Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará na Estrada o 26 e o 27

A Praza da Constitución (Praza do Concello) acollerá, como xa é habitual a finais de mes, unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. Será o venres 26 e o sábado 27. Os interesados en doar sangue poderán facelo o venres pola mañá de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas e o sábado de 10.00 a 15.00 horas.

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneas a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Cada día precísanse dunhas 500 doazóns de sangue para poder axudar a centos de enfermos.

Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.

Poderán doar sangue as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e que sexan maiores de idade. Os doantes maiores de 65 anos poderán seguilo facendo sempre que conten co permiso do seu médico de cabeceira.

Os doantes deben acudir coa tarxeta de doador, co DNI ou cun documento similar, comunicándolle ao médico se están tomando algún medicamento.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Servizos Sociais abre mañá o prazo para anotarse nas actividades de musicoterapia xerontolóxica

O departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, liderado por Amalia Goldar, organiza de novo este ano actividades de musicoterapia xerontolóxica. Esta iniciativa vai dirixida ás persoas maiores de 60 anos e levaranse a cabo entre febreiro e xuño. O prazo para anotarse comenzará mañá, mércores día 17, e rematará o día 29.

“Son actividades que sempre teñen un gran éxito e están encamiñadas a favorecer a convivencia e a integración promovendo desta maneira, a vida activa e a participación social”, apunta Goldar. Este será o segundo ano consecutivo que se levan a cabo, despois da realización dun programa piloto de tres meses hai tres anos, que a súa boa aceptación propiciou a que o departamento apostase por esta iniciativa. Desde o ano 1993 o Concello está promovendo diversas actividades de carácter lúdico e formativo dirixidas ao maiores, tales como as viaxes do Imserso, o programa de termalismo diúrno, entre outras.

As actividades levaranse a cabo desde o 5 de febreiro ata o 20 de xuño e do 3 de setembro ata o 19 de decembro durante dous días a semana con xornadas en grupo dunha hora de duración. Terán lugar nas instalacións  do Novo Mercado, na primeira planta, os luns e os mércores en horario de 17.00 a 18.00 horas e de 18.00 a 19.00 horas, dividindo aos participantes en dous grupos. O custe total da actividade, que se poderá fraccionar o pago en dúas veces, será de 30 euros. O prazo para anotarse comeza mañá, día 17, e rematará o 29 de xaneiro. Os interesados deben cubrir un formulario no departamento de Servizos Sociais, situado na planta baixa da Casa Consistorial.

Para poder participar os interesados deberán ter máis de 60 anos, estar empadroados na Estrada e tamén poderán asistir os estradenses que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Deberá haber un mínimo de dez persoas por grupo para poder realizala a actividade.

Os obxectivos deste programa son, entre outros, mellorar a coordinación funcional, o equilibrio, a mobilidade, e en xeral o desenvolvemento de actividades psicomotrices mediante a musicoterapia; restablecer a independencia das persoas maiores mediante a interelación grupal, reforzando os diferentes parámetros psicomotrices; tonificar a musculatura corporalmente á actividade física e ampliar o rango de mobilidade articular; apoiar e incentivar a creación de grupos autónomos de actividade; traballar a capacidade memorística dos participantes; potenciar o desenvolvemento de capacidades, habilidade e destrezas das persoas participantes promovendo actividades socio-culturais e ocupacionais; fomentar a igualdade de xénero entre os participantes realizando actividades nas que poidan participar indistintamente homes e mulleres e promovela a integración de persoas e colectivos en situación de desvantaxe social, fomentando actividades grupais normalizadoras de ocupación de tempo de lecer.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O MOME acollerá o mércores unha charla informativa sobre o recoñecemento e acreditación das competencias profesionais

O Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural da Estrada convoca para o vindeiro mércores, día 17, unha charla informativa sobre o Proceso de recoñecemento e acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral en Galicia. Será ás 20.00 horas no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME).

O obxectivo da acreditación de competencias é avaliar e acreditar as competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación. Durante esa xornada abordaranse as seguintes unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais: Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, servizos para o control de pragas, xestión de servizos para o control de organismos nocivos, socorrismo en espazos acuáticos naturais, administración e xestión, agraria, edificación e obra civil, fabricación mecánica, hostalería e turismo, imaxe e son, socorrismo en instalacións acuáticas, extinción de incendios e salvamento, tanatopraxia, operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a contixencias no medio natural e rural, confección e mantemento de artes e aparellos, comercio e mercadotecnia, imaxe persoal, enerxía e auga, electricidade e electrónica, industrias alimentarias,  informática e comunicacións, instalacións e mantemento, química, sanidade, servizos socioculturais e á comunidade, transporte e mantemento de vehículos e madeira, moble e cortiza.

Nos vindeiros días o Servizo de Emprego habilitará unha aula de formación con equipamento informático e asesoramento individualizado para realizar a prescrición neste procedemento.

As persoas que desexen anotarse poden chamar ao 986 570 997 ou enviar un correo cos datos de contacto ao e-mail aedlestrada@gmail.com

Publicado en Portada | Deja un comentario

Un proxecto de innovación porá en valor o sistema tradicional de cabalos bravos no monte de Sabucedo

 A iniciativa, que parte dun grupo operativo liderado por Rapa das Bestas, inclúe seguemento das reses con GPS e drons

 Buscarase valorizar os servizos que prestan estes animais e minimizar os conflitos sociais derivados da súa presenza

 

– A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo, a Universidade da Coruña, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a empresa 3EDATA desenvolverán, nos próximos dous anos, un proxecto innovador para mellorar a xestión dos cabalos bravos do monte. O proxecto vertébrase en accións de carácter tecnolóxico e de divulgación. As primeiras buscan facilitar o manexo, minimizar problemas e adquirir coñecemento práctico sobre o uso dos cabalos como ferramenta de xestión forestal. As segundas está orientadas a mellorar a visión que a sociedade ten desta actividade. Este proxecto conseguiu financiación na convocatoria de “axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI)”, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O proxecto xurdiu cando no pasado xuño, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo constituíu un grupo operativo de innovación contando cunha axuda da Xunta de Galicia para a “creación de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal”. O propósito era conformar un equipo de traballo destinado a identificar e analizar os diversos problemas aos que se enfronta a poboación de cabalos bravos nos montes de Galicia e o seu manexo tradicional, e definir un proxecto innovador centrado na solución dos problemas identificados.

Este grupo operativo aglutina unha serie de entidades públicas e privadas con interese na continuidade das poboacións de cabalos bravos no monte e do seu manexo tradicional. Están incluídas tres asociacións de besteiros (ou propietarios de bestas, que é como se denominan popularmente estes équidos): Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), que lidera o grupo; a Asociación de Gandeiros de Cabalos do Monte da Groba (Baiona); e o Monte de Carballo (Friol). Por outra banda, inclúe organismos investigadores de diferentes áreas de estudo relacionados co cabalo: Universidade da Coruña, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, do INGACAL, e Centro Tecnolóxico da Carne. Tamén inclúe entidades que desenvolven varias actividades de promoción e asesoramento a produtores de equino (PURAGA), EDICION 2018 6-9 DE XULLO Henrique Bazal | Presidente de A Rapa das Bestas de Sabucedo | 609 904 544 entidades relacionadas coa conservación da natureza (Asociación Galega de Custodia do Territorio), e entidades con experiencia na vertente cultural e antropolóxica destes cabalos e os curros ou rapas (Instituto de Estudos Miñoráns). Completa o grupo 3EDATA, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela. No proxecto empregaranse solucións innovadoras no manexo dos animais e a súa contorna como a marcaxe dos cabalos con GPS, o uso de drons para a localización dos animais nas zonas máis remotas e inaccesibles e peches que eviten accidentes de tráfico, ademais doutras medidas para a posta en valor dos cabalos bravos. Entre os obxectivos están evitar os conflitos entre besteiros e propietarios forestais e diminuír o risco de lumes empregando os cabalos para a redución de biomasa. Os resultados repercutirán directamente sobre a poboación de cabalos de Sabucedo, pero serán de gran interese para besteiros de todas as zonas de Galicia en que se atopan estas poboacións de équidos. Estas novas medidas poderán ser exportadas a outras contornas, colaborando deste xeito no mantemento deste elemento singular galego, de gran valor ecolóxico e cultural.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG pide no Parlamento o arranxo do perigoso cruce de Baloira que leva a San Xiao de Vea, San Xurxo e Cesures

 Desde o BNG da Estrada consideramos que os veciños e veciñas de San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea e Santo André de Vea, así como os que se dirixen a Cesures, non teñen por que xogarse a vida cruzando os tres carrís da PO-841 (A Estrada-Santiago) en Baloira. Recordemos que este perigoso cruce está no medio dunha longa recta, na que se alcanzan altas velocidades, tanto de baixada como de subida. 
 
Neste cruce xa se rexistraron accidentes de distinta consideración e no BNG entendemos que xa son horas de que a Xunta, titular da PO-841, poña solución a este perigoso despropósito, atendendo así as queixas dos usuarios e usuarias desta vía de acceso a San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea, Santo André de Vea e Cesures.
 
Neste sentido, desde o BNG da Estrada anunciamos que solicitaremos o arranxo inmediato e urxente deste cruce a través dunha iniciativa no Parlamento Galego, que rexistrará o deputado Luís Bará.
 
No BNG non entramos a valorar cal sería a solución máis acaida, xa que iso é unha cuestión técnica que terá decidir a Xunta, mais a ninguén se lle escapa que unha boa solución sería un paso subterráneo que permitirá atravesar a PO-841 sen medo e sen que os veciños e veciñas da Estrada se teñan que xogar a vida para chegar ás súas casas.
Publicado en Portada | Deja un comentario

A III Xornada Liga Sur Salvamento Deportivo celebrarase o día 14

 

A III Xornada Liga Sur Salvamento Deportivo terá lugar o domingo 14 na piscina da Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada (Agasp). Ás 10.00 horas competirán os Alevíns, Infantís e Cadetes e ás 16.30 será a quenda dos Xuvenís, Juniors, Absolutos e Máster. Agárdase que haxa ao redor de 200 participantes. Esta mañá a actividade deportiva estivo presentada por Ismael Pena, concelleiro de Deportes, e por Jorge Varela e Alexandre Porto, adestradores do Club Natación de Salvamento da Estrada (CNS). O evento, en colaboración co Concello da Estrada, está organizado polo CNS e pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga).

“Nós este ano estamos medrando, en gran parte gracias ás escolas deportivas municipais e aínda nos falta dar o salto ás categorías superiores, pero xa que somos o club máis novo de salvamento necesitamos tempo para alcanzar ese obxectivo”, sinalou Porto que engadiu que “para o ano a nosa intención é realizar o Campionato Galego de Categorías Inferiores na Estrada”.

Participarán ao redor de 200 deportistas pertencentes a seis clubs diferentes: o da Estrada, SAPO, o de Vilagarcía, Umia, PC de Salvamento e Ourense. Pola mañá, do da Estrada competirán sobre 40 deportistas e pola tarde, ao redor dunha quincena.

 

 

Os interesados poden obter máis información no 696 506 810 ou en facebook.com/clubnatacionesalvamentoaestrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

Unhas 400 persoas competirán no III Campionato Infantil Concello da Estrada

                                                 Será o día 20 no pavillón Coto Ferreiro

 O club Judo Club Base A Estrada, en colaboración co departamento de Deportes do Concello da Estrada,  organiza o III Campionato Infantil Concello da Estrada, que se disputará o día 20 no pavillón Coto Ferreiro. Agárdase que haxa uns 400 participantes, unha cifra que se vai incrementando cada ano, de 11 clubs diferentes.  Ademais, haberá obradoiros, hinchables e diversos sorteos.

No campionato participará as categorías Benjamín A, Benjamín B, Prebenjamín e Alevín. Desde as 10.00 comezarán os Bexamín A e os Alevíns e as 12.00 horas será a quenda dos Benxamín B e dos Prebenxamín. 

Ademais da competición, haberá obradoiros e hinchables para o desfrute de todos, independentemente de se participan ou non na competición, así como un que outro sorteo. “Desde o Concello da Estrada estamos encantados co Club de Judo Base porque encárgase das escolas municipais e o incremento do número de alumnos en judo está sendo considerable”, apuntou esta mañá durante a presentación do evento Ismael Pena, concelleiro de Deportes.

O número de participantes neste campionato tamén vai en aumento, tal e como confesou Xaquín Baldomir, presidente e adestrador do Judo Club Base. “Este ano estimamos superar os 400 inscritos de 11 clubs contando cos nosos”, sinalou Xaquín Baldomir durante a presentación. Desta maneira, o Judo Club Base estará acompañado polo Judo Club Senín de Cambados, o Campolongo de Pontevedra, o Baixo Miño da Guarda, o Judo Club Pontevedra, o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, o Judo Club Terras de Santiago, o colexio Vilas Alborada de Santiago, a Universidade de A Coruña, a Asociación Deportiva Ferrolterra e, sendo unhas das novidades, competirá tamén un club portugués procedente de Viana do Castelo.

“Os obxectivos deste campionato son por unha banda promocionar o noso deporte no concello, de feito faremos promoción tamén nos colexios como no Pérez Viondi e no de Figueiroa a vindeira semana para informar aos nenos. E por outro lado, motivar aos máis pequenos a seguir practicando, posto que non existe competición oficial nestas categorías de idade, así que non nos queda máis remedio aos clubs que, se queremos acostumalos a actividades precompetitivas, organizar pola nosa conta este tipo de competicións”, apunta Baldomir.

Do Judo Club Base a día de hoxe hai 60 inscritos e o prazo para anotarse rematará o mércores e desde a organización prevén incrementar esta cifra.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario