Éxito absoluto do monólogo de Carlos Blanco que esgota entradas

O departamento de Cultura e Moita Merda Producións deciden ofrecer outro pase ese día ás 23.00 horas

Debido á grande expectación que está suscitando o monólogo de Carlos Blanco para o día 19 ás 21.00 horas no Teatro Principal da Estrada, para o que se esgotaron xa as entradas á venda, os responsables de Moita Merda Producións en sintonía co Departamento de Cultura do Concello, decidiron que Blanco realice un segundo pase ás 23.00 horas. As entradas para esta segunda función poñeranse á venda a partir do mércores.

 

As mesmas teñen un prezo anticipado de 10 euros e poden adquirirse no departamento de Cultura, segundo andar do Consistorio, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, ou a través da páxina web www.woutick.es  Será un monólogo no que Blanco fará unha recompilación dos seus mellores espectáculos.

 

Por outra banda, esta semana tamén se poñerán á venda as entradas do espectáculo Phabladas y alguna cantada que o actor e cantante Pablo Carbonell ofrecerá no Teatro Principal o venres 2 de febreiro ás 21.00 horas. As entradas, tamén a 10,00 euros en venda anticipada, poderán retirarse no departamento de Cultura ou na web www.woutick.es a partir do mércores.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG apoia aos veciños e veciñas de Benito Vigo que esixen a retirada da antena de telefonía móbil

A mobilización social, a unidade de acción e a implicación activa do alcalde son a clave para derrotar ao Goliat das antenas e esixir a modificación da Lei Xeral de Telecomunicacións feita para satisfacer os intereses das operadoras de telefonía móbil

O BNG da Estrada apoia a demanda dos veciños e veciñas da Avenida Benito Vigo que piden a retirada dunha antena de telefonía móbil situada nun edificio preto dunha escola infantil. Entendemos ademais que deben ser os propios veciños e veciñas, que rapidamente se organizaron nunha plataforma, os que deben capitalizar todo o protagonismo desta acción reivindicativa, correspondendo ás forzas políticas a función de asesoramento, acompañamento e apoio. 
 
Neste sentido, entendemos que a mobilización social e a unidade de acción, así como a implicación activa do alcalde, son a clave para lograr a retirada desta antena. Este é o camiño, como se ten demostrado en múltiples ocasións, mesmo no noso concello.
 
O principio de precaución
A pesar de que non hai estudos concluíntes sobre a perigosidade deste tipo de artefactos para saúde das persoas, entendemos que o que debe primar é o principio de precaución recoñecido no artigo 3 da Lei 33/2011, Lei Xeral de Saúde Pública, que determina a cesación, prohibición ou limitación dunha actividade sobre a que haxa indicios fundados dunha posíbel afectación grave para a saúde das persoas, e en concretos dos máis cativos, aínda cando haxa incerteza científica sobre o carácter do risco en cuestión.
 
A lei da selva
Desde o BNG tamén alertamos do cambio radical que supuxo a aprobación da Lei Xeral de Telecomunicacións en 2014 a respecto da instalación das antenas de telefonía móbil. Esta lei deu absoluta prioridade ás operadoras de telefonía, catalogando o despregue da tecnoloxía móbil como de “interese xeral”, simplificando enormemente os trámites burocráticos, saltándose completamente a autonomía e o control municipal, e ignorando a participación cidadá na toma de decisións. A Lei Xeral de Telecomunicacións, aprobada polo Congreso e o Senado, é a lei da selva e dá carta branca ás operadoras para situar onde queiran as antenas de telefonía. 
 
Como dixemos, esta lei ata de mans e pés os concellos para limitar e ubicar en sitios concretos a instalación das antenas de telefonía, obviando a autonomía municipal recoñecida na Lei de Bases de Réxime Local para definir o planeamento, xestión, execución e disciplica urbanística, a protección e xestión do patrimonio, a protección contra a contaminación e a protección da salubridade pública, así como a promoción no termo municipal da participación dos veciños e veciñas no uso eficiente e sostíbel das tecnoloxías da información e as comunicacións.
 
Así as cousas, o que nos queda é a mobilización social e a unidade de acción para esixir á operadora a retirada da antena da Avenida de Benito Vigo. Mais cómpre tamén a implicación do alcalde da Estrada para derrotar a Goliat. El, José López, é a máxima autoridade local e súa á responsabilidade é a de atender as demandas da veciñanza.
Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada pon a disposición as instalacións do Viveiro de Empresas para levar a cabo o programa SmartPeme

O proxecto asesorará na Estrada dúas veces ao mes e organizará diversos talleres

 

O proxecto SmartPeme embarca no concello da Estrada a partir do vindeiro mes contando con todo o apoio do Concello co obxectivo de que os emprendedores, empresarios e autónomos se sintan asesorados para levar a cabo a súa actividade, tal e como apuntou o tenente de alcalde, Juan Constenla, esta mañá durante a presentación do programa. O Concello pon á disposición as instalacións do Viveiro de Empresas para levar a cabo esta iniciativa que permita incentivar o traballo dos empresarios neste tempo de crise. Na presentación Constenla estivo acompañado polos deputados Carlos López Font e Javier Dios, por técnicos de SmartPeme, así como representantes da Asociación de Comerciantes da Estrada, da Asociación Comarcal de Empresarios, da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble, da Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra e dos responsables da empresa Central Científica Galega, que acaba de incorporarse hai uns días ao Viveiro de Empresas.

SmartPeme, programa da Deputación de Pontevedra, é unha rede de centros de asesoramento distribuídos polas diferentes comarcas da provincia que ten como obxectivo informar e asesorar sobre o uso e a aplicación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación no eido empresarial. O horario de atención ao público na Estrada será dúas veces ao mes, concretamente o primeiro e o último mércores en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas variando en agosto que será de mañá, de 09.00 a 14.30 horas, e terá lugar no Viveiro de Empresas.  Será un servizo de asesoramento individualizado, totalmente gratuíto, no que cada interesado contará cunha bolsa de 10 horas para poder informarse sobre cada cuestión. A este servizo súmase un asesoramento vía telemática que ofrece unha solución a todas as empresas que non teñen tempo para acudir presencialmente á oficina.  Ademais, tal e como comentaron os técnicos encargados deste proxecto, levarase a cabo un obradoiro cada mes, con posibilidade de ampliar o número segundo a demanda e as necesidades que vaian xurdindo.

Así mesmo, debido a gran influencia do sector agrario e gandeiro en Tabeirós-Terra de Montes, proxectarán un programa piloto para incentivar a implantación das novas tecnoloxías que melloren o rendemento e a produtividade neste sector.

O obxectivo é converter ao Viveiro no seu referente tecnolóxico para asociacións empresariais e os seus asociados nas comarcas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

As inclemencias meteorolóxicas modifican a organización da cabalgata

O Concello da Estrada informa que debido á inestabilidade meteorolóxica de alerta amarela prevista para mañá na provincia de Pontevedra, no caso de poder saír as carrozas reais, estas non contarán coa presenza dos cativos para evitar poñer en risco a súa seguridade. O Concello tomou a decisión esta mañá despois de consultar directamente con responsables de Meteogalicia que confirmaron esa previsión de mal tempo, que en principio, se prolongará ao longo do día orixinando unha xornada caracterizada pola inestabilidade atmosférica.

Desta maneira, e no caso de que o tempo o  permita, a cabalgata sairá ás 18.30 horas, pero sufrindo  algunha modificación no seu percorrido. Así, pasará polas rúa Varela Buxán, pola Avenida Fernando Conde, A Porta do Sol, polas rúas Ulla e Calvo Sotelo, pola Praza de Galicia chegando á rúa Pérez Viondi ata a Avenida de Benito Vigo.

Á marxe do que suceda coa cabalgata, a recepción real terá lugar no Teatro Principal ó redor das 19.00 horas onde os cativos poderán facer as súas peticións ás súas Maxestades.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG apoia aos veciños e veciñas de Benito Vigo que esixen a retirada da antena de telefonía móbil

A mobilización social, a unidade de acción  e a implicación activa do alcalde son a clave para derrotar ao Goliat das antenas e esixir a modificación da Lei Xeral de Telecomunicacións feita para satisfacer os intereses das operadoras de telefonía móbil

 

 O BNG da Estrada apoia a demanda dos veciños e veciñas da Avenida Benito Vigo que piden a retirada dunha antena de telefonía móbil situada nun edificio preto dunha escola infantil. Entendemos ademais que deben ser os propios veciños e veciñas, que rapidamente se organizaron nunha plataforma, os que deben capitalizar todo o protagonismo desta acción reivindicativa, correspondendo ás forzas políticas a función de asesoramento, acompañamento e apoio. 
 
Neste sentido instamos a todos os veciños e veciñas a participar na concentración programada pola plataforma para o xoves 4 antes do pleno do concello, onde tamén se acollerán ao seu dereito a intervir e facer o rogo correspondente ao alcalde da Estrada.
 
O principio de precaución
A pesar de que non hai estudos concluíntes sobre a perigosidade deste tipo de artefactos para saúde das persoas, entendemos que o que debe primar é o principio de precaución recoñecido no artigo na Lei 33/2011, Lei Xeral de Saúde Pública, que determina a cesación, prohibición ou limitación dunha actividade sobre a que haxa indicios fundados dunha posíbel afectación grave para a saúde das persoas, e en concretos dos máis cativos, aínda cando haxa incerteza científica sobre o carácter do risco en cuestión.
 
A lei da selva
Desde o BNG tamén alertamos do cambio radical que supuxo a aprobación da Lei Xeral de Telecomunicacións en 2014 a respecto da instalación das antenas de telefonía móbil. Esta lei deu absoluta prioridade ás operadoras de telefonía, catalogando o despregue da tecnoloxía móbil como de “interese xeral”, simplificando enormemente os trámites burocráticos, saltándose completamente a autonomía e o control municipal, e ignorando a participación cidadá na toma de decisións. A Lei Xeral de Telecomunicacións, aprobada polo Congreso e o Senado, é a lei da selva e dá carta branca ás operadoras para situar onde queiran as antenas de telefonía. 
 
Como dixemos, esta lei ata de mans e pés os concellos para limitar e ubicar en sitios concretos a instalación das antenas de telefonía, -tal e como pedíamos en 2012, cando había intencións de colocar unh destes aparatos no campanario da igrexa da Estrada-, obviando a autonomía municipal recoñecida na Lei de Bases de Réxime Local para definir o planeamento, xestión, execución e disciplica urbanística, a protección e xestión do patrimonio, a protección contra a contaminación e a protección da salubridade pública, así como a promoción no termo municipal da participación dos veciños e veciñas no uso eficiente e sostíbel das tecnoloxías da información e as comunicacións.
 
Así as cousas, o que nos queda é a mobilización social e a unidade de acción para esixir á operadora a retirada da antena da Avenida de Benito Vigo. Mais cómpre tamén a implicación do alcalde da Estrada para derrotar a Goliat. El, José López, é a máxima autoridade local e a súa  responsabilidade é a de atender as demandas da veciñanza.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Para o BNG da Estrada a Torre de Guimarei é unha oportunidade, non un problema como di o Alcalde

O BNG da Estrada manifesta o seu total rexeitamento ás palabras do alcalde sobre a Torre de Guimarei. É vergoñento que un rexedor municipal diga que “non sabería que facer” coa Torre e o Pazo de Guimarei, un monumento patrimonial emblemático da Estrada, situado a escasos metros da vila.
 
Cando pensamos que por fin se acababa o 2017 sen ningún despropósito máis dos que xa se perpetraron ao longo do ano, despertamos o día 31, día de Noitevella, cunha nova mostra da incapacidade do goberno municipal do PP, encabezado polo Sr. López.
 
Desde o BNG consideramos que as manifestacións verquidas polo Sr. López son a antítese do que debe facer un goberno e o seu máximo responsable:  no canto de loitar por un patrimonio que forma parte da historia desta Terra e que debidamente posto en valor significaría un espazo público de lecer que podería dar ademais soporte a múltiples iniciativas relacionadas co coñecemento e a divulgación do noso pasado e coa dinamización do presente e futuro, o que propón o alcalde é desprezalo e esquecelo, pois representa un problema que lle queima nas mans.
 
Consideramos desde o BNG que é inadmisible que un goberno municipal que se prece, afirme sen pudor que non sabe que é o que se podería facer con un ben patrimonial desta magnitude. Ou ben non hai vontade política de ningunha caste ou é que non hai ollos na cara para ver que noutras latitudes si souberon que facer co seu patrimonio, como por exemplo, o Castelo de Vimianzo, co castro de Castrolandín e a Fundación Terra Termarum en Cuntis, co Centro de interpretación do patrimonio prehistórico en Boiro, co patrimonio da vila de Allariz, co Parque do Pasatempo en Betanzos, co cemiterio gremial de Santa María A Nova de Noia… e un longuísimo etc.
 
O alcalde da Estrada non pode, polo tanto, dicirlle aos veciños e veciñas que non sabería que facer coa Torre e os seus arredores, porque o que está a dicir é que lle queda grande o cargo de alcalde. 
 
Por todos estes motivos, o BNG insta ao Sr. López a cambiar a súa actitude de menosprezo cara o noso patrimonio e implicarse na recuperación e posta en valor da Torre e o Pazo de Guimarei para o pobo da Estrada.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Os responsables das empresas asociadas ao viveiro da Estrada consideran que esta iniciativa lles permitiu darse a coñecer e publicitarse

 

O viveiro de empresas da Estrada vén de cumprir o seu primeiro ano de vida, e o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, ten en mente poñer en marcha diversas actividades de cara ao 2018 para aumentar a súa ocupación. De feito, en xaneiro incorporarase unha nova firma: a Central Científica Galega, entidade que ten como obxectivo proporcionar servizos de carácter científico-técnico para o control ambiental. Un viveiro ou centro de empresas ofrece a baixo custes instalacións e servizos que serven para a creación de empresas e para apoiar aos emprendedores que deciden apostar pola súa idea e transformala en negocio. Os responsables das empresas asociadas ao viveiro estradense coinciden en que esta foi unha gran oportunidade para levar a cabo ou fomentar o seu proxecto. Algunhas das firmas o que lles custa máis adaptarse, e quizais sexa, un dos principais atrancos para incorporarse a esta iniciativa, é o sistema de coworking. Sen embargo, os espazos de coworking están brotando cada vez máis e isto é o reflexo da aparición de novos modelos e de novas expectativas no mundo dos negocios e da sociedade, en xeral.

“Comenzamos con moita forza impulsando un programa bastante novidoso, Mens sana in córpore sano: traballo ben feito, e conseguimos gañar bastantes adeptos, adeptos por outra parte, de empresas pequenas e/ou autónomos, non de empresas grandes con varios traballadores, como era a nosa intención”, apunta Guillermo Martínez, do Centro Wellness Absolute. Pola súa parte, Lorena Penas, de Actualizados Comunicación, considera de “moi boa” esta experiencia “aínda que nós o utilizamos para facer reunións con clientes, non para o noso traballo diario, pero si que é unha plataforma que nós axudou a dar outra imaxe como empresa”.

As empresas asentadas coinciden en que toda a publicidade que se fai desde o Concello do viveiro de empresas repercute favorablemente nos seus proxectos e que só por isto xa contribuíu a darse a coñecer entre máis xente. “Serviunos para ter unha imaxe de cara o público”, apunta Penas ao que se suma Martínez: “Hoxe en día estar no viveiro de empresas serviunos para publicitarnos”. A responsable doutra das empresas afirma que “é moi positivo formar parte desta iniciativa e tamén é moi vantaxoso porque ofrecen moitas facilidades para as empresas que estamos empezando”. Para Begoña Alonso de Mo Rentals esta experiencia tamén lle está sendo moi positiva. “Estou encantada e sempre animo á xente que traballa desde a casa a ocupar aquí un espazo porque fai que saias da rutina, mantés un horario e serve para que a xente te coñeza máis e darlle unha imaxe a túa empresa”.  

Na actualidade, o viveiro de empresas conta con 10 espazos de coworking e están ocupados o 50%. “Cambiaríamos a distribución do viveiro, xa que botamos en falta máis intimidade e que as empresas estean divididas por oficinas e non por armarios”, confesa a responsable de Actualizados Comunicación. Esta falta de privacidade tamén a bota en falta a responsable de Mo Rentals. Pero precisamente, ese equipamento a modo de coworking é a esencia dunha iniciativa como esta. O prezo de ocupación de cada un destes espazos é de 50 euros mensuais que inclúe acceso a Internet e teléfono, luz e calefacción e servizo de reprografía. Cada oficina conta cunha mesa, cadeiras e diverso mobiliario como un armario e un estante. “Considero que as instalacións son excelentes para traballar e recibir clientes”, afirma Martínez. Nesta mesma liña, Penas considera que “ as oficinas son perfectas para aqueles que comezan un proxecto novo”.

 Tal e como establecen as bases, os emprendedores poderán gozar das instalacións e servizos do viveiro durante dous anos prorrogables a un máis.

De cara a mellorar o futuro do viveiro, finalidade á que se suma Óscar Durán co obxectivo de que o vindeiro ano se alcance unha total ocupación, as empresas asociadas apostan por incrementar a súa promoción e organizar máis actividades no mesmo. “Creo que sería necesario unha avaliación e un axuste da oferta, ben traballando prezo, ou facilitando a marxe de condicións para ocupar un sitio no viveiro”, engade o responsable do Centro Wellness Absolute. Martínez cre que esta falta de demanda no viveiro débese sobre todo “debido ás dificultades que temos na actualidade para crear e soster empresas. A inactividade do viveiro é fiel reflexo do que vivimos nas rúas da Estrada, sen falar da tendencia conservadora dunha empresa xa asentada, natural, creo eu”. Begoña Alonso reclama unha maior publicidade na entrada do Novo Mercado para que o público teña constancia das empresas que se sitúan no viveiro de empresas, algo que desde o Concello levarán a cabo en vindeiros meses.

Publicado en Portada | Deja un comentario