O departamento de Cultura, o local da ACOE e as librerías poñen a disposición as pulseiras de localización para os máis cativos durante estas semanas de Nadal

     A idea  permitirá chamar a un familiar en caso de que algún rapaz se perda

 

 

Este ano como novidade, o departamento de Cultura tivo a idea de realizar pulseiras de localización para os máis cativos durante as vindeiras xornadas de Nadal. Desta maneira, todos os nenos que participen nas cabalgatas xa levarán unha, pero todos aqueles que desexen que durante estes días, nos que as rúas estarán moi transitadas, que os seus fillos leven unha poden retirala gratuitamente a partir de mañá, mércores. Están a súa disposición no departamento de Cultura do Concello, segundo andar, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, no local da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), rúa Ulla número 10, en horario de 09.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas ou nas librerías da Estrada.

Fixéronse un total de 5.000 pulseiras de cinco cores distintas e nelas aparecerá o nome e apelidos do neno e o número de teléfono dun familiar. Así en caso de perda, pola gran afluencia de xente que se agarda, como cada ano por estas datas, tanto nos eventos previstos coma nas propias rúas, poidan avisar de inmediato ao seu familiar.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Para asistir ao concerto de fin de ano do sábado hai que retirar invitacións no departamento de Cultura do Concello ou media hora antes en billeteira

 

As persoas que desexen asistir ao concerto de fin de ano, enmarcado na programación cultural de Nadal do Concello, do vindeiro sábado, día 23, deberán retirar invitación no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Consistorio, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou media hora antes na billeteira o día da actuación.

O concerto estará amenizado pola Banda Municipal da Estrada, a Coral Polifónica Estradense e pola Coral Polifónica de Soutomaior. Será o sábado ás 20.30 horas no Teatro Principal.

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada propón reconverter o ambulatorio en centro día unha vez entre en funcionamento o novo centro de saúde

 O BNG da Estrada descoñecemos que uso lle vai dar o goberno municipal do PP ao ambulatorio vello unha vez empece a funcionar o novo. Mais desde o BNG propoñemos que esta infraestrutura se reconverta nun centro de día, unha necesidade urxente e amplamente reclamada por parte de moitos veciños e veciñas. Neste sentido, cómpre recordar que o BNG da Estrada ten presentado unha emenda aos orzamentos da Xunta de 2018 de 200.000 € para a posta en marcha dun centro de día.
 
O noso concello, tanto en números absolutos como pola súa media de idade, precisa dun verdadeiro centro de día e non un apaño como o que puxo en marcha o PP, que non cumpre as expectativas de moitos veciños e veciñas.
 
O BNG considera que o actual centro de saúde, ademais de reunir as condicións que permiten dotalo e acondicionalo ás esixencias dunha instalación deste tipo, significaría para a Avenida de Santiago un balón de osíxeno nesta dinámica de desequilibrio que o PP está provocando na vila, sen importarlle investir en zonas urbanas máis favorecidas, deixando outras, coma neste caso, abocadas a esmorecer camiñando cara unha barriada residual na que comercio e hostalaría corran o risco de pechar.
 
Por outra banda o BNG tamén alerta das dinámicas endémicas neste concello, e mesmo en todo o país, de converter as edificacións públicas que cesan na súa actividade en reliquias destinadas ao abandono, pillaxe e deterioro, como por exemplo o matadoiro.
Publicado en Portada | Deja un comentario

PROGRAMACIÓN DE NADAL

A poucos días de que dean comezo as festas de Nadal, presentamos hoxe un programa de actividades co que agardamos contentar a tódolos veciños. Un programa feito á medida de todos  onde as actividades do Teatro Principal iranse compaxinando coas de animación de rúa.

 

Tanto o comercio local, para estimular as súas vendas, como as familias e os nenos, en particular, para disfrutar das súas merecidas vacacións, poderán beneficiarse das múltiples actividades que temos previstas.

 

APARTADO MUSICAL

 

As actividades culturais propiamente ditas, comezarán esta fin de semana, en forma de música coral. Será no Teatro Principal onde teña lugar ás oito e media da noite o Festival de Nadal de Corais.

Pola súa banda, o domingo, na igrexa parroquial de San Paio, terá lugar o xa tradicional Encontro de Coros Parroquiais coa presenza de 11 agrupacións procedentes de distintas parroquias da Estrada.

 

Xa o venres 22, viviremos un momento especial coa celebración de un dos festivais máis queridos pola xente da vila. Trátase do FESTIVAL VIVEN, que reunirá á práctica totalidade dos grupos e músicos estradenses sobre o escenario para render tributo a grupos de pop-rock dos anos 80 e 90.

 

O capítulo de concertos de interior, terá continuidade o día 30 de decembro cunha gala da agrupación de música tradicional Tamparrantán.

 

APARTADO ARTES ESCÉNICAS

 

Coma xa é tradición, o ciclo COLORÍN COLORADO NADAL, encherá de teatro, maxia e gargalladas as mañás dos días 26, 27, 28 e 29 de decembro; e a tarde do 3 dexaneiro. A relación de obras, desta edición, é a seguinte:

 

–100% burbujas, de BUBBLE FACTORY, o día 26 de decembro.

–Pum pum, de BAOBAB Teatro o día 27.

–Concerto singular, da compañía PÍSCORE, o día 28.

-E A Danza da choiva, da compañía ELEFANTE ELEGANTE o día 29. Un espectáculo que gañou o premio a mellor espectáculo infantil do ano en Galicia.

–O musical de Tom Sawyer, da compañía catalana Lazzigags, o día 3 de xaneiro. Un espectáculo que gañou o premio ao mellor musical infantil español no ano 2015 e que terá un prezo de 10.00€. As entradas xa están á venda en Ticketea e poderán mercarse tamén en Tiko Doco e no Departamento de Cultura.

 

A partir do vindeiro luns, tódolos nenos poderán mercar, por adiantado, as súa entrada.

 

APARTADO DE ANIMACIÓN DE RÚA

 

Se importantes son os eventos que vimos de enumerar, non menos importantes son os que están previstos para animar as rúas e prazas da vila, nestas datas de nadal.

 

Pasarrúas, desfiles, xogos populares, concertos improvisados con pallasos, zanqueiros, músicos e actores encherán de música e diversión a vila entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro. Na folla que vos xuntamos podedes ver, de forma detallada, esta relación de actividades, así como algunha outra organizada por outros colectivos locais como ACOE.

 

O broche ao programa de festexos poñerano, coma todos os anos, as cabalgatas de Papa Noel o día 24 de decembro, e a de Reis, o día 5 de xaneiro. Ambas as dúas previstas para ás seis e media da tarde.

 

Nada máis. Desexando que todos os estradenses atopen nesta programación un motivo para rir, ou para compartir a ilusión destas datas tan entrañables,  deséxolles a todos unhas felices festas de nadal e un próspero aninovo.

 

Todo aquel que queira seguir o programa dun xeito máis detallado poderá baixalo na APP do Concello, ou darse de alta no servizo de envíos por whatsapp mandando a palabra «Alta» ao número 630262386. Xa son máis de 2.000 os usuarios deste servizo.

 

DECEMBRO

 

 

DÍA 21

 

20.00 h: Gala do deporte estradense (Teatro Principal)

 

DÍA 22

 

17.00-20.00 h: Inauguración do parque de Nadal (pza da Feira)

18.00-21.00 h: Animación con Papa Noel

22.30 h: Festival VIVEN (Discoteca Nicol´s)

 

DÍA 23

 

12.00-14.00 h: Pasarrúas con mascotas Disney

17.00-18.00 h: O laboratorio máxico a cargo da Cía Mandarina (Rúa Calvo Sotelo)

17.00-20.00 h: Pasarrúas con mascotas Disney

20.30 h: Concerto de fin de ano (Banda Municipal, Coral Polifónica Estradense)

 

DÍA 24

 

18.30 h: Cabalgata de Papa Noel

19.00 h: Recepción de Papa Noel (Residencia da terceira idade)

 

DÍA 26

 

12.30 h: 100 % Burbujas de Bubble Factory (Teatro Principal)

17.00-20.00 h: Animación de Patinadores Leds

 

DÍA 27

 

12.00-14.00 h: Elfos de nadal

12.30 h: Pum Pum de Baobab Teatro (Teatro Principal)

17.00-20.00 h: Elfos de nadal

 

DÍA 28

 

10.00-23.00h: Atacamos en nadal (Pza do Concello)

12.30 h: Concerto singular, Cía Píscore (Teatro Principal)

17.00-20.00 h: Animación de rúa

20.00 h: Presentación da Míscelánea Cultural (Mome)

 

DÍA 29

 

12.00-14.00 h: Zancudos e domador con mascota

12.30 h: A danza da choiva, Elefante Elegante (Teatro Principal)

17.00-20.00 h: Zancudos e domador con mascota

21.00 h: Gala de nadal do Teleclub da Comedia (Teatro Principal)

 

DÍA 30

 

12.00-14.00 h: Zancudos con música

17.00-20.00 h: Zancudos con música

18.00-19.00 h: Gala de Tamparrantán «Non imos a vellos» (Teatro Principal)

19.00-21.00 h: Pasarrúas da fanfarria Takicardia

 

DÍA 31

 

12.00-14.00 h: Animación rúa mascotas Acoe

17.00 h: VII Milla San Silvestre

 

XANEIRO

 

 

DÍA 2

 

17.00-20.00 h: Xornada de xogos de nadal e xogos populares (Pza do Mercado)

 

DÍA 3

 

12.00-14.00 h: Animación de carteiros e pregoeiros reais

12.00-14.00 h: Fotocall cos Reis Magos (Sala Abanca)

17.00-20.00 h: Fotocall cos Reis Magos (Sala Abanca)

17.00-20.00 h: Animación de carteiros e pregoeiros reais

18.00 h: Musical de Tom Sawyer detective, Lazzygags (Teatro Principal)

 

 

DÍA 4

 

18.00-19.00 h: Paco Nogueiras con «Radio Bule Bule» (Rúa Calvo Sotelo)

 

DÍA 5

 

18.30 h: Cabalgata dos Reis Magos

 

 

 

Este ano os rapaces que participan nas cabalgatas ou que asistan a elas poderán levar unhas pulseiras de cores nas que aparezan o nome deles e o teléfono dalgún familiar para que en caso de perda, debido a multitude de xente que hai sempre eses días, se poida contactar co mesmo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG de Teo e da Estrada presentan unha emenda conxunta de 200.000 € aos Orzamentos da Xunta para Pontevea BIC

Cando desde BNG de Teo e da Estrada impulsamos a declaración da ponte medieval de Pontevea como Ben de Interese Cultural non o fixemos coa idea de que isto ficara só no papel. Xa o dixemos no seu día, coa declaración BIC buscamos darlle unha maior proxección á ponte de Pontevea para poñela en valor como elemento turístico, cultural e social, e para popularizar entre a veciñanza o legado histórico que supón este elemento patrimonial e arquitectónico, que non separa dous concellos nin dúas provincias, senón que é o elemento físico de unión dunha zona con tradicións culturais comúns, como é por exemplo, o Xenerais da Ulla. Ao mesmo tempo, a declaración BIC da ponte buscaba dotala dun maior nivel de protección que o que tivo até agora, mais para iso necesítanse investimentos.
 
Con ese sentido presentamos cunha emenda conxunta de 200.000 € aos Orzamentos da Xunta de 2018 para a posta en marcha dun plan integral de rehabilitación, que realce e protexa este ben cultural e patrimonial que separa ambos os dous concellos.
 
Agardamos que o alcalde de Teo, Rafael Sisto, e o da Estrada, José López, unan os seus esforzos desde a institución que representan e fagan as xestións oportunas para que o PP acepte esta emenda. Do mesmo xeito que se uniron para sacarse a foto de rigor o pasado 9 de novembro, día no que o consello da Xunta aprobou a declaración BIC, agardamos que ambos mandatarios sexan coherentes e tamén se una para presionar ao PP para aprobar esta emenda. Así, dentro de seis meses ou un ano poderán sacarse outra foto se o estiman oportuno, coa imaxe dunha ponte medieval perfectamente rehabilitada e mellorada, así como tamén a súa contorna.
Publicado en Portada | Deja un comentario

O MOME acollerá o mércores unha charla para dar a coñecer todas as actividades que realizou o profesorado e o alumando de tres centros estradenses con motivo do 25 N

O Museo do Moble e da Maneira da Estrada (MOME) acollerá o vindeiro mércores, día 20, ás 20.00 horas unha charla organizada polo Centro de Información ás Mulleres do Concello da Estrada. O obxectivo desta actividade, tal e como comenta a directora do CIM, Margarita De La Calle “é difundir as actividades que os tres centros educativos organizaron para a conmemoración do 25 de novembro co motivo do Día Internacional Contra A Violencia de Xénero”.

Así a intención desta charla é dar visibilidade á implicación do profesorado e do alumnado para concienciar sobre a importancia de previr condutas desigualitarias que desemboquen en situación de violencia machista nas parellas e ao mesmo tempo que serva para condenar calquera acto que implique este tipo de violencia.

Desde o CIM queren agradecer o traballo que se está realizando no grupo de traballo As gafas violetas e dar a oportunidade de que sexa coñecido por máis persoas. Este grupo está composto por profesoras e alumnos e alumnas de diversos niveis, que se encargan de recoller e elaborar materiais relacionados coa violencia baixo a coordinación das profesoras, todo isto froito da colaboración das bibliotecas escolares dos tres institutos.

A idea é repetir algunha das actividades que se realizaron o ano pasado o 24 de novembro nos centros educativos e expoñer un resumo dos resultados das enquisas que se realizaron nas charlas impartidas nos centos nos tres últimos anos.

Na charla participarán a directora do CIM, as profesoras Mayte Leis, Carme Losada e Beatriz Quintela e alumnos e alumnas dos tres centros o García Barros, o Losada Diéguez e o Nº 1.

A esta cita poderán asistir todas as persoas que queiran.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta fai entrega de distincións de honra a máis de 100 axentes da Policía Local de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de entrega de distincións de honra a máis de 100 axentes dos distintos corpos de Policía Local de Galicia, dos que forman parte uns 2.500 homes e mulleres en total.

O acto tivo lugar nas instalacións da Academia de Seguridade Pública (AGASP) da Estrada e contou tamén coa participación do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro; e o alcalde da Estrada, José López Campos. Ademais, tamén asistiu o Xefe Superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez; o xeneral da Garda Civil, Ángel Alonso Miranda; e o comisario da Policía Autonómica, Silverio Blanco.

Os corpos de Policía Local desenvolven unha tarefa fundamental na mellora de seguridade da cidadanía, e encárganse de cuestións tan relevantes como o tráfico, o control do ruído, o botellón ou o medio ambiente.

De aí que a Xunta manteña un firme compromiso coa mellora da súa profesionalización. Neste marco inscríbese, por exemplo, a ampla oferta de formación en distintos aspectos da seguridade pública (violencia de xénero, seguridade viaria…) e ante novos retos, como as primeiras xornadas de acción, prevención e reacción ante o terrorismo xihadista dirixidas a axentes da Policía Local, que organizou este ano a AGASP en colaboración coa Fegamp e a Delegación do Goberno.

Ademais, para seguir avanzando, tense posto en marcha o procedemento para centralizar na AGASP os procesos selectivos da Policía Local de Galicia, dos auxiliares de policía local e a creación de listas de reservas para estes postos. Trátase dunha iniciativa que estará aberta para os concellos que así o decidan voluntariamente e que permitirá facilitar a cobertura de baixas, a mobilidade e o reforzo destes corpos.

A maiores da formación para as policías locais, a AGASP concentra tamén a formación dirixida a bombeiros, GES e membros de Protección Civil, o que a converte no centro de referencia das emerxencias de Galicia, cunha oferta cada vez máis ampla e aberta a máis profesionais e colectivos. Ademais, para aproveitar as sinerxías con este centro, este ano púxose en marcha no mesmo recinto o Centro de Atención ás emerxencias 112 de Galicia.

Publicado en Portada | Deja un comentario