24 de febreiro. Día de Rosalía: Poemas a Rosalía

A Asociación Cultural “Vagalumes” conmemora o día de Rosalía cun recital de poesía que teñen a esta autora como destinataria. Farase unha escolleita de textos dedicados á poeta, aínda que tamén convidamos a que quen desexe participe con composicións propias que teñan este mesmo tema.
Este acto terá lugar o vindeiro 24 de febreiro, coincidindo co aniversario de natalicio da escritora, ás 20:00 h. na sala de exposicións de Abanca.
A recuperación e difusión de Rosalía, foi -desde a fundación de Vagalumes- unha das nosas preocupacións. Unha autora clásica da súa calidade e co potencial intelectual tan rico da súa obra non se entende que se ignore ou desprece como está a suceder. Por iso reivindicamos para ela un lugar preferente no noso Concello á hora de dar nome a espazos públicos, fronte á situación que sofre hoxe de marxinación, e tamén todos os anos vimos conmemorando o seu día. Realizamos moitas actividades para a súa difusión e apoiamos a solicitude da institucionalización da súa conmemoración que, afortunadamente, está a consolidarse ano tras ano cun certame no que se implica o Concello e Centros de Ensino.
Este ano terá lugar o vindeiro 27 de febreiro e nós amosamos o noso apoio. Neste sentido seguiremos a traballar a prol da rehabilitación plena da figura de Rosalía mais xa non continuaremos nós coa conmemoración da data para anos vindeiros, unha vez que esta celebración foi asumida social e institucionalmente. Por iso este ano queremos tamén facer un recordatorio do que supuxo o labor feito até esta data con lecturas na rúa, nos comercios, representacións teatrais, proxeccións de vídeos, conferencias, etc… Para iso convidamos a todas e todos a asistir a este acto.
Publicado en Portada | Deja un comentario

O Espazo Concilia A Estrada oferta 45 prazas durante un ano para nenos de entre 3 e 12 anos

O goberno local levou hoxe á xunta de goberno local a proposta da aprobación do expediente de contratación do servizo socio-educativo Espazo Concilia A Estrada. Tal e como apunta o alcalde, José López, sacarán a concurso a xestión deste servizo, que ten como obxectivo arrancar en marzo nas instalacións do Novo Mercado. Ofertaranse un total de 45 prazas, destinadas a nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, durante un ano e por un prezo de licitación de 48.000 euros.

 

Os horarios serán de luns a venres de 15.30 a 20.30 horas e os días non lectivos serán de luns a venres e abrirase tamén pola mañá de 08.00 a 14.00 horas e os sábados de 08.30 a 13.30 horas. “A posibilidade de modificar o horario nos días non lectivos, como en Nadal, en Semana Santa ou en verán, tamén se valorará coa empresa que teña a concesión propoñendo a posibilidade de poder abrilo os días non lectivos soltos, como os festivos que cadren no medio da semana”, sinala López.

 

Contratarase a un monitor, a un coordinador e a un profesor. Os prezos que deberán pagar as familias oscilarán entre os 0 e os 100 euros ao mes. “As familias segundo a súa renda haberá quen non teña que pagar nada e o máximo que terán que abonar os demais serán 100 euros”, sinala a concelleira de Benestar Social, Educación e Igualdade, Amalia Goldar. A concelleira apunta que ademais as familias numerosas terán un desconto. “O custe do servizo é maior,  estimamos sobre 60.000 euros, dos cales 12.000 asume o Concello xa de maneira directa, por ceder a instalación municipal e todos os gastos que conleva isto, 20.000 estimados que poñen as familias e 28.000 que pagamos con fondos, por iso a licitación sae por 48.000 porque xa se supón que os 12.000 os pon o Concello”, explica o rexedor.

 

O goberno ten previsto ter adxudicado o servizo a principios do mes de marzo para a mediados deste mesmo mes xa arrancar co servizo. “Esta é unha das grandes demandas que temos por parte das familias e o importante é que a empresa teña actividades atractivas. Non vai ser só unha ludoteca, vai ser un centro para ter tamén clases de reforzo e para que funcione ben ten que ser un centro moi flexible que permita facer moitas actividades”, indica o alcalde que é consciente de que este é un servizo que funciona moi ben noutros concellos. López adianta, que a pesar de que este servizo se ofrecerá por un ano, o seu obxectivo e consolidalo na Estrada contribuíndo dalgún xeito, a fomentar o incremento da natalidade aportando facilidades para a conciliación laboral e familiar.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada adhírese un ano máis ao programa Depotermal da Deputación

Un ano máis, e tal como apunta a concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar, o Concello da Estrada acaba de adherirse ao plan de termalismo social Depotermal. Este programa ten como iniciativa fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade, con estadías en balnearios da provincia de Pontevedra.

 

A Deputación oferta 4.434 prazas para o 2018. Destas, co obxectivo de garantir acceso a toda a poboación da provincia, resérvanse, por segundo ano, 434 prazas subvencionadas para as persoas con escasos recursos económicos ou en risco de exclusión.

Para poder optar a algunha das prazas reservadas para cidadáns sen recursos, en calquera das dúas modalidades do programa, os concellos deberán achegar o modelo de valoración social que acredite a situación da persoa solicitante ante a Deputación.

 

As dúas modalidades ofertadas son:

 

Por unha banda, a estadías diúrnas con tratamentos de luns a venres. Neste caso, haberá 1.248 prazas, das cales 1.000 contarán cunha subvención de 40 euros sobre o custe total. Resérvanse 248 prazas subvencionadas, cada unha con 100 euros, para persoas en situación ou risco de exclusión social, o que supón catro prazas para cada concello adherido ao programa.

 

E por outro lado, as estadías con pernoita. Aquí os participantes pasarán cinco días de estadía coas súas respectivas noites nos balnearios tamén de luns a venres. Nesta modalidade, haberá 3.186 prazas, das que 186 serán gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social, que contarán cunha subvención de 200 euros. Resérvanse tres prazas para cada municipio adherido ao programa.

 

A concelleira sinala que se irá informando dos prazos e de todo o relacionado con este programa nos vindeiros días para que os interesados poidan realizar as súas solicitudes.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O acceso ao espazo do que será o espazo concilia municipal dá noxo e incumpre a normativa

Desde o BNG da Estrada instamos ao alcalde a mellorar a salubridade antes da súa posta en marcha

O espazo no que se poñerá en funcionamento proximamente o espazo concilia municipal situada no lateral do Novo Mercado está nun estado tan lamentábel, que é impensábel que por esas portas vaian pasar a diario nenas e nenos do noso concello. Sucidade, telas de araña, humidade, pintura desconchada, … é a benvida que recibirán cativ@s de 3 a 12 anos, así como nais e pais, nada máis pisar o recinto do espazo de conciliación familiar do concello da Estrada que estará xestionada por unha empresa privada.

Desde o BNG da Estrada consideramos intolerábel o estado no que se atopa este espazo municipal, cuxo prazo de inscrición dá comezo precisamente hoxe. Non é de recibo que o noso concello dea unha imaxe tan deplorábel, nun espazo que debe servir aos cativos non só para pasar unhas horas ao día, senón para adquirir valores e comportamentos para actuar na sociedade; sen embargo, o aspecto que ten o espazo concilia municipal está nas antípodas do que debería ser un espazo público e, desde logo, disuadiría a calquera nai e pai a enviar os seus cativos a un sitio onde a limpeza brilla pola súa ausencia.

Por outra parte, o espazo concilia municipal incumpre o decreto da Xunta de Galiza 354/2003, polo que se regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen os seus requisitos, unha normativa de obrigado cumprimento para empresa que xestionará este servizo segundo os pregos munipais de adxudicación deste servizo. Entre estes requisitos estabelécense que se situarán “preferentemente na planta baixa e ter saída directa de uso exclusivo a unha vía pública ou a un espazo aberto, debendo estar sinalada a prohibición de aparcamento de vehículos diante da porta” (capítulo II, apartado b). Obviamente, como todo o mundo sabe, o espazo conceilia está no primeiro andar, non no baixo como indica o Decreto da Xunta.

Desde o BNG consideramos moi grave a situación do espazo concilia e agardamos do alcalde da Estrada que mellore considerabelmente a situación deste espazo de conciliación laboral e familiar antes da súa posta en marcha, un españzo que debería ser exemplo de pulcritude e salubridade para os cativos e cativas do noso concello, e non todo o contrario, un espazo que dá noxo nada máis entrar.

Por outra parte, desde o BNG instamos ao alcalde da Estrada a que deixe de vender realidade que non son máis que titulares que non son mais ca fume e que non merecen nin o nome que lles pon.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Domingo de Entroido en A Estrada

                                               Búscate na nosa Galería do Domingo de Entroido

 

 

 

 

 

 

                                                  Colaboración Fotográfica  Iria Eiras

Publicado en Portada | Deja un comentario

Servizos Sociais abre o luns o prazo para anotarse nas actividades de arteterapia dirixidas a persoas con discapacidade intelectual

O departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, dirixido por Amalia Goldar, organiza un ano máis actividades de arteterapia dirixidas á persoas con discapacidade intelectual. O prazo para anotarse comenzará o luns, día 19, e rematará xa o venres, día 23 de febreiro. As actividades levaranse a cabo desde o 5 de marzo ata o 14 de decembro, agás no mes de agosto, durante tres días á semana con tres horas diarias de duración.

Estas actividades serán impartidas pola Asociación Galega das Artes e terán como escenario nas instalacións deste colectivo, sitas na Avenida de Vigo, número 25, baixo da Estrada. Esta iniciativa está dirixida ás persoas empadroadas no municipio estradense, que teñen unha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33% e para que se impartan as actividades deberán formarse grupos dun mínimo de dez persoas. As sesións, de marzo a decembro, con descanso do mes de agosto, terán lugar os luns, mércores e xoves en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas.

Os interesados en asistir deberán presentar durante a vindeira semana o formulario da solicitude cuberto, que se pode descargar da páxina web do Concello, ou recoller directamente no departamento de Servizos Sociais, sito na planta baixa do Consistorio. Será aquí, neste departamento, onde se deberán presentar as demandas, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. O prazo rematará xa o venres, día 23 deste mes. A actividade é totalmente gratuíta para os asistentes.

Os obxectivos deste programa son, entre outros, fortalecer a independencia e a autonomía persoal posibilitando que as persoas con discapacidade intelectual adquiran e manteñan habilidades instrumentais e funcionais para a vida diaria; favorecer o desfrute e a calidade de vida por medio da aprendizaxe de habilidades sociais e persoais, desenvolvendo actividades socioculturais, ocupacionais, artísticas e creativas; fomentar a igualdade de xénero entre os participantes realizando actividades nas que poidan participar indistintamente homes e mulleres e promovela integración de persoas e colectivos en situación de desvantaxe social, fomentando actividades grupais normalizadoras de ocupación de tempo de lecer.

O apoio ás familias das persoas con discapacidade e o desenvolvemento de actuacións para a promoción de vida independente, tanto no ámbito persoal como social, son aspectos básicos para a planificación de actuacións dirixidas á persoas con discapacidade e organizadas dende o departamento de Servizos Sociais deste Concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O luns abre o prazo para achegar as candidaturas do Premio Honorífico á Labor das Mulleres do Concello da Estrada Deberán presentarse no Rexistro ata o 27 de febreiro

                                    Deberán presentarse no Rexistro ata o 27 de febreiro

O Centro de Información á Muller (CIM) da Estrada abre o luns, día 19, o prazo para a presentación das candidaturas que desexen optar ao Premio Honorífico á Labor das Mulleres do Concello da Estrada e estará vixente ata o día 27 de febreiro. Este recoñecemento está enmarcado nos actos de conmemoración do 8 de marzo, o Día da Muller. 

Este premio ten como obxectivo recoñecer a labor e a traxectoria daquelas mulleres, que de maneira individual ou colectiva, loitan por conseguir unha sociedade máis igualitaria. Ademais, servirá de impulso para o recoñecemento da actividade emprendedora levada a cabo por mulleres na Estrada e visibilizar a importancia do papel desempeñado polas mesmas.

Os interesados, tanto mulleres como colectivos de mulleres, deben presentar as súas candidaturas cubrindo o modelo de solicitude no Rexistro de Entrada do Consistorio. O formulario e as bases do certame poden consultarse na páxina web do concello.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario