Póñense á venda as entradas para a gala de Nadal do Teleclub da Comedia

 

 

A gala de Nadal do Teleclub da Comedia celebrarase o día 29 ás 21.00 horas no Teatro Principal.  As entradas, que teñen un custe de 5 euros, póñense á venda  en Calzados A Esquina, Rúa Calvo Sotelo,22, e a partires de hoxeno departamento de Cultura, segundo andar do Consistorio, en horario neste último lugar de 09.00 a 14.00 horas.

  

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Selección da Estrada e o C.D. Estradense disputan o 27 un partido a favor de Apacraf

O deporte e a solidariedade irán da man o vindeiro día 27 de decembro xa que o Estadio Municipal da Estrada acollerá, a partir das 20.30 horas, un partido benéfico entre a Selección da Estrada e o Club Deportivo Estradense. Este encontro está organizado polo Club Deportivo Berres en favor da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (Apacaf), que ten o seu centro en A Braña, en Berres. O obxectivo é recadar fondos para contribuír co traballo que realizan día a día esta entidade. O ano pasado recadaron con esta mesma iniciativa 1.800 euros. Esta mañá o evento foi presentado polo alcalde da Estrada,José López, por Eduardo Múñiz “Tinto” seleccionador da Estrada, por Juan Rivadulla, presidente do Club Deportivo de Berres e presidente do comité organizativo deste evento, por Toño Camba, presidente do Club Estradense, por Candela Rey, usuaria do centro da Braña, por María García representante deste mesmo centro e Alba Aller, vogal da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE).

Os interesados en asistir e contribuír con esta causa deberán mercar as entradas polo prezo de  5 euros que se poñerán a venda en diversos comercios ou venderanas directamente os organizadores. O acceso será gratuíto para as categorías inferiores.  “Para nós isto parécenos unha iniciativa fantástica e que o pasado ano foi un éxito. O gran traballo que fai Apacaf merece toda a axuda que poidamos aportar desde as institucións e tamén con este tipo de iniciativas, que sempre son benvidas”, indica José López.

Este ano houbo que cambiar a data por coincidir co partido do Club Deportivo Estradense, debido á xornada de Liga, que se tivo que se pospoñer pola cicloxénese Ana.

Nos descanso sorteáranse entre os asistentes ao partido dous vales de compra de 50 euros doados por ACOE. O ano pasado recadáronse 1.800 euros que foron destinados, tal e como comentou María García do centro da Braña, para unha aula multiusos que aínda non acabaron e que pretenden seguir acondicionando co diñeiro alcanzado neste novo partido, no que participarán xogadores dos distintos clubs estradenses e dos concellos limítrofes.

Apacaf atende na actualidade a 34 usuarios e oito deles residen no centro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará na Estrada o día 28

A Praza da Constitución (Praza do Concello) acollerá unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia o vindeiro xoves, día 28. Os interesados en doar sangue poderán facelo pola mañá de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 21.00 horas.

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneas a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Cada día precísanse dunhas 500 doazóns de sangue para poder axudar a centos de enfermos.

Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Un centenar de músicos actuarán no Concerto de Nadal do sábado no Teatro Principal

A Coral Polifónica Estradense estará acompañada pola Banda Municipal da Estrada  e pola Coral Polifónica de Soutomaior

 

A Coral Polifónica Estradense, que celebra o seu 20 aniversario este ano, amenizará este sábado, día 23, o seu tradicional Concerto de Nadal. Será ás 21.00 horas no Teatro Principal e contará coa colaboración da Banda Municipal da Estrada e coa Coral Polifónica de Soutomaior. A entrada é de balde e os interesados en asistir deberán retirar previamente as invitacións no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Consistorio, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou media hora antes na billeteira do teatro o día da actuación. “Tivemos a oportunidade de comprobar esta pasada fin de semana cos concertos dos coros parroquiais e o recital do Pazo de Oca a gran afección que hai na Estrada á música coral. Esta afección débese,en gran parte, ao traballo que dende a Coral Polifónica Estradense se vén facendo desde que se fundou no 97”, apuntou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, esta mañá durante a presentación do evento. Constenla estivo acompañado por Xabier Comesaña, director de ambas agrupacións estradenses, e por Ramiro Sánchez, compoñente da coral e membro da directiva.

Baixo a batuta do seu director, Xabier Comesaña, a actuación dividirase en tres partes. Na primeira actuará a Coral Polifónica estradense a capella, polo tanto sen acompañamento instrumental, que interpretará dúas obras do repertorio inicial do ano 1997. Seguidamente, a coral xunto a coral convidada cantarán, tamén a capella, outras dúas pezas. Por último, será a quenda de intervención da Banda Municipal da Estrada. Esta será a actuación principal na que interpretarán obras que resumen os 20 anos da coral. Actuarán ambas corais contando co acompañamento instrumental da banda estradense.

Así a coral estradense interpretará Foliada de Compostela e Nouturnio en solitario, despois en compañía  da coral de Soutomaior cantarán Ay Linda Amiga e Suite comercial navideña e por último, as tres agrupacións interpretarán: Va Pensiero, Jerusalem, La del Soto del Parral, Luísa Fernanda Mazurca de las sombrillas, La Verbena de la Paloma Habanera-Seguidillas, Katiuska Coro de los cosacos, Negra Sombra, Un beso y una flor, Quizás, quizás, quizás,  Abba Mamma Mía e Marcha Radezky.  Desta maneira, haberá tres pezas do xénero galego, tres de polifonía a capella, catro de Zarzuela, tres do xénero clásico-popular e tres do xénero pop-clásicos. Algunhas destas pezas aparecen no novo CD da agrupación, gravado en directo no festival de Nadal do ano pasado, que leva por nome Sorriso de Burbullas.

“Creo que vai ser un concerto diferente ao dos outros anos e teño que darlles a noraboa aos coralistas porque levan traballando moitísimo, con moitísima dedicación, con moitos ensaios á semana de moitas horas”, apunta Comesaña que tamén agradece a dedicación da Coral Polifónica de Soutomaior e da Banda Municipal da Estrada.

No escenario actuarán un centenar de coralistas e músicos, entre eles estarán uns 17 excoralistas que pasaron pola formación polifónica durante esta vintena de anos de existencia musical e que se sumaron a esta cita para festexar o aniversario. “Estas novas reincorporacións están desfrutando moito e iso nótase nos ensaios”, apunta Ramiro Sánchez. De feito e tal e como confesa Comesaña, algúns destes excoralistas están pensando en reincorporarse á agrupación.

Durante este longo período a coral interpretou unhas 200 obras vocais que abarcan os xéneros musicais máis variados: coros de ópera, de Zarzuela, clásicas, galegas, habaneras, do século XX, himnos, música iberoamericana, panxoliñas, música sacra, populares, música do Renacemento, entre outros.

A coral leva ás súas costas un gran número de actuacións, tanto no ámbito autonómico, como no nacional e internacional. Actuaron en máis de 60 municipios da xeografía galega. Fixeron intercambios con máis de 90 corais galegas. Levaron a súa música ata París, Suíza, República Checa e Cuba e realizaron tamén intercambios no estranxeiro, concretamente con máis de 20 corais de países como Alemaña, Suíza, Italia, Portugal, Francia e Chequia. “Este sábado a Coral celebra o seu vixésimo aniversario, 20 anos cheos de concertos, intercambios, viaxes por dentro e fóra de Galicia, 20 anos paseando o nome da Estrada por escenarios de medio mundo e espertando en moitos dos nosos veciños a paixón polo canto coral”, apuntou Constenla.

Pola coral pasaron máis de 80 compoñentes durante todos estes anos. Na actualidade, están 40 artistas.

 

Música de cine

 

Comesaña aproveitou a ocasión para falar de proxecto de futuro. O director ten en mente traballar co xénero musical do cine. “É un apartado que non temos nada e no que hai moita riqueza musical e seguramente a partir de xaneiro empezaremos con este novo proxecto, que é a música de cine”.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A empresa Central Científica Galega incorpórase en xaneiro ao Viveiro de Empresas da Estrada

No mes de xaneiro o Viveiro de Empresas da Estrada contará cunha nova empresa. Trátase da Central Científica Galega. Esta mañá reuniuse o comité da executiva de seguimento do viveiro de empresas contando coa asistencia do concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, e con representantes da  Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada (ACE), da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) e da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE). Entre os puntos que trataron na orde do día foi a aprobación desta nova incorporación e ademais fixeron un balance deste primeiro ano do viveiro e formularon iniciativas para promocionalo de cara ao vindeiro ano.

“O balance que temos que facer nós, a verdade non é o que agardabamos, pero coa incorporación desta nova empresa deunos unha alegría. A miña idea é que estivera cheo e esa seguirá sendo a nosa intención, a de enchelo no 2018. Nós faremos máis promoción. Levaremos a cabo diversas actuacións, como cursos, xornadas de formación para darlle un maior dinamismo”, indica Durán. Aínda que o edil recalca que dita publicidade xa se fixo desde os seus inicios provocando unha gran expectación e que a día de hoxe hai xente que segue preguntando polas condicións e realmente non as cren do boas que son. “Son 50 euros ao mes que inclúe a luz, a calefacción, teléfono, internet e servizo de reprografía  e é un lugar de traballo visible”.

O edil confía en que o viveiro colla pulo e que se animen máis firmas co aumento de actividade no edificio debido a  ocupación a principios de ano do centro de día e da ludoteca. “Ademais agardamos sacar a concesión da cafetería, non a do mercado, senón a cafetería de todo o edificio”, apunta Durán.

 

A nova empresa

 

Central Científica Galega (CCG) ten como obxectivo proporcionar servizos de carácter científico-técnico para o control ambiental. Para iso ofrece solucións tecnolóxicas integrais, innovadoras e accesibles para a detección e monitorización de contaminación ambiental e asesoramento para o control da mesma, tanto no ámbito residencial como no empresarial. Dita análise e control será de obrigado cumprimento a partir do vindeiro ano 2018, para adecuarse ás normativas nacionais e internacionais de seguridade e saúde no fogar e no traballo.

A empresa, con sede na Estrada, é froito da fusión da iniciativa empresarial e científica privada galega, e xorde co obxectivo de prestar servizos de asesoría, consultoría, deseño, avaliación e execución experimental de proxectos de carácter científico-técnico. Actualmente, atópase en fase de negociación con varias empresas multinacionais co fin de aplicar en exclusiva os últimos avances en control ambiental na Península Ibérica.

Iván Cristobo, Xerente e Responsable Científico da empresa, é doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe unha dilatada carreira no mundo da investigación sanitaria (enfermidades vasculares, cancro e novas estratexias terapéuticas) e na valorización dos seus resultados coa empresa. Traballou como investigador e xestor en máis de 20 proxectos en prestixiosas institucións e consorcios nacionais e internacionais como a Universidade e o Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas ou a Universidade de Alabama.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A gardería municipal da Estrada realiza á perfección un simulacro de evacuación

Uns dez minutos antes das once da mañá a directora da gardería municipal da Estrada, Rosa Montero, daba un bocinazo para indicar que inmediatamente había que evacuar os cativos a consecuencia dun incendio. Por sorte, isto era só un simulacro e tanto o persoal do centro coma os pequenos souberon actuar á perfección. As familias foron avisadas con antelación, así como o servizo do 112.

Desta volta, só participaron unha parte do alumnado, concretamente 47 nenos de 2 a 3 anos. Tras abrigarse saíron en fila e camiñando a modo, pero a un ritmo constante cos seus mestres  abandonaron as instalacións pola porta traseira. No simulacro ademais dos cativos participaron sete profesores, dúas cociñeiras, unha profesional de servizos sociais e a directora do centro e todo durante o período de 3,31 minutos. Un técnico da empresa de seguridade contratada polo Concello, persoal do Concello e tamén de Protección Civil observaron todo o proceso e finalmente comprobouse en sito todas as medidas de seguridade da gardería. Tamén se acercaron ata o lugar dous axentes da Policía Local. Todos estiveron á altura. Cada ano realízase un simulacro neste centro e para o vindeiro ano están pensando en pedir a colaboración dos diversos servizos de emerxencia. 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A entidade Llega 800 finaliza o día 31 o prazo para resolver gratuitamente na Estrada as afectacións que se produzan a causa da tecnoloxía 4G

O 31 de decembro finalizará definitivamente o prazo para solicitar as actuacións gratuítas por parte dos usuarios da Televisión Dixital Terrestre (TDT) polas posibles afectacións ocasionados polos nodos 4G na banda 800 MHz. Para solucionar estes problemas e garantir que a posta do servizo das estacións base de telefonía móbil non afecte á TDT, a entidade Llega 800 leva a cabo as actuacións técnicas necesarias, e totalmente gratuítas, nas instalacións de recepción dos usuarios de TDT.

De acordo á Orden Ministerial que regula este proceso, o prazo para solicitar as actuacións é de seis meses desde a data de posta en marcha do servizo das estacións de telefonía móbil. Desta maneira, no concello da Estrada xa está vencido o prazo habilitado de seis meses, desde o aceso das primeiras estacións situadas neste municipio, para resolver as incidencias sen ningún tipo de custe. Sen embargo, o prazo definitivo acabará realmente o 31 de decembro. En caso de dúbida, os interesados poderán obter máis información no teléfono gratuíto do Centro de Atención ao Usuario de Llega 800 o 900 833 999, no que se aportará ademais todos os datos referentes as posibles afectacións.

É probable que nun futuro, na Estrada se acendan novas estación base de telefonía móbil, na banda de 800 MHz, se así o consideran necesario os operadores para mellorar este servizo, e neste caso volveríanse atender as incidencias de balde durante outros seis meses.

Publicado en Portada | Deja un comentario