A Estrada na semana Cultural Portugal-Galicia

 

Na mañá de onte o Alcalde Estradense José López acompañado do Tenente Alcalde Juán Constenla asistiron a semana Cultural Portugal – Galicia inagurando así a Praza chamada Rosalía de Castro.

Aproveitando tamén para impulsar o Camiño  Ribeiro – Miñoto que nace en Braga e remata en Compostela, pasando polo Concello de A Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Braga ríndese a Voa

Onte os integrantes de Tequexeteldere brindabanlle a opotunidade a Braga, de coñecer a súa obra chamada Voa, onde o público os despídeu entre milleiros de aplausos, todo un éxito para todo o noso Concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada participa na cuarta edición da Semana Cultural de Convergências Portugal-Galicia

José López, Juan Constenla, a EMAE e Tequexeltédere viaxan esta fin de semana a Braga para formar parte dos actos nos que se recorda a Rosalía de Castro

 

A cidade portuguesa de Braga poñerá o domingo o punto e final á celebración da cuarta edición da Semana Cultural de Convergências Portugal-Galicia que comezou o pasado día 18 e que ten como finalidade homenaxear, a través da música, literatura e poesía, a dúas figuras importantes da Cultura de Portugal e Galicia: José Afonso e Rosalía de Castro.  A parte dos propios actos que o Concello da Estrada fará no municipio, o martes 27 e o sábado 3, para lembrar á poetisa galega máis universal, unha delegación da Estrada quere estar presente nesa homenaxe fóra de terras galegas. Por este motivo, esta fin de semana o alcalde José López, o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e a Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere viaxarán a Braga para formar parte destes actos. Ademais, a EMAE e Tequexetédere completarán as actividades da programación xa que entre estas atópase mañá a representación do seu espectáculo Voa.

 

Esta é unha semana chea de música, libros, tertulias, poesía e teatro. Para mañá sábado terá lugar a unión de Freguesías de Nogueiró e Tenoes e está prevista, sobre ás 11.00 horas a inauguración da Praceta Rosalía de Castro. “Seremos recibidos polo alcalde da cidade e despois asistiremos a inauguración desa nova praza en honor a Rosalía”, apunta o alcalde, José López. Ademais, o rexedor, indica que aproveitarán a visita ao país luso para promocionar o Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, que xusto parte desde Braga. Desde aquí discorre pola Geira Romana, calzada romana que unía Braga e Astorga ata a Portela do Homen (fronteira con Galicia) e despois continúa pola principal ruta do Arrieiros que transportaban o viño ata Santiago. O camiño da Geira Romana e dos Arrieiros atravesa o municipio estradense de sur a norte pasando polas parroquias de Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso.

 

Pola noite, a EMAE E Tequexetéldere interpretarán Voa. Voa é unha iniciativa que xorde da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e da Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere co obxectivo de honrar a lembranza dun autor universal: Xosé Neira Vilas e é interpretada por medio cento de persoas. Adaptada a partir da novela O espantallo amigo, a peza, duns 50 minutos de duración, é un canto á liberdade e á amizade. Un alegato pacifista no que a concordia, a solidariedade e a harmonía entre diferentes constitúe o cerne do relato. Na historia, o tío Ramón decide construír un espantallo para defender unha figueira das peteiradas voraces dos merlos, pero o boneco, no canto de espantar aos animais, decide facerse amigo deles e sementar a concordia entre todos os habitantes da horta.

 

O espectáculo vai dirixido ao público infantil e familiar e inclúe ademais varios poemas do libro infantil Cantos de sol a sol. A dramaturga encargada da adaptación foi Ana María Carreira, gañadora, entre outros galardóns, do IV Premio de dramaturxia Varela Buxán.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

PROGRAMACIÓN CULTURAL “PRIMAVERA NO PRINCIPAL”

 

 

 

MARZO

 

  • Venres 2 ás 21.00 horas. Actuación do Mago Joel (Got Talent).
  • Sábado 3 ás 12.30 horas. Musical El pequeño conejo blanco.
  • Sábado 3 ás 20.30 horas. Concerto Rosalía Trío.
  • Venres 9 ás 21.00 horas. Concerto country Colt 45.
  • Sábado 10 ás 20.30 horas. El mundo lirondo de Spasmo Teatro.
  • Venres 16 ás 21.00 horas. O tolleito de ininshman de Contraproducións.
  • Sábado 17 ás 20.30 horas. Concerto de solistas da Banda Municipal da Estrada.
  • Venres 23 ás 21.00 horas. Antílopez.

 

ABRIL

 

  • Venres 6 ás 21.00 horas. Estado de graza de Teatro do Noroeste.
  • Sábado 7 ás 12.30 horas. Sherlock Holmes. Cayetano Lledó.
  • Venres 13 ás 21.00 horas. Mr kebab. Joan Strader.
  • Sábado 14 ás 20.30 horas. Concerto de Dextrum Ensemble.
  • Domingo 15 ás 19.00 horas. Concerto de Os lóstregos e Marietta.
  • Venres 20 ás 21.00 horas. Raclete de Ibuprofeno Teatro.
  • Sábado 21 ás 22.00 horas. Concerto de Rubén Pozo (Pereza).
  • Sábado 28 ás 20.30 horas. Departamento de selección de Disfunción continua.

 

MAIO

 

  • Venres 4 ás 21.00 horas. Bicos con lingua de Talía Teatro.
  • Sábado 5 ás 12.30 horas. O lobo e a lúa de Baobab Teatro.
  • Sábado 5 ás 20.30 horas. Concerto de Primavera da Banda Municipal da Estrada.
  • Venres 11 ás 21.00 horas. Concerto de Manoele de Felisa.
  • Mércores 16 ás 21.00 horas. Concerto de Óscar Ibáñez Tribo.
  • Venres 18 ás 21.00 horas. Les artuans.
  • Domingo 20 ás 19.00 horas. Concerto Coral Polifónica Estradense.
  • Mércores 23 ás 20.30 horas. Festa das Palabras.
Publicado en Portada | Deja un comentario

A NOVA ESCOLA INFANTIL DA “GALIÑA AZUL” EN A ESTRADA ESTARÁ LISTA PARA A SÚA ENTRADA EN SERVIZO NO CURSO 2018-2019

  • O Consorcio licitará nas próximas semanas o equipamento e o mobiliario para a nova escola
  • O centro, que ofertará 74 prazas e 5 unidades, suporá un investimento total de máis de 1 millón de euros
  • A entrada en funcionamento do centro elevará a ratio de cobertura pública para nenos de 0 a 3 anos en A Estrada por riba do 40%

 

 O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou a primeira hora desta tarde o Concello de A Estrada para supervisar as obras de construción da nova escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul”, que estará situada na zona de nova urbanización de A Baiuca.

 

Rodríguez constatou que a execución, que desenvolve a UTE adxudicataria (formada polas empresas Petrolam e Galasur), acada neste momento case o 75%. “Xa están instalados carpintería e vidros e neste momento están a rematar o revestimento exterior da fachada”, suliñou o xerente do Consorcio, que engadiu que os seguintes pasos serán “os solos interiores, pinturas, remates, o valado do patio exterior e a instalación da caldeira e da maquinaria”.

 

O responsable do órgano que xestionará a escola de A Estrada avanzou que “o Consorcio licitará nas próximas semanas o seu equipamento e o mobiliario, que se deixa sempre para a última fase do desenvolvemento do proxecto para evitar o seu deterioro antes da posta en servizo. Este novo centro suporá un investimento global -incluídos estudos, proxecto, dirección de obra e equipamento e mobiliario- de máis de 1 millón de euros, dos que o Consorcio achegará 730.864 euros e, a contía restante, o Concello de A Estrada. As obras de construción foron adxudicadas en 777.504,86 euros.

 

“A Galiña Azul” de A Estrada, asentada nunha parcela de 2.400 metros cadrados cedida polo Concello, ofertará 74 prazas (5 unidades) e rematará coas habituais listas de agarda (nomeadamente, nas quendas de mañá) na actual escola infantil municipal. A suma das 102 prazas coas que conta ese centro (co-financiado polo Goberno galego), máis as 74 que ofertará a nova escola da rede da Xunta, elevarán a ratio de cobertura pública nese concello ata un 40,1%, máis de 7 puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello organiza de novo un obradoiro de redución de estrés

            Será impartido por Susana Mosquera e haberá prazas limitadas polo que é                                                             necesario inscribirse previamente

 

 

Un ano máis, o Servizo de Prevención de Drogodependencias da Concellería de Sanidade da Estrada organiza un obradoiro de varias xornadas sobre a redución de estrés usando a técnica do Mindfulness. Será impartido de novo pola psicóloga Susana Mosquera Martín no Museo do Moble e da Madeira (MOME). Será necesario inscribirse xa que hai prazas limitadas e o prezo é de 25 euros.

 

 O obradoiro estará dividido en catro sesións. Serán os xoves 8, 15 e 22 de marzo e o 5 de abril en horario de tarde de 19.30 a 21.30 horas. O custe total será de 25 euros e haberá límite de prazas. Os interesados deberán inscribirse previamente no Servizo de Prevención de Drogodependencias, sito na terceira planta da Casa Consistorial da Estrada. Tamén o poden facer a través do teléfono 986 677 702 ou a través do correo electrónico sanidadeeturismo@aestrada.es

 

A práctica do Mindfulness é un adestramento sistemático da atención que permite ás persoas desenvolver recursos internos de autoobservación e autorregulación que brindan a posibilidade de desactivar a reacción automática do estrés crónico, a través de observar claramente as reaccións corporais e emocionais que xorden fronte a un estresor.

 

As persoas aprenden a deterse, facer unha pausa e responder de xeito máis adaptativo, desactivando a cadea reactiva que se xera no estrés crónico. Isto implica adestrar a mente para estar plenamente atendo no momento presente, xustamente o contrario ao que sucede na reacción crónica do estrés.

 

O adestramento en Mindfulness permite:

 

  1. Aumentar a capacidade de manexar situacións estresantes.
  2. Maior claridade na toma de decisións.
  3. Maior creatividade na resolución de conflitos.
  4. Manter o equilibrio e o foco mental sostido en ambientes desafiantes.
  5. Reducir intencionalmente as reaccións de estrés, facendo eleccións conscientes en resposta aos desafíos laborais.
  6. Crear e soster hábitos de traballo saudables.
  7. Acceder a un maior nivel de calma e estabilidade.

 

 

 

 

Susana Mosquera Martín

 

Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Salamanca. Profesora de ioga. Máster en Xestión e comunicación da RSE.

 

A súa traxectoria complétase con formación en diferentes disciplinas como coaching, counselling, redución de estrés Mindfulness. Na súa experiencia docente impartiu formación dentro da área de marketing, habilidades directivas, negociación, intelixencia emocional e comunicación, entre outras.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG propón que todas administración se comprometan co financiamento da Fundación de Exposicións e Congresos

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, participou hoxe na reunión convocada polo alcalde da Estrada cos traballadores e traballadoras da Fundación de Exposición e Congresos para abordar o futuro da entidade que organiza a Feira do Moble de Galiza.

O concelleiro nacionalista indicou que “a nosa prioridade como xa explicamos recentemente é garantir a organización e celebración da Feira do Moble, unha marca que é referencia en toda Galiza de moble de calidade”. “Neste sentido”, engadiu Xosé Magariños “propuxemos nesta reunión que todas as administracións e entidades con representación no padroado garantan o financiamento necesario a través dun plan quinquenal de financiamento para que a viabilidade da Fundación de Exposicións e Congresos, así como o mantemento dos postos de traballo, sexa unha realidade”.

Temos que recordar que as administracións presentes no padroado son o Concello da Estrada, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galiza, así como a Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa.

“Con todo”, explicou o concelleiro nacionalista, “seguimos insistindo na necesidade de que se elabora un estudo da situación do sector así como a construción da Cidade do Moble, un polígono público sectorial que sirva de revulsivo para o sector, que xere emprego e sitúe á Estrada no lugar que lle correspondente dentro da industria da madeira do noso país”.

Publicado en Portada | Deja un comentario