O BNG busca o apoio do pleno do concello da Estrada á folga das mulleres do 8 de marzo

Segundo a Xunta o 55,7% das persoas paradas no noso concello son mulleres e cobran de media un 23% menos

A folga é unha chamada de atención sobre esta grave discriminación por razón de xénero na procura de solucións reais á fenda salarial e laboral entre mulleres e homes

 

 O BNG da Estrada rexistra unha moción coa que procura o apoio da corporación municipal á folga de mulleres convocadas pola CIG, entre outros sindicatos, para o 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres. De aprobarse esta moción, este apoio á folga concretaríanse nun pronunciamento público e explícito a favor desta convocatoria folga de mulleres que se realizará o 8 de marzo en todo o mundo.

A folga de mulleres pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.

A fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes estímase en 20.243 euros o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións. Na Estrada hai 734 mulleres rexistrada no paro e 583  homes, segundo os últimos datos da Xunta, o que representa unha porcentaxe do 55,7 % do total das persoas paradas e un 26% superior de desemprego por razón de sexo. Máis aínda, no laboral as mulleres galegas sofren a inexistencia dun marco de relacións laborais galego que axude a negociar melloras para os traballos feminizados do noso país, como a conserva, ademais de sufrir as consecuencias das reformas laborais do goberno central, lesivas para a clase obreira, e a desatención de Xunta e Estado ao fomento de políticas activas contra a discriminación laboral sobre as mulleres. Por outra banda, ao tempo que cobran menos de media e sofren máis precariedade, no ámbito do consumo foméntase que as mulleres teñan que adquirir produtos máis caros que aplican a denominada “taxa rosa” cando están dirixidos ao mercado feminino, ademais de gravar os produtos básicos de hixiene cun 21% de IVE.

Por causa do sistema patriarcal e da realidade socioeconómica, as mulleres sofren máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, para o que se fai necesario mudar ideas, comportamentos e mesmo leis para poder garantir a igualdade de dereitos e de oportunidades. Tampouco se recoñecen as tarefas domésticas e de coidado familiar, por iso esta convocatoria tamén pretende chamar a atención sobre os coidados e as tarefas. Durante a crise, esta situación agravouse e o deterioro dos servizos públicos agrava unha desigualdade que, superado o ciclo económico da recesión, busca consolidarse. Desta forma, os datos demostran que son maioritariamente as mulleres as que optan por xornadas parciais ou excedencias para coidar crianzas e maiores, moi por riba da poboación masculina. No caso das excedencias, por exemplo, no 2017 foron solicitadas por mulleres 1.078 fronte a 132 pedidas por parte de homes. 

A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotiá, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Entrega do premio Varela Buxán en A Estrada

 

O teatro Principal de A Estrada foi onte escearioda entrega do premio de teatro Manuel Varela Buxán. Nesta sexta edicióno galardoado foi Fernando Castro Paredes, que se fixo co galardón literario coa súa obra Pallaso. O ganador do ano pasad0 tamén puido ver xa a súa obra impresa.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O departamento de Emprego abre o prazo para presentar suxestións de formación que serán subvencionadas polo Concello

O departamento de Promoción Económica, Emprego e Comercio do Concello da Estrada abre o prazo para que as persoas desempregadas e empadroadas no municipio estradense acheguen as súas suxestións de formación. O Concello da Estrada  acaba de habilitar unha partida orzamentaria para a posta en marcha de políticas activas de emprego, na que a formación é un dos eixos angulares.

 

Desde o departamento, liderado polo concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, entenden que “para que a formación redunde na incorporación das persoas desempregadas no mercado de traballo debe darse unha sinerxía entre o perfil dos nosos desempregados, a  formación que se imparta e os postos de traballo ofertados polas empresas”. Por este motivo, ábrese un prazo de 15 días para que a cidadanía aporte as súas suxestións formativas, as cales se poderán facer a través do portal de emprego municipal www.emprego.aestrada.com, a través da páxina de Facebook Emprego A Estrada ou no enderezo electrónico aedlconcelloestrada@gmail.com.

 

As formacións serán subvencionadas polo Concello da Estrada e tentarán ser sempre accións que conten con certificado de profesionalidade que acrediten aos desempregados en sectores de actividade que na actualidade son punteiros na creación de emprego.

 

Os datos do emprego para o ano 2017 foron moi positivos experimentado todos os meses unha baixada no número total de persoas en situación de desemprego, se ben o ano comezou cunha subida das persoas inscritas como demandantes de traballo o cal “entendemos desde este departamento se achaca principalmente a que varios dos plans de emprego que tiñamos no concello chegaron ao seu fin, así como ao feito de que aumentou o número de persoas empadroadas no noso municipio sen descartar a tendencia alcista  que se dou en todo o país”.

 

O departamento de Emprego segue traballando para inverter esta situación. Así, cada día realizase un traballo de recompilación de ofertas de traballo, ofertas de emprego público, ofertas de formación, bolsas, etc,  as cales se publican a través do portal de emprego e as súas redes sociais para deste xeito facilitar a labor de busca ás persoas desempregadas. Na actualidade, a páxina conta con máis de 5.000 seguidores e cun alcance de 12.000 visitas de media semanais.

 

O Concello quere apostar pola creación de iniciativa empresarial na Estrada polo que convocará o próximo mes a súa liña de axudas á creación de empresas co que trata de impulsar a actividade económica no noso municipio. Neste senso, o departamento de Emprego leva informando desde comezos de ano das diversas axudas que a Xunta de Galicia xa convocou para apoiar aos autónomos e ás pemes.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Alcalde e PP teñen que facer autocrítica e dirimir responsabilidades pola súa xestión á fronte da Feira do Moble

Se o alcalde busca complicidades para enterrar a Feira do Moble que non conten co BNG.

Seguimos e seguiremos apostando pola Feira como escaparate do sector da madeira da Estrada

 

A reunión organizada polo alcalde da Estrada con partidos políticos e sector do moble para analizar a situación da Feira do Moble de Galiza, deixa unha cousa clara: o alcalde quere enterrar a Feira e busca complicidades para axudarlle na liquidación. Co BNG que non conten.

Desde o BNG botamos en falta que o alcalde vaia á reunión sen unha proposta clara, o que denota a falta de iniciativa política pola súa parte. Unha irresponsabilidade política moi grave tendo en conta que o PP goberna e desgoberna a Fundación de Exposicións e Congresos, e que ten, ademais, de xerente a un concelleiro deste partido, que cobra unha dedicación exclusiva do concello. 

Non se pode descargar toda a responsabilidade sobre o sector polo declive dos últimos anos como fai o alcalde, e moito menos supeditar o futuro da Feira á iniciativa do sector. A iniciativa ten que partir de quen dirixe a Fundación, e esta está en mans do PP. 

Como denunciamos no seu día, a Feira perdeu o 80% dos expositores en 10 anos. Isto demostra que se están facendo mal as cousas, e o alcalde e os partidos que dirixen a Fundación deberían facer autocrítica e dirimir responsabilidades como punto de partida para poñer remedio a unha situación que leva a Feira á súa desaparición. 

Faise necesario tamén presentar un estudo serio e realista sobre a realidade actual do sector. A Feira do Moble ten 31 edicións, e nese período a sociedade cambiou o suficiente, así como tamén o sector para que as solucións que se propuxeron hai 30 anos sexan diferentes ás de hoxe. 

Con todo, o BNG sigue e seguirá apostando pola Feira física como escaparate do sector; os portais dixitais poden axudar, pero non son a solución ao declive da Feira. De feito, hai sectores que naceron coa revolución dixital e non renuncian a unha feira física polas sinerxias que crean. Se o portal dixital é a única solución, daquela si podemos poñer o cartaz de “pechado por defunción”.

Por outra parte, cómpre que todas as administracións con representación no padroado (concello, Xunta de Galiza e Deputación), teñan unha maior implicación e apoio, tanto desde un punto de vista económico como de dinamización da Feira.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Un total de 50 exemplares forman parte da primeira guía de viaxes das árbores e formacións senlleiras da Xunta

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, acompañada polo Alcalde de A Estrada, José López e o Director do Pazo de Oca  Gonzalo Figueiras presentou esta mañá a primeira Guía de viaxes das árbores e formación senlleiras, elaborada pola Xunta de Galicia; na que se integran un total de 50 exemplares incluídos no Catálogo de árbores senlleiras. A selección realizada busca acadar a mellor representación posible das árbores e formacións, co fin de divulgar e difundir o valor destes elementos do patrimonio natural de Galicia e que foi cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Nesta guía incorpórase unha selección de 50 das árbores ou formacións máis especiais do catálogo, situados tanto no medio natural como en pazos, xardíns ou parques de Galicia, en contornas de gran beleza e rodeados de interesantes ofertas de turismo rural. Na actualidade téñense impreso máis de mil exemplares que se repartiran entre os centros de interpretación da Comunidade e posteriormente, tamén se achegarán exemplares ás oficinas de turismo e puntos de información turística para o seu coñecemento e divulgación.

A directora xeral aclarou que, aínda que na guía se limita a 50 elementos da totalidade dos incluídos no Catálogo, en moitos deles menciónanse outros exemplares que pola súa proximidade enriquecerían a visita.

Explicou que os criterios de inclusión foron variados (endrométricos ou relativos ás dimensións dos exemplares, biolóxicos e ecolóxicos, estéticos, históricos e culturais, ou mesmo de rareza); pero “a idea foi acadar e deseñar a mellor representación posible das árbores e formacións que son consideradas senlleiras”. Indicou que algunhas foron seleccionadas polo seu porte raro ou pouco común, como a Sobreira da Casa do Tristo (Ourense) ou o Carballo da Casa do Herdeiro (Lugo); outras chaman á atención pola súa avanzada idade e beleza, moitas veces superior á de moitas ermidas e igrexas que balizan o territorio galego, como o Castiñeiro de Trambolosríos e o Castiñeiro de Pumbariños (Ourense), a Sobreira de Balboa (Ourense) ou o Teixo da Igrexa de Córneas (Lugo).

Outros elementos destacan polas súas asombrosas dimensión, “son os xigantes do territorio galego”, afirmou Díaz López, que exceden en varios metros de altura e grosor aos seus conxéneres máis próximos, como é o caso dos eucaliptos do Pazo de Rubiáns ou a Secuoia Vermella do Castelo de Soutomaior (Pontevedra). Tamén se incluíron outro exemplares atendendo a criterios históricos, como é o caso da Figueira do Meco, protagonista dunha lenda acontecida no Grove no ano 1.717.

En definitiva, tratouse de acadar unha axeitada representación de todos os tipos de localizacións dos exemplares e formacións, no medio natural, pazos, xardíns ou parques…, e procurouse que estes elementos estiveran repartidos de xeito homoxéneo entre as catro provincias de Galicia, para permitir o deseño dunhas rutas de visita que abrangueran os principais valores turísticos e culturais presentes na contorna destes valiosos elementos do patrimonio natural da nosa Comunidade Autónoma.

Contido

A directora explicou que a guía é un documento de fácil manexo con información detallada de cada un dos exemplares, na que se ofrece información sobre os datos técnicos básicos, unha pequena historia, a súa localización precisa, e información de interese da contorna que permita ao viaxeiro planear a súa ruta.

Tamén se indican datos técnicos- ademais dunha fotografía-, como o concello, coordenadas, altitude, o nome científico, a idade aproximada e as dimensións, aclarando o perímetro normal (medido a 1.30 m do chan) e a altura da árbore.

A Guía tamén facilita información sobre a forma máis fácil de chegar a cada un dos exemplares e formacións, así como coordenadas GPS que deben ser introducidas no navegador para chegar de forma segura aos mesmos ou sobre o nivel de dificultade de acceso ao exemplar ou formación, e se ese acceso pode ser realizado en vehículo ou a pé.

Como complemento, tamén se traslada información relativa ao eido cultural, turístico, gastronómico e de interese da zona, así como outras referencias e información para poder planificar con antelación as saídas turísticas.

Iniciativas precedentes

Esta guía de viaxe súmase a outras iniciativas de divulgación e promoción das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras -tamén desenvolvidas anteriormente pola Dirección Xeral- como a publicación “Árbores e formacións senlleiras de Galicia”, editada en 2008 para dar a coñecer as 106 árbores e as 21 formacións que conformaban o Catálogo galego de árbores senlleiras, ofrecendo fotografías de gran calidade xunto cunha caracterización precisa dos valores principais de cada un dos elementos senlleiros descritos.

A directora tamén lembrou a iniciativa “Árbores con historia”, que consistiu na creación de rutas entre os diversos elementos senlleiros, os recursos culturais e sociais que se atopan na contorna e que incrementan o valor lúdico e histórico.

Catálogo galego de árbores senlleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.

Configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos os seus propietarios, as administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

Desde a aprobación do seu regulamento, no ano 2007, foi obxecto de diversas revisións e na actualidade inclúe un total de 186 elementos.

A modo de exemplo a directora detallou os elementos senlleiros que se poden atopar no Pazo de Oca, como a Camelia reticulada, un fermoso e monumental exemplar da variedade ‘Captain Rawes’, de maxestuoso porte e que se considera a mellor representación europea da especie; ou a Criptomeria elegante, cun tronco dun perímetro basal de 8,20 metros e que bifurca nos 7,10 metros de altura. En canto ás formacións, destaca o Buxal do Pazo de Oca e Carreira dos Tilos, formada por medio centenar de árbores dispostas en dous corredores arredor do paseo.

Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural

A directora xeral de Patrimonio Natural recordou que esta iniciativa é acorde aos obxectivos do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural, un plan pioneiro posto en marcha polo actual Goberno, ao que se destinarán 4 millóns de euros para a realizaron dunha trintena de actuacións divididas en tres grandes epígrafes: oferta de novas actividades, recursos e melloras para a posta en valor dos espazos naturais -entre as que se atopa esta Guía de viaxe-, a promoción en feiras e a elaboración de paquetes turísticos; e a educación ambiental.

Defendeu que o valor dos espazos naturais, tanto a nivel ambiental, paisaxístico como de biodiversidade, é incontestable, pero non é menos certo que os espazos naturais son moito máis que iso: teñen un enorme potencial turístico, social e económico; tal e como sucede coas árbores e formacións senlleiras.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Radio Estrada emitirá os mércores, a partir do día 7, un espazo adicada á busca de emprego

É unha iniciativa que pon en marcha xunto co Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural

 

O Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural da Estrada e Radio Estrada van poñer en marcha un proxecto orientando á busca de emprego. A idea consiste na emisión dun espazo adicado á mellorar esta busca e usar as ferramentas adecuadas á hora de comezar un proceso de selección para poder optar a un posto de traballo.

Desta maneira, nese novo espazo trataranse temas como o currículo, as entrevistas de traballo, entre outros. Esta iniciativa ten como obxectivo facilitar a empregabilidade dos cidadáns que se atopen na busca activa de emprego ou tamén daqueles que estean pensando en cambiar de traballo. Aportarase as ferramentas que resulten útiles e de maneira xeneralizada e sempre empregando unha linguaxe sinxela e accesible para todos os oíntes.

Ademais, para profundar neste tema o programa contará coa intervención puntual de persoas expertas en diferentes ámbitos relacionados con esta materia e que aportarán o seu punto de vista. Así mesmo, un dos aspectos máis interesantes desta proposta é que calquera persoa poderá participar no programa deixando as súas dúbidas ou comentarios no número de Whatsapp 644 165 966 ou no correo electrónico galeria2.0@gmail.com

Este novo espazo xa ten data e o seu estreo será o mércores día 7 de febreiro. A partir de aí emitirase  todos os mércores entre as 11.15 e as 11.30 horas dentro do programa A Galería no 107.7 FM  e tamén se poderá seguir en directo a través da web www.radioestrada.com

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O relanzamento da Feira do Moble pasa por representar ao sector local e posicionalo a través da rede

Representantes dos grupos políticos da Estrada e empresarios reuníronse para buscar solucións

 

A sede da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada reuniu o luns pola noite a representantes de todos os grupos políticos, así como a empresarios do sector local do moble e da madeira co obxectivo de impulsar a Feira do Moble que se celebrará no mes de setembro. O alcalde da Estrada, José López, incidiu na importancia de reinvertarse para que esta cita recupere o seu gran éxito de anos anteriores. Os presentes, que seguirán traballando durante os meses previos a súa celebración, asumen a importancia de traballar en conxunto para impulsar ao sector e para que a fundación e a feira volvan a ser un escaparate atractivo e referente en toda en Galicia.

 

“Sabemos que estamos pasando por un momento complexo, o mercado baixou moito, porque no que é a construción de vivendas houbo unha redución considerable e iso inevitablemente xera un prexuízo no sector”, xustifica o alcalde o que adianta que “o que temos que facer agora é repensar o papel que xoga a Fundación de Exposicións e Congresos e a Feira do Moble para o sector”. Durante a reunión, o rexedor transmitiulles claramente aos presentes que “a Feira do Moble é unha ferramenta, e como tal ten que ser útil. Se temos unha institución, como é a Fundación de Exposicións e Congresos, que ten un orzamento anual que se financia coa organización de eventos feirais, pero tamén coa achega das Administracións, e esa ferramenta non está sendo útil para o sector ou cambiamos a ferramenta e a actualizamos ou evidentemente non terá sentido que siga funcionando”.

 

O mandatario está convencido de que se debe apostar pola primeira opción. “Temos que repensar a fundación, repensar o seu papel e temos que volvela a converter no escaparate útil para o sector. E nesa liña o que fixemos onte foi reunirnos con representantes das empresas máis importantes do sector do moble e da madeira da Estrada”. López agradece a presenza masiva de asistentes á reunión, tanto aos empresarios, como aos representantes dos distintos grupos políticos “porque entre todos temos que buscar esa alternativa que ademais nos corresponde e é a nosa responsabilidade”.

 

O alcalde sinala que se volverán reunir e traballarán para que a Feira do Moble volva ser o que foi. “ A Feira do Moble sempre foi o gran escaparate do moble en Galicia e ten que seguir séndoo. O sector mudou e evolucionou e a feira tamén ten que acompañar a ese cambio e temos que seguir sendo útiles”. López considera que “co traballo de todos a feira deste ano ten que ser unha feira de transición e temos que conseguir ese punto de inflexión e o cambio tense que producir agora no 2018 e temos que volver outra vez a relanzar o recinto feiral”. O alcalde é consciente de que A Estrada “é a capital do moble de Galicia e por iso a fundación e a feira teñen que ser o gran escaparate, e non o están sendo. E sabemos que o sector está mellor ca nunca, a economía da  Estrada segue dependendo dunha maneira moi importante do sector do moble e da madeira, pero a fundación ten que reinventarse”.

 

Entre as alternativas para relanzar a fundación, e polo tanto a feira, pasa primeiramente por impulsala a través das novas tecnoloxías. “O escaparate aínda que sexa unha escaparate físico, o virtual, hoxe en día, é o predomina no mercado, por iso seguramente a fundación ten que traballar para posicionar aos nosos empresarios en Internet, na rede”. O alcalde transmite a importancia desta idea xa que “a través da rede fanse unha cantidade de contactos, danse a coñecer unha gran cantidade de produtos e sobre todo, o valor engadido que ten o moble da Estrada é que é un moble de calidade, un moble axustable ás necesidades de cada un e sobre todo, é un moble moi polivalente que podemos adaptar a calquera situación, en calquera circunstancia e podemos comercializalo en calquera sitio do mundo”. Segundo o rexedor  é a fundación que ten que posicionar ao sector estradense nese mercado que existe a nivel global a través das novas tecnoloxías.

 

Ademais o alcalde, á marxe desta tan necesaria promoción, cre que é fundamental “que busquemos a maneira de que o propio sector da Estrada se sinta representado na fundación e que asista ao certame, xa que no último só estiveron catro empresarios, polo que temos que facer atractiva a feira para que os empresarios locais sexan os primeiros que aposten por ela”. Ademais, recalca que “temos produto, calidade e deseño e a xente vén á feira porque é un produto atractivo e segue habendo esa idea de que para ver e comprar mobles hai que ir a Estrada e iso é un valor engadido que temos que potenciar”.

 

Esas son as dúas vías que se barallou onte durante a reunión para relanzar a feira e o propio recinto feiral. López incide en que “pensando única e exclusivamente en que non temos que sustentar a feira, tal e como llo expliquei aos empresarios, porque o problema non é a fundación nin a feira do moble, o problema é que sexa útil para os propios empresarios porque só así terá sentido, senón non ten cabida que a sigamos mantendo”.

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario