O 112 Galicia atendeu unha media de 645 chamadas diarias ao longo de 2017

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, xunto co xerente da AXEGA, Marcos Araújo, presentaron hoxe na Estrada o balance anual do servizo, que constata que unha de cada catro das chamadas recibidas derivaron na mobilización dos recursos de emerxencias

Neste senso, sinalaron que o 112 Galicia fixo fronte á xestión dun 7 por cento máis de incidencias con respecto ao 2016 e un 15 por cento en relación a 2015

Os usuarios do 112 Galicia manteñen no 94% o seu grao de satisfacción co servizo prestado, o mesmo valor que en 2016
 O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, 112 Galicia atendeu unha media de 645 chamadas diarias ao longo de 2017. En concreto, ao peche do exercicio, estas comunicacións sumaron un total de 1.014.103 con picos altos concentrados nos meses de verán (xuño, xullo e agosto) coincidindo coa época do ano na que se recibiu o maior número de visitantes na Comunidade galega.

Estes son algúns dos datos que se extraen do balance anual da actividade do servizo galego de atención e xestión das emerxencias e que hoxe presentaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, no transcurso dunha rolda de prensa que tivo lugar no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

Así, segundo a información recompilada durante o 2017, o director xeral sinalou que unha de cada catro chamadas recibidas derivaron nunha situación de emerxencia, isto é, comportaron a mobilización de medios e recursos de intervención.

Tamén sinalar que se mantén a tendencia á baixa das chamadas denominadas maliciosas, de modo que, durante o pasado exercicio, situáronse arredor do 6 por cento, igual que en 2016. Con todo, o director xeral de Emerxencias e Interior reiterou a importancia de seguir concienciando á poboación sobre a necesidade de facer un uso responsable do servizo de emerxencias e recordou que este tipo de chamadas reciben un tratamento específico que permite reducir o fluxo e diferenciar entre falsas alarmas intencionadas, reincidentes e menores.

Un 7 por cento máis de incidencias xestionadas

Sobre o número de incidencias xestionadas, Luís Menor indicou que, en 2017, o 112 Galicia fixo fronte a un 7 por cento de emerxencias máis que en 2016, polo que consolídase a liña ascendente rexistrada nos últimos anos con respecto ao número de emerxencias xestionadas e confirma o uso cada vez máis responsable do servizo.

Concretamente, foron 237.973 as incidencias xestionadas no pasado exercicio, que implicaron a mobilización de recursos – profesionais sanitarios, axentes de seguridade, bombeiros, grupos de intervención e voluntarios de protección civil e persoal de limpeza e mantemento de estradas- en preto de 380.000 ocasións.

Cómpre sinalar que o maior número destas intervencións –preto do 30 por cento- estivo relacionado coa prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, mentres que o 28 por cento se referiu á asistencia sanitaria. Tamén destacan as incidencias vinculadas á recollida de animais mortos, abandonados ou soltos, así como á formación de enxames abellas e avespas ou pragas, como a da velutina, que supuxeron o 20 por cento do total de incidencias xestionadas polo 112 Galicia en 2017.

Do mesmo xeito, sobresaen as emerxencias nas que se requiriron as forzas de seguridade (13 por cento) seguidas dos accidentes de tráfico (8 por cento).

O 112 na Estrada

En resumo, un total de 237.973 incidencias e 1.014.103 chamadas, das cales máis do 70 por cento xa foron atendidas e xestionadas desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia estreado no pasado mes de abril no concello pontevedrés da Estrada. Un complexo de máis de 4.600 metros cadrados, que multiplica nun 125% a capacidade de resposta ao cidadán e que está en funcionamento dende o pasado 19 de abril.

Mantense o grao de satisfacción

Ademais, segundo as consultas realizadas aos usuarios do 112 Galicia, consolídase o alto grao de satisfacción co servizo prestado polo novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias. Así, o 94% das persoas enquisadas nestes últimos meses consideran que a súa chamada ao 112 Galicia foi rápida e o trato recibido polo persoal da central resultou cordial e dilixente. Tamén cualifican o servizo de emerxencias como útil e preciso (o 99 por cento dos consultados). A cualificación obtida no balance deste primeiro semestre do ano é a mesma que a acadada no informe anual do ano 2016.

Os datos para a elaboración da enquisa recóllense polo departamento de Calidade do CIAE 112 Galicia, a través dun cuestionario que mensualmente se formula a unha mostra de persoas que contactaron co número de atención de emerxencias.

Mellora da prevención

Por outra banda, a Axencia Galega de Emerxencias ten entre os seus obxectivos previr e anticiparse aos riscos potencias. Para iso, a AXEGA, a través do 112 Galicia, é parte activa de moitos dos simulacros de emerxencias que se realizan en Galicia. Así, durante o 2017, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou 187 simulacros. A maior parte dos exercicios realizáronse en centros educativos, co obxectivo de pór a proba o funcionamento dos seus plans de autoprotección.

Por provincias, na da Coruña contabilizáronse 115 simulacros, mentres que na de Pontevedra 43. En Lugo e Ourense, xestionáronse 17 e 12, respectivamente. 
 

 
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

O Mago Joel, último gañador de Got Talent Magic, actuará no Teatro Principal o 2 de marzo

As entradas xa están á venda no Boliche e na páxina de woutik

 

Con motivo da programación de primavera do Concello da Estrada que se presentarán todas as actividades nos vindeiros días, o televisivo mago cubano Joel, gañador da última edición española do programa Got Talent Magic, dará a coñecer o seu talento o 2 de marzo no Teatro Principal da Estrada ás 21.00 horas. A produtora que organiza o evento xa puxo á venda as entradas, cun prezo anticipado de 10 euros, na cafetería Boliche da Estrada ou a través da páxina web www.woutick.es En billeteira custarán 13 euros.

Este mago autodidacta, cuxo nome é Joel Armando Hernández, realizaba diversos números de maxia por pequenos locais de Madrid, cidade a que chegou en 2014 tras pasar por Barcelona e Suecia. Conseguiu alzarse coa vitoria no programa televisivo cun truco de cartas cun final inesperado no que mesturou a adiviñación cunha impresionante maneira de ordenar as cartas da barralla. De feito, foi considerado polo xurado do certame como o maior talento que pasou por todas as edicións ata o de agora. Incluso foi nomeado por Risto Mejide, o membro do xurado máis esixente, como o ‘Messi da maxia’. Entre os trucos que realizou para ir posicionándose na final destaca o día no que conseguiu pescudar o  código de bloqueo do teléfono do presentador Dani Martín.

Os espectáculos do Mago Joel inclúen números con moedas invisibles que se volven visibles, que se multiplican, que aparecen en lugares que non se agardan para nada; prende con lume billetes de 10 euros na palma da man que ao cerrala recuperan o seu aspecto… En xeral, son trucos que sempre sorprenden dunha maneira moi inesperada e nos que emprega elementos sinxelos da vida cotiá.

A súa paixón pola maxia xa comezou desde que era pequeno, incluso nalgunha das súas entrevistas afirmou que deixou de ir aos aniversarios dos seus amigos senón había un mago. A súa infancia pasouna rodeado de cartas, dados e panos que facía desaparecer. A pesar, de que a súa familia non aceptaba ben esta afección e querían que se adicara a algo máis proveitoso, el continuou con súa formación autodidacta. Tivo a sorte de que no seu camiño se lle cruzase un libro de maxia para nenos que o guiou tras os pasos de Houdini e comezou a facer trucos ás súas amizades.

Despois decidiu matricularse na Escola Nacional de Circo, pero non tiña os graos suficientes e non puido ingresar nela. As súas ilusións por adicarse á súa paixón volveron tras ser animado por un profesor seu de Química ao que lle ensinou algún dos seus trucos.

Seguidamente, comezou a facer os seus números no Malecón da Habana e despois en varios hoteis da capital cubana ata que decidiu emigrar a Europa.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Entroido dos Xenerais da Ulla celébrase do 28 de xaneiro ao 3 de marzo

  • O barrio compostelán do Castiñeiriño recupera a celebración do Entroido dos Xenerais da Ulla por primeira vez logo de 40 anos

 

  • O Entroido dos Xenerais da Ulla, Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrase nos Concellos da Comarca.

 

Preto de 30 lugares e parroquias da Comarca da Ulla acollerán este ano altos ou atranques do Entroido dos Xenerais da Ulla. Múltiples asociacións veciñais e comisións de festas organizan cada ano esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, e contan coa colaboración conxunta dos Concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

 

A novidade máis destacable deste ano é a recuperación dos Xenerais da Ulla no barrio compostelán do Castiñeiriño, onde había case 40 anos que non se celebraba esta tradición. Así, o sábado 24 de febreiro, como colofón á temporada do Entroido, a comitiva composta por Xenerais, Correos e os coros de vellos e de bonito, percorrerá a parroquia para rematar cos famosos altos ou atranques no campo da festa.

 

Cabe tamén destacar a consolidación do alto virtual en Facebook entre as parroquias de Bama e Fao, do Concello de Touro, que comezou hoxe, luns 22. Trátase de levar a tradicional batalla dialéctica deste particular Entroido ao entorno on-line, onde gaña o bando cuxos versos acumulen máis “gústame”, pero sobre todo gaña a tradición, que se actualiza e salta dos cabalos ás redes sociais.

 

Ademais, a exposición fotográfica itinerante dos Xenerais da Ulla, visitará este ano os concellos de Teo, A Estrada e Touro. É unha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

 

O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

 

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan representando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

 

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Póñense á venda as entradas para o espectáculo de Pablo Carbonell do día 2

O Teatro Principal da Estrada será escenario o venres 2 de febreiro do espectáculo Phabladas y alguna cantada do actor e cantante Pablo Carbonell. Será ás 21.00 horas. As entradas xa están á venda desde hoxe, luns. Os interesados poden mercalas no departamento de Cultura, sito no segundo andar da Casa Consistorial, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas; na cafetería Boliche, situada na Avenida de Benito Vigo, 74 da Estrada,  en horario comercial, ou a través da páxina web www.woutick.es  En venda anticipada teñen un custe de 10 euros e en billeteira de 13.

Con este show cómico Carbonell contará algúns dos momentos máis graciosos que lle aconteceron ao longo da súa vida. 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Os veciños e veciñas do lugar de Orosa (Orazo) levan dous meses agardando por un contedor do lixo

Xosé Magariños denuncia a deficiente recollida do lixo no rural estradense e insta ao goberno municipal a melloralo e a adherirse ao plan de compostaxe da Deputación de Pontevedra

 

 O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, denuncia “a desesperación dos veciños e veciñas do lugar de Orosa, en Orazo, que non poden botar o lixo no contedor porque este está completamente desfeito e inservíbel para tal función”.
 
O concelleiro nacionalista explica que “un grupo de veciños deste lugar de Orazo puxéronse en contacto co BNG para denunciar o abandono e o pasotismo do concello á hora de repoñer un simple contedor do lixo”. “O que provoca”, explica Magariños, “que teñan que levar o lixo a outros lugares da parroquia co problema que iso lles ocasiona”.
 
Xosé Magariños acusou ao goberno municipal do PP de “andar escasos de reflexos, semella que a ampliación da Alameda consúmelles todas as enerxías, deixando completamente abandonado a súa sorte o rural da Estrada”.
 
O BNG da Estrada non é a primeira vez que denuncia o deficiente servizo de recollida, tanto na vila como no rural. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, “xa non é só que tarden en recoller o lixo ou que haxa contedores rotos como no caso do lugar de Orosa, tamén cómpre mellorar a recollida selectiva de residuos no rural instalando contedores de papel, plásticos e vidro”.
 
«Neste sentido», engadiu Magariños, «tamén queremos facernos eco dunha petición dos veciños e veciñas de Paramá (Santo André de Vea) que se queixan porque non teñen onde botar os plásticos, o que deixa claro que é o goberno municipal o que non ten vontade para reciclar, non así os veciños que o único que atopan son dificultades.»
 
O concelleiro do BNG urxe ao goberno municipal a “repoñer canto antes o contedor de Orosa e a elaborar un plan de mellora da recollida do lixo, que inclúa a reciclaxe e a compostaxe adheríndose ao plan da Deputación de Pontevedra, cousa que xa lle temos pedidos non hai moitos meses”. “A Estrada non pode perder as oportunidades que lle brindan outras administracións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, afirmou Xosé Magariños.
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Rapa das Bestas de Sabucedo contacta con bloggers, medios, axencias e touroperadores en Fitur

 

 A festa, unha das nove internacionais de Galicia, terá lugar do 6 ao 9 de xullo mantendo o programa co formato habitual

 O certame preséntase no stand de Turismo Rías Baixas co cartel promocional e material informativo da edición 2018

-Representantes da Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo desprazáronse a Madrid para presentar, esta mesma mañá, a edición 2018 desta Festa de Interese Turístico Internacional –unha das nove coas que conta Galicia–, que se desenvolverá entre o venres 6 e o luns 9 de xullo. Os membros do colectivo deron a coñecer esta tradición secular no stand da Deputación de Pontevedra no recinto do Ifema xunto co delegado provincial de Turismo, Santos Héctor, e a asesora provincial Ana Doval. No posto de Turismo Rías Baixas na capital madrileña estase a distribuír estes días con moito éxito material promocional actualizado da edición 2018 da Rapa das Bestas de Sabucedo e hoxe mesmo deuse a coñecer o cartel promocional desta cita, que recupera unha imaxe do curro co aloitador Santi Obelleiro tras optar por fotografías da subida ao monte nos anos anteriores. Ademais da presentación, os membros da Rapa mantiveron reunións e contactos con axencias, maioristas de viaxes e touroperadores, algúns deles internacionais, así como con bloggers de diversos países e medios de comunicación especializados –un deles, Miradas Viajeras, tiña unha foto do curro no seu propio material– que amosaron o seu interese pola festa e incluso algúns confirmaron a súa asistencia este ano. Programa 2018 A Rapa das Bestas de Sabucedo aínda non ten completamente pechado o programa de actividades, xa que aínda restan algo máis de cinco meses para a cita, pero xa se está a traballar no mesmo e manterá o seu formato habitual coa subida ao monte a buscar as bestas o venres pola mañá, o Rapasons na primeira noite festiva, os tres curros o sábado pola tarde, o domingo pola mañá e o luns de clausura con fins solidarios e outras actividades paralelas, especialmente de carácter musical. Tamén se traballa nunha posible nova edición da Gala dos Aloitadores no xoves de vésperas. A asociación afronta en 2018 unha edición de gran importancia e agarda poder repetir as cifras tan exitosas acadadas o pasado ano, xa que, coincidindo co 450 aniversario EDICION 2018 6-9 DE XULLO Manolo Cabada | Representante da Rapa das Bestas de Sabucedo | 639 105 098 desta tradición, batéronse récords de asistencia, con 30.000 persoas; de xornalistas acreditados, con 197 dun cento de medios de comunicación e produtoras procedentes de seis países; e de recadación no curro solidario, con 7.776 euros a prol da Fundación Amigos de Galicia.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O programa Integrado de Emprego A Estrada Activa III recibiu 170 candidaturas das que xa se seleccionaron as 85 propostas

O Concello traballa no novo plan de emprego e na posta en marcha de diversos obradoiros laborais

Por terceiro ano consecutivo, a Fundación Cultural A Estrada está xestionando o Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa III, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. É un programa que ten como obxectivo acadar a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego do municipio. O número de participantes do programa integrado é de 85 persoas pertencentes ao colectivo de Persoas desempregadas de longa duración. Esta iniciativa arrancou o pasado 1 de decembro e prologarase ata o 30 de novembro deste ano. Esta mañá Carlos Andújar da Fundación Cultural A Estrada, o alcalde estradense, José López, e o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, recibiron no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) aos 85 seleccionados que se beneficiarán deste programa. A selección comezou o 11 de decembro e presentáronse un total de 170 aspirantes.

O programa A Estrada Activa III contempla un obxectivo de inserción dun 31%, que corresponde a 26 insercións laborais que se levarán a cabo durante 12 meses, dende o pasado mes de decembro ata o 30 de novembro de 2018. Este programa realizará diversas accións: aportará información, orientación e asesoramento; formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas; técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea; habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista; fomento da capacidade emprendedora; prospección empresarial; emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes; prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico-práctico das accións formativas; mobilidade laboral e todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego.

 “É preciso ir coñecendo o perfil de cada un para levar a cabo un itinerario de inserción e formativo con cada un de vós. Dicir que xa  está habendo empresas que se están poñendo en contacto con nós para requirirnos perfís determinados. Tamén xa hai en marcha algunha actividade formativa, como inglés os sábados ou a primeira edición do curso de prevención de riscos. E poñeremos en marcha moi pronto o de carretillero e seguramente, o de actualización dos perfís de administrativo que hai”, apuntou Carlos Andújar que lles pediu aos beneficiarios toda a implicación posible para cumprir con éxito os obxectivos desta iniciativa. Andújar tamén lles comunicou aos presentes que o prazo para apuntarse para obter a certificado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou para a acreditación de postos relacionados coa rama Sociosanitaria está a punto de vencer.

 

Experiencia nestas iniciativas

A Fundación Cultural A Estrada xa xestionou nos últimos dous anos Programas Integrados de Emprego con 60 persoas no que se acadaron as seguintes insercións:

__PIE A Estrada Activa I 2015-2016, incorporación ao mercado laboral de 44 persoas das cales 36 cumpriron no período do plan polo menos tres meses de alta na Seguridade Social.

__PIE A Estrada Activa II 2016-2017, incorporación ao mercado laboral de 51 persoas das cales 32 cumpriron, polo menos, tres meses de alta na Seguridade Social neste período.

“Este ano quixemos ser un pouco máis ambiciosos que en anos anteriores, que faciamos un programa para 60 desempregados, e todas as veces os resultados sempre foron bos, e moitas desas persoas a día de hoxe seguen traballando. Este plan integrado supón un investimento de ao redor de 250.000 euros e poñeranse todos os recursos e medios necesarios para que vós poidades ter esa formación e poidades aproveitar esta oportunidade”, sinalou o alcalde alegando que este tipos de programas son “unha ferramenta moi potente, xa que nos dá todas as facilidades para suplir as carencias que temos e poder competir e entrar no mercado laboral, que cada vez é máis complexo”.

O rexedor adiantou que neste primeiro trimestre o Concello poñerá en marcha un novo Plan de Emprego do que evidentemente tamén se poden beneficiar estes 85 participantes deste programa e este novo plan  proporcionará postos de traballo dun ano de duración aportando experiencia nun posto de traballo da xestión municipal. Tamén se levaran a cabo diversos obradoiros de emprego que “sairán este mes e que desta vez será, máis probable, de nove meses, e non de seis como ata os de agora”, explicou López. Os obradoiros teñen unha parte formativa e outra de práctica laboral remunerada e os beneficiarios recibirán un certificado de profesionalidade.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario