Mª Carmen Caramés Gorgal gaña o XXI Premio de Poesía Avelina Valladares

 

 

Mª Carmen Caramés Gorgal únese a longa lista dos gañadores do Premio de Poesía Avelina Valladares, que este ano celebra a súa vixésimo primeira edición. O concurso está promovido polo Concello da Estrada e pola Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares. Ten como principal obxectivo a difusión da lírica galega e dar a coñecer a novos autores; ademais de contribuír ao fomento do uso da lingua galega e facer un particular recoñecemento á estradense Avelina Valladares, que xunto ao seu irmán Marcial, foi unha figura importante para o cultivo literario no século XIX, determinante no rexurdimento do galego como vehículo artístico.

Ás 11.00 horas reuniuse o xurado para deliberar sobre o fallo. E tras algo máis dunha hora Rosalía Morlán Vieites, Dolores Araújo Arias (Noni), Guadalupe Porto Gañete, David Otero Fernández e Clara Iglesias Cortizo decidiron que a obra presentada baixo lema As idades perdidas (Scripta manent) fose a gañadora.

Nesta edición presentáronse 27 orixinais e o xurado destacou a calidade deles. Tras elixir catro deles, decantáronse por unanimidade polo gañador. “Trátase dun poemario conxunto unitario, de momentos e reflexións de feitos no decorrer dos tempos mentres derredor contextualízase o esencial”, destacou o xurado. E engadiu: “sen desmerecer os outros tres porque a súa calidade literaria é importante e eses son catro poemarios magníficos”.

A gañadora recibirá  2.000 euros que se entregarán indivisiblemente nun único premio durante a Festa da Poesía, no mes de decembro.

 

Biografía e obras

 

A gañadora, natural de Santa Comba (A Coruña), reside na actualidade en Santiago de Compostela e xa ten unha longa traxectoria tanto en poesía como en prosa e obtivo varios premios. Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación (Psicoloxía) traballa de profesora. 

 

  • Premio de narrativa VII Concurso Relatos de mujer Matilde Bares de Bueu (Pontevedra) pola obra Lola, 2011.
  • II Premio de Poesía Victoriano Taibo ex aequo pola obra Cuarto minguante, Gondomar (Pontevedra). Ed. Instituto de Estudos Miñoranos, Pontevedra, 2009.
  • Premio de narrativa V Concurso Relatos de mujer Matilde Bares, Bueu (Pontevedra) por Días de namorar, 2009, publicada no recopilatorio Póquer de d(r)amas. Ed. Rinoceronte, 2011.
  • Mención especial en el Premio Nacional de Narraciones Cortas Modesto R. Figueirido. Fundación Pedrón de Ouro, polo relato ¡Ai, padriño!, publicado en Premios Pedrón de ouro XXXIV, XXXV, Edicións do Castro, A Coruña, 2011.
  • Primer premio del XII Certamen Nacional de Poesía Manuel-Orestes Rodríguez López, Ayuntamiento de Paradela (Lugo) co poemario No nome da nai, 2007.
  • Accésit do X Certame de Poesía Francisco Añón, Ayuntamiento de Outes (A Coruña), co poemario Nas marxes do Tempo, 2006.
  • Primeiro Premio do Certame Rosalía de Castro do Centro Gallego de Santander pola obra Escolma, 2004.
  • Gañadora do XVII Premio de Poesía Johán Carballeira del Concello de Bueu (2014), coa obra Dos días escuros.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará o 28 e o 29 na Estrada

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase os días 28 e 29 ata a Estrada, situándose, como xa é habitual, na Praza do Concello. Os interesados en doar sangue poden acudir, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos, envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécense con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e para facer fronte ás urxencias.Baixo o lema 10 minutos da túa vida para salvar a doutros agradécese a colaboración altruísta da cidadanía que é vital para acadar as 500 doazóns de sangue que precisan cada día para axudar a centos de enfermos.Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.Poderán doar sangue as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e que sexan maiores de idade. Os doantes maiores de 65 anos poderán seguilo facendo sempre que conten co permiso do seu médico de cabeceira.Os doantes deben acudir coa tarxeta de doador, co DNI ou cun documento similar, comunicándolle ao médico se están tomando algún medicamento.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Inaguración 31ª Feira do Moble en A Estrada

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou esta mañá na inauguración da XXXI Feira do Moble de Galicia.

Alfonso Rueda destacou a consolidación da Feira do Moble estradense, que ano tras ano, se consolida como unha das máis importantes do sector e que sitúan a Galicia nun referente no deseño, fabricación e venda de mobles.

Durante estes días, a Estrada convertese nun centro de negocios para o sector,un escaparate onde coñecer as últimas innovacións e os últimos deseños na madeira e na súa transformación; unha actividade clave para a economía galega, que aglutina miles de postos de traballo. 
 

Publicado en Portada | Deja un comentario

“OUTONO NO PRINCIPAL”

SETEMBRO

  • Día 30 ás 22.00 horas. Concerto de Martin Sánchez.

 

OUTUBRO

  • Día 07 ás 12.30 horas e ás 20.00 horas. Os Fabulosos Cleaners de Producións Malasombra
  • Día 08 ás 18.00 horas. A barca do inferno de Compañía de Teatro de Braga (Portugal).
  • Día 11 ás 21.00 horas. As fillas bravas do grupo Chévere.
  • Día 20 ás 21.00 horas. Concerto homenaxe a Álex Cabal.
  • Día 21 ás 21.00 horas. Monólogo de Javier Veiga
  • Día 27 ás 21.30 horas. Concerto acústico de Teo Cardalda (Cómplices).
  • Día 29 ás 18.00 horas. Carapuchiña vermella de Educa Teatro.

 

NOVEMBRO

  • Día 03 ás 21.00 horas. Cranio privelixiado, Mofa e Befa.
  • Día 04 ás 12.30 horas. Novas tolemaxias, O Mago Teto.
  • Día 10 ás 21.00 horas. Contos de medo e arrepío, Paula Carballeira.
  • Día 11 ás 21.00 horas. Concerto de 7 Setenta.
  • Día 17 ás 21.00 horas. Monólogo de Álex O’Dogherty
  • Día 18 ás 20.30 horas. Concerto da Orquestra de Cámara Galega.
  • Día 19 ás 18.00 horas. Festival Lume na Lareira.
  • Día 24 ás 20.30 horas. Cenicienta, el musical. Tempus Producciones.
  • Día 25 ás 20.30 horas. Concerto de Santa Cecilia. Banda Municipal da Estrada.

 

DECEMBRO

  • Día 02 ás 12.30 horas. Zapatos. Caramuxo Teatro.
  • Día 02 ás 20.30 horas. Concerto de Santa Cecilia. Banda Cultural da Estrada.
  • Día 08 ás 21.00 horas. Monólogo de Quique San Francisco.
  • Día 10 ás 19.00 horas. Lo mejor de Yllana. Compañía Yllana.
  • Día 16 ás 20.30 horas. Festival de Nadal de Corais.
  • Día 23 ás 20.30 horas. Concerto de Fin de Ano. Banda Municipal da Estrada e Corais Polifónicas Estradense e de Soutomaior.
  • Día 26 ás 12.30 horas. 100% Burbujas. Buble Factory.
  • Día 27 ás 12.30 horas. Pum Pum. Baobab Teatro.
  • Día 28 ás 12.30 horas. Concerto Singular de Cía Píscore.
  • Día 29 ás 12.30 horas. A danza da choiva. Elefante Elegante.
  • Día 29 ás 21.00 horas. Gala Nadal do Teleclub da Comedia.

 

XANEIRO

  • Día 03 ás 18.00 horas. Musical Tom Sawyer Detective. Cía Lazzygags.
Publicado en Portada | Deja un comentario

O ALCALDE SEGUE VENDENDO PROPAGANDA MENTRES A ESTRADA SE DESANGRA

 

Os comercios pechan, as obras non se executan, os estradenses teñen que buscar traballo fóra e mentres o alcalde José López e os do PP míntenos aos estradenses unha e outra vez sen tan sequera porse colorados. A acción do goberno local limítase únicamente a levar a cabo unha constante campaña de propaganda de boa xestión que non se materializa por ningún lado, pensando só en clave de rendemento electoral e non nos estradenses.

 

A Conselleira de infraestruturas Ethel Vázquel, acompañada do alcalde José López e do delegado da Xunta, dixo o pasado martes, durante unha visita propagandística que realizou á Estrada, que antes de finais do ano 2017 se iniciarían as expropiacións para a prolongación da Autovía Santiago a Estrada. “ ‘Vamooos que nos vamos’ dirianlle as Tacañonas do famoso concurso de televisión 1, 2 ,3 – Resposta repetida”, comentou con sorna a portavoz socialista Belén Louzao, antes de lembrar que esta mesma conselleira, a preguntas dos medios de comunicación locais, repetiu exactamente a mesma resposta que dera en 2016. “Non fai falla dicir que mentiu no 2016 e minte no 2017, non tiñan os cartos entón nin os teñen agora para facer fronte a ningunha expropiación”, concluíu.

 

O goberno municipal lonxe de ser o motor semella ser un lastre.

O concello non está exercendo de motor económico nin de ente dinamizador, se non todo o contrario. Inversións que non se executan, proxectos que non se materializan e promesas incumpridas que reiteran unha e outra vez pero nunca cumpren: Ana Pastor, entón ministra de Fomento e hoxe presidenta do Congreso dos Deputados, veu A Estrada para anunciar flanqueada polo alcalde José López a licitación da variante no 2015, hoxe en día non temos nin o trazado definido; a conselleira de infraestruturas pon un ano máis data para iniciar a autovía, pero non move nin un só euro ao respecto; o Concello compromete data de inicio de obras (matadoiro en funcionamento antes de finais de 2015, contedores do lixo e camións en 2016, quiosco da alameda antes do verán, obras na zona dos viños antes da festa do salmón, asfaltados e humanizacións de rúas sen executar, …) e nunca cumpre.

 

“Os datos de locais comerciais pechados na vila son moi preocupantes, o acción do goberno local no polígono de Toedo é inexistente, o proxecto da praza de abastos e dos 2 viveiros de empresas municipais non acadan as expectativas xeradas, e todo o que fai o goberno de José López ao respecto e mirar para outro lado mentres presume de que lle sobran os cartos a finais de ano. O alcalde todo arranxa con palabrería, pero inda non foi quen un ano despois de dicir con que proxectos concretos se beneficiará a Estrada dos fondos EDUSI ou de algo tan sinxelo como materializar os proxectos de 2016 e 2017 que paga a Deputación de Pontevedra e para os que non ten que poñer nin un só euro, só debe encargarse de xestionalos”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

El VII Memorial Manuel Bergueiro terá lugar o 15 de outubro na Estrada

 

Reale Seguros e Ceroriesgo organizan o VII Memorial Manuel Bergueiro, carreira popular de 10 quilómetros que será a derradeira proba puntuable para o V Circuíto Corre A Estrada Corre, e terá lugar o 15 de outubro. Colabora a Concellería de Deportes, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá do Concello da Estrada, o Club Deportivo San Paio e Atletismo A Estrada. O ano pasado participaron ó redor de 400 persoas en total.

A proba estará baixo a supervisión e control de EmeSports e poderán participar atletas federados e non federados. Establecerase as clasificacións segundo as idades.

  • Atletas nados no ano 2012 en adiante.
  • Pre-benxamín. Nado nos anos 2010 e 2011.
  • Benxamín. Nados en 2008 e 2009.
  • Alevín. Nados no 2006 e 2007.
  • Nados no 2004 e 2005.
  • Nados no 2002 e 2003.
  • Nados no 2000 e 2001.
  • Nados no 1998 e 1999.
  • Nados no 1995, 1996 e 1997.
  • Nados entre 1983 e 1994.
  • Veterán/ a A. Nados entre 1971 e 1982.
  • Verterán/a B. Nados no 1970 e anteriores.

O percorrido da carreira absoluta seguirá un circuíto de 3.200 metros, aproximadamente, a partir da categoría Xuvenil/Junior/Promesa, cun total de 9.600 metros. O resto das probas faranse en dous circuítos de 800 metros e de 500 metros.

A retirada dos dorsais realizarase o día da proba a partir das 09.00 horas na Praza da Constitución, diante do Concello. Ás 11.00 horas arrancará a carreira para os Cadetes, Xuvenís, Junior, Promesa, Senior e Veterán; ás 12.20 horas para Infantil; ás 12.40 para Alevín; ás 12.50 para Prebenxamín; ás 13.00 horas para Pitufos e sobre ás 13.15 horas farase a entrega dos premios. Haberá habilitado vestiarios no pavillón municipal Coto Ferreiro de 10.00 a 14.00 horas.

Os interesados en participar deberán inscribirse previamente e o prazo, xa aberto, cerrarase o 12 de outubro. As inscricións deberán facerse na web www.emesports.es Haberá un límite de 500 prazas na proba absoluta. O prezo da inscrición será de 4 euros para os adultos (Xuvenil e superiores), mentres que será totalmente gratuíta para as categorías escolares (Pitufo e Cadete). “Os que xa están inscritos no circuíto non é necesario que se inscriban nesta proba”, indicou Ismael Pena, concelleiro de Deportes, hoxe durante a presentación do evento.

Os interesados poderán informarse nos teléfonos 886 153 589 ou 986 570 030 ou no correo electrónico deportes@aestrada.es Tamén poderán obter máis información a través das páxinas web www.aestrada.gal ou www.emesports.es 

“Esta é a única carreira na que damos premios en metálico e aumentámolos un pouquiño con respecto ao ano pasado e este ano dámolos ata o sétimo, cando o ano pasado era ata o quinto”, resalta Pena.

 

Premios

  • Categoría Absoluta. Entregarase trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría feminina e masculina e tamén trofeo e premio para os sete primeiros/as corredores/as en cruzar a liña de meta na proba, tanto en categoría feminina coma masculina. Son por igual, tanto na masculina como a feminina:

 

  1. Trofeo + 250 euros.
  2. Trofeo + 200 euros.
  3. Trofeo + 150 euros.
  4. Trofeo + 125 euros.
  5. Trofeo+ 100 euros.
  6. Trofeo + 75 euros.
  7. Trofeo + 50 euros.

 

  • Categoría escolares. Trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría feminina e masculina dende Benxamín ata Veteráns. Entregaráselles medallas a todos os participantes da categoría Pitufos, ata fin de existencias.

“Estamos barallando que das catro carreiras que temos (Memorial Manuel Bergueiro, Nocturna, a de Cross e a do Salmón) igual sacamos unha para o ano e facemos no sitio un trail”, adiantou Pena. “Pero o trail non iría dentro do circuíto”, apuntou David Carballo, técnico de Deportes.

Dicir que dita carreira, a do día 15, estaba pensada para o sábado día 7 pola tarde “pero como coincide coa Subida á A Estrada e as xornadas de ciclismo por iso se cambiou a un fin de semana máis tarde”, resalta Carballo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta aposta por que as empresas divulguen sobre os servizos de autobús compartido para que o maior número de veciños aproveite a nova oportunidade de transporte público no rural

 

A Xunta lembrou hoxe que as empresas de transporte teñen a obriga de informar sobre os horarios e frecuencias e apostou por darlle a maior divulgación posible aos servizos de autobús compartido para que o maior número de veciños poida aproveitar esta nova oportunidade de transporte público no rural.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañados do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, visitaron hoxe no concello da Estrada o CEIP Manuel Villar Paramá, en San Xurxo de Vea, que estreou onte un destes novos servizos de autobús escolar compartido.

Neste municipio os tres centros escolares públicos teñen transporte escolar de uso compartido, dos cales dous xa están a funcionar desde onte e no terceiro, o Instituto de Ensino Secundaria, porase en marcha o venres co seu inicio de curso.

Ethel Vázquez sinalou que todas as liñas de autobús compartido teñen blindada a atención ás necesidades dos ecolares, “porque os nenos son o primeiro”, e manteñen intactos os horarios, as paradas e os itinerarios do transporte escolar. Segundo explicou, a diferencia que introduce este modelo é que os vehículos que portan o distintivo de “autobús compartido” indican que o resto da poboación pode subir e empregar as prazas vacantes.

A conselleira puxo o acento no xeito en que este sistema mellora as posibilidades de desprazamento dos veciños, especialmente no rural, e puxo como exemplo o caso da liña que leva os escolares desde Pontecesures ata o CEIP Manuel Villar Paramá, en San Xurxo de Vea, chegando despois ata a estación de autobuses da Estrada.

Desa forma, apuntou, mellora a conexión entre as parroquias e o núcleo da Estrada e os veciños teñen un autobús que os leva ao centro a primeira hora da mañá e que os pode levar de volta a casa ás 13,30 horas.

Ethel Vázquez afirmou que a posta en marcha do sistema está a cumprir a súa prioridade de que os nenos cheguen á escola e a casa con normalidade e nos horarios fixados e confiou en que progresivamente se incremente o uso das prazas baleiras polo resto da poboación.

Pola súa banda, Román Rodríguez destacou que Galicia é a Comunidade autónoma que máis achega no transporte escolar para apoiar ás familias, e sinalou que emprega este servizo o 40 % dos alumnos galegos de Primaria, fronte ao 8% da media estatal.

Nese sentido, o conselleiro de Educación destacou a “lóxica” de buscar unha maior rendibilidade social a esa rede de transporte que ten unha gran capilaridade e que pode servir para mellorar a mobilidade da poboación.

Transporte escolar compartido

O transporte escolar compartido permite aos viaxeiros regulares empregar as prazas baleiras do autobús escolar, que se implantaron en 513 liñas de toda Galicia, o que supoñen arredor do 10% das liñas escolares.

Estanse a cumprir coas prioridades e cos obxectivos marcados: que os nenos cheguen ao colexio e regresen ás súas casas no horario previsto, nas mesmas paradas de sempre e percorrendo o itinerario fixado no servizo de transporte escolar e agárdase que pouco a pouco, o público xeral vaia incrementando o uso do bus escolar compartido para os seus desprazamentos cotiáns.

Publicado en Portada | Deja un comentario