A EMAE e Tequexetéldere interpretan Voa o día 18 no Teatro Principal e o 24 en Braga

 

A Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada e a Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere, en colaboración co Concello, levarán de novo a súa peza Voa ao Teatro Principal. Será o domingo 18 ás 19.00 horas. As entradas, que teñen un prezo de cinco euros, poden mercarse no departamento de Cultura do Concello, segundo andar, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou en Calzados A Esquina. Desta volta, este espectáculo de teatro, danza e música cruzará fronteiras, xa que o sábado 24 representarase en Braga (Portugal) posto que forma parte da programación da 4ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza Canto D’ Aquí. Será ás 21.30 horas no Auditorio Adelina Caravana Gulbenkian. A celebración desta semana ten como finalidade homenaxear, a través da música, literatura e poesía, a dúas figuras importantes da Cultura de Portugal e Galicia: José Afonso e Rosalía de Castro.

 

Voa é unha iniciativa que xorde da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e da Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere co obxectivo de honrar a lembranza dun autor universal: Xosé Neira Vilas e é interpretada por medio cento de persoas. Adaptada a partir da novela O espantallo amigo, a peza, duns 50 minutos de duración, é un canto á liberdade e á amizade. Un alegato pacifista no que a concordia, a solidariedade e a harmonía entre diferentes constitúe o cerne do relato. Na historia, o tío Ramón decide construír un espantallo para defender unha figueira das peteiradas voraces dos merlos, pero o boneco, no canto de espantar aos animais, decide facerse amigo deles e sementar a concordia entre todos os habitantes da horta.

 

O espectáculo vai dirixido ao público infantil e familiar e inclúe ademais varios poemas do libro infantil Cantos de sol a sol. A dramaturga encargada da adaptación foi Ana María Carreira, gañadora, entre outros galardóns, do IV Premio de dramaturxia Varela Buxán.

 

Despois do grande éxito acadado na súa estrea, o musical espera volver a colleitar os aplausos do público estradense.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A empresa ERIMSA sigue a facer o que lle dá a gana en San Miguel de Castro

O BNG da Estrada insta por enésima vez ao alcalde a que exerza o seu cargo e restitúa á veciñanza do lugar de castelo, na parroquia de San Miguel de Castro, os seus dereitos de paso polo camiño público do lugar

 

Os veciños e veciñas deste lugar seguen comprobando que as fins de semana non poden acceder ás súas propiedades xa que a empresa de áridos ERIMSA segue a pechar con bloques de pedra e cúmulos de material o camiño público polo que teñen que transitar para acceder a algunhas das súas parcelas.

O BNG no seu día xa presentou un rogo en Pleno para que se subsanase esta irregularidade que provoca prexuízos aos propietarios.

Disto xa pasaron varios meses pero compróbase que o goberno do Sr. López nada fixo para restituírlles a estes veciños os seus dereitos, a pesar dos seus anuncios de reunións e e contactos con ERIMSA. 

Por este motivo, unha vez mais, o BNG reitéralle ao alcalde a súa obriga de exercer como tal e tomar as medidas oportunas para que isto deixe  de ocorrer e os veciños e veciñas poidan facer uso normal dese camiño público, como lles corresponde por dereito.

Así mesmo o BNG tamén insta ó goberno municipal a que faga as comprobacións oportunas para ver se a devandita empresa dispón das licenzas correspondentes para facer a captación de auga no «Rego do Castelo», xa que a veciñanza comproba que non se deixa discorrer pola presa o caudal mínimo.


