Sete empresas dispútanse a reforma da Rúa do Cruceiro

O Concello da Estrada celebrou hoxe unha mesa de contratación para adxudicar a reforma da rúa do Cruceiro, que se disputan sete empresas das nove que se presentaran previamente. Na mesa de contratación descartáronse as propostas de dúas empresas; unha por presentar a oferta fóra de prazo e a outra por non presentar a documentación correctamente, segundo explicou o alcalde, José López Campos.

Tras esta valoración da mesa de contratación,  os empregados municipais analizarán e valorarán as propostas mediante criterios técnicos e, nun prazo de sete días, elaborarán informes ao respecto de cada unha. Posteriormente, haberá que convocar unha mesa de contratación onde se valorará a oferta económica de cada empresa interesada, xunto cos informes dos técnicos, e de aí sairá a adxudicataria da obra.

Dende o Concello preténdense axilizar os trámites tanto como sexa posible, debido a que consta como data límite para a intervención o 30 de setembro e a dita intervención conta cun prazo de execución de dous meses, polo que tamén se solicitou unha prórroga, que chegará presuntamente autorizada ata finais de outubro ou mediados de novembro, sinalou López.

Esta intervención conta cun orzamento de 140.000 euros; 40.000 achegados pola Consellería de Presidencia e 100.000 de fondos propios do Concello. Esta obra, xunto coa renovación da iluminación nun convenio xa asinado coa Xunta por valor de 30.000 euros, porá fin á segunda fase de actuación na Zona dos Viños.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Durante o paso do Rally Botafumeiro, a PO-213 permanecerá pechada

A PO-213 permanecerá pechada o vindeiro sábado 25 de agosto durante a realización da proba do XXVI Rally Botafumeiro. A dita proba realizarase por esta vía da Estrada en dirección a Ponte Ulla e o corte afectará ás parroquias de Aguións, Barbude e Paradela.

A estrada permanecerá pechada dende as 7:30 h do sábado ata a finalización da proba, cuxo final se prevé sobre as 16:15 h da tarde, segundo informaron fontes da organización da competición.

A proba consta de dúas pasadas polo mesmo percorrido, empezando a primeira ás 9:24 h da mañá e a segunda, ás 12:53 h do mediodía.

O lugar no que se cortará a estrada sitúase á altura do cruce de desvío cara a Santeles, na parroquia de Aguións, ata o cruce da ponte de Sarandón, onde a proba abandona o trazado da PO-213 para continuar por estradas da provincia da Coruña.

Rógase aos veciños afectados que teñan en conta a celebración da competición á hora de realizar as súas xestións para que este corte lles cause o menor número de contratempos aos usuarios desta estrada e das vías que, dunha ou doutra forma, atravesan a zona.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A exposición de arte hiperrealista permanecerá na Estrada ata o 31 de agosto

A Sala Abanca da Estrada alberga unha exposición de arte hiperrealista da pintora María Jesús Ruiz Villar, que permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de agosto. A mostra, composta por óleos de temática étnica, paisaxística e con temas oníricos, poderase visitar de luns a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas.

Á artista, natural do Bierzo e autodidacta, córrelle a pintura pola sangue. Cun pai que tamén pintaba, tanto no mundo da automoción ao que se adicaba, como nos lenzos, Ruiz Villar comezou a pintar dende cativa; “no colexio gustábame pintar e colorear, pero non me gustaban os motivos que aparecían sós e sempre lles engadía fondos e máis elementos”.

Afirma que naceu co don de expresar, en algo que está baleiro, unha visión do mundo; das persoas, fauna, flora e paisaxes e que sempre posuíu un bo dominio do color, enfoque, aproveitamento do espazo e composición. Asegura tamén que se centra especialmente en conferir espiritualidade ás súas obras para que o espectador poda atopar nelas algo que capture a súa atención.

Con unha dilatada carreira que conta con máis de 2.000 obras e tras expor algunhas a nivel internacional, en Gante e Miami, e a nivel nacional, en Cataluña, Madrid, Valencia, a zona do Bierzo e Galicia, estase centrando actualmente en retratar unha selección de máis de 200 plantas medicinais diferentes.

Foi despois de sufrir un accidente cando comezou a desenvolver a actividade pictórica de forma máis intensa, e a pesar de que non puido estudar Belas Artes, continuou perfeccionando a técnica a base de tesón e constancia ata chegar a dominar a técnica da pintura hiperrealista mostrada nos lenzos que estes días penduran das paredes da Sala Abanca da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

XA está aberto o prazo de solicitudes para acoller a 14ª XIRA DO CICLO TELECLUB DA COMEDIA.

Todas aquelas asociacións veciñais ou parroquias que así o queiran, poderán dirixir polo rexistro do Concello da Estrada unha solicitude ao departamento de Cultura, para acoller unha actuación do novo ciclo do Teleclub da Comedia previsto para este próximo outono. Un ciclo de exhibición escénica que comezou a implantarse no rural estradense hai oito anos e que suma preto de 150 espectáculos realizados ao longo deste tempo.

Este ciclo teatral forma parte dun Plan Cultural de Dinamización Rural que pretende descentralizar as actividades culturais achegándoas, na medida do posible, a aqueles ámbitos de poboación rural desprovistos de infraestruturas; favorecendo, por unha banda, a captación de público e a consolidación dun ciclo de exhibición cultural permanente. Isto, sen esquecer, que a programación destas actividades, serve tamén para poñer en valor espazos como antigas escolas, teleclubs e outros locais sociais, presentes en cada parroquia e para fomentar a convivencia entre veciños.

Inspirado nos programas de monólogos cómicos de carácter televisivo, este proxecto oferta ás distintas parroquias espectáculos de pequeno formato relacionados co clown, o novo circo, o monólogo cómico ou espectáculos de maxia e teatro. Estes espectáculos están configurados na súa meirande parte por artistas e actores formados na vila e por artistas e compañías foráneas.

O novo ciclo, que visitará unha ducia de parroquias estradenses, dará comezo o 21 de setembro e rematará o 27 de decembro nunha gala de nadal que terá lugar no Teatro Principal con todos os artistas participantes. O prazo para que as parroquias cursen as correspondentes solicitudes rematará o día 3 de setembro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG ESIXE AO GOBERNO DO PP QUE DUNHA VEZ POR TODAS LLE DEA SOLUCIÓN A DÚAS OBRAS URXENTES NO LUGAR DE VILANOVA, NA PARROQUIA DE ORAZO.

Non estamos a falar de problemas que aparecesen agora. Estamos sendo eco da voz dos veciños e veciñas afectados, que non ven efecto algún das súas reiteradas peticións ao Concello desde hai moitos meses, incluso anos.

Son deficiencias que representan perigo e polo tanto prexuízo grave para os veciños e veciñas que conviven con elas.

Por un lado unha vía que dá acceso a algunhas vivendas e a parcelas e salidos desas vivendas. A beiravía desta pista veciñal é un terraplén con un desnivel considerable, que limita co salido dunha desas vivendas. Un tramo do firme desa vía está en perigo de derrube, coa calzada fendida a punto de desprenderse cando volva o inverno e co muro de contención moi deteriorado polos temporais.

O segundo perigo que lles preocupa a estes veciños e veciñas é unha árbore situada no cume dun talude vertical duns catro metros de altura na outra marxe desa mesma vía á que facemos referencia. Trátase dun piñeiro de dimensións considerables que ameaza con virse abaixo podendo provocar un accidente de graves consecuencias.

Desde o BNG coñecemos este situación, como outras por todo o concello, e cónstanos que estes dous problemas de que estamos a falar son tamén coñecidos por Medio Rural municipal.

Desde o BNG instamos, esiximos ao goberno municipal do Sr. López que escoite aos veciños e veciñas de todo o territorio do concello e traballe para darlle solución aos seus problemas.

Falamos dos problemas de todos os veciños e veciñas, non só duns poucos, porque sabemos desde o BNG que si que hai reivindicacións dalgúns veciños que se atenden pero as de outros non.

O goberno do PP non pode presumir de contas saneadas cando non atende obras necesarias e imprescindíbeis para garantir a seguranza e o benestar dos veciños e veciñas.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada traballa na reorganización semafórica do casco urbano

O Concello da Estrada está traballando na reorganización semafórica do casco urbano, segundo informou hoxe o concelleiro de obras, Juan Constenla, que sinalou tamén que o semáforo situado na intersección da Avenida de Benito Vigo xa está reparado.

Deste xeito vaise a abordar unha obra de reorganización na devandita intersección, así como unha ampliación semafórica na Rúa da Torre, Puenteareas e a Baiuca.

O presuposto destinado para esta intervención ronda en torno aos 9.000 euros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Instalaranse 326 novos contedores para o lixo no rural da Estrada

Está previsto que, ao longo da semana, se reciban en instalacións municipais os 326 novos contedores para o lixo de carga traseira destinados ás zonas rurais do Concello da Estrada. Así o asegurou hoxe o concelleiro de Medio Rural, Juan Constenla, quen indicou que está previsto tamén que a empresa Contenur, adxudicataria do contrato, comece a instalar estes contedores a partires da vindeira semana.

Este contrato, enmarcado no Plan Concellos da Deputación conta cun orzamento de 54.450 euros, adxudicado á empresa Contenur, que se encargará da colocación e distribución dos novos contedores, así como da recollida daqueles que se consideren inservibles para a xestión de residuos. Non obstante, aqueles que poidan ser reparados permanecerán en instalacións municipais onde operarios municipais os examinarán e repararán.

O concelleiro fixo fincapé na importancia de reciclar aqueles contedores que se atopen en boas condicións e precisen de reparacións menores como a substitución de rodas que posibiliten novamente a mobilidade dos mesmos por parte dos traballadores que os manipulan.

Os novos contedores se emprazarán atendendo á reposición dos danados e naqueles lugares onde sexan insuficientes para atender as necesidades da poboación residente coa finalidade de mellorar deste xeito o servizo de recollida, que se realizará, como ven sendo habitual, un día á semana en diferentes rutas.

Por outra banda, os contedores de carga lateral previstos para a colocación no casco urbano chegarán en setembro, como xa estaba planificado.

Publicado en Portada | Deja un comentario