Reunión para informar sobre a próxima toma de posesión provisional dos novos predios da zona de concentración parcelaria de Monte Val do Vea-Sector II

 

 

Este xoves día 28, ás 11.00 horas na Casa da Escola de Quintáns, en San Xurxo de Vea tivo lugar unha reunión para informar sobre a próxima toma de posesión provisional dos novos predios da zona de concentración parcelaria de Monte Val do Vea-Sector II. Polo que desde a xefatura territorial de Pontevedra, dirixida por Antonio Crespo Iglesia

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Teatro Principal acolle o venres unha peza teatral a favor de Agadea

A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzhéimer (Agadea) está realizando diversas actividades con motivo do Día Mundial do Alzhéimer que se celebrou o pasado día 21. Entre as actividades programadas figura a obra de teatro Na butaca, fantasía nº3 en Dor Maior que se representará no Teatro Principal da Estrada o venres, día 29.Haberá dúas funcións. A primeira en horario matinal, ás 11.30 horas, e vai dirixida para os rapaces de entre 14 e 18 anos. Tras finalizar  terá lugar un foro teatro entre os alumnos e a directora da obra teatral. Terá un prezo significativo dun euro. A segunda representación será ás 20.30 horas e irá destinada a todos os públicos cun custe de cinco euros. A entrada poderase retirar previamente no departamento de Cultura, segundo andar da Casa Consistorial, ou na aula de Agadea, situada no Edificio Novo Mercado en horario de 16.00 a 20.00 horas.Na butaca, fantasía nº3 en Dor Maior é unha obra teatral de ButacaZero que conta co apoio de Agadea e Editorial Galaxia. Aborda a temática do esquecemento de maneira poética durante 50 minutos e a función está entre o teatro contemporáneo e a danza. Toca sobre todo o esquecemento como doenza tipo demencia ou alzhéimer que adoita instalarse na mentes das persoas de certa idade. A obra, partindo da idea do vivir no presente desta personaxe que está esquecida (perdida do seu pasado e do seu futuro), achéganos a unha realidade que por veces amosa paz e outras angustia, felicidade ou rabia. Este proxecto nace da convivencia persoal con persoas afectadas de demencia senil. Esther F. Carrodeguas e Pepa Barreiro xúntanse para, dende o amor, falar en escena dunha realidade tan marxinal como habitual. Do encontro nace este texto tan poético como optimista, aínda que tamén duro por momentos.Todo o recadado pola venta das entradas reverterá en Agadea, xa que se trata dunha función benéfica.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A pasividade do alcalde e da Xunta conducen á Feira do Moble ao desastre

A feira perde o 80% de expositores en 10 anos 
 
Xosé Magariños: “José López pasará á historia como o enterrador da Feira do Moble de Galicia se non toma medidas urxentes e drásticas”
 
 
 O portavoz do BNG da Estrada, Xosé Magariños, compareceu hoxe en rolda de prensa para facer unha valoración da Feira do Moble, que pechou o pasado domingo a edición de 2017.
 
Para o BNG “a Feira do Moble de 2017 foi un desastre, pero o peor é que leva anos sendo un desastre e o único responsábel deste declive é o alcalde da Estrada e o Partido Popular”, afirmou o concelleiro nacionalista.
 
“En 10 anos a Feira do Moble da Estrada perdeu o 80% dos expositores”, explicou, “na edición de 2007 había 250 expositores e este ano con 50”, engadiu Magariños, “os números cantan claro e indican que ou se toman medidas drásticas para frear este desastre ou vexo moi difícil que en 2018 haxa unha nova edición da Feira”.
 
“Pero a Feira do Moble non só foi un desastre en termos absolutos”, afirmou, “senón que dos 50 expositores que este ano se atreveron a montar un posto nesta edición, só catro eran do sector do moble da Estrada e un deles estaba na feira para liquidar o stock antes da xubilación, todo un síntoma de como está o sector no noso concello.” “Unha situación”, engadiu Magariños, “que ten no PP da Xunta e do concello aos seus máximos responsábeis, xa que levan levan desde 2009 sen facer nada polo sector, e a única aposta que había, a Cidade do Moble, leva anos enterrada en San Caetano durmindo o soño dos xustos mentes o sector agoniza por falta de investimentos e apoios públicos.”
 
