Coa aplicación do INE noméanse 9 integrantes por cada mesa: un presidente e dous vogais máis dous suplentes para cada un destes postos.
O salón de plenos do Concello da Estrada acolleu hoxe, ás 13.00 horas, un pleno de carácter extraordinario destinado á realización do sorteo das mesas electorais de cara aos comicios xerais que se celebrarán o vindeiro 29 de novembro. A sesión desenvolveuse de xeito áxil, empregando para a designación dos integrantes destas mesas o transparente sistema de sorteo que posibilita o soporte do Instituto Nacional de Estatística (INE). Unha pantalla de televisión permitiu aos integrantes de todos os grupos e persoas presentes na sesión ir seguindo o funcionamento da aplicación. O sistema selecciona nove persoas por cada unha das 39 mesas electorais que haberá no Concello da Estrada. Noméase a un presidente e a dous vogais, xunto con dous suplentes para cada unha destas persoas. As notificacións chegarán nos vindeiros días
O outono chega cargado de talento galego coa posta en marcha de Circo no Camiño, un novo proxecto cultural que reunirá algunhas das propostas máis divertidas e sorprendentes das artes escénicas galegas. Da man de Troula, Mago Teto, Culturactiva e Educateatro, esta iniciativa percorrerá Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela cunha programación pensada para todos os públicos con diferentes formatos de rúa e baixo unha auténtica carpa de circo.
Dende o 12 de novembro e ata o 6 de decembro, Circo no Camiño ofrecerá unha ampla variedade de espectáculos nos que o circo, a maxia, o clown, a música e o humor serán os grandes protagonistas. Esta proposta para toda a familia permitirá ao público descubrir a riqueza e a diversidade do circo galego, achegando a cultura durante varias datas en cada localidade e facendo da tempada de outono-inverno unha oportunidade para vivir as artes escénicas de preto.
A programación contará con nomes e propostas recoñecidas que xirarán ao redor da gran Gala de Circo do Camiño, unha gala exclusiva que contará coa participación de algunhas das mellores compañías de circo galegas e internacionais do momento. Conducida polo gran pallaso Fifo, contará cos aéreos e acrobacias da Frick Company, con Sue Moreno no trapecio, co humor de Javi Javichy, cos malabares de Noel, os equilibrios dos Forzu2 e o clown de Jano Sen Medidas.
Un dos artistas destacados será tamén o popular Mago Teto, que combinará ilusión, música e humor no seu espectáculo Galerock & Magic. Troula encherá as rúas de animación e personaxes sorprendentes, e Culturactiva Producións porá o humor gastronómico co espectáculo Máis Saaabor. A xira incluirá tamén outras propostas como Tavole, da compañía Zirko Txosko, ou a música de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Circo no Camiño nace coa vontade de sumar esforzos entre compañías e produtoras galegas para ofrecer unha programación diversa, accesible e de calidade, capaz de conectar con públicos de todas as idades. Unha iniciativa que reivindica o valor das artes escénicas como espazo de convivencia e que aposta polo talento galego para encher de cultura os meses máis fríos do ano.
As actuacións desenvolveranse en Verín, do 12 ao 15 de novembro; Lalín, do 20 ao 22 de novembro; A Estrada, do 27 ao 29 de novembro; e Santiago de Compostela, do 3 ao 6 de decembro.
Os abonos para os espectáculos, e a programación completa, están dispoñibles na web circonocamiño.gal
Este proxecto conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia.
O alcalde e técnicos municipais supervisan o remate das obras de recuperación dunha peza á que se lle atribúe unha antigüidade de case tres séculos. Está considerado un dos acuedutos máis antigos de Galicia en funcionamento e enmárcase no conxunto hidrolóxico e arquitectónico da Presa de Leira, na que tamén se realizaron melloras.
O Concello da Estrada vén de recibir as obras vencelladas ao Fondo de Compensación Ambiental, cuxos recursos se destinan por segundo ano consecutivo á posta en valor da contorna da Presa de Leira. Neste 2026 o groso do investimento dirixiuse á recuperación do singular acueduto situado nos límites das parroquias de Ribela, Parada e Codeseda. A construción forma parte dun conxunto hidrolóxico e arquitectónico que constitúe, asemade, un importante elemento patrimonial e un atractivo turístico aínda moi descoñecido. O alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, visitou este venres a zona para coñecer de primeira man o resultado dos traballos. “Este conxunto ten moito atractivo natural, hidrolóxico e turístico”, subliñou o mandatario, que puxo o acento no “patrimonio tan interesante que temos nesta zona do noso concello”. O propio rexedor lembrou que na primeira intervención, realizada en 2024, os traballos impulsados polo Concello permitiron recuperar os muros derrubados no discorrer da presa de Leira e instalar pasarelas e varandas nalgúns dos puntos do percorrido con maior dificultade de paso, co obxectivo de facilitar o tránsito peonil pola contorna. Neste 2026, o foco púxose na recuperación do acueduto, unha infraestrutura hidráulica histórica que continúa cumprindo a súa función de permitir o paso da auga sobre o curso fluvial. Os traballos posibilitaron a recuperación dalgunhas das grandes lousas de pedra que cobren a canle, restituíndo parte da configuración orixinal desta singular construción. Porén, cómpre lembrar que se trata dunha infraestrutura concibida para a condución de auga, non como un paso peonil. Con preto de tres séculos de historia (algunhas fontes documentais sitúan a súa construción no ano 1753), o acueduto de Leira ten sona de seren dos máis antigos acuedutos en funcionamento que existen en Galicia. Forma parte dunha antiga condución de auga -a presa de Leira- de arredor de 3 quilómetros de lonxitude e que se creou para a rega de prados e cultivos da contorna. Ademais da importancia arquitectónica deste singular patrimonio atesourado neste punto do rural estradense, a beleza da paisaxe natural na que se enmarca o acueduto é innegable. A maiores, a carón da presa e acueduto de Leira existen moitas lendas e contos populares, principalmente asociados ás figuras mitolóxicas dos mouros. De feito, varias pedras e cavidades están bautizadas con nomes que fan referencia a esta compoñente lendaria.
A administración estradense recibiu esta mañá o informe técnico que encargou á empresa especializada Tysgal e que será remitido agora á Consellería de Medio Ambiente. O Concello ten colgada dende o 1 de outubro toda a información e documentación relativa a estes proxectos na súa páxina web para facilitar a consulta por parte dos interesados. Hoxe mesmo recibiu un modelo de alegación, que se facilita tamén á veciñanza a través do portal municipal. O prazo remata o 12 de novembro.
O Concello da Estrada recibiu a primeira hora desta mañá o informe técnico elaborado pola empresa especializada Tysgal sobre os proxectos eólicos Nesa Monte Arca Norte, Nesa Monte Arca Sur e as súas infraestruturas de evacuación. Analiza a documentación ambiental presentada polas promotoras e identifica numerosas cuestións que, ao seu xuízo, precisan dunha avaliación máis completa e rigorosa. Cómpre aclarar que o acordo polo que se someten a información pública estes proxectos eólicos entre os concellos da Estrada e Cuntis foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 30 de setembro. O Concello da Estrada contactou de seguido coa devandita empresa especializada para que realizase unha análise técnica independente das posibles afeccións ambientais e territoriais e xa dende o 1 de outubro publicou na súa páxina web toda a documentación recibida para que puidese ser consultada por todas as persoas interesadas. Xunto co informe técnico, o Concello recibiu tamén hoxe un modelo de alegacións dirixido á veciñanza, que quedará publicado hoxe mesmo na páxina web municipal para que poida ser empregado polos afectados que queiran participar no trámite de participación en curso. O prazo remata o vindeiro 12 de novembro. No tocante a informe técnico que se presentará dende o Concello da Estrada perante ao Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o documento identifica unha serie de afeccións que considera insuficientemente avaliadas. “A documentación presentada pola promotora resulta insuficiente como para aportar resultados concluíntes e garantistas, dada a falta de información, estudo e análise de varios aspectos relevantes”, sinálase. Un dos aspectos que analiza o informe é a proximidade das instalacións aos núcleos de poboación. O documento identifica once núcleos da Estrada situados a menos de dous quilómetros dos aeroxeradores proxectados: Bargo, Alberiñas, A Carballeira, Chan de Aldea, Vila de Abaixo, Castro Ramiro, O Cruceiro, Nodar, Xustín, Arcapedriña e A Goleta. Indica que iso incumpre as determinacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD) no documento Alcance de estudio de impacto ambiental de proyecto de parque eólico terrestre” (2020) “onde se sinala que deben evitarse as alternativas de parques eólicos e subestacións a menos de 2 km de núcleos habitados, áreas con usos sensibles (residencial, sanitario, docente ou cultural) ou vivendas”. O informe que presentará o Concello tamén recolle que, segundo a ferramenta de Zonificación Ambiental do MITERD, dous dos aeroxeradores do P.E. Nesa Monte Arca Norte (A01N e A02N) e un dos aeroxeradores do P.E. Nesa Monte Arca Sur (A03S) atópanse na zona de sensibilidade ambiental moderada. Ademais, os A03N e A03S atópanse a menos de 50 metros da zona de sensibilidade ambiental máxima, onde non é recomendable a ubicación dos aeroxeradores. “Por tanto, practicamente a metade dos aeroxeradores planificados incumpren as recomendacións do MITERD”, indícase. O informe tamén chama a atención sobre a necesidade de completar o estudo das captacións de auga, un estudo acústico completo e un estudo pormenorizado do impacto social e cultural, entre outros. Rapa das Bestas Outro dos puntos destacados do informe vai en relación ás infraestruturas de evacuación e o seu impacto na Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) como patrimonio cultural inmaterial. “A liña eléctrica de alta tensión proxéctase na zona de pasto dos cabalos salvaxes e na área delimitada proposta para o BIC A Rapa das Bestas de Sabucedo. A promotora non analizou a afección sobre os cabalos salvaxes e sobre o patrimonio cultural e natural catalogado. Nin tampouco valorou a afección sinérxica co P.E. Touriñán III-2”, recóllese. Ademais, o documento recibido hoxe e que será enviado a Medio Ambiente tamén inclúe entre as súas estimacións que os parques eólicos e a infraestrutura de evacuación afectan a varios espazos designados no PXOM de A Estrada: Área de interese paisaxístico Arca, Área de interese ambiental Somoza e zonas limítrofes, Área de interese ambiental Ribeira Fluvial do Río Umia e Área de interese ambiental Piornedo de Enviande. Estímase que a promotora non identifica nin avalía as repercusións sobre estes espazos naturais con valores paisaxísticos e ambientais. ENLACE DOCUMENTACIÓN PUBLICADA O 1 DE OUTUBRO NA WEB MUNICIPAL: Documentación para consulta novos parques eólicos Nesa Monte Arca Norte e Sur – Concello da Estrada ENLACE MODELO DE ALEGACIÓN NA WEB DO CONCELLO Modelo de alegación parques eólicos Nesa Monte Arca Norte, Nesa Monte Arca Sur e as súas infraestruturas de evacuación – Concello da Estrada
As obras de pavimentación comezan na parroquia de Couso, onde se mellorarán os accesos aos núcleos de Fontenlo e Couso. O plan permitirá executar 116 actuacións de aglomerado en quente en pistas e camiños municipais distribuídas por distintos puntos do termo rural. O Concello activa, en paralelo, un plan de reparación de firme en vías nas que non está programada agora a renovación total do asfaltado
A parroquia estradense de Couso acolle estes días obras de pavimentación que marcan o inicio da execución do novo plan de asfaltados do Concello da Estrada, fiado a través de diferentes programas de mellora e incremento da seguridade viaria que se financian con fondos procedentes de distintas administracións. Esta nova fase aglutina máis de 3 millóns de euros, o maior investimento realizado ata o de agora nunha única quenda de asfaltados. No caso concreto da parroquia de Couso, as actuacións que se están realizando permitirán a mellora dos accesos a Fontenlo e Couso. Este luns comezaron os labores de limpeza das cunetas e estímase que mañá mércores arranque o traballo de aglomerado. Estas intervencións terán continuidade na vindeira semana noutras parroquias, xa que a administración municipal contratou días atrás as obras doutros programas de asfaltados para mellorar accesos a núcleos rurais e seguridade en vías de titularidade municipal. Tal e como se anunciou hai meses, as obras previstas neste novo plan actuarán nas seguintes infraestruturas de diferentes parroquias: • Arnois: Os Bieites, A Carballeira e San Xiao. • Oca: Outeiro e Oca de Arriba. • Loimil: Tramo de Riomao á N-525 e Acceso a Os Casares. • Couso: Mellora de accesos a Fontenlo e mellora de accesos a Couso. • San Miguel de Barcala: Mellora do acceso ás Quintas. • San Xurxo de Vea: Mellora do acceso a O Casal e mellora de acceso a Loureiro de Arriba. • Santeles: Renda. • Paradela: Aldea Grande. • Ribeira: Vilar, Barbude, Baltar-Escola e Baltar-San Vicente. • Berres: Celeiróns, A Mouteira-O Pereiro,Vilancosta. • Riobó: Os Besteiros, O Río, Barcia, San Martiño e San Martiño-A Pena. • Orazo: Vendexa, Currelo-Vilanova, Currelo e Currelo-Baldarís. • Santa Mariña de Barcala: Santa Mariña. • Frades: Frades-Casalpaio. • Santo André de Vea: Trazarís-Cardelle, Cardelle, Ramiráns, Celeiróns, Vera e Trazarís. • San Xiao de Vea: Vixín-Sandelle-Gondomar. • Baloira: Montoiro. • Toedo: Toedo e Talló. • Barbude: Trasmonte e Acceso ao Muíño do Salgueiro. • Moreira: Outeiro, Moreira Nova e A Pica. • San Tomé de Ancorados: Igrexa-Gontén. • San Pedro de Ancorados: San Pedro, Brei, Ventosela-San Pedro e Ribas. • Agar: Gueifas e O Río. • Matalobos: A Brea. • A Estrada (rural): Vilar, Acceso Recreo Cultural, Camiño de Penerada-Ouzande, Camiño dos Ramos e O Pedregal. • Aguións: O Codeso. • Callobre: Aldea Grande-A Riba, Nogueira, Vilafruxil, O Vilar, O Vilar-Aldea Grande. • Rubín: Bemposta, O Sol, A Igrexa (Rubín)-A Brea (Pardemarín), Foxo-Tras da Capela e O Sol-Acceso. • Curantes: Cortes e As Pereiras. • Ouzande: Alemparte-Sureiros (Somoza). • Lagartóns: Os Bolos e Ouzamerxe. • Guimarei: A Torre e Campos-A Cruz. • Somoza: Castro Ramiro, Cernadela e Vila de Abaixo. • San Xurxo de Cereixo: O Millarrabo-O Viso, O Millarabo, Señoráns e Constenla. • Olives: Os Pereiriños-Viladefonso, Fraiz e Fraiz-A Lagoa. • Pardemarín: Piñeiro-Golfariz e A Brea-Vinseiro. • Tabeirós: Tabeirós, Tabeirós-Sandán, Sandán, Sandán-Piñoi, Cimáns, Outeiro, As Carballas, Sar, As Quintas e Tosar. • Parada: Estrada municipal de San Xorxe a O Arnado e Eiriz-As Vilas. • Nigoi: Escariz e A Silva. • Ribela: Vilar-Entrecastrelo e Entrecastrelo-Arnado. • Arca: Os Carballal-Ascensión e A Goleta. • Codeseda: Monteagudo, As Quintas, Outeiro e Acceso Arnado-Abragán. • Liripio: A Canda-Portela e Cabanelas. • Souto: San Torcado-Campo Lameiro. Polo tanto, esta nova fase do programa municipal de asfaltados permitirá executar 116 actuacións de aglomerado en quente en pistas e camiños municipais distribuídas por distintos puntos do termo rural. Sumadas ás intervencións xa realizadas ao longo do último ano, o investimento destinado á mellora dos asfaltados da rede viaria municipal superará os 5 millóns de euros entre 2025 e 2026, chegando con melloras ás vías das 51 parroquias da Estrada. Por outra banda, o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, sinalou hoxe que quedou activada xa unha nova brigada de reparación de firme que vai percorrer todas as vías que non serán asfaltadas co devandito proxecto. Estas actuacións arrancaron na zona sur do Concello,
concretamente nas parroquias de Arca, Vinseiro, Olives, Pardemarín e agora mesmo estase traballando na parroquia de Ribela. “Queremos percorrer todas as parroquias, todas as pistas que non vaian levar agora o aglomerado en quente. A intención é que, cos asfaltados e os bacheos, poidamos ter unha rede viaria municipal en mellor estado, nun municipio que ten a particularidade de que esa rede local supera os 2.000 quilómetros”, sinalou o rexedor
Esta nova dotación para o parque móbil municipal supuxo un investimento de 120.000 euros, integramente financiados cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente. A concienciación e implicación cidadá resulta fundamental para a obrigatoria implantación do quinto contedor. Nestes intres o 40% dos residuos depositados no colector verde deberían botarse no marrón. Pola xestión deste lixo o Concello paga a Sogama case 112 euros por tonelada. Arredor de 200 estradenses teñen a tarxeta do quinto colector.
O Concello da Estrada incorpora hoxe un novo vehículo ao parque móbil do departamento municipal de Obras, un camión totalmente eléctrico que se destinará a reforzar a recollida do lixo que os cidadáns depositan no colector marrón, destinado a residuos exclusivamente orgánicos. O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, e o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, asistiron este mediodía á recepción do vehículo na Praza da Constitución. A adquisición deste camión eléctrico, específico para a recollida de biorerresiduos, supuxo un investimento de 120.000 euros, se ben a súa incorporación non supón gasto algún para as arcas municipais, xa que o novo recurso foi financiado integramente a través da subvención concedida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. O alcalde e o concelleiro coincidiron á hora de poñer o acento na importancia de reforzar e intensificar a obrigatoria implantación do colector marrón na Estrada. Durán precisou que neste momento o lixo orgánico que se bota no tradicional colector verde supón unha importante penalización económica para o Concello, xa que estes residuos representan actualmente o 40% do depositado nestas unidades. Pola xestión de cada tonelada do lixo que vai aos contedores verdes (tecnicamente tamén se lle dá o nome de colector gris) o Concello ten que aboar a Sogama case 112 euros. Atendendo á elevada porcentaxe destes residuos que poderían ir ao colector marrón, este gasto é susceptible de reducirse moito a través da concienciación e colaboración cidadá Tarxetas A recollida dos colectores marróns, que seguirán estendéndose polo casco urbano a medida que se incremente o número de usuarios, realízase a día de hoxe dúas veces por semana. As tarxetas de apertura para poder empregalos distribúense tanto nas campañas de concienciación que se realizan a pé de rúa e entre os grandes produtores deste tipo de residuos como mediante as solicitudes presntadas no Concello (departamento de Alcaldía). O último dato que se baralla apunta a que arredor de 200 estradenses empregan xa no día a día o colector marrón, sendo 47 destes usuarios grandes produtores. O Concello esgotou os 500 cubos que se repartiron no kit de benvida para o “voluntariado marrón” e entregou outros 500 composteiros para vivendas do ámbito rural. Os dez primeiros emprazamentos para estes colectores marróns escolléronse en función da proximidade dos grandes produtores que primeiramente se sumaron a estes depósitos de residuos orgánicos. Foron a Avenida de Pontevedra (no entorno do supermercado Familia), Avenida de Santiago (nas inmediacións dos establecementos Invictus e Inferno), Avenida de Benito Vigo (xunto Froitería Doi e Froiz), Avenida Benito Vigo (á altura do número 24, próximo ao restaurante Gran Vía e Mesón da Estrada), Avenida de Vigo (parte posterior do supermercado Froiz), Rúa Iryda (fronte supermercado Familia), Praza de Abastos, Rúa Gradín (xunto Restaurante Samaná), Rúa Leicures (ao inicio, no entorno de restaurante Manxares e outros establecementos da contorna), Rúa 56 (Hostal A Bombilla). Neste senso, Óscar Durán sinalou que se irán incorporando novos equipos en función das zonas nas que se vaian producindo novas altas de usuarios. Que residuos En canto aos residuos que deben ir no colector marrón, cómpre lembrar que se reserva para os restos de froita, verdura, carne e peixe, cunchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cociña, restos de plantas, cortizas… En definitiva, calquera resto orgánico. Pola contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros, compresas, bastóns de algodón para a hixiene dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.
Os departamentos de Cultura e Igualdade colaboran dende hai anos para poñer en valor espectáculos, artistas e compañías que traballan a prol do apoderamento da muller e, máis concretamente, na sensibilización social contra a violencia de xénero. “A voz de Virxinia”, Leti da Taberna e “Bernarda” figuran na proposta deste ano.
Os departamentos de Cultura e Igualdade (a través do Centro de Información á Muller) do Concello da Estrada presentan unha nova edición do Ciclo da Muller, un programa no que as concellerías que dirixen Lucía Seoane e Amalia Goldar colaboran dende hai anos para poñer en valor espectáculos, artistas e compañías que traballan a prol do apoderamento da muller e, máis concretamente, na sensibilización social contra a violencia de xénero. Este ciclo adoita convocarse no mes de novembro, por ser o 25 o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, se ben este ano as propostas arrancan xa este sábado, 23 de outubro. O Ciclo da Muller propón desta volta tres espectáculos, dous de teatro e un monólogo cómico: • A voz de Virxinia / Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE). Será este sábado ás 20.30 horas, no Teatro Principal, con entrada a 5 euros. Público adulto. É un espectáculo interpretado polo grupo de Adultos da Escola Municipal de Artes Escénicas e dirixido por Anabell Gago que narra as peripecias vitais de Virxinia Pereira a carón do seu home Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É unha montaxe que presenta unha Virxinia que máis alá de ser a simple acompañante do político, escritor e pensador; é a responsable da dignificación do legado do rianxeiro e unha persoa cuns piares ideolóxicos firmes no galeguismo e na defensa dos valores identitarios de Galicia. • Enredada / Leti da Taberna. O venres 6 de novembro, tamén con entrada a 5 euros no Teatro Principal. +14 anos. Leti da Taberna, a taberneira virtual con máis de 136.000 seguidores en Instagram e TikTok, trae ao Principal estradense un monólogo que explora en ton irónico a nosa relación coa Internet e as redes sociais e como estas inflúen, cada vez máis, no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, Enredada enche o escenario de luz e enerxía, provocando que a espectadora se vexa identificada coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesma. • Bernarda/ Malasombra Producións. O venres 20 de novembro no Teatro Principal. Entradas a 5 euros. Para público adulto. Bernarda, da compañía estradense Malasombra Producións, pecha unha longúisima e exitosa xira por toda Galicia e parte do estado no Teatro Principal da Estrada, cunha historia ambientada na Galicia de 1975. A obra, recoñecida con catro Premios María Casares, inspirada na Casa de Bernarda Alba, enfronta unha nai e as súas dúas fillas cos profundos cambios sociais que comezan coa Transición. A función terá unha duración de 70 minutos. As entradas para os tres eventos pódense retirar no departamento de Cultura do Concello da Estrada por adiantado ou media hora das funcións en dependencias do Teatro Principal. O ciclo da Muller terá tamén un importante papel na Festa da Poesía deste ano, prevista para o xoves 3 de decembro no Teatro Principal, xa que serán distintas integrantes das asociacións de mulleres do concello as persoas convidadas a recitar os poemas no apartado de colectivos locais.
Utilizamos cookies propias y de terceros para garantizar el funcionamiento de la web, medir su uso y mejorar nuestros servicios. Puede aceptar todas las cookies, rechazar las no necesarias o configurar sus preferencias. Política de cookies
Configurar cookies
Necesarias para que la web funcione correctamente. No se pueden desactivar desde este panel.
Ayudan a medir el uso del sitio y mejorar sus contenidos.
Permiten publicidad, medición de campañas o personalización de anuncios.
Guardan preferencias o permiten contenido externo no necesario.