II Xornadas de Educación na Estrada: educaSTRADA

 

 

Estas xornadas darán comezo o vindeiro 28e 29 de Abril, sendo o Venres 28 o día para as familias e o Sábado 29 para profesorado.

A inscripción e de balde pode facerse a través do correo eléctronico: educastrada@gmail.com

 

Colaborán: Excelentisímo Concello A Estrada, Cafetería Boliche, Argentinos Burguer, Samaná, Mini cines central e cafetería Eureka.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Banco Santarder presenta en A Estrada a conta 1-2-3

Esta tarde Banco Sanander presentou en A Estrada a nova conta Smart 123 para persoas entre os 18 e 31 anos.

Tratase dunha conta corrente sen requisitos, con tarxeta de débito sen cota de emisión e renovación.

Con acceso desde App a información sobre empleo axudas o emprendemento e formación.

Nesta tarde a sala do Banco Santander estaba rechea de xente moza e non tan moza.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Os Orzamentos de 2017 están nas antípodas do que necesita o noso concello e do que propón o BNG

 

O proxecto de Orzamentos do concello da Estrada elaborado polo goberno do Partido Popular é continuista, única verdade que se desprende da memoria da alcaldía que acompaña aos orzamentos. Polo que respecta a todo o demais, os Orzamentos de 2017 están nas antípodas do que necesita o noso concello e do que propón o BNG.

Segundo indica tamén na memoria da alcaldía, estes orzamentos caracterízanse “sobre todo pola contención gasto”. Nada máis lonxe da realidade, non hai máis que botar unha ollada aos ingresos e gastos para ver, un ano máis, como o gasto corrente segue unha liña alcista, moi por enriba dos ingresos, o que impide ao concello facer os investimentos que necesita A Estrada, dependendo case en exclusiva doutras administracións. Neste sentido non deixa de ser sintomática a baixada en case 100.000 € dos investimentos previstos para o rural.

Tamén se afirma na memoria que os orzamentos buscan “solucións aos principais problemas”, como a falta de emprego e o escaso dinamismo da economía estradense. Outra mentira. Non hai máis que ver a proposta de investimentos para comprobalo. Só se inclúe a renovación do pavimento de viais rurais e urbanos e proxectos de humanización de rúas sen ter antes solucionados os problemas de circulación e a perda de espazos de aparcadoiros que estas actuacións ocasionarían.

O QUE NON TEÑEN OS ORZAMENTOS DO PP

Desenvolvemento urbanístico

  • Non se desenvolve urbanisticamente a vila coa apertura de novas rúas e zonas de aparcadoiros en superficie, toda actuación neste sentido, está derivada cara a iniciativa privada (Mercadona).

Desenvolvemento económico

  • Non se contempla a ampliación do polígono industrial de Toedo, nin sequera da Cidade do Móbel.
  • Tampouco se contemplan actuacións en proxectos industriais que integren a actividade gandeira local (recuperación do matadoiro, complementando a súa actividade coa elaboración e comercialización de derivados cárnicos).
  • Tampouco se desenvolve canles de comercialización da produción agraria local (dinamización da praza de abastos como referente de distribución e venda).
  • O monte tamén é outro dos ausentes destes orzamentos. Non se promoven sistemas de xestión e limpeza conxuntos nos montes privados como medio de aumentar a súa produtividade e combater os incendios forestais.

Desenvolvemento social

  • A respecto da política social limítase a desenvolver políticas de beneficencia e a execución de programas deseñados e financiados desde a Xunta de Galiza a través do departamento de servizos sociais.
  • Non se contempla ningunha actuación para garantir o dereito de todos os cidadáns a unha vivenda e servizos básicos a un prezo que se corresponda cos seus ingresos.

En calquera caso, a conclusión que se extrae destes orzamentos do PP é que a inversión do concello limítase á aportación de fondos procedentes da UE (FEDER, EDUSI…) e subvencións da Deputación de Pontevedra, que se citan na memoria da alcaldía pero que non se concreta o seu destino, furtándoos así do seu debate no Pleno municipal.

Máis todas estas actuacións están condicionadas pola aportación económica municipal, do que actualmente carece. A proposta do alcalde –en declaración ós medios de comunicación- non pode ser máis esperpéntica. No canto de adicar o remanente de tesourería de aproximadamente 900.000 € a estas actuacións, destinarán esta cantidade a amortizar débeda pola imposición do Ministerio de Economía e Facenda, pero o concello pedirá un crédito extra-orzamentario de 900.000 € para acometer estes investimentos. O dito, un esperpento.

O QUE DEBERÍAN TER OS ORZAMENTOS. A PROPOSTA DO BNG

Fronte á parálise e á falta de ideas do PP para o desenvolvemento socio-económico do noso concello, o BNG ten alternativas, que, se ben, non se poderían acometer nun só ano, pero si permitirían dinamizar a economía do concello con actuacións como as que se indican a continuación:

  • Apertura da rúa entre As Colonias e 25 de Xullo.
  • Compra de terreos para aparcadoiros públicos e gratuítos en superficie.
  • Compra de terreos para ampliación do polígono industrial de Toedo.
  • Posta en marcha do matadoiro municipal.
  • Dinamización da praza de abastos como referente de comercialización dos produtos agrarios locais.
  • Adicar o 75% do persoal contratado nos plans de emprego á limpeza do monte, desenvolvendo convenios con propietarios, distribuíndo o monte do concello en zonas ou parroquias. Eses convenios estarían condicionados a que unha porcentaxe significativa de propietarios (75%) aceptase a actuación. Financiaríanse estes traballos co establecemento dunha cota anual por conta do propietario en función da súa superficie.
  • Estudo sobre a necesidade de vivenda, número, situación e categorías das vivendas valeiras, cara a creación dun parque público de vivendas de alugueiro con prezos adecuados aos ingresos dos usuarios.
  • Plan de axuste no gasto: estudo de custe dos servizos e auditoría da xestión dos mesmos.
  • Establecer un sistema fiscal progresivo para o pago dos servizos, establecendo un coeficiente de progresividade en función dos ingresos de cada usuario.
  • Municipalización da EDAR de Aguións.
  • Actuacións en sumidoiros e saneamento do rural.

FINANCIAMENTO

É evidente que todas estas actuacións necesitan o seu financiamento, que sairían basicamente do aforro da carga financeira, dos fondos FEDER e EDUSI, así como do Plan Concellos da Deputación, remanentes e baixas de obras, que a propia memoria dos orzamentos estima en 3.500.000 €.

Por outra parte, tamén se acometería unha estrita revisión dos gastos do orzamento, eliminando todas as partidas que ao noso entender non son necesarias. Así por exemplo, eliminaría o asesor xurídico (A Estrada conta con unha secretaria do concello), eliminaríanse os estudos e traballos técnicos (o traballo recaería nos cinco arquitectos cos que conta o concello), tamén se eliminaría a partidas de “estratexia e desenvolvemento urbaán sostíbel, así como a de proxectos técnicos e humanización de rúas. Esta revisión de custes permitiría un aforro de 453.000 €.

BNG A Estrada

Publicado en Portada | Deja un comentario

Mañá poranse a venda as entradas para o espectáculo TÍCKET

Mañá mércores comezaranse a venda das entradas (8,00€) para o espectáculo TÍCKET da compañía catalana CLOWNIC, tutelada polo TRICICLE, que terá lugar no Teatro Principal da Estrada o sábado 29 de abril ás 21.00h. Tamén as do concerto de POP -ROCK de EL BÚHO (5,00€ + agasallo dun CD) que terá lugar este sábado día 22 no Teatro Principal ás 21.30h.

 
TÍCKET
 
Ticket é o novo espectáculo de teatro xestual creado colectivamente por Eduard Méndez, Xevi Casals, Gerard Domenech, Marc Montserrat e TRICICLE. É unha viaxe pola historia do cine de humor, un espectáculo de teatro de acción que toma como punto de partida as secuencias cómicas máis universais: Charles Chaplin, Marx Brothers, Keaton, Laurel & Hardy, Tati, Rowan Atkinson (Mr. Bean) e Monty Python, entre outros. Unha sucesión de sketchs trepidantes e delirantes que fusionan o cine de humor e o teatro cómico cun so obxectivo: Facer rir ao público cada 10 segundos.
 
CONCERTO DE EL BÚHO
 
Comandado polos estradenses Héctor Martínez e Rubén Abel e integrado por músicos como Valentín Torrado, Leo Gianetto, Carlos Arévalo e Xosé Lueiro; El Búho fará a presentación do seu primeiro CD no Teatro Principal. Coas entradas, que teñen un prezo de 5,00€ regalarán o seu CD. Despacharanse no Departamento de Cultura e en Calzados A Esquina.
 
EL BÚHO

El Búho nace hai a penas un ano da man de Héctor Martínez e Xosé Lueiro. Posteriormente unirase Rubén Abel, configurando, eles os tres, o cerne creativo. É un pop-rock de influencias indie na liña de bandas como Jeff Buckley, John Mayer, Elliot Smith, Radiohead ou Vetusta Morla. Con letras intimistas e poéticas, que falan da perda e a soidade; a música, presenta grande alternancia rítmica con baladas cheas de profundidade e un pop suave e acústico ás veces, e abrupto e potente, outras.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O goberno municipal non pode deixar sen fibra óptica a case o 60% dos veciños e veciñas da Estrada

Ter fibra óptica no rural da Estrada é cuestión de vontade política
 
O Goberno municipal do PP terá que empregarse a fondo para impedir que a fenda dixital no concello da Estrada non sexa aínda máis grande entre os veciños e veciñas da vila e os do rural, logo do anuncio feito hai unhas semanas polo propio alcalde no que daba conta do despregamento da fibra óptica no casco urbano e no polígono industrial de Toedo.

Tal e como anunciamos, o BNG da Estrada rexistrou unha moción que insta ao goberno municipal a moverse, a facer as xestións que estime oportuno, para que o rural non fique á marxe da banda ampla de internet, discriminando así a case o 60% das veciños e veciñas da Estrada.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba en outubro de 2015 o Plan de Banda Larga de Galicia 2020”, para que “os galegos teñan acceso equitativo a redes ultrarrápidas de telecomunicacións”, abarcando a “práctica totalidade da poboación galega (96%)”.

Se o anuncio feito hai unhas semanas polo alcalde da Estrada chega a executarse nos termos anunciados, miles de veciños e veciñas da Estrada quedarán fóra do despregue da banda ampla anunciada polo presidente da Xunta, ampliando a fenda dixital entre os que viven no rural e os que viven na vila, o cal non ten nada de equitativo.

Hai alternativa
É de agardar que o goberno municipal se escude nas operadoras privadas e na extensión do noso concello para ignorar as necesidades de case o 60% dos veciños e veciñas da Estrada. Sen embargo, concellos como Ponte Caldelas, que non ten a extensión do noso, pero que é eminentemente rural coma o noso, e non recibiron os máis de catro millóns de euros que recibiu A Estrada polo proxecto da Estrada Dixital, ten conectados ao 100% dos seus veciños a través de fibra óptica, con velocidades de acceso do século XXI. Desde o BNG entendemos que se Ponte Caldelas pode facelo, A Estrada tamén, só é cuestión de ter vontade política.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Solta esguins Salmón no Rio Ulla

 

MEDIO AMBIENTE CONSTATA A RECUPERACIÓN NATURAL DO SALMÓN NO RÍO ULLA XA QUE A CAPTURA DE EXEMPLARES MARCADOS É INFERIOR AO 10%

 
Publicado en Portada | Deja un comentario

Menos cartos para procesións e máis para colexios públicos e sectores económicos en crise

Desde o BNG da Estrada censuramos o reparto arbitrario, sen rigor e sen criterio, das subvencións do concello para 2017, que outorga 10.000 € para procesións relixiosas, fronte aos 3.352 € que reciben os colexios públicos, os 3.000 que recibe Mar de Compostela ou os que reciben as cooperativas agrarias do concello

 

 

Para o BNG da Estrada a listaxe de subvencións nominalistas integradas dentro do proxecto de orzamentos de 2017 que preparou o grupo de goberno da Estrada están feitas de xeito arbitrario, sen rigor e co único criterio de beneficiar a determinados colectivos vinculados ao PP.

Só así se entende por exemplo, que o PP outorgue 10.000 euros do erario público á Confraría da Santa Cruz, é dicir, á igrexa católica, que organiza unha evento ao longo de todo o ano, cuxo retorno social e económico é nulo.

Máis cartos para procesións que para colexios públicos

En contraste con este dispendio, cómpre destacar que os colexios e institutos públicos do concello só reciben 3.352 € de subvención, importe total que se reparten entre os seis colexios e tres institutos en cantidades que oscilan entre os 168 € do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda até os 1.200 € do IES Nº 1.

 
Máis cartos para procesións que para sectores económicos en crise
Tamén compre destacar o importe da subvención que reciben entidades que traballan en sectores económicos en crise, como poden ser o sector primario (COASTRA, Gandeiros Estradenses e Monte Cabalar) ou ACOE, en comparación co que recibe a citada cofradía relixiosa. Neste caso, e aínda que a diferenza é positiva para as entidades socio-económicas, a diferenza é tan escasa (14.000 € no caso das cooperativas agrarias, 15.000 € no caso de ACOE), que demostra cales son as prioridades do goberno municipal do PP, que desde logo non pasan por primar os sector agro-gandeiro e a educación pública.

O turismo é outra das actividades que tamén se verá prexudicada no reparto de subvencións do PP da Estrada. Así, Mar de Compostela, a asociación que aglutina a todas as casas de turismo rural do noso concello, só recibirá do goberno do PP un total de 3.000 € para as súas actividades de promoción.
 
Máis cartos para procesións que para axuda social
Na listaxe de subvencións do PP non deixa de ser curiosa tamén a diferenza que existe entre a citada entidade que organiza as procesións de semana santa coas que reciben outras entidades como poden ser a Cruz Vermella (1.000 €) ou outras vinculadas á igrexa católica como é Cáritas, que recibirá un total de 4.500 €, fronte aos 10.000 € para a Confraría da Santa Cruz.

Desde o BNG da Estrada xa temos manifestado que para nós a axuda social ás persoas máis necesitadas sempre ten que partir das entidades públicas, sexan estas os concellos ou a Xunta de Galiza. Sen embargo, ante a falta de implicación dos gobernos do PP, é un feito que Cáritas atende as necesidades dun número moi importante de persoas en situación de risco social e económico, -tamén no noso concello-, por iso que non deixa de ser sintomático que o PP da Estrada dea máis cartos para procesións que para as entidades que traballan os 365 días do ano, e cuxo retorno social é incuestionábel.

A Estrada non vive de procesións
Xa dicía Karl Marx, «a relixión é o opio do pobo», e iso exactamente é o que pensa o goberno municipal presidido por José López Campos. Fronte ao esmorecemento da nosa economía e de sectores estratéxicos importantes para o noso concello como é a agricultura, a gandeiría o moble, o comercio… a solución para o PP pasa por incentivar as procesións relixiosas, que, como dixemos anteriormente, teñen nulo retorno económico e social.

Instamos ao goberno municipal do PP a rectificar as subvencións nominalistas e a publicar unha nova listaxe (pode verse íntegra na nosa web), que atenda as necesidades reais dos veciños e veciñas da Estrada, apostando polos sectores produtivos e económicos, único xeito de crear emprego e benestar para todas e todos.

Publicado en Portada | Deja un comentario