Gran éxito do vídeo de Rosalía

Nas primeiras horas desta maña, xa era un éxito as visitas o video de Rosalía máis de de 1000 visualizacións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada inviste 7.500 euros en melloras no pavillón Manuel Coto Ferreiro

O Concello da Estrada, por medio da Concellería de Deportes, Novas tecnoloxías e participación Cidadá, acaba de facer unha inversión de 7.500 euros e de executar unha serie de melloras no pavillón polideportivo Manuel Coto Ferreiro, co obxectivo de completar a oferta deportiva para os deportistas estradenses e mellorar a seguridade da instalación, dotándoa de máis medios e recursos.

 

No ximnasio municipal, revisáronse todas as máquinas xa existentes, arranxando aquelas que estaban avariadas, e completouse o equipamento ca adquisición de tres máquinas a maiores (unha cinta, unha bicicleta elíptica e unha máquina de musculación para traballar femoral). Deste xeito, o ximnasio queda completamente equipado con máquinas cardiovasculares (dúas bicicletas estáticas, dúas bicicletas elípticas e dúas cintas), máquinas de musculación (tanto para tren superior coma para tren inferior) e pesos libres, colchonetas, cordas, entre outros.

 

 Esta instalación municipal está dispoñible para todos os clubs e asociacións deportivas municipais, os deportistas individuais empadroados no concello estradense con licenza federativa en vigor e para colectivos como a Policía Local e a agrupación de Protección Civil. Os interesados en desfrutar destes servizos deberán cubrir a folla de acceso cos datos do usuario para poder acceder a instalación, cos horarios de entrada e saída. Ademais, a actualización do equipamento levou consigo a revisión da normativa de uso da instalación.

 

As melloras do pavillón polideportivo Manuel Coto Ferreiro e do pavillón multiusos, complétanse ca posta en funcionamento dun sistema de vixilancia que reforza a seguridade composto por seis cámaras que controlan a actividade no ximnasio, nas tres pistas de xogo e nas entradas á instalación. Ditas cámaras gravan por movemento e tamén na escuridade.

 

Estes equipamentos permitirán ofrecer un mellor servizo en beneficio dos deportistas estradenses.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada concede o seu premio Honorífico ao Labor da Muller 2018 ás irmáns Torres

                                       A entrega da distinción será o día 9 no MOME

 

 

Con motivo do Día da Muller, o vindeiro 8 de marzo, un ano máis, e por sexto consecutivo, o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Estrada convocou o seu Premio Honorífico ao Labor da Muller. Esta mañá o xurado do certame reuniuse e decidiu outorgarlle o galardón ás irmáns Torres. A entrega da distinción, unha estatuilla de pedra obra do artista local Vilaverde e que representa unha man dunha fémina da que brota unha semilla, será o día 9 ás 21.00 horas no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME).  A candidatura foi presentada pola Asociación de Veciños Cultural e Deportiva A Sobreira de Callobre.

 

A traxectoria das irmáns Torres ( Teresa, Carme, Saladina ‘Sali’, Monserrat e Raquel Torres Nogueira de Areas Estrada S.L. ) tanto a persoal como a profesional é moi coñecida e recoñecida na sociedade estradense. Dende moi pequenas fixéronse cargo da empresa familiar de escavacións e subministro de áridos e materiais de construción fundada polos seus pais Remigio Torres e Carme Nogueira. Ademais, son mulleres que aportan asiduamente o seu gran de area, e nunca mellor dito, na actividade social e cultural do municipio e ademais, están moi comprometidas coas causas sociais.

 

O xurado decantouse por nomealas merecedoras deste galardón porque a súa labor ten unha relevancia fundamental na consecución do empoderamento da muller estradense en particular, e na galega en xeral, porque este recoñecemento pode supoñer un pulo na toma de conciencia de que o ser muller non impide chegar a ser propietaria e xestionar unha empresa con tanto éxito. Ademais, a súa labor promove desta forma a igualdade, onde ningún sector, e máis o profesional, debe definirse por ser propio dun xénero ou doutro, xa que o sector no que traballan, o da construción, tradicionalmente sempre estivo reservado ao xénero masculino.

 

 

Este premio organizado polo CIM pretende recoñecer a labor e a traxectoria daquelas mulleres, que de xeito individual ou colectivo ou ben a través de entidades públicas ou privadas, contribuíran ao longo dos anos ao empoderamento da muller, e polo tanto, a conseguir unha sociedade máis igualitaria para o exercicio dos dereitos en igualdade de condicións. Ao mesmo tempo esta distinción servirá de impulso para o recoñecemento da actividade emprendedora levada a cabo por mulleres na Estrada e visibilizar a importancia do papel desenvolvido polas mesmas.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Smartpeme xa opera na Estrada

Desde hoxe, mércores 28, a Estrada conta co servizo de Smartpeme da Deputación de Pontevedra dirixido a emprendedores, autónomos, pequenas empresas, así como diversos colectivos. Poden acceder a este proxecto de maneira gratuíta e haberá asesoría presencial dous días ao mes no Viveiro de Empresas, sito nas instalacións do Novo Mercado. Concretamente, o horario para a atención na Estrada será o primeiro e último mércores de cada mes de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas, agás no mes de agosto que será de 09.00 a 14.30 horas.

 

Ademais do asesoramento personalizado eses dous días á semana de maneira presencial, o proxecto tamén inclúe a realización de diversos talleres. Nun principio, organizaranse un por mes, pero segundo as necesidades e demandas que xurdan, pode ampliarse o número.

 

Este proxecto da Deputación basease nunha rede de puntos nas distintas comarcas da provincia de Pontevedra, atendidos por asesores cualificados en materia das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs) nos que se prestarán un servizo de información e asesoramento, presencial e personalizado sobre as TICs e as novas tecnoloxías, en xeral.

 

O obxectivo de SmartPeme é a capacitación tecnolóxica nos diversos eidos empresarias e con esta finalidade o proxecto conta cunha ampla oferta de obradoiros en distintos bloques temáticos: E-Comerce (baseados na integración sobre marketplaces ou e-commerce propios), xestión empresarial (ferramentas online e offline para facilitar as operacións de xestión), ferramentas específicas que teñan aplicación directa sobre a actividade empresarial, talleres sobre toma e edición de imaxes para o seu uso online, marketing dixital, redes sociais, así como creación de páxinas web, posicionamento SEO, SEM, analytics, google, entre outras cuestións.

 

Ademais dos talleres, os interesados poderán obter un asesoramento individualizado e contarán cunha bolsa de dez horas, gratuítas, para incidir en calquera cuestión que o precisen. A parte ofrece un asesoramento vía telemática para facilitar unha solución a todas aquelas persoas ou empresas que non poden acudir ás oficinas habilitadas de Smartpeme. Por outra banda, co seu servizo SmartPeme Conecta relaciona as necesidades dos asociados con provedores locais de solucións TICs, fomentando o impulso económico da provincia de Pontevedra. Desta maneira, o obxectivo final desta liña de servizo é converter ao Viveiro no seu referente tecnolóxico para asociacións empresarias e os seus asociados nas comarcas.

 

Tamén, debido a gran influencia do sector agrario-gandeiro en Tabeirós-Terra de Montes, SmartPeme ten en mente levar a cabo un programa piloto para incorporar as novas tecnoloxías á súa actividade, xa que para reducir a brecha dixital no sector da agricultura, gandaría e silvicultura, SmartPeme conta cunha carteira de servizos específica levando a cabo a maiores obradoiros formativos específicos.

Os interesados poderán obter máis información no teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web http://www.smartpeme.depo.gal/web/smartpeme/servicios

Os interesados en concertar unha cita para falar sobre o seu negocio ou idea empresarial poden solicitala  no departamento de Emprego do Concello da Estrada, sito no primeiro andar do Consistorio, no teléfono 986 677 740 ou no enderezo electrónico aedlconcelloestrada@gmail.com

Publicado en Portada | Deja un comentario

Mañá Xoves 1 de Marzo Bamarti fai escala no cole de O Foxo

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Teatro Principal acolle o sábado o musical El pequeño conejo blanco

Esta fin de semana o Teatro Principal dá a benvida a súa programación de primavera que será inaugurada o venres ás 21.00 horas coa actuación do Mago Joel, participante do Got Talet. Xa o sábado os máis pequenos poderán gozar do musical El pequeño conejo blanco ás 12.30 horas e pola noite, ás 20.30 horas, a música correrá a cargo de Rosalía Trío, actuación que conmemora o Día de Rosalía.

 

El pequeño conejo blanco é un espectáculo teatral e musical, baseado nunha fábula portuguesa, que vai dirixido a nenos de entre 2 e 8 anos. É un conto moi recorrente nos centros educativos debido á súa sinxeleza e nivel pedagóxico.

 

Relata as aventuras dun pequeno coello que quere recuperar a súa casa. Na historia aparecen máis personaxes como unha cabra, un boi, un can, un galo e unha pequena formiga. Todos eles, demostrarán, a través dunha linguaxe chea de sonoridade e rima, que un minúsculo animal pode gañar a partida, incluso ao más grandullón.

 

Na narración trátanse temas tan importantes para os cativos como son a amizade, as aparencias, a perseveranza, o egoísmo e a valentía. A valentía non só para enfrontarse a calquera situación, senón tamén a necesaria para pedir axuda.

 

No escenario haberá unha mistura de actores, monicreques e música en directo, da man dun pianista, tendo os tres elementos a mesma importancia. Os actores e os monicreques darán vida aos distintos animais e en ocasións, interactuarán co  público facéndoo partícipe da historia, rodeados dun decorado infantil e máxico. A música, en directo, forma parte do conto, con cancións que permiten coñecer ás personaxes.

 

O musical, da compañía de teatro Espiral Mágica, ten unha duración aproximada dunha hora. Está dirixida, adaptada e interpretada por Georgina Cort, a música en directo corre a cargo do pianista Josep Ferré e está interpretada tamén polo actor Pol Nubiala.

 

As entradas, que teñen un prezo de cinco euros, poden mercarse no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Consistorio, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O departamento de Cultura do Concello da Estrada crea un videoclip en homenaxe a Rosalía

Participan máis de 100 persoas desde distintos puntos do mundo e aparece case unha vintena de idiomas distintos

 

A obra de Rosalía de Castro é infinda, como a súa propia persoa, que ten tal repercusión e dimensión que é universal e cada 24 de febreiro, data do seu nacemento, realízanselle milleiros de homenaxes. O Concello da Estrada súmase tamén a esta conmemoración durante esta semana. Ademais, de dous actos previstos para esta tarde e para o sábado, o  Concello apostou por crear un videoclip no que participaron máis dun centenar de persoas desde diferentes partes do mundo e no que se empregou un total de 18 idiomas. O traballo foi realizado polo estradense Lucas Terceiro. Proxectarase por primeira vez esta tarde no Museo do Moble e da Madeira (MOME), ás 20.00 horas,  e a xornada completarase cun recital do alumnado dos centros educativos estradenses. O videoclip poderase ver a través de Youtube e das canles do Concello.

 

Baixo o lema Rosalía Infinda, o poema tan coñecido de Rosalía Adeus ríos, adeus fontes, baixo a banda sonora do tema Tránsito de Berrogüeto, recorre diferentes zonas do mundo a través de máis dun centenar de persoas e de 18 linguas diferentes: alemán, árabe, catalán, checo, español (con acento andaluz), eúscaro, francés, gaélico irlandés, inglés británico, italiano, polaco, portugués, turco, brasileiro, inglés australiano, chinés, español de Arxentina e xaponés. Ademais, no vídeo aparece alumnado de todos os centros educativos da Estrada recitando versos deste poema en galego. “É un videoclip que trata de poñer en valor a proxección universal da obra de Rosalía a través secuencias fragmentadas en distintas linguas e imaxes chegadas de todos os puntos do planeta”, explica o  edil de Cultura, Juan Constenla.

 

O acto no MOME completarase cun recital dalgún alumnado dos centros educativos da Estrada no que cada un elixiu un poema para ocasión, escollendo a maioría deles versos de Cantares Gallegos e Follas Novas.

 

O sábado a música na honra a Rosalía estará amenizada por Rosalía Trío ás 20.30 horas no Teatro Principal. Esta agrupación está formada pola pianista Margarita Viso, o óboe de Juan Pérez Berná e a mezzosoprano María José Ladra. A entrada será de balde, ata completar o aforo, e as invitacións xa se poden recoller no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Consistorio, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou en billeteira o día da actuación.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario