A procesión da Santa Compaña volve o 3 de novembro á Estrada

 

Enmárcase dentro do Festival de Terror Panic e e ese día haberá tamén un taller de maquillaxe

 

O Departamento de Cultura apura todos os detalles para a celebración da quinta edición do Festival de Cine de  Terror Panic 2017. Unha das actividades será a procesión da Santa Compaña que terá lugar o 3 de novembro. A iniciativa conta coa colaboración de Pedro Pérez, de Producións Trípode, do Servizo de Prevención de Trastornos Adictivos da Concellería de Sanidade, ademais da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE). Esta mañá o concelleiro de Cultura,  Juan Constenla, Pedro Pérez, Lolita Nóvoa, María Gaiteiro, Natalia Arca, Cristina García (propietarias de  tendas locais) presentaron a iniciativa.

“Este ano o festival trasládase de xaneiro a novembro nun intento de inserilo no marco do Samaín e do día dos defuntos. Está pensado para que todos poidan disfrazarse e participar na procesión da Santa Compaña”, adiantou Constenla. Como antesala a esta, terá lugar un obradoiro de maquillaxe, ese mesmo día, que se levará a cabo na Praza da Feira a partir das 16.30 horas. “Nel os monitores ensináranlles aos cativos a facer as caracterizacións de meiga e de pantasma na idea de que sexan os propios nenos os que axuden a pintar e maquillar aos seus compañeiros”, comentou o concelleiro.

Tras isto arrancará sobre as 19.00 horas a procesión da Santa Compaña desde a Praza da Feira ata a Praza do Concello e o punto final poñerao o Mago Teto que será o encargado de realizar un ritual máxico. Como xa é tradición, dentro desta cerimonia intervirán algunhas das academias de baile do concello e diversas agrupacións de música tradicional marcando o paso da procesión. A festa concluirá coa mítica chocolatada.

Neste evento terá moita presenza o comercio local. “O máis meritorio deste festival é quizais o feito de converter un evento cultural nun evento participativo que une a moitas agrupacións e colectivos da vila e que ao propio tempo convértese tamén nun motor de dinamización económico para o comercio local”, apuntou Constenla. Con este obxectivo cinco tendas da vila adicadas ao sector téxtil participan un ano máis co Panic ofertando a prezos populares os disfraces que formarán parte da procesión. Os locais que figuran nesta iniciativa son Nobelo a novelo, Lolita e Carmiña, O Dedil, As dúas labores e Arranxos Cristina.

Os disfraces propostos para este ano son o da Santa Compaña, cun prezo de 15 euros, e de meiga, a un de 20 euros. Hoxe durante a rolda de prensa puidéronse observar os dous modelos e a partir dos vindeiros días lucirán nos escaparates destas tendas. “O de Santa Compaña mantense o mesmo que o da anterior edición, cunha capa branca, e por outra banda quixemos recuperar un en estilo de meiga tradicional. Para este disfrace haberá dous tons: un en negro con tea de saco ouro vello e outro granate con tea de saco cor natural”, sinalou María Gaiteiro.

As responsables das tendas aconsellan encargalos canto antes.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Producións Malasombra trae ao Principal un espectáculo feito con pompas de xabón

Tras o concerto de Martin Sánchez o pasado sábado, a programación do Outono no Principal segue o seu curso esta fin de semana. Este vindeiro sábado será a quenda de Producións Malasombra co seu espectáculo Os Fabulosos Cleaners.  “É un espectáculo que aos nenos lles vai encantar, pero que os adultos van desfrutar moitísimo xa que é moi visual”, comentou hoxe durante a presentación do evento, Xoque Carbajal, responsable da compañía e actor da obra. Estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Amalia Goldar, e polo outro actor do espectáculo,  Jouse García.

“Alégranos acoller outra vez no teatro unha compañía de selo estradense, unha compañía que conta xa cunha importante traxectoria ás súas costas e que por méritos propios é unha das que máis aceptación ten e que máis actuacións fai en Galicia ao longo de ano”, destacou Goldar.

Representaranse en horario matinal, ás 12.30 horas, e pola tarde ás 20.00 horas. A obra é un espectáculo visual de burbullas de xabón que resulta moi atractivo para o público. Está dirixido por Marcos Orsi e Luís Beviá e o elenco confórmano Xoque Carbajal e Jouse García.  Os Fabulosos Cleaners é un dos últimos espectáculos da compañía. “Este ano estreamos dous, coma sempre unha comedia para adultos que era a liña que estabamos seguindo na compañía. Pero despois de probar con Rockenstein, un espectáculo para todos os públicos, decidimos facer este”, apuntou Carbajal que aproveitou para comentar o argumento da obra. “Sons uns operarios da limpeza que están no teatro. Hai un problema cos actores da compañía e eles mentres están limpando cos seus útiles de traballo descobren unhas pompas de xabón que saen por casualidade do caldeiro que teñen para limpar. Como os actores non chegan, abúrrense  e empezan a xogar; e van descubrindo un mundo fantástico a través das pompas”. Serán pompas de diversos tamaños, transparentes, con fume, con vapor; que voarán por todo o escenario.

Tal e como confesou o actor estradense o espectáculo está tendo unha grande acollida entre o público de todas as idades e tras esa posta en escena hai moito traballo detrás. “Este espectáculo xurdiu porque eu coñecín a Luís Beviá que é autor, actor, director alacantino e un dos que empezou en España co espectáculo de pompas de xabón. Invitoume a probar. Fomos a Alacante Jouse e mais eu durante tres, catro semanas, adentrándonos no mundo das pompas de xabón para aprender a técnica. Cando volvemos aquí, estivemos cinco meses preparando o espectáculo, cando normalmente nós ensaiamos nun mes ou mes e medio coma moito”, confesa Carbajal.

O espectáculo ten unha duración dunha hora. O prezo das entradas é de 3 euros e poden comprarse unha hora antes na billeteira do Teatro ou no Departamento de Cultura do Concello, segundo andar, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. A día de hoxe xa hai vendidas preto de 100.

A concelleira aproveitou a ocasión para anunciar que xa están á venda, tamén, as entradas para o espectáculo de Chévere As fillas bravas, que será o día 11, cun custe de cinco euros e a disposición dos veciños no Departamento de Cultura.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello e a Asociación Rapa das Bestas organizan unha ruta a cabalo duns 192 quilómetros

 

Seguirán o camiño da Geira Romana e dos Arrieiros entre o 10 e o 14 de outubro

 

O camiño da Geira Romana e dos Arrieiros atravesa o municipio estradense de sur a norte pasando polas parroquias de Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa  Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso. Este percorrido será realizado a través dunha peregrinaxe a cabalo organizada polo Concello da Estrada e pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, en colaboración co colectivo Codeseda Viva. A ruta arrancará o día 10 e está previsto que os participantes cheguen a Santiago de Compostela o 14. O alcalde da Estrada, José López Campos, Iván Sanmartín e Henrique Bazal, da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, e Luis Ferro, do colectivo Codeseda Viva, reuníronse hoxe pola mañá para presentar a iniciativa.

Trátase dun traxecto bastante complicado e por iso participarán dez amazonas e xinetes de contrastada experiencia, posto que non é aconsellable para principiantes. A peregrinaxe estará dirixida por Vicente Pereiras Márquez que é unha das persoas máis experimentadas en Galicia neste tipo de eventos. Pereiras leva cinco anos organizando a Ruta Cabalar Salnés-Terra de Montes, a Ruta de Sabucedo, así como diversas peregrinaxes a cabalo por diferentes camiños xacobeos.  O obxectivo deste traxecto é aproveitar a estreita relación que une a Sabucedo co mundo do cabalo, polo que se fará unha ruta cabalar que permita ademais coñecer o tramo do camiño xacobeo que atravesa o municipio.

Ruta

Os asistentes a esta ruta realizaran en cinco días un total de 192 quilómetros partindo o día 10 desde Portugal. Desta maneira, está previsto que o primeiro día un transporte animal leve aos cabalos dende Sabucedo á Portela de Homen (Portugal), de onde sairá a presente ruta para chegar nesta primeira etapa a Castro Laboreiro (Portugal), pasando polos concellos ourensáns de Lobios e Entrimo. Aínda que o camiño da Geira Romana e dos Arrieiros comeza en Braga, debido aos poucos días e á gran distancia, os organizadores decidiron comezar en Portela do Homen, 60 quilómetros máis ao norte da cidade bracaresa. A distancia a percorrer será de 38 quilómetros.

O mércores 11 comezarán desde Castro Laboreiro (Portugal) a Berán (Leiro), pasando polos municipios de Padrenda, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia e Beade, todos na provincia de Ourense; percorrendo unha distancia duns 50 quilómetros. Xa o xoves arrancarán desde Berán (Leiro) a Soutelo de Montes (Forcarei), pasando polos concellos ourensáns de Boborás e Beariz, percorrendo uns 40 quilómetros.

A vila estradense chegarán, segundo o previsto, o venres. Ese día farán a ruta desde Soutelo de Montes ata Cacheiras (Teo). Durante esta xornada, despois de atravesar o concello de Forcarei e pasar un pequeno tramo polo de Cerdedo-Cotobade, todo o percorrido realizarase polo municipio da Estrada, en concreto polas parroquias, xa anteriormente mencionadas, Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso. Sobre as 11.30 horas realizarase no Albergue de Sabucedo un alto no camiño para degustar produtos locais como a sidra de Ribela e sobre as 14.00 horas pararase a xantar na vila da Estrada onde está previsto que as amazonas e os xinetes sexan recibidos polas autoridades locais e pola prensa. Ese día percorrerán uns 50 quilómetros.

E será o sábado cando culminen a súa andaina, facendo o traxecto desde Cacheiras (Teo) ata a catedral de Santiago de Compostela. A organización sinala que esta etapa, duns 14 quilómetros, é máis curta que as demais debido a que as eguas e os cabalos teñen condicionada a súa entrada na Praza do Obradoiro a que a mesma sexa antes das 09.00 horas, hora límite para saír do lugar. Teñen previsto chegar sobre as 08.15 horas. 

Durante toda a ruta os cabalos portarán unhas insignias cos emblemas do Concello da Estrada, da Asociación Rapa das Bestas, da Asociación Codeseda Viva, así como un distintivo das Rutas Xacobeas para acreditar a peregrinaxe. Ademais farán unha promoción da Estrada polos diversos municipios polos que pasen como da igrexa de Codesesa, do Pazo de Oca, afondando en Sabucedo para transmitir que esta parroquia non só destaca pola Rapa das Bestas, senón que tamén ten outros aspectos de interese como por exemplo o  seu albergue sendo un detalle importante para a promoción desta ruta xacobea.

Futura incorporación da Estrada á Asociación Camiño Miñoto-Ribeiro

Tal e como comentou o alcalde durante o acto estase traballando na homologación desta ruta xacobea, polo que iniciativas como esta peregrinaxe, axudan na súa promoción de cara a conseguir este obxectivo.   Estase incidindo na homologación do seu recoñecemento por parte do Consello da Xunta como itinerario cultural preferente e o paso previo deste recoñecemento como camiño de Santiago “estanse facendo xa os seus trámites oportunos, de feito levamos moito anos traballando e fai uns meses presentaron o recoñecemento deste itinerario á Consellería de Cultura para que poidan continuar coa súa tramitación”, incidiu José López. “O que nos interesa a nós na Estrada é que ese camiño se visualice e teña a súa presenza en dous puntos fundamentais: a súa entrada por Codeseda desde o concello veciño de Forcarei e esa bifurcación que en Codeseda se produce e unha delas atravesa a zona este do concello da Estrada cara Vedra ata Santiago. E a outra que é a que estamos intentando potenciar que pasa por Codeseda, Nigoi, Tabeirós, chegando a Estrada cara Santiago pasando por Pontevea”.

O alcalde apuntou que xa se fixo algunha recepción de peregrinos e que se contabilizaron algunhas decenas de camiñantes que elixiron esta ruta para chegar a Santiago, polo que seguirán traballando na visualización e na busca de apoio para conseguir ese recoñecemento.

O rexedor adiantou que a Estrada vaise incorporar á Asociación Camiño Miñoto-Ribeiro. “Xa temos o convenio desde a semana pasada para adherirnos e levarémolo á comisión informativa e ao Pleno de novembro”. Este será un paso máis para seguir visualizando o camiño ao seu paso polo municipio estradense

Publicado en Portada | Deja un comentario

Cáritas Parroquial A Estrada ofrece un curso de Atención a persoas dependentes

Cáritas parroqial de A Estrada un curso para desempregados de Atención a persoas dependentesno domicilio, que conta coa homologación da Xunta de galicia e que se celebrará o vindeiro 29 de Outubro o 20 de Novembro de 9.30 a 13.30 horas de Luns a Venres.O plazo de inscripción finalizará o 13 de Outubro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Avelina Valladares será homenaxeada o sábado cun roteiro literaro duns 700 metros

So quedan seis prazas libres das 50 ofertadas e os interesados poden anotarse antes do venres

A Estrada acollerá este sábado, día 7, o roteiro literario Avelina Valladares, organizado pola   Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cultura e Lingua, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Hoxe tivo lugar a súa presentación na que interviron Juan Constenla, concelleiro de Cultura, Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e Xosé Luna Sanmartín, que será o guía do roteiro en representación da AELG. Hai un número limitado de prazas, en concreto son 50 e a día de hoxe quedan seis libres. “Este é o último dos roteiros que estamos levando a cabo desde a Deputación dentro do ano do Patrimonio. Trátase de fomentar o rico patrimonio literario que temos en Galicia. Son roteiros que parten da idea da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega de buscar unha variedade, incluso de estilos dentro das propias persoas que son protagonistas destas iniciativas. O que buscamos é gozar por unha banda do patrimonio literario e tamén do natural, do arquitectónico….”, apuntou Xosé Leal.

A iniciativa tivo moi boa acollida entre a cidadanía, xa que desde que se abriu o prazo para anotarse en setembro, as primeiras semanas a xente chamou para reservar a súa praza e a día de hoxe quedan só seis libres. Lembrar que os interesados en asistir poden anotarse antes do venres chamando ao teléfono 986 677 748.  “A gran demanda de solicitudes mostra o interese que está a suscitar esta actividade entre os veciños e veciñas da nosa vila. A iniciativa abrangue un percorrido cheo de lugares emblemáticos e transcendentais na vida e obra tanto da cantora do Ulla como nas do seu irmán Marcial Valladares” , resalta Juan Constenla.

Os asistentes irán acompañados polo estradense Xosé Luna Sanmartín, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e Compostela, mestre, escritor e colaborador en diferentes medios de comunicación. “As 44 persoas anotadas terán sorte de contar cos coñecementos e coa sensibilidade doutro escritor estradense, Xosé Luna, que é un dos grandes coñecedores e difusores da obra da poetisa estradense”, afirma o concelleiro.

Andrea Avelina María Teresa Gabriela Valladares Núñez naceu o 23 de outubro de 1825 en Vilancosta (A Estrada). Criouse no seo dunha das familias fidalgas máis importantes de Galicia. A profunda formación relixiosa que recibiu e a súa liñaxe exerceron unha importante influencia na obra da autora. “A Estrada é a Estrada porque existiu a familia Valladares, isto semella así moi grande, pero Galicia é Galicia porque existiu a familia Valladares e familias de señores que falaban galego, que escribían en galego descoñecendo todo o que era o esplendoroso pasado lírico medieval que tiñamos. Avelina Valladares foi unha innovadora, unha muller vangardista á que lle debemos moito todos os galegos”, afirma Xosé Luna.

 O punto de partida será ás 11.30 horas desde a igrexa de Berres, xa que é neste cemiterio onde está enterrada Avelina Valladares e algúns dos seus familiares. O percorrido continuará cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha vivenda privada polo que non adoita estar aberta ao público, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Seguidamente, realizaranse lecturas de poemas da autora no xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Picro Sacro. Está previsto que o traxecto remate sobre as 13.00 horas.

“O sábado vai ser un día de festa. Faremos un percorrido que vai ser moi sinxelo: vamos ir desde o camposanto ata a casa da familia, que son a penas 700 metros, a través dunha paisaxe enmeigada, moi fermosa que ten o Picro Sacro ao fondo como aparece na obra de Marcial e de Avelina”, adiantou o guía do roteiro.

Está previsto que á cita asista tamén algún representante da Asociación do Picro Sacro.

“Será un día para ler algunha cántiga e algún poema e deixarse levar por todo ese poder que teñen Avelina e Marcial Valladares. Tamén hai que darlles as grazas á familia, aos herdeiros, por facilitarlles a entrada a ese casal a todos os galegos que queiramos ir ese día alí”, concluíu Luna.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG alerta das consecuencias desastrosas para o Ulla da mina que se planea por en marcha en Touro

Organiza unha reunión informativa aberta a todos os veciños e veciñas sobre as consecuencias da mina para o vindeiro martes 10 de outubro

 O BNG da Estrada presentará de urxencia no pleno do vindeiro xoves unha moción contra a futura mina San Rafael no concello de Touro. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “de poñerse en marcha esta mina terá serias consecuencias medio ambientais sobre o río Ulla, e mesmo sobre a calidade de vida das persoas que viven na súa contorna”.
 
O concelleiro do BNG indicou que “este tipo de explotacións, a ceo aberto e de case 700 Ha, teñen a característica de ser o método máis económico a rápido para extraer os minerais, motivo este que o fai moi apetecido pola industria mineira cando as lexislacións son laxas en materia medioambiental.” Neste sentido, o nacionalista critica “a aprobación da Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, presentada pola vía de urxencia polo Partido Popular no Parlamento Galego, dá patente de corso a mineiras e eléctricas para saltarse todos os controis públicos para arrasar o noso territorio”. “Isto pode ser a pinga que colma o vaso do desastre do noso rural”, afirma o concelleiro do BNG.
 
Xosé Magariños explica que “este tipo de explotacións xera enormes cantidades de refugallos de rocha e po, contaminando grandes cantidades de auga, polo que as consecuencias prexudiciais para o medio ambiente son importantes. Sirva como dato que segundo o INE este tipo de industria xera o 75% dos residuos industriais do estado.”
 
“As consecuencias directas sobre o medio ambiente teñen que ver coa destrución da capa superficial de terra, deixando unha paisaxe inerte; a afección aos acuíferos e os cursos de auga próximos vense tamén afectados, o que pon en perigo a flora e fauna da zona (especialmente a riqueza piscícola, que non podemos esquecer que xera un fluxo importante de recursos económicos e sociais no noso concello). As alteración que se producen son tan importantes que non é posible recuperar o entorno natural por completo, “explica o concelleiro nacionalista.
 
“De poñerse en marcha esta mina terá consecuencias desastrosas para o río Ulla, xa afectado no pasado por explotacións mineiras, e por varios encoros que hai ao longo do seu curso”, afirmou Magariños.
 
Reunión informativa
O BNG organizará unha reunión informativa para explicar aos veciños e veciñas da Estrada as consecuencias que terá para o noso concello a posta en marcha da mina de Touro. Será o vindeiro martes 10 de outubro, ás 20.30h, no Teatro Principal, e contará coa presenza Xosé Magariños, Xoán Louzao (concelleiro do BNG de Touro) e Noa Presas (deputada do BNG no Parlamento Galego).
 

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

FIRMA CONVENIO SBC e ACOE

La Asociación de Comerciantes de A Estrada firmó ayer un convenio de colaboración con la empresa SBC Gasolineiras. Así, el colectivo da un paso más en ofrecer ofertas a los comercios asociados y a sus clientes. Desde ahora los estradenses que posean la tarjeta de comercio local A Estrada Plus tendrán descuentos en estas estaciones de servicio.

 
 
 
 

 

 

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario