A Casa das Letras amosa a tradición dos Xenerais da Ulla cunha exposición fotográfica

                                                      Estará na Estrada ata o 9 de febreiro

Dende hoxe pola mañá a entrada da Casa das Letras da Estrada alberga a exposición itinerante Os Xenerais da Ulla, que este ano aparte do concello estradense, recorrerá os de Teo e Touro. É unha exposición fotográfica que amosa, a través de 35 instantáneas, a esencia desta tradición. Son fotos, a cor e en branco e negro, nas que se poden apreciar aos protagonistas, os atranques, os coros e comparsas, os desfiles…

José Ramón Moire, Luismy, José Esteller, Aroa Martínez, Puri Sanguiao, Adolfo Enríquez (Turismo Galicia), Ana María García Túnez, Marcos Míguez, Rubén Estudio Fotográfico, Ramón Torrente e José López (Jolope) foron os fotógrafos que capturaron eses momentos que en conxunto reflicten a natureza e vivencia desta celebración que abarca os municipios da Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Tamén hai fotos cedidas por veciños.

A mostra estará na Estrada ata o 9 de febreiro e os interesados poden acudir a vela en horario de luns a venres de 09.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Radio Estrada emitirá os mércores, a partir do día 7, un espazo adicado á busca de emprego

É unha iniciativa en conxunto co Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural

 

O Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural da Estrada xunto a Radio Estrada porán en marcha un proxecto consistente na emisión dun espazo dedicado ao emprego e orientado a tratar diversos temas relacionados coa busca de traballo como a configuración do currículo, as entrevistas de selección…entre outros. É unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar a empregabilidade dos cidadáns que estean inmersos na busca activa de emprego ou daqueles que queiran cambiar de posto de traballo.

Durante o programa aportaranse ferramentas que poidan ser útiles de maneira xeneralizada e empregarase unha linguaxe sinxela e accesible a todos os oíntes. Ademais, o programa contará coa intervención puntual de persoas expertas en diferentes ámbitos relacionados con esta materia e que achegarán o seu punto de vista. Así mesmo, un dos aspectos máis interesantes desta iniciativa é que calquera  oínte poderá participar deixando as súas dúbidas ou comentarios no número de Whatsapp 644 165 966 ou no correo electrónico galeria2.0@gmail.com.

 

O horario deste espazo radiofónico será cada mércores, a partir do día 7 de febreiro, de entre 11.15  a 11.30 horas dentro do programa A Galería no 107.7FM e tamén poderán seguilo en directo a través de  web www.radioestrada.com

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O 4 de febreiro defendamos a sanidade pública

O vindeiro venres 2 o BNG da Estrada organiza un acto para falar dos graves problemas que causará a reforma sanitaria do PP

O BNG chama aos veciños e veciñas da Estrada a participar masivamente na manifestación en defensa da sanidade pública convocada para o domingo 4 de febreiro.

Esta mobilización, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, quere facerlle fronte ás privatizacións e aos recortes do PP na Xunta de Galiza, que está a provocar unha perda de calidade evidente neste servizo público esencial e un desmantelamento da sanidade pública para beneficiar as empresas privadas do sector.

Os recortes teñen unha gravísima repercusión na prestación dos servizos sanitarios, no deterioro asistencial: colapsos de urxencias, sobrecarga laboral d@s traballador@s, aumento das listas de espera, saturación dos centros médicos locais con medidas populistas como é o caso das consultas telefónicas pero sen dotar de máis persoal os centros de saúde…

O noso concello tampouco é alleo a este deterioro da sanidade pública: peche de consultorios rurais, falta de persoal para cubrir baixas e vacacións dos facultativos, … e toda unha serie de situacións mermadas pola grande profesionalidade das traballadoras e traballadores da sanidade.

Por outra parte, a reforma sanitaria do PP trae consigo a implantación das áreas sanitarias, que se ben ao noso concello non nos afecta directamente, si indirectamente, xa que a concentración de servizos nos grandes hospitais das cidades, en detrimento dos comarcais, traerá unha sobre-saturación destes grandes complexos sanitarios que redundarán nun maior deterioro da sanidade pública.

Para falar de todo isto e animar á participación dos veciños e veciñas na manifestación do domingo, no BNG da Estrada organizamos un acto público o vindeiro venres 2 de febreiro, ás 20.30h no Restaurante Samaná, onde contaremos coa participación da deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado Cores.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2018

 

do 29 de xaneiro ao 9 de febreiro
• Exposición sobre os Xenerais do Ulla na Casa das Letras

Venres 9 de febreiro

  • 19:00 h- Concurso de disfraces na Zona dos Viños. A inscrición realizarase en Café Robert´s.

 

Sábado 10 de febreiro

  • 17:30 h- Espectáculo do Mago Dani, festa infantil e baile de disfraces no Restaurante Samaná con xogos e obradoiros.
  • Pola noite.- Gran Concurso de disfraces nos locais de marcha con 1350 euros en premios.

 

Domingo 11 de febreiro

  • 17:30 h- Baile de disfraces na Residencia da Terceira Idade

 

Luns 12 de febreiro

  • 17:00 h- Desfile e concurso de disfraces, presentado por Isi, con saída dende a Praza da Feira. Repartiranse máis de 2600 euros en premios. A inscrición farase na alcaldía do Concello da Estrada chamando ao telf 986 57 00 30 ou dirixíndose ao correo alcaldia@aestrada.es

Categorías

Individuais (adulto/infantil) // parellas // grupos // local

 

Martes 13 de febreiro

  • 16:00.- Desfile do entroido tradicional no que participarán as parroquias de Arnois, Riobó, Guimarei e Callobre, ademais das Anpas de O Foxo e Oca.

Contaremos cos atranques dos Xenerais do Ulla de Santa Cristina de Vea e a Straden´s Band Os Xirimbaos. O acto estará presentado por Pablo Chichas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O concurso de disfraces do luns de Entroido repartirá 2.600 euros en premios

No Entroido tradicional participarán as parroquia de Arnois, Riobó, Guimarei e Callobre e as Anpas do centros do Foxo e de Oca

Unha exposición, maxia, bailes, e por suposto, diversos concursos de disfraces con variados premios son as actividades que engloban a programación de Entroido deste ano na Estrada. Esta mañá, a concelleira de Xuventude, Lucía Seoane, xunto a Rocío Blanco, deu todos os detalles sobre as actividades que terán lugar entre o 29 de xaneiro e o 13 de febreiro.

O ambiente de Entroido arrancará xa o 29 de xaneiro coa exposición sobre os Xenerais da Ulla que albergará a Casa das Letras ata o 9 de febreiro. A mostra estará aberta ao público de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 21.30 horas e os sábados en horario matinal. É unha exposición itinerante  que este ano recorrerá os municipios da Estrada, Teo e Touro.

Os concursos de disfraces, prato forte desta celebración, arrancarán con un deles o venres día 9 a partir das 19.00 horas na Zona dos Viños, que está organizado polos responsables dos locais da zona. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente no Café Robert’s.

A maxia tamén estará presente na Estrada durante eses días. O día 10, ás 17.30 horas, o Mago Dani animará a festa infantil e o baile de disfraces que terá lugar no restaurante Samaná. O espectáculo de ilusionismo completarase con xogos e obradoiros. Tamén haberá unha merenda con produtos típicos. Xa pola noite, os máis maiores poderán desfrutar do certame de disfraces dos locais nocturnos que ofrecerán 1.350 euros en premios.

Ao día seguinte, o día 11, ás 17.30 horas haberá un baile de disfraces na Residencia da Terceira Idade. Aquí a música non faltará e a xornada estará amenizada polo trío Amanecer, no que canta a estradense Cristina Cimadevila, actual concursante de Recantos do programa Luar da Televisión de Galicia. Tamén haberá unha degustación de produtos típicos.

  O luns 12 o cómico estradense Isi será o encargado de presentar o desfile e concurso de disfraces con saída desde a Praza da Feira a partir das 17.00 horas. Repartiranse 2.600 euros en premios, o que supón un incremento de algo máis de 1.000 euros con respecto ao ano anterior. Haberá diversas categorías: individuais (infantil e adulto), parellas, grupos e local. “Este ano, como novidade, teremos dúas categorías en individual”, sinala Seoane que engade que “este ano na de grupos dobramos máis da metade os premios con respecto aos últimos anos porque a nosa intención é fomentar a participación de que grupos doutros concellos se acheguen ata aquí, xa que a contía dos premios consideramos que é bastante elevada”. Así os premios serán:

  • Na categoría de Individual Adulto: 120, 90 e 30 euros.
  • Na categoría de Individual Infantil: 90, 60 e 30 euros.
  • Na categoría de Parellas: 150, 100 e 50 euros.
  • Na categoría de Grupos: 900, 600 e 300 euros.
  • Na categoría Local: 150 euros.

 

Os interesados en participar neste concurso deben anotarse na Alcaldía do Concello, segundo andar da Casa Consistorial, chamando ao teléfono 986 570 030 ou a través do correo electrónico alcaldia@aestrada.es  O prazo está aberto ata o mesmo día do concurso. De feito, todas os participantes poderán anotarse unha hora antes de que comece o concurso, incluso poden facelo  ese día na Praza da Feira, agás os grupos que terán como hora límite ás 15.00 horas dese mesmo día e deberán inscribirse en Alcaldía. “Faise por un motivo. Os grupos normalmente traen algunha carroza e consideremos que a Policía Local e Protección Civil deben telo previsto e coñecer as medidas da carroza, por iso deben cubrir un formulario que lles daremos en Alcaldía”, explica a edil.

E por último, o día 13 ás 16.00 horas arrancará, desde a rúa Antón Losada, o Entroido tradicional no que participarán as parroquias de Arnois, Riobó, Guimarei e Callobre e e como novidade, as Asociacións de Nais e Pais dos centros educativos do Foxo e de Oca. “Hai algunha que outra ANPA que pode que tamén se sume”, confesa a concelleira. Ademais, a xornada estará marcada polos atranques dos Xenerais da Ulla de Santa Cristina de Vea, que serán os encargados de abrir o desfile. Prevese a chegada á Praza da Feira ao redor das 18.30 horas e nese escenario o ritmo estará marcado por Straden’s Band Os Xirimbaos. O acto estará presentado por Pablo García ‘Chichas’. Ademais, participarán os Cabezudos da Escola Municipal de Artes Escénicas de A Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Reunión que mantivo esta mañá o alcalde con responsables de Telefónica pola instalación da antena na Avenida de Benito Vigo

Reunión que mantivo esta mañá o alcalde con responsables de Telefónica pola instalación da antena na Avenida de Benito Vigo. 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG propón no Parlamento que ampliación da AG-59 anunciada pola Xunta chegue ao termo municipal da Estrada

Desde o BNG da Estrada consideramos un disparate que AG-59 remate en Pontevea, que se converterá nun funil

 

 O BNG vén de formular no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a reconsiderar a decisión de rematar a autovía AG-59 en Pontevea, ampliando a prolongación até o termo municipal da Estrada, cruzando o río Ulla.

Desde o BNG da Estrada xa manifestamos hai poucas semanas que rematar en Pontevea esta ampliación de apenas 3 quilómetros era un disparate e convertería este lugar do concello de Teo nun funil, que faría perder máis tempo do que aforra aos veciños e veciñas da Estrada a construción destes poucos quilómetros anunciados polo alcalde e a Xunta de Galiza.  

Por outra parte, entidades e asociacións de Pontevea puxéronse en contacto co BNG para manifestar a súa preocupación polo remate da autovía no centro deste lugar de Teo, xa que incrementará notabelmente os problemas de seguranza vial en Pontevea. De tal xeito, que o BNG insta con esta iniciativa rexistrada no Parlamento Galego a prolongar até o termo municipal da Estrada.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario