O BNG fará unha exposición pública das vergonzas do goberno do PP, nunha campaña que trasladará das rúas ás redes sociais

RRSS-1As cincuenta sombras de López’ nas rúas da Estrada

O BNG da Estrada leva traballando ao longo dos dous últimos meses nunha campaña que poñerá en marcha este sábado 11, ás 11 horas, na rúa Calvo Sotelo da Estrada, e que logo da presentación pública, terá o seu campo de acción as redes sociais onde ten presenza a organización nacionalista.

Segundo explicou o concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, “queríamos facer unha escolma do que foi a acción do PP no goberno municipal nos últimos catro anos, que se traduce en despilfarro, en pasotismo, en privatizacións, en cesións de competencias municipais e en accións de goberno chapuceiras, e aproveitamos o título dunha película que está de plena actualidade para darlle nome a esta campaña que se poñerá en marcha desde este sábado até o día 22 de maio, vésperas das eleccións
municipais”.

“Botando contas”, engadiu Magariños, “é doado adiviñar que o título da campaña levará por nome ‘As cincuenta sombras de López’, un xeito de resumir graficamente a chapuceira xestión do goberno municipal do PP nestes últimos anos, unha situación á que cómpre darlle a volta cun novo goberno que conte cun programa electoral cos pés na terra”.

RRSS-2“O certo é”, explicou Magariños, “que o título da película quedóusenos algo pequeno, porque as ocorrencias, as chapuzas e a neglixencia deste goberno son tantas que darían para facer varias partes como a propia película ou propios libros”.

“Como dixen con anterioridade”, explicou Magariños, “o campo de acción desta campaña serán as redes sociais (Facebook e Twitter), pero conscientes de que non todo o mundo ten presenza nas redes, faremos unha exposición pública das ‘Cincuenta sombras de López’ este sábado 11, e non descartamos que ao longo das próximas semanas fagamos máis exposicións como esta”. “Non poderá agocharse”, engadiu o concelleiro do BNG, “disipado o fume das inauguracións e dos anuncios electorais, é a hora de recordar e de ver con
máis nitidez as vergonzas deste goberno do PP, que centraron as nosas críticas desde o minuto un do goberno de López”.

Aínda que a campaña dará comezo o sábado 11, o BNG leva varios días inserindo nas redes sociais unha serie de imaxes nas que baixo o epígrafe “cincuenta” ou “non poderá agocharse, estará á vista de tod@s”, aparece a data, hora e lugar onde vai ter lugar a exposición pública. Segundo explicou Magariños, “queríamos chamar a atención, e coido que o fixemos, xa que non son poucas as persoas que nos preguntaron que era iso, pero van ter que agardar ao sábado para ver exactamente en que consiste”.

BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta