A Estrada conmemora o Día de Rosalía o martes e o 3 de marzo con poesía e música

Este sábado, día 24, celébrase o Día de Rosalía, xornada na que se lembra o nacemento desta ilustre, sendo este ano o seu 181 aniversario. O Concello da Estrada súmase á conmemoración desta data e farao con dos actos, un este martes, día 27, e o outro o 3 de marzo.  En ambas xornadas os versos da poetisa galega máis universal estarán moi presentes contando coa participación do alumnado dos centros educativos estradenses, así como de persoas de diversas partes do mundo. A música será outro dos ingredientes que non faltará para lembrar a Rosalía.

 

Primeiramente, o Museo do Moble e da Madeira (MOME) acollerá o martes, día 27, ás 20.00 horas o primeiro acto no que algúns dos versos de Cantares Gallegos e de Follas Novas serán recitados por alumnado dos colexios de Oca, do Pérez Viondi, do Foxo, do Nosa Señora de Lourdes, de Figueroa e do Cabada Vázquez, así como dos institutos Nº1, do Antón Losada Diéguez e do Manuel García Barros. “Será un acto moi sinxelo, pero tamén moi emotivo”, indicou Juan Constenla, concelleiro de Cultura, esta mañá durante a presentación dos eventos.

 

A xornada completarase coa proxección dun vídeo ideado polo departamento de Cultura e dirixido por Lucas Terceiro, que baixo o lema Rosalía Infinda ten como obxectivo transmitir a idea de que Rosalía está moi presente en todo o mundo.  “É un videoclip que trata de poñer en valor a proxección universal da obra de Rosalía a través dunha citación fragmentada en distintas linguas e imaxes chegadas de todos os puntos do planeta”, explica o edil.

 

O outro acto será o 3 de marzo ás 20.30 horas no Teatro Principal coa actuación da agrupación Rosalía Trío, formada pola pianista Margarita Viso, o óboe de Juan Pérez Berná e a mezzosoprano María José Ladra. “Un concerto no que a música clásica e tradicional se fusiona cos versos de Rosalía e seguro que vai ser o desfrute de todos os asistentes”, apunta o edil.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O luns remata o prazo para anotarse nos cursos de preparación do Celga Na Estrada impartirase o Celga 3 no IES Antón Losada Diéguez

Mantense aberto o prazo ata o luns, día 26 de febreiro, para anotarse nos cursos de coñecemento da lingua galega (Celga) convocados cada ano pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Os cursos serán de 72 horas e totalmente gratuítos. Entre a lista de lugares nos que están previsto que se impartan figura A Estrada. Aquí impartirase concretamente o Celga 3 no IES Antón Losada Diéguez.

 

O horario previsto será de luns a xoves de 18.30 a 21.00 horas arrancando o 3 de abril ata o 23 de maio.

Os cursos preparatorios poderán solicitalos todas as persoas maiores de 16 anos ou aquelas que o fagan no ano natural da convocatoria, que queiran mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

 

Os interesados poderán obter máis información, e descargar o formulario de inscrición, no enlace

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180206/AnuncioG0164-290118-0002_gl.pdf

Para levarse a cabo cada curso ten que haber un mínimo de 15 persoas.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará na Estrada o mércores 28

A Praza da Constitución (Praza do Concello) acollerá, como xa é habitual a finais de mes, unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. Será o mércores 28 en horario de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas.

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneas a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Cada día precísanse dunhas 500 doazóns de sangue para poder axudar a centos de enfermos.

Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.

Poderán doar sangue as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e que sexan maiores de idade. Os doantes maiores de 65 anos poderán seguilo facendo sempre que conten co permiso do seu médico de cabeceira.

Os doantes deben acudir coa tarxeta de doador, co DNI ou cun documento similar, comunicándolle ao médico se están tomando algún medicamento.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O XVI Trofeo SondoDance incorpora este ano os bailes caribeños e a danza coreográfica O campionato será o día 4 no pavillón Manuel Coto Ferreiro

O baile será o gran protagonista o domingo día 4 de marzo na Estrada. O motivo: a celebración do XVI Trofeo SondoDance Concello da Estrada que se celebrará no pavillón municipal Manuel Coto Ferreiro. Esta mañá o concelleiro de Deportes, Ismael Pena, e o presidente de Sondodance, Juan Carlos Romero, deron todos os detalles. A competición arrancará a partir das 11.00 horas e terá un horario ininterrompido que, dependendo do número de participantes, poderá estenderse ata as 20.00 ou 21.00 horas. Participarán ao redor dunha media de 120 parellas, de idades comprendidas entre os 6 e os 60 anos aproximadamente. As persoas que queiran asistir como espectadores terán que pagar seis euros de entrada.

 

“Este trofeo de baile deportivo, creo que é un dos máis antigos que hai aquí en Galicia, e este ano, ademais do baile deportivo, tamén incorporamos dúas disciplinas que son relativamente recentes dentro da Federación de Baile Deportivo, que son os bailes caribeños a danza coreográfica que é unha especialidade do baile deportivo que non necesita parella”, sinala Romero. O organizador agarda contar coa gran afluencia de participantes, igual que aconteceu nos anos anteriores. A participación, está entre as 120 e 130 parellas de media, e desde o club estradense competirán unhas 27 e nas distintas categorías do campionato. “Dentro desas 27 hai 11 que este ano se incorporaron novas que moitas son da canteira que estamos facendo coa colaboración co Concello, coas Escolas Deportivas”, sinala Romero.

No campionato haberá todas as categorías federadas, desde os niveis máis básicos  ata o máximo e será puntuable para o ranking nacional. “Tamén poden participar parellas de Portugal, aínda que estas  obviamente non puntúan, e xa temos algunha parella de fóra de Galicia, concretamente de Madrid”, adianta o responsable de Sondodance. Ademais, engade Romero  “temos outras series de categorías que aínda son máis de iniciación, xa que son rapaces que están empezando, polo que son categorías que non están federadas, pero isto serve para ir introducíndose no mundo da competición”.

 

Ademais das distingas categorías tamén haberá unha gran variedade de modalidades. Figuran os bailes estándares (vals inglés, tango, vals vienés, slow fox e quickstep), os latinos (samba, cha-cha-chá, rumba, pasodobre e jive) e a maiores, e como novidade desta edición, os bailes caribeños e a danza coreográfica.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O VI Circuíto Corre A Estrada Corre acolle tres probas entre xuño e decembro

             Son a VII Nocturna Estradense, o VIII Memorial Manuel Bergueiro

                                                         e o VII Cross Río Liñares

 

 

O VI Circuíto Corre A Estrada Corre terá este ano tres probas entre os meses de xuño e decembro, tal e como apuntaron, esta mañá en rolda de prensa o concelleiro de Deportes, Ismael Pena e o técnico de Deportes, David Carballo. Serán a VII Nocturna Estradense, o VIII Memorial Manuel Bergueiro e o VII Cross Río Liñares. O circuíto formará parte, por primeira vez, do calendario de carreiras da Federación Gallega de Atletismo e decidiuse reducir as probas a tres, como nos seu inicios, quedando fóra a proba do Salmón.

 

 A primeira competición será a VII Nocturna Estradense que terá lugar o venres 22 de xuño contando cun percorrido de 8.000 metros. Unha distancia máis ampla, uns 10.000 metros, terá o VIII Memorial Manuel Bergueiro que se disputará o domingo 7 de outubro. E por último, o domingo 2 de decembro será o VII Cross Río Liñares, de 5.000 metros. Haberá premios para as catro categorías existentes: xeral masculina, xeral feminina, familiar e por equipos, destacando como novidade a ampliación de galardóns nas dúas primeiras categorías mencionadas.

 

As inscricións deberán facer a través da páxina web www.emesports.es Os interesados poderán obter máis información no teléfono 986 570 030, nas páxinas www.aestrada.gal e www.carreirasgalegas.com e a través do perfil A Estrada Deporte de Facebook.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O MOME acolle o día 28 unha charla informativa sobre as axudas PAC-DR 2018

A Oficina Agraria Comarcal dá coñecer as datas da celebración de oito charlas informativas sobre a declaración de superficies e novidades das axudas da Política Agrícola Común (PAC- DR 2018). Na Estrada será no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) o mércores día 28  ás 10.30 horas.

 

As demais datas fixadas son: mañá, xoves 22, no auditorio do Concello de Forcarei, o luns 26 no primeiro andar do auditorio de Vila de Cruces, o 27 na Casa da Cultura de Silleda, o mércores na Estrada, o xoves día 1 no Salón Teatro de Lalín, o día 2 no Centro da Terceira Idade de Agolada, o día 5 na Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares de Rodeiro e o día 6 no Centro Cultural Xinzo de Ponteareas.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O comité executivo da Fundación de Exposicións e Congresos e persoal da entidade reúnense para buscar propostas que refloten a feira do moble

Co obxectivo de reflotar a sonada feira do moble estradense, esta mañá o comité executivo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada e persoal da entidade reuníronse para poñer sobre a mesa as opinións e suxestións de todos para buscar unha solución efectiva de cara a súa vindeira celebración no mes de setembro. O alcalde, José López, indicou que durante o encontro fixéronse diversas propostas, sen especificar cales, xa que primeiro queren comunicarllas ao propio sector e aos grupos da oposición, polo que se pretende ter unha reunión con estes últimos esta mesma semana. “Estas iniciativas saíron sobre todo da experiencia que ten o persoal por ter estado tantos anos organizando feiras e tendo contacto co propio sector”, apunta López.

O alcalde adianta que na segunda semana de marzo reuniranse cos empresarios “para cumprir co que eles nos pediron, de que pola nosa parte saia unha proposta, desde a Fundación e desde o Concello”.  Será unha proposta conxunta, e a oposición tamén poderá aportar as súas suxestións, por iso o primeiro paso é manter un encontro cos membros das outras forzas políticas e despois cos propios empresarios.

 

Visitas á nova gardería

 

A execución da nova gardería xa está acabada ao redor do 70/75%. Está case toda a instalación rematada. Faltan as máquinas, a carpintería interior, as bombas de calor, acabar a fachada e a instalación duns parasois que irán na parte traseira do patio e un cerre perimetral e terminar de pintar. José López comunicou que este venres, día 23, ás 13.00 horas visitará xunto co xerente do Consorcio as instalacións para ver como están indo os traballos de execución.

 Tamén teñen en mente facer unha visita a estas instalacións dirixida a persoas do sector do moble, probablemente para a vindeira semana. “Serán unha xornadas en relación á construción desta estrutura porque entendemos que é un tema moi novidoso. É unha edificación que ten un valor construtivo, a parte do funcional, moi importante e sobre todo que pon en valor un elemento tan importante para a Estrada, como é a madeira”, explica o rexedor xa que esta nova obra está construída toda de madeira. Outro dos obxectivos desta visita será transmitirlles aos profesionais do sector da madeira os coñecementos dos encargados de levar a cabo esta obra. “Cremos que será algo moi interesante para este sector, e de feito algún empresario xa nos trasladara esta petición”.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario