofor, unha das primeiras en constituírse, no ano 2015 precisamente grazas a estas subvencións, e destacou as vantaxes deste tipo de unións forestais. Entre estes beneficios está o de exención de impostos de compravenda e permuta, ademais dunha dedución no imposto ao patrimonio. A nivel económico e produtivo, estas sociedades permiten mellorar de forma significativa a viabilidade dos aproveitamentos forestais, en parte grazas á optimización dos custos de produción e mantemento tales como plantacións, rozas, etc.
Ademais, Ángeles Vázquez aproveitou tamén para saudar aos propietarios dos terreos e agradeceulles que fosen dos primeiros en confiar neste tipo de organización para o aproveitamento dos seus predios. “Sodes un exemplo de boa xestión e esperamos que noutras zonas de Galicia tomen nota dos beneficios que implican”, declarou a titular de Medio Rural.
Neste sentido, avanzou tamén que se detectou un maior interese por levar a cabo este tipo de sociedades en lugares como Carnota, Dumbría, Laxe, Vedra, Cervantes, O Saviñao, A Veiga, O Irixo e Bueu. De feito, a conselleira aproveitou para manter un encontro con representantes de colectivos de toda Galicia interesados en constituírse como Sofor. Nesta reunión o propio director xeral de Ordenación Forestal e técnicos do seu departamento aclararon dúbidas e explicaron as posibilidades destas axudas.
E precisamente para facela máis atractiva, este ano modificáronse as bases da convocatoria de axudas. Entre os cambios máis destacados está, por exemplo, o baremo de puntuación. Agora o maior número de puntos conseguirase a través do número de socios que pretenden constituír a Sofor. Tamén se terá en conta na valoración a superficie media das parcelas (canto máis pequenas, máis puntos) a proporción de superficie concentrada (máis puntos a maior proporción) e dáse prioridade ás Zonas de Alto Risco de incendios ou áreas pouco poboadas.
A través desta orde os propietarios de montes poden, unha vez constituídos como asociación, solicitar achegas para poñer en marcha novas sociedades ou apoiar o inicio da actividade daquelas xa inscritas. En concreto, pódense financiar os custos de identificación das leiras e clasificación dos terreos situados dentro da superficie de actuación, os de impulso á Sofor que se pretende constituír, tales como os gastos derivados da localización dos propietarios, comprobación das súas propiedades e os labores de información necesarias para lograr que cedan as súas leiras á sociedade; e por último os custos de constitución da Sofor, é dicir, de redacción de estatutos, de elaboración da escritura de constitución da sociedade, de notaría e de inscrición no Rexistro mercantil.
Actualmente en Galicia existen once Sofor inscritas de xeito definitivo ou previo: Outeiro-Parada e Parada, en Silleda; Somos Cuns, en Serra de Outes-Negreira; Santa Juliana, na Fonsagrada; O Irixo; Lebozán, en Lalín; Cirio, no concello de Pol; Monte de Candedo, en Meira; Vilar de Frades e Oselle, en Becerreá; e por último esta de Requián, na Estrada.
Esta Sofor de Requián xestiona 145 hectáreas de terreo e 460 parcelas de 32 propietarios. Cada ano foron mellorando o seu ritmo de actuación ata que no último exercicio levaron a cabo accións de mantemento e mellora dos seus montes nunha superficie dunhas 95 hectáreas de terreo.
Xa está aberto o prazo para solicitar bolsas de carácter xeral ofertadas polo Ministerio de Educación para aqueles alumnos que, durante o curso académico 2018-2019, vaian iniciar algún tipo de estudo postobrigatorio, como son o bacharelato, ciclos medios e superiores ou estudos universitarios, entre outros.
O prazo para solicitar estas axudas estenderase ata o vindeiro 15 de outubro para as persoas que vaian cursar estudos universitarios e ata o 1 de outubro para as que vaian cursar estudos non universitarios. Dende o departamento de Emprego do Concello da Estrada prestaráselles axuda e colaboración a aquelas persoas que así o precisen á hora de realizar a solicitude.
Para solicitar algunha das bolsas desta convocatoria é preciso cumprir unha serie de requisitos de aproveitamento académico e que os solicitantes non superen unha determinada renda ou patrimonio familiar.
Cada estudante deberá cumprimentar a solicitude de forma individual a través do formulario, accesible por vía telemática a través da sede electrónica do Ministerio de Educación ou na sección de bolsas de estudo, sita na súa páxina web.
Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia acudirá á Praza do Concello da Estrada entre o 23 e o 25 de agosto para que os veciños realicen as súas doazóns de sangue. O xoves e o venres permanecerá na localidade en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas, mentres que o sábado soamente estará en horario de mañá, de 10:00 a 15:00 horas.
Ademais, lémbrase que para incentivar a doazón, dende o Concello da Estrada, sortearanse, entre as persoas que acudan a doar a partir desta campaña e ata a do mes de outubro, 46 entradas de palco para o monólogo de Luis Piedrahita, Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas, que o humorista representará no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 9 de novembro.
Hai que sinalar que se precisa da especial implicación das persoas que posúan como grupo sanguíneo o O positivo, xa que actualmente, as reservas deste grupo están especialmente baixas.
En resposta ás informacións publicadas nas que se afirmaba que existen persoas na Estrada que se ven obrigadas a buscar alimentos en diferentes contedores do centro urbano, a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, sinalou hoxe que dende o Concello non se ten constancia da existencia desas persoas en situación de desamparo pero que, de ser o caso, as portas do Concello están abertas para as persoas que precisen dalgún tipo de axuda.
Non obstante, a concelleira lembrou que existe unha prestación municipal de alimentos, que cubre, ademais, necesidades en canto a produtos de aseo e limpeza, coa que se axuda a aquelas familias que a solicitan e a precisan, trala valoración dun traballador social, e que se traballa tamén con Cáritas para axilizar o proceso e comezar a prestar axuda a quen a precise o antes posible.
Neste caso concreto, non se ten constancia por parte da administración local da existencia destas persoas ás que aluden os veciños e, polo tanto, non se sabe se estas actividades supoñen unha situación puntual ou non, pero para poder prestar axuda a estas persoas, antes habería que identificalas e remitilas ao departamento de Servizos Sociais do Consistorio.
A concelleira afirmou que houbo un aumento no número de familias que precisaban deste tipo de axudas en 2012, pero que a tendencia nos últimos anos foi gradualmente en descenso.
Xosé Magariños: “propoñemos unha Prestación económica Municipal dirixida a paliar con rapidez situacións derivadas da carencia de recursos económicos”
“Se hai veciños e veciñas da Estrada que teñen que acudir aos contedores de lixo para buscar alimentos é evidente que a concellaría de servizos sociais non está a facer ben o seu traballo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.
“Non é de recibo que haxa persoas que busquen non lixo alimento mentres o goberno do PP gasta 3 millóns de euros nunha ampliación da Alameda que non necesitamos”, afirmou Magariños, “é evidente que hai necesidades máis urxentes e o goberno municipal ten que cubrir esas necesidades.”
“Desde o BNG instamos á concellaría de servizos sociais ten que facer un censo de familias e persoas en risco de exclusión social para informar das axudas existentes”. “Entre elas”, engade Magariños, “propoñemos unha Prestación económica Municipal dirixida a paliar con rapidez situacións derivadas da carencia de recursos económicos (emerxencia social, saúde, vivenda, etc.) para o que se aprobará un regulamento no que se establezan as tipoloxías, requisitos, procedemento de solicitude e tramitación, etc.” “O goberno do PP non poderá presumir de Alameda nova mentres haxa xente remexendo no lixo para comer,” afirmou o concelleiro nacionalista.
Esta información recollida en algún medio de comunicación social tamén pon en evidencia, segundo indica o concelleiro nacionalista, “a inexistente política económica do goberno do PP, que en todo o tempo que leva gobernando foi incapaz de incrementar o solo público industrial ou o de poñer en marcha a Cidade do Moble, mecanismos clave para a dinamización económica e a creación de emprego”.
“Mais”, engadiu Magariños, “o goberno do PP a súa única política é a da propaganda, a de facer anuncios que de momento no se concretaron (Mercadona), e en deixar en mans privadas o desenvolvemento urbanístico do concello, unha das ferramentas clave para dinamizar economicamente o noso concello”.
“A falla desta política económica tamén se deixa sentir no comercio local, como denunciamos hai poucas semanas”, afirmou Magariños, “que haxa tantos baixos comerciais en alugar denota unha profunda crise económica que o PP non quere ver, e o que é peor, á que non quere atallar”.
Tras chegar a oídos do Concello que algúns veciños avistaran ratas na Avenida de Benito Vigo, trasladouse a queixa á empresa de ratización contratada para que prestase especial atención a esa zona. Non obstante, o alcalde en funcións da Estrada, Juan Constenla, afirmou hoxe que non se trata dunha situación alarmante.
O Concello traballa habitualmente coa empresa de control de pragas Tragal, que semanalmente leva a cabo traballos de mantemento, prevención e control para conter a poboación destes roedores. O método a seguir para a contención é sinxelo e eficaz; colócanse veleno e trampas en diferentes puntos da rede de saneamento, e alí onde as alimañas comen o veleno é onde se localizan os focos de proliferación que requiren dun tratamento máis intenso.
Cando os veciños ou o persoal municipal advirten de un incremento poboacional de estes roedores nunha zona determinada, pásaselles o aviso á empresa para que incremente as accións neses puntos, explicou Constenla, que á vez indicou que onde máis se nota a súa presencia é onde hai comida; onde teñen alimento.