— 

BNG da Estrada

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

jose-angel-gestoso-deixao-estiven-35-anos-moi-gusto-agora-deixamos-empresa-nun-momento-bo

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/caldas-deza/jose-angel-gestoso-deixao-estiven-35-anos-moi-gusto-agora-deixamos-empresa-nun-momento-bo/20180201145419963780.html

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello levará a cabo a contratación dun normalizador lingüístico

Esta mañá o concelleiro de Persoal, Alberto García, o director de Réxime Interno, Henrique Prieto, a secretaria, Rocío Blanco, así como representantes de UGT, Comisións Obreras, CSIF e da CIG asistiron á mesa de negociación para abordar tres temas: a adhesión da Estrada ao convenio de centralización da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) das probas de selección de policías locais, auxiliares de policía e vixiantes municipais, os días de asuntos propios para o 2018 e as bases para a contratación dun normalizador lingüístico como persoal laboral por un prazo máximo de tres anos.

Tal e como apunta Henrique Prieto, director de Réxime Interno, en referencia á sinatura do convenio ca Agasp “os sindicatos achegaron a apreciación de si era posible que se realice aquí este primeiro ano a selección das unidades de policía porque é demasiado cedo para facelo agora mesmo todo xunto. Sinalaron que están de acordo co convenio pero querían facer esa matización, é dicir que este ano as unidades de policía se contrataran aquí e isto será algo que se deberá estudar”.

En canto aos días de asuntos propios para este ano 2018 vanse aplicar os que marca a lei, que son seis días máis un día libre a maiores porque este ano o 8 de decembro, día festivo, coincide en sábado. A lei recolle ese tipo de casos, ademais dependerá da antigüidade de cada traballador, xa que hai un baremo de días segundo os anos traballados nun posto. Neste apartado, houbo un acordo total por todas as partes.

E xa no terceiro e último tema a tratar, no referente ao contrato dun normalizador lingüístico de maneira interina, tras a renuncia da persoa que ocupaba este posto antes, os presentes coincidiron na importancia de que este posto estea cuberto para poder levar a cabo o servizo de normalización lingüística. Agárdase  que nun prazo curto se poña en marcha as bases e que o proceso selectivo dure entre dous ou tres meses.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Radio Estrada mantén aberto o prazo para o seu II Concurso de cartas de amor ‘Can Valentín’

Rapaces e adultos poden enviar os seus textos ata o 14 de febreiro e haberá diversos premios por categorías

Co motivo da celebración do día de San Valentín, por segundo ano consecutivo, Radio Estrada convoca o seu concurso de cartas de amor, Can Valentín. O prazo para enviar as cartas xa está aberto e rematará o día 14 de febreiro. No certame pode participar todo o alumnado matriculado do ensino primario e secundario, e todos os adultos que o desexen. “A finalidade deste concurso é que os rapaces e as rapazas cultiven a escrita en galego, tanto sexa prosa como poesía, e que coñezan os envíos postais e como hai que facelos”, apuntan desde Radio Estrada. Ademais, o obxectivo é que vexan que hai diferentes tipos de amor e non só o romántico, como son o amor fraterno, o amor á natureza, o amor á amizade, o amor solidario, o amor a algunha inquedanza ou vocación, entre outros.

Os participantes deberán presentar o texto en prosa ou en verso, deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega, versar sobre o tema ‘amor, amores’, a extensión non deberá superar as 20 liñas e deberán estar escritas á man polo autor. Na cabeceira do escrito deberá incluírse o pseudónimo do autor, o curso e o nome do centro no que estea matriculado o alumno, (no caso de que sexan rapaces), o enderezo e o seu número de teléfono.

As cartas deberán entregarse en man ou a través do correo postal no enderezo Radio Estrada Avenida Benito Vigo, 94, baixo 36680 A Estrada, Pontevedra.

Haberá un total de cinco categorías: A. Alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, B. Alumnado de 4º,5º e 6º de primaria, C. Alumnado da ESO, D. Alumnado de bacharelato e E. Adultos. Concederanse premios ás tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría. Os premios serán material escolar, deportivo, doces, tarxetas agasallo da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), agasallos de xoierías, de restaurantes e de Mar de Compostela, da Asociación de Turismo Rural…

O xurado do concurso estará formado por personalidades da cultura e da sociedade estradense que emitirá o seu fallo o 23 de febreiro e a entrega dos premios será ao día seguinte durante o programa matinal da radio dos sábados.

Os interesados poden obter máis información no teléfono 986 573 433 ou a través do correo electrónico furanchofusion@gmail.com

As entidades e establecementos colaboradores son a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), o departamento de Cultura do Concello da Estrada, Mar de Compostela, as librerías Alberte Quiñoi, Duran, Faro, Lolimay, Marxe e Pérez Viondi, as tendas deportivas Aurora Sport, Plusmarca e Eva Shoes, as pastelerías La Milagrosa, Petiscos e Mimela, os restaurantes Regatos, Taberna Navegación e Argentinos Burguer, as xoierías Azabache, Benito Puente e Fondevila e a xoguetería Tiko Doco.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada en contra do campionato de España de Caza do raposo que se realizará no noso concello e nos limítrofes

Consideramos que este evento que se celebrará este sábado é unha agresión á biodiversidade e inasumible por unha sociedade que vive nun medio ambiente ameazado constantemente

 

Desde o BNG consideramos esta celebración :

PRIMEIRO…como unha alteración medioambiental do ecosistema, o que sempre trae consecuencias que, aínda que lentas e pouco visibles, si seguras e perniciosas.

SEGUNDO..como un exterminio innecesario a nivel exclusivamente materialista xa que neste intre o zorro non representa ningún prexuízo significativo para a actividade da xente.

E TERCEIRO…Non aprobamos desde a condición de persoas os obxectivos lúdicos que igual ca nos touros de lidia, se baseen no maltrato e exterminio físico gratuíto dos individuos dunha especie, neste caso ademais, tan representativa no noso medio natural.

Por todos estes motivos instamos ó goberno do noso concello a que rexeite e impida tal celebración, por incompatible co respecto e protección do noso medio e as especies que nel habitan, para beneficio ademais da nosa propia supervivencia e adaptación ao hábitat.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

O Teatro Principal acollerá o día 7 a entrega do Varela Buxán a Fernando Castro Paredes

O gañador da anterior edición, Marcos Abalde Covelo, recibirá impresa a súa obra triunfadora do certame

 

O escenario do Teatro Principal da Estrada albergará o mércores día 7 de febreiro a entrega do Premio de Teatro Manuel Daniel Varela Buxán, organizado pola Escola de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) en colaboración coa Fundación Cultural da Estrada. O fallo do xurado coñeceuse o pasado mes de decembro. A obra triunfadora foi Pallaso, presentada baixo o lema Óptimo Máximo, do autor Fernando Castro Paredes. O acto de entrega comezará ás 20.30 horas e terá unha media hora de duración.

 

Esta obra alzouse con este premio, que xa vai pola súa sexta edición e na que se presentaron un maior número de propostas con respecto a anos anteriores, pola súa construción dramatúrxica rigorosa e coherente e pola súa visibilidade escénica, tal e como apuntaron os membros do xurado. Ademais, destacaron a súa aposta por un humor negro e absurdo cargado de dramatismo e ironía que debulla a realidade social.

 

Fernando Castro Paredes é natural de Tapia de Casariego, polo que desta maneira é o primeiro autor que gañou este galardón que non naceu en Galicia. É profesor de linguas en Cee e é un dos coordinadores da compañía de teatro escolar Tuéjele Teatro. Recibiu tres accésits do Premio Añón de Poesía e gañou o Premio de Narrativa Historias na Universidade.

 

Durante o acto do día 7, tamén se entregará impresa a obra gañadora da anterior edición ao seu gañador, a Marcos Abades Covelo. A premiada neste caso foi Oito epitafios por Troia que recolle unha reflexión sobre a sociedade contemporánea. Ademais, os asistentes serán obsequiados coa mesma.

 

No acto participarán dous alumnos da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada que lerán unha escena do texto gañador desta última edición. 

Publicado en Portada | Deja un comentario