Xosé Magariños acusou ao alcalde de falta de diálogo co sector. “O sector do moble da Estrada cambiou radicalmente nos últimos 10 anos, pero o alcalde da Estrada aínda sigue polo conto da vella e acabará por enterrar unha feira que era a referencia obrigada de todo o sector do moble de Galiza”, afirmou o concelleiro do BNG.
 
O concelleiro nacionalista instou ao alcalde “a tomar medidas urxentes e drásticas, un traballo no que ten que implicar á Xunta de Galiza do Partido Popular, porque, temos que recordar, que o  Fundación de Exposicións e Congresos que organiza á feira está presidida polo conselleiro de industria.”
 

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada Comedy 2 incluirá seis monólogos entre outubro e marzo

Javier Veiga, Álex O Dogherty, Enrique San Francisco, Carlos Blanco, Pablo Carbonell  e Antílopez configuran o programa

 

A Estrada acolle desde outubro a marzo a segunda edición de Estrada Comedy, organizada por Moita Merda promocións, e na que colabora o Departamento de Cultura do Concello da Estrada. Nesta ocasión, serán seis monologuistas de renome os que forman parte da programación:  Javier Veiga, Álex O ´Dogherty, Enrique San Francisco, Carlos Blanco, Pablo Carbonell e Antílopez. Todos os eventos serán no Teatro Principal estradense ás 21.00 horas e o prezo das entradas será de 10 €; anticipadas, e de 13 € na billeteira. Pódense mercar previamente no Departamento de Cultura, segundo andar da Casa Consistorial, ou de maneira online a través en www.ticketea.com (só as entradas do primeiro monólogo, o de Javier Veiga)  e os demais en www.woutizk.es Os espectáculos están recomendados para maiores de 12 anos. O ciclo foi presentado esta mañá por parte do concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e polos responsables de Moita Merda Promocións, Juan Quintela e Indalecio Caballero.

A primeira edición do ciclo tivo un gran éxito. Tal e como a afirma Constenla: “aquilo que funciona ben non se toca, así que en vista do éxito que tivo a primeira entrega que encheu todas as funcións previstas, tendo incluso que reprogramar algunha función a maiores, este outono, en colaboración coa produtora organizadora, temos previsto facer unha segunda entrega, que se prolongará ata marzo cun total de seis participantes. Son seis artistas de primeirísimo nivel”.

O primeiro monólogo será o de Javier Veiga o 21 de outubro. Tal e como afirmou Quintela fará unha recompilación dos seus monólogos, seguramente en galego. Actor e humorista, participou en múltiples espectáculos, creando a compañía Teatro Impar coa que dirixiu varias obras. En televisión participou en series como Farmacia de guardia,  7 vidas ou en Moncloa, ¿dígame?  Foi presentador de El Club de la Comedia e interviu en películas como Escuela de seducción ou El año de la garrapata. Ademais dirixiu as curtametraxes Sálvame e ¿De qué se ríen las hienas? Entre outras máis intervencións.

A ciclo de humor continuará o 17 de novembro con Álex O´Dogherty. Será un espectáculo cómico-musical no que tocará varios instrumentos e interactuará moito co público. Doguerty é actor, monologuista, músico, presentador dalgunhas galas, pero o que mellor se lle da é facer o pallaso, tal como se define na súa páxina web. A carreira de este polifacético artista levouse a cabo nestes últimos anos en ámbitos tan variados como o teatro. Recentemente forma parte dos espectáculos The Hole ou Arte de Yasmina Reza e leva máis de dez anos co seu espectáculo Y tú, ¿de qué te ríes? Na música desenvolveuse tanto como autor, compoñendo varias bandas sonoras para teatro e cine, como intérprete, como vocalista e trompeta da Banda de la María durante 14 anos. Estreou o espectáculo Mi Imaginación y Yo e gravou o seu primeiro disco coa súa nova banda, La Bizarrería. No cine aparece en películas con títulos tan destacados como El Factor Pilgrim, El Portero, Azul oscuro, Casi negro o Alatriste, entre outras. E en televisión participou en series como Doctor Mateo, Camera Café, Aquí no hay quien viva, Los hombres de Paco, Aída, El Comisario, Padre Coraje, etc. Tamén traballou en radio.

Enrique San Francisco actuará o 8 de decembro. O espectáculo na Estrada será un mistura dos seus mellores monólogos. “Non necesita presentación xa que é o pai dos monólogos en España”, resalta Quintela. Rogelio Enrique San Francisco Cobo, coñecido como Quique San Francisco, é un humorista, monologuista e actor español. Ao longo da súa traxectoria cultivou grandes éxitos no teatro, destacando as súas interpretacións en obras como Frankie y la boda, Decíamos ayer, Misterioso asesinato en Manhattan, El enfermo imaginario, entre outras. Ademais interviu en numerosas películas como Amanece, que no es poco, París Tombuctú, Acción mutante, La dama boba ou El chocolate del loro.

O cuarto monólogo será o de Carlos Blanco (o “pai dos monólogos en Galicia”, en opinión de Quintela) o 19 de xaneiro. Á Estrada traerá un monólogo que será unha antoloxía dos seus mellores textos e existe a posibilidade que faga un monólogo novo. Blanco é actor e director. Traballou en filmes como Heroína de Gerardo Herrero, Sé quien eres de Patricia Ferreira ou Cargo de Clive Gordon. Tivo un pequeno papel en Volver de Pedro Almodóvar, entre outros traballos cinematográficos. En televisión protagonizou Una bala para el rey, dirixida por Pablo Barrera para Antena 3, co-protagonizou a histórica serie Mareas vivas producida por Antón Reixa para a Televisión de Galicia (TVG). Traballou en series como Lobos, Os atlánticos, El Comisario ou Hospital Real. Actualmente forma parte do elenco da serie Fariña, producida por Bambú para Antena 3 que se emitirá proximamente. Ademais presentou varios programas e galas da TVG e recibiu diversos premios. Tamén destaca pola súa faceta de autor e director. Foi o creador dos espectáculos Directamente Paco I e II, Humor Neghro (colaborando co músico guineense Manecas Costa), Dillei, Ordem e progreso, ¡Lalelo! (colaborando co músico Budiño) ou Menú do día, feito en colaboración co debuxante Luis Davila.  E por suposto, é autor e director de recoñecidos monólogos humorísticos e director e co-autor do espectáculo O país da comedia.

     O quinto será o de Pablo Carbonell o 2 de febreiro. Falará das anécdotas máis aloucadas da súa vida, despois de escribir recentemente as súas memorias. Cantante, humorista e actor español, fundou un dúo e o grupo musical Los Toreros Muertos. Participou en programas televisivos como La bola de cristal, La noche se mueve, El peor programa de la semana o Caiga quien caiga, entre outros. Foi actor en diferentes películas do cine español. Interviu na serie Hospital Central, foi xurado de Tú si que vales, conduciu El intermedio, foi concursante de Splash! Famosos al agua e tamén interpreta un personaxe en Gym Tony. Ademais, foi director do filme Atún y chocolate e sobrescribiu, xunto a Eva Salmerón, a novela Sinsáhara.

    E o sexto e último espectáculo, será o de Antílopez o 23 de marzo. “Quizais sexan os máis descoñecidos, pero animamos persoalmente a velos, sobre todo quen queira descubrir algo novo. Tamén é un espectáculo cómico-musical que merece moito a pena e que sorprende moito en España, enchendo teatros de máis de mil localidades de aforo”, apuntou Quintela. Antílopez é un dúo de artistas onubenses cun novo concepto de canción de autor. Son compositores e intérpretes das súas creacións e espectáculos, cuxa escena é representativa por un toque de post-humorismo. Usan un aire desenfadado, que aplican como unha extensión do que son fóra do escenario: divagacións, construción e deconstrución de personaxes, improvisación, crítica social e emocional e interactuación co público nos seus directos. 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada súmase o día 1 ao programa ‘Móllate polos Ríos’ no que participan un total de 46 municipios galegos

Un ano máis, a Estrada únese o día 1 de outubro ao programa Móllate polos ríos, iniciativa da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que está organizada por Proxecto Ríos. Esta será a X Limpeza simultánea e terá lugar en 46 municipios galegos. Na Estrada, a entidade local que está implicada con esta causa é a Asociación pola Defensa do Val do Liñares.Móllate polos ríos leva facéndose dende o 2008. Durante a xornada os voluntarios saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos ecosistemas fluviais. Outro dos principais obxectivos desta iniciativa é a concienciación social da cidadanía, transmitindo accións que contribúen á defensa da natureza.Os interesados en participar ou en obter máis información poden facelo a través do correo electrónico pacobanhobre@adega.gal, do teléfono 981 570 099, ou na páxina web www.proxectorios.org . Tamén poñéndose directamente en contacto coa Asociación pola Defensa do Val do Liñares.A iniciativa está promovida polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, por Augas de Galicia e polo Instituto de Estudos do Territorio. Colaboran os concellos de A Coruña, A Estrada, Ames, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Teo e Tomiño.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada acolle as II Xornadas Galegas de Ciclismo do 6 ao 8 de outubro

 

As II Xornadas de Ciclismo Concello da Estrada, organizadas polo Departamento de Deportes do Concello, terán lugar desde o 6 ao 8 de outubro no Teatro Principal estradense. O programa foi presentado esta mañá por parte do concelleiro de Deportes, Ismael Pena, pola coordinadora das xornadas, Begoña Alonso, por Ezequial Mosquera, padriño destas segundas xornadas, por Luis Dios, do Club Ciclista Estradense, e por Juan Vilariño, de Bikestrada.O día 6 terá lugar a presentación das xornadas que aínda falta por concretar a hora, pero barállase que sexa ao redor das 20.00 horas. O día 7 arrancará o programa de actividades. De 10.00 a 11.00 horas o preparador Víctor González falará do adestramento. De 11.00 a 12.00 horas o médico Elías Festas dará información sobre os riscos da volta a competición. Tras media hora de descanso de 12.30 a 13.30 horas  opsicólogo Fernando Tellería abordará a psicoloxía do deportista. Tras finalizar este relatorio terá lugar un coloquio durante media hora. Seguidamente haberá un descanso para xantar.As charlas retomaranse ás 16.00 horas. Durante unha hora e media Amadeo Olmos, presidente da Comisión Nacional de CX e presidente da Federación Valenciana, Pascual Momparler, seleccionador nacional de SUB 23 e Javier Mínguez, seleccionador nacional de Élite UCI, tratarán a vida do ciclista de estrada e ciclo cross. De 17.30 a 18.30 horas Rafa Roca, árbitro internacional e presidente do Comité Nacional de Árbitros da RFEC, abordará as relacións árbitros-directores.Tras media hora de descanso, de 19.00 a 20.00 horas Josu Garay, xornalista de Eurosport e que estivo durante 25 anos no Diario Marca, falará de xornalismo e ciclismo. Outro comunicador David González, xornalista de Ciclismo a Fondo, dará unha charla sobre a historia do ciclismo amateur en España desde as 20.00 ás 20.45 horas. E tras esta farase un breve coloquio, rematando a xornada ó redor das 21.00 horas.Na última xornada, o día 8, de 10.00 a 11.00 horas terá lugar unha conferencia sobre a seguridade viaria a cargo do Tenente Manuel Meléndez. Seguidamente, de 11.00 a 12.30 horas, terá lugar unha marcha de estrada e BTT e probas de habilidade, organizadas polos clubs da zona. E ás 13.00 horas está prevista a clausura das xornadas coa participación do alcalde da Estrada, José López, do concelleiro de Deportes, Ismael Pena, do presidente da Real Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón, do presidente da  Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e do padriño destas segundas xornadas, Ezequiel Mosquera.Os interesados en asistir deben inscribirse previamente a través do teléfono 663 454 299, do correo electrónico xornadasciclismo@sifservicios.com ou a través da web xornadasciclismoaestrada.sifservicios.com, páxina na que nos vindeiros días se actualizará toda a información sobre estas segundas xornadas. O prezo de inscrición será de 10 euros por un día e de 20 euros polos tres e para os menores de 18 anos será gratuíto.  Tanto Pena como Alonso insistiron en que estas xornadas están pensadas para todo o público, tanto para os que practiquen ciclismo profesional como para os que simplemente lles gusten montar en bicicleta.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada Micolóxica inicia o día 6 o seu programa de actividades con charlas e saídas ao monte

 

 

O 2 de decembro clausurarase as xornadas e entregaranse os premios dos concursos de debuxo e fotografía

 

A Asociación para a divulgación da micoloxía Estrada Micolóxica xa sacou a luz o cartel das súas actividades que terán lugar entre outubro e decembro. O programa céntrase en charlas informativas sobre o mundo da micolóxica que terán lugar os venres cada quince días. Hoxe pola mañá a presidenta do colectivo, Mercedes Nodar, xunto ao concelleiro de Cultura, Juan Constenla, deu tódolos detalles da programación. Todas as charlas serán de 20.00 a 21.30 horas e terán como escenario a Sala Abanca. Trátanse dunhas xornadas que son moi demandadas cada ano, tal e como afirma o colectivo.

“A Estrada é bastante pioneira en facer estas xornadas que serven para aprender e para respectar o monte, evitando prácticas abusivas”, destacou Constenla incidindo ademais da importancia de preguntar sempre a un experto antes de comer calquera das especies, para evitar o risco de intoxicación, ou, incluso de morte.

O primeiro relatorio será o 6 de outubro na que Mercedes Nodar dará toda a información sobre o mundo da micoloxía dirixíndose aos principiantes, polo que será unha charla de iniciación. O día 20 Puri Lorenzo, bióloga e micóloga da UPI de Vigo,  falará sobre o Xénero Agáricus “o que son os champiñóns que estamos acostumados a velos no supermercado, pois tamén os temos no campo”, resalta Nodar. O día 3 de novembro será a quenda de Antonio Rigueiro, enxeñeiro de montes e profesor da USC en Lugo, que impartirá Os cogumelos dos bosques galegos. Na xornada do 17 terá lugar o relatorio Mixomicetos, un mundo por descubrir a cargo de Andrés Floro. “Os mixomicentos durante moitos anos estiveron asociados aos fungos, pero agora son un mundo aparte”, indicou Nodar.

E xa por último, e neste caso un sábado, o 2 de decembro, Jaime Blanco poñerá o broche final das charlas coa súa sobre o Xénero cantharellus e cratherellus. “Ese xénero tan exquisito, con especies non tóxicas para principiantes”, resalta a presidenta do colectivo organizador.

Os asistentes a estas charlas poden afondar na teoría aprendida a través das saídas ao monte que se celebrarán os domingos seguintes a cada un dos relatorios e explicaranse todas as especies que se atopen.  A saída será as 10.00 horas desde a Praza do Concello. Neste caso, haberá prazas limitadas, un total de 20 ademais dos socios. Os interesados deberán anotarse na semana anterior a cada charla e deben facelo cubrindo un formulario que aparece no apartado Actividades-Saídas da páxina  estradamicoloxica.wordpress.com e despois recibirán un correo de confirmación. O venres 29 abre o prazo para anotarse na primeira saída. Os interesados poderán obter máis información na páxina web estradamicoloxica.wordpress.com.

 

 

 

 

 

Concursos

A programación do colectivo complétase coa Mostra micolóxica 2017 que se poderá ver desde o 29 de novembro ao  2 de decembro. Estas xornadas inclúen, ademais, o VII Concurso escolar de debuxo micolóxico e o VI Concurso de fotografía micolóxica, cuxos premios se entregarán na clausura, o 2 de decembro. O certame de debuxo vai dirixido aos estudantes dos sete colexios da Estrada e teñen un prazo de entrega ata o 29 de novembro e serán elixidos por votación por parte da directiva de Estrada Micolóxica e por Ramiro Cimadevila, pintor e socio da asociación.

No curso de fotografía pode participar quen queira de toda Galicia e o prazo xa está aberto e pecharase o 24 de novembro. Toda información sobre as bases aparece na páxina estradamicoloxica.wordpress.com.  “O premio neste caso, e coma sempre, colabora Mar de Compostela e a Asociación de Casas de Turismo Rural da Estrada, será unha fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural da zona”, apuntou Nodar.

No caso do de debuxo haberá un gañador por cada colexio ao que se lle fará entrega de diverso material: unha axenda, un estoxo, libros sobre micoloxía, algún xoguete…e entre estes gañadores elixirase un vencedor cuxo debuxo ilustrará o cartel da vindeira edición. O autor do deste ano é Manuel Míguez.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario