A Estrada acollerá a fase final da ligaFGB de minibasket e preminibasket os días 3 e 4 de Xuño

 Hoxe tivo lugar a presentación dunha competición que congregará
a preto de 700 deportistas no pavillón Coto Ferreiro e nas
instalacións deportivas o CEIP Figueroa.
 Na décima edición do torneo participarán un total de 44 conxuntos
procedentes de toda a comunidade galega.

O Concello da Estrada consolídase como un
dos epicentros do deporte galego acollendo esta vindeira fin de semana as
finais autonómicas de minibasket e preminibasket.
O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación da
competición, nun acto no que interviron o alcalde, José López, o presidente da
Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, xunto con Susana
Fernández, secretaria xeral, e o presidente do EDM Baloncesto A Estrada,
Alfonso Sanmartín.
A competición desenvolverase desde as 09:30 horas do sábado nas pistas do
pavillón Manuel Coto Ferreiro e nas instalacións do CEIP Figueroa, e nela
daranse cita preto de 700 deportistas de ata 44 clubs procedentes de toda a
comunidade autónoma.
O alcalde José López, celebrou durante a súa intervención que “A Estrada siga
consolidándose como un dos epicentros do deporte galego coa recepción de
eventos deste calibre” e sinalou a importancia que competicións desta índole
teñen “non só para situarnos como referente deportivo, senón tamén para
potenciar o comercio e a hostalaría local durante os días que dure a
competición”.
Pola súa parte, o presidente da FEGABA, Julio Bernárdez, agradeceu “a boa
predisposición que se atopou, de novo, por parte do Concello da Estrada para
albergar un proba de referencia no baloncesto base galego”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.