Representantes de ata seis agrupacións estradenses mantiveron
hoxe un encontro no Concello co edil Gonzalo Louzao para explicar
as actuacións dos grupos locais.
“As festas patronais deben ser un escaparate para que o público
coñeza e desfrute do gran potencial artístico que atesouran as
agrupacións e os artistas da Estrada”, sinalou Louzao.
O Concello da Estrada ultima os preparativos
para as festas patronais de San Paio, que encherán de troula o municipio entre
os días 23 e 27 de xuño, ambos inclusive.
O cartel dos festexos, que inclúe as actuacións de artistas e bandas de
prestixio internacional como Carlos Baute, Tanxugueiras, ou algunhas das
orquestras punteiras do eido autonómico como París de Noia ou Combo
Dominicano, defínese tamén pola súa decidida aposta polo talento local
mediante a contratación de numerosos grupos e artistas estradenses para
complementar coa súa música a diversa oferta lúdica das festas.
O salón de Xuntas do Concello acolleu esta mañá un acto no que o edil,
Gonzalo Louzao, recibiu a representantes da Banda Barbude; Tequexeteldere;
a Banda Municipal da Estrada; o Dj local, Carlos López; e a Escola Barruso. No
encontro, o concelleiro puxo en valor “a cantidade e calidade de propostas que
ofrecen os artistas do municipio” e reivindicou “a decidida aposta por ofrecerlle
ás agrupacións locais un espazo no que compartir coa veciñanza todo o seu
talento”.
Actuacións das bandas estradenses no San Paio.
O sábado, día 24, ás 21.00 horas, a Banda Municipal ofrecerá un concerto
xunto a Píscore, unha agrupación integrada por catro percusionistas
profesionais. A actuación incluirá pezas dirixidas a un público infantil e xuvenil.
A Big Band do Obradoiro Carlos Barruso desenvolverá o seu espectáculo
musical, dirixido por Rubén Servide, o luns, día 26, na praza do Concello a
partir das 22.00 horas.
O sábado 24, a Banda de Gaitas de Barbude protagonizará un pasarrúas ás
12.00 horas xunto co grupo folclórico xixonés Trebeyu e o Rancho Folclórico de
Silvares. Ademais, ás 20.00 horas levarase a cabo unha gala conmemorativa
do 25 aniversario da banda, na praza de Galicia.
Pola súa parte, a quenda para a música electrónica será o domingo 25 coa
celebración do Start of Summer Festival no que participarán os dj’s galegos
Michenlo e Groove Amigos, xunto cos estradenses Carlos López, Totti x Eloppp
e Sasso. A cita será na praza do Concello a partir das 00:45 horas.
Ese mesmo día, ás 22.00 horas na na praza de Galicia, terá lugar a gala
Tequexetéldere xunto coa Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Na
posta en escena participarán ao redor de 70 persoas nun espectáculo que
conxugará danza e música.